viernes, 9 de febrero de 2024

CHOVE SOBRE O POEMA FERIDO


As pingas de auga mollan as veas abertas do verso que se escapou do poema. Hai versos soltos, revirados, mesmo tortos que se escapan dalgún que outro poema e deixan a poesía medio coxa, medio renga. A poesía é o sentimento que sae nos momentos de silencio. Todos queremos ser poetas, porque todos temos sentimentos. Pero non todos valemos para parir versos sobre sensacións que están aí, camufladas dentro dun.


Hai pingas de auga porque ós cachos chove. Acabará chovendo ben. Ata creo que choverá sobre conciencias inertes ou pasivas e sobre feixes de palabras que será difícil que formen aquel poema por culpa do verso solto. Chove sobre o algoritmo dos meus pensamentos. A ver como resolvo, como seco ou enxugo agora o asunto. Non é fácil facer unha escolma nin tampouco un catálogo sobre os pensamentos.

Para que as pingas de auga non caian sobre a miña cabeza, refúxiome, acubillo baixo un balcón no que a señardade ou a felicidade ou a esperanza se apoia sobre a varanda. Agora xa non chove. Como moito, caen pingas de suor da ansia que produce agatuñar ata ese mesmo balcón para abrazar e bicar esa felicidade que asoma.

As pingas de auga mollan as arroutadas que se cometen por un anhelo que fai tremer un espírito que semellaba durmido. Está máis esperto ca nunca. Está co apetito, coa ilusión de alcanzar a éxtase dun acaneadoiro nocturno, dun bambán sobre un leito de flores ou de follas de millo. Hai desexos que pingan sobre un ventre liso. Chove sobre a figura xeométrica que forman dous corpos espidos.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 8 de febreiro de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 8 de febreiro de 2024

miércoles, 7 de febrero de 2024

TIGRE Ó AXEXO


O sol atravesa os cristais das ventás da cafetaría. Case queima, case abrasa. Como algúns recordos, como algúns momentos. Hai recordos e momentos que van máis alá de sinxelas metáforas, de simples imaxes. De simples imaxes fotográficas, por exemplo. Ou de simples conversas, ou de simples ruxerruxes.

Recordos e momentos que se mesturan no tempo, que están aí, acurrunchados ou encollidos; en silencio. E cando asoman, fano con berros. Con berros, unhas veces, continuos e, outras, con berros secos. Hai berros que rebentan a imaxe dun espello, ou que empurran ó acto do desexo. Tamén hai desexos que se viven a berros e... en silencio.


O sol non tardará en acochar tras os edificios de enfronte. Deixará de queimar, de abrasar. Pero ferverán os latexos e os anhelos e os devezos. Sempre haberá instantes nos que a vida cabalgará sobre a ilusión, sobre esa esperanza que nunca se perde. O afán de vivir e soñar é eterno. Será sempre eterno.

O tempo pasa amodiño por diante do espello, ou por diante da propia cámara fotográfica. Mentres, o tigre está ó axexo. Porque o instinto animal é ese... o de choutar e abrazar a presa. Con ruído, mesmo con berros. Nunca en silencio. O tempo de silencio será para cando o acto, a acción, o feito remate nunha mestura de apreixos e desexos.

O sol acochou e os versos caeron, agora si, en silencio sobre un poema cheo de consolo e de moito agarimo, de moito afecto. Sempre hai momentos nos que, no silencio, berramos e, no ruído, quedamos en silencio; ó axexo.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 6 de febreiro de 2024

martes, 6 de febrero de 2024

A FIGURA DE CAXATO


Tomei o caxato de carballo e experimentei sobre el. Primeiro quixen esculpir unha figura de muller cunha saba de flor de toxo; a madeira estaba dura. Desistín. Optei por coller un misto e poñerlle lume. Ardeu. Co experimento souben moi ben que a madeira arde. Pena de futura figura. Cambiei tal acción por debuxala nun papel. Nun papel cuadriculado. A figura quedou ben. De almofada puxen outro caxato e, así, a cama semella unha cruz. Pero sen a crucifixión da muller. Esta tan só dorme arroupada polas flores do toxo. Tan só por flores. Os toxos pican.


Cando rematei por completo a debuxo, e non tendo o caxato nas mans, optei por recoller a cinsa, metela nun frasquiño (sen ser unha urna funeraria) para, máis adiante, espallala, esparexela polas macetas nas que teño os xeranios. Sempre oín que a cinsa podía suplir ou substituír a outros abonos.

Como a conciencia estaba a furgarme un pouco as entrañas (deume non sei que queimar o caxato), fun correndo ó sabugueiro que teño á beira da palleira e, alí, collín outro caxato e prometinme que esculpiría á muller aínda máis fermosa, pero espida, non arroupada por nada. Espida por detrás e ensinando tan só as costas. Se fora por diante, os peitos obrigaríanme a labrar abondo coa navalla no caxato. E o que eu quería era rematar a figura canto antes... coma pedíndolle perdón por queimala no anterior caxato.

Dito e feito, non tardei en rematala e agora anda de continuo nun peto da miña cazadora, na que, meto a man, e sinto o tacto das costas do sabugueiro sobre os meus dedos. Con estes acaríñoa unha e outra vez.


Cafetaría D´Lux. Ourense. Luns, 5 de febreiro de 2024

lunes, 5 de febrero de 2024

O HOME DE ASUNCIÓN


Falei co home de Asunción, ó que, por certo, non lle coñecía o nome, sobre un asunto no que os biosbardos bailaban ó son dun ladrido do meu can Uriarte. Miroume un pouco estrañado e díxome que a min non me coñecía de nada. “Eu tampouco te coñezo moito”, díxenlle, “pero sei que es o home de Asunción”. “E que?”, preguntoume. “Nada. Que só tiña ganas de falar contigo”.


Agora xa me mirou de mala maneira, e de esguello! Pero antes de que dixera nada, volvín a falarlle sobre a cuadratura do círculo colgada dunha galla dun carballo e asubiando. Rosmou de que non sei que me mallaría coa galla do puto carballo. Con boas maneiras pedinlle calma. Non fixo moito caso; primeiro deume un empurrón suave e, cando viu que eu deixaba aflorar un sorriso, quixo lanzarme incluso unha labazada. Esquiveina, eludina, sorteeina; son eu o tal para deixarme zoupar. “Pero, home, que fas”, solteille. E fixen coma un neno pequeno: “Mira que llo digo a Asunción”.

O home de Asunción esbardallou e braceou de tal forma que non me quedou outra que recuar uns pasos. Ó mesmo tempo solteille un pequeno discurso sobre o discernir da Santa Compaña polas carreiras das Pedradarcas. “Non sabes onde quedan as Pedradarcas?”. “Alá en Baños de Molgas, tirando para o outeiro de Vide”, acabei por confesarlle.

Cando notei que o acaloramento do home de Asunción ía a máis -incluso se lle notaba como o sangue lle subía ás meixelas-, recuei uns pasos máis e só me atrevín a dicirlle que lle dera recordos a Asunción. Sorrín e, antes de que reaccionase, dei media volta e marchei.


Café Paseo de Ramoleox. A Valenzá. Sábado, 3 de febreiro de 2024

sábado, 3 de febrero de 2024

SOBRE ERROS E PROFUNDIDADES


Agora si que xa estamos oficialmente en plena campaña ás eleccións galegas. Agora os líderes nacionais achéganse á nosa terra. Por fin! Veñen de catro en catro anos. Algo é algo. Durante un día ou dous percorrerán as provincias por estradas cheas de fochancas. Ante tal situación, prometerán o santo e máis a esmola, ou sexa, o asfalto e as sinalizacións. Porén, o día 19 xa estarán instalados de novo nas súas poltronas ou viaxando por autovías e autoestradas e Galicia... Galicia quedará xa demasiado lonxe. Demasiado profunda.


Profundo é o análise que se pode facer da situación na que está a pasar un veciño de Mazaricos, de 78 anos de idade, que a Seguridade Social deu por morto. O homiño soubo da súa morte cando viu que da súa cartilla de aforros diminuían os cartos a gran velocidade. Nun amén quedouse sen 20.000 euros, que non son nin 50 nin 100.


A ver, os erros hainos e calquera pode cometer un erro; desde un pobre paisano ata a mesma Administración. E nestes tempos informáticos que nos toca vivir, mesmo penso que o erro é máis fácil de cometer, pois chega con darlle a unha tecla mal dada e desapareces por arte de encantamento. O que xa non me entra tan facilmente é que, sabido xa do erro, a Administración aínda non lle devolvera a cantidade retirada. Aínda peor: el, sen cometer o erro, ten que dar mil voltas (as está dando) para poñer todo ó día, legalmente. A Administración, segundo foi quen para, sen voltas, sen rodeos, quitarlle os cartos (ou matalo, si), debería, agora, repoñerlle, non xa só os cartos, senón todo o papelame que arrastra tal desatino, tal desacerto.


Profunda é a preocupación que existe, en pleno inverno, pola seca. O asunto non está tan só na seca que poida haber en Cataluña ou en Andalucía. O caso xa vai moito máis alá desas dúas Comunidades. O caso debería abarcar xa a toda España e, mesmo, a todo o mundo. O dito ese de que o tempo xa non é o que era, hai que empezar a collelo ó pé da letra. O cambio climático xa está aquí desde hai tempo. Pero, ata agora, tal cambio só merece parladoiros políticos ou administrativos, sen ningunha actuación. As actuacións chegarán coma sempre: tarde, mal e nunca.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 3 de febreiro de 2024

TEÑEN AS BÁGOAS SABOR A PICANTE?


Alguén me preguntou de que sabor eran as bágoas? A verdade é que non o sei dicir. Si que teñen sabor a algo, pero non sei dicir moi ben a que. Case sempre se dixo que o seu sabor é salgado. Outros que doce. Poden as bágoas ter a cor da esperanza? Esta din que é verde, non si? Os sabores e as cores é algo moi relativo. Para gustos hai cores.

De que sabor é a felicidade? Hai lágrimas de felicidade. De que sabor é a pena? Esta poida que si teña un sabor concreto: a fel, a bile. A mágoa é que hai lágrimas de pena. Si, tamén hai lágrimas de crocodilo. As falsas. A falsidade ten sabor, ten cor? Creo que aínda é peor ca pena; a falsidade é negra, é aceda, é traidora, é hipócrita.


Hai bágoas que teñen sabor a soños, a asubíos románticos e á cor amarela da flor do toxo. Hai bágoas de ansiedade, nas que dá igual o sabor; simplemente que caen e baixan cunha certa ansia ante a esperanza dun desexo. Hai bágoas que saben a berros e silencios. Hai bágoas sobre as almofadas e sobre os ombreiros... de quen cadre. Hai bágoas mornas e frías, calmas e de moita ebulición.

O sabor das bágoas é unha mestura de sentimentos e anhelos ou devezos, de silencios e leitos, de abrazos e bicos. Algunhas bágoas teñen sabor a versos soltos ou a poemas enteiros. A maioría saen de moi adentro. Moitas son o bambán duns sentimentos que afloran, que emerxen, que xorden e non queda outra que deixalas agromar. Aquí xa dá igual o sabor e a cor. Cando brotan baléirase a alma, unhas veces, e furgan no espírito, outras. Nunca deixan a un indiferente. Teñen as bágoas sabor a picante?


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 2 de febreiro de 2024

viernes, 2 de febrero de 2024

O VIAXEIRO


Son un viaxeiro de moito pendello. Viaxo moito. Gústame viaxar. Pola mañá fun dúas veces ó centro de Ourense e pola tarde volvín ó centro de Ourense. Pola mañá fun á Valenzá. Pola tarde volvín á Valenzá. Viaxo de aquí para alá e de alá para acá. Viaxo por todos os lugares habidos e por haber. Viaxo ó Oeste coa música de Morricone e ó futuro con Vangelis. Viaxo para ler na explanada que teño por xunto ós garaxes.

Viaxo polo verbo viaxar, desde o presente de indicativo ata o pretérito perfecto, pasando, por suposto, polo xerundio e polo pretérito imperfecto. Viaxo pola vía láctea e pola carreira das Costelas, polas cores do arco da vella e cando saio de paseo coa cadela. Viaxo a Ramiras, en Macendo, e a Baños de Molgas, miña terra. Viaxo amodiño e correndo.


Son viaxeiro de forza maior. Porque teño medo que se non viaxo, a casa me caia encima. Non me apetece ter unha morte desas. Ademais, viaxando vese mundo, moito mundo. Hoxe por hoxe aínda que só sexa pola contorna. Pero baixo a batuta do pretérito perfecto, podo dicir e digo que viaxei pola maior parte de España, por Montpellier, por Venecia, por Iugoslavia cando aínda era Iugoslavia, por media Grecia, por Sofía, por Chaves, por Viana do Castelo e Valença do Minho, por Santa Cruz de Tenerife, por toda a costa galega, por todo o interior galego e, se queredes, mesmo pola Galicia profunda. Polo monte Medo farteime de viaxar polas mañás. Polo monte de Pinouzos media vida viaxando polas tardes.

Viaxo polos sentimentos e os soños, polas pingas dos bafos dos espellos, polos campos de fútbol e as vías do ferrocarril, polo eco dun berro e polas asaduras da ansiedade. Viaxo coa música de Elvis Presley e de Sabina, de Carlos Núñez e Guadi Galego. Viaxo sempre porque son un viaxeiro eterno.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 30 de xaneiro de 2024