jueves, 9 de mayo de 2024

O BURRO POLO RABO


Moita xente adoita declarar moi oufana ou fachendosamente que colle o touro polos cornos e xa está, non pasa nada, mesmo se adiantan ós acontecementos. Eu collo o burro polo rabo e tampouco pasa nada. Nin me solta unha couce nin se me revolve. É máis, consigo que se ladee de atrás. Nin lle parto o rabo nin me fai recuar nas miñas accións. Non é tan difícil coller o touro polos cornos nin o burro polo rabo. Fagas como fagas, a vide segue.

Se te adiantas ós acontecementos, simplemente que os fas antes, e xa está. O máis seguro é que os terías que facer igual. Ás veces complicámonos moito a vida, buscámoslles tres pés ós gatos, cando sempre tiveron, teñen e terán catro. Algunha excepción haberá, si, pero por accidente.


Coller o burro polo rabo ou o touro polos cornos non vaias pensar que che vai dar moita vantaxe. Ó mellor incluso che pode pasar o que lle aconteceu á lebre coa tartaruga. Moi presumida aquela e moi perseverante esta. O sapoconcho sempre foi moi listo. A mellor proba: que cando se ve en perigo, acocha, acubilla na súa casiña e espera a que as accións, os feitos negativos pasen. A non ser que, pola mala sorte, lle pasa unha roda de carro das vacas por encima. Como lle pasou a unha sendo eu rapaz alá por Sudalomba. Pobre tartaruga.

Coller o touro polos cornos pouco pode solucionar. A vida é moi sinxela, pero sabemos ben que, ó mesmo tempo, é moi complicada. Máis que complicada. O tirar para adiante non se consegue agarrándose dos cornos e dos rabos dalgúns animais. É algo máis complicado. Case é mellor tirarlle da orella a un coello.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 6 de maio de 2024

miércoles, 8 de mayo de 2024

GUERRA NA CABEZA


Treme o meu corpo ante o estoupido dunha bomba de neutróns, que me fai acubillar no refuxio da memoria. Aquela na que o meu Getsemaní paría unha chisca de dor nas mañás de inverno do monte Medo. Porén, non rebentan de todo os meus pensamentos porque intento adaptar, axustar a guerra a unha pequena paz entre os amieiros da Pitediña. Eses amieiros que, nas tardes de canícula dos veráns, deixaban caer sobre min as sombras do seu tempo.


Esperto do estralo da bomba de neutróns e abrigo o meu medo cun enorme edredón. Agora quédame a ilusión de que a subida ó monte Calvario foi coma un pequeno parágrafo dunha novela barata. Cando se me dá por filosofar entre os soños e a realidade, descubro que a vida vai máis alá dos catro esperpentos que espallo. Nunca entenderei moi ben por que as miñas ilusións ou espellismos bailan sobre unha conciencia que non sei se é negra ou está falta de cor. Sempre presumín dunha conciencia limpa, dun sentido con, quizais, demasiada experiencia.

Deixo escapar un suspiro para que se calmen os pensamentos, eses nos que podo soñar e non soño, cos que podo opinar e non opino e sobre os que podo escribir e non escribo. Ou si. Todo depende de como o diga e de quen ou alguén o entenda. En cada suspiro vai unha etapa na que cada oración é coma un remanso de paz nesa guerra sen cuartel que, por veces, armo na miña cabeza. Non quero ser Xesucristo nin predicar no deserto, aínda que, moitas veces, ben que berro desde o alto dos penedos.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 5 de maio de 2024

lunes, 6 de mayo de 2024

SON O HOME QUE...


Son o home que un día dixo que a vida ten a súa fin. Tamén son o mesmo que outra vez dixen que era inmortal. É mentira. Morrerei coma todo o mundo. Se non me matan antes, que é o mesmo que morrer, pero doutra maneira. Tamén queda a opción de que me mate eu mesmo; ou ben por suicidio —que non teño intención— ou ben por accidente. Xa sei que me puxen en plan tráxico. Foi a puta primeira frase.

Tamén son dos que sei cambiar para ben. Para unha felicidade compartida. Ou sen compartir. Cando quero non preciso de ninguén para estar ben. Mellor só que mal acompañado, non si? Estando só podo cantar polo baixiño e sen que me digan que canto moi mal.


Son o home que soñou co espazo sideral na procura dun extraterrestre. E chouto de planeta en planeta desde o sofá. E deito sobre o corno da lúa en cuarto crecente. En cuarto minguante tan só sento. Son o fillo de Ludivina e Evaristo, Os Toupeiros da Serra. Son fillo vinculeiro.

Tamén son o que estudou Xeografía por medio das novelas do Oeste e a Historia contemplando películas desde o mesmo sofá no que soño co universo infinito, é dicir, co meu universo. Son o laretas que escribe que o verso solto sae da flor do toxo para, co tempo, compoñer todo un poema. Son o antipolítico que desexa un nacionalismo galego urxente e eterno. Son a canción que soa e o vento que zoa, a pinga de auga e a cara lavada. Son o ruxerruxe do bambán, a sombra que me asombra e a noite de entresoño que se alonga, que se alonga, que se alonga. Son o home que chegará á súa fin. Mentres non chega... a vivir!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 3 de maio de 2024

domingo, 5 de mayo de 2024

BAÑOS DE MOLGAS CONTRA O MEDITERRÁNEO


Serrat di que naceu no Mediterráneo. Eu nacín en Baños de Molgas, e nin punto de comparación. O Mediterráneo é todo auga, mentres que en Baños de Molgas temos de todo. Incluso auga quente! Ó lado, á beira mesmo das augas —algo máis frías— do río Arnoia. O Mediterráneo, nos meses de verán, é un formigueiro. En Baños de Molgas ocupamos pouco máis que a Ansuíña, e coma Deus.


En Baños de Molgas temos a Pitediña, apta para que aterren as naves espaciais que cheguen de máis alá das estrelas. Temos As Mestras, onde media ducia de carballos contan a historia de amores adolescentes baixo sombras inmensas. A estación do ferrocarril é memoria viva do pasado, do presente e confío en que sexa tamén do futuro.


Desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas asubiamos tan bonito que, o son, chega ata as ladeiras de Sudalomba, alá polo monte Medo. E se esaxero un chisco, só un pouquiño, tal asubío alcanza mesmo os campanarios das torres do santuario dos Milagres.


En Baños de Molgas cruzamos o Arnoia pola ponte vella ou romana (aínda que disto só lle queden as bases), pola ponte nova e polas pasarelas do muíño, das piscinas e das Mestras. As pontes de Pinouzos e das Cabras —ou do Medo— xa están algo afastadas da localidade e, neste caso, case non procede. Simplemente porque non me dá a gana.


En Baños de Molgas temos a burga, o balneario (que xa veremos en que queda), o licor café, a Aira de Arriba e, faltaría máis, o mazadoiro da burga, quizais a icona máis representativa da expresión social dos molgueses. O mazadoiro é coma o Congreso dos Deputados, coma unha aula universitaria e coma un parladoiro televisivo. Como se adoita dicir: se esa pedra falara ou falase...



Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 3 de maio de 2024

sábado, 4 de mayo de 2024

ADN DE DESTRUCIÓN MASIVA


Clamouse ó ceo polas cinco (creo) xornadas de reflexión de Pedro Sánchez porque seica estivo o país sen gobernar. Porén, tales reflexións amosaron o que nos dixo sempre Julio Iglesias: que a vida segue igual. Tanto barullo e resulta que durante eses cinco días tivemos que levantarnos para, uns, ir ós colexios, outros, ir traballar e, o resto, lacazanear. Así de sinxelo e de simple é a vida. Que detrás do domingo chegou o luns e que despois do cinco vén o seis. Racháronse as vestiduras por unha carta que, certo, non procedía, pero que con ela nin se escarallou España nin rebentou o mundo. Entendo que a oposición bote man dun simple chispazo. Emporiso, que o faga con moito coidadiño, a ver se vai saír escaldada.


Seica piden novas mobilizacións nas rúas para defender “a liberdade”. Son os tales os das dereitas pregando polas liberdades. Senten tan súa a “súa liberdade”, que incluso Núñez Feijóo defende no Congreso o periodismo. Xusto despois de que o seu Miguel Ángel Rodríguez ameazase a un xornal. Son os apropiados para “defender a liberdade” de, por exemplo, a Televisión de Galicia. A verdade é que sempre actuaron desa maneira e con moito orgullo: apropiándose dos quefaceres, das tarefas doutros. Sempre me vén á cabeza a defensa que fan agora todos os anos da figura de Castelao. Eles, precisamente eles. Que nin tan sequera nas escolas e colexios o podiamos nomear; nin a el, nin a súa obra.


Aquí na nosa terra tamén se fan sentir e lavándose as mans ás primeiras de cambio. A nova conselleira de Medio Rural acúsanos, acusa a todos os galegos de pirómanos, de que os incendios van no noso ADN. Pola forma que ten de acusarnos, entendo que ela tamén é pirómana (é galega, non si?). No noso ADN vai que lle pomos lume ós montes para que brote o pasto, para que o xabaril e o lobo rebenten e para que o verde torne a negro, a gris, a morte. Pómoslle lume ós montes para a especulación dos terreos e para que as empresas madeireiras se poñan as botas. O noso ADN sempre foi de destrución masiva: mortes por uns marcos, pelexas con fouciños, estragos nas leiras dos veciños, queimas sen control, talas de carballos e castiñeiros a esgalla. Xa nolo dicía aquela xuíza: somos da Galicia profunda. E como tales, escarallamos os montes e fundimos a nosa propia terra. Están chegando os meses nos que o noso ADN estoure de gozo. Lume ó canto!



Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 4 de maio de 2024

viernes, 3 de mayo de 2024

NAS MIÑAS SAÍDAS


Botei a andar polo lado dereito da estrada e, ós poucos metros, seguín andando polo mesmo lado da rúa. Ós cachos andaba amodiño e, cando quería, aceleraba o paso. Son imprevisible. Ah, si, polo atallo andei polo centro. É tan estreito que case se pode dicir que non hai lado dereito nin esquerdo. No atallo vin lagartiñas que cruzaban e caracois que facían o mesmo, pero con tal lentitude que ó mellor estaban descansando. Onte mesmo, pola noite, vimos tantos que lle dixen ó rapaz que igual se dedicaban a botar carreiras, que a ver quen cruzaba antes. “Ó mellor apostan que a ver cantos se libran de que os pisemos”, replicou o fillo. Ó ser de noite, case sempre se esmaga algún. Máis ben, algúns.


Cando entrei na biblioteca, entreguei un libro moi voluminoso e collín outro practicamente do mesmo volume. Unhas veces cólloos gordos e outras delgados. Dependerá do que cadre: bonita portada, mellor título, autor... Iso á primeira vista. Á hora da verdade, bótolle unha ollada e un inicio de lectura á contraportada, que sempre axuda algo. Hainos con portada bonita nos que o tema non me atrae e hainos dos que escapo que, por un casual, lles leo a contraportada ou solapa e o que contan gusta.

En todas as miñas saídas non pode faltar o café. Non falta. E hoxe, si, foi en tres tragos xustos. Porque viña temperado ou morno, porque non abrasaba e porque estaba rico de carallo. Co café, xa se ve, caeu tamén o escrito, o relato. Finalmente, xa non queda outra que seguir co camiño de volta. Agora, polo lado esquerdo da rúa, logo polo medio do atallo para rematar polo lado esquerdo da estrada.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 2 de maio de 2024

jueves, 2 de mayo de 2024

A ESTRUTURA DOS PENSAMENTOS


Quixen estudar a estrutura dun latexo ó atoparme ante unha habitación en penumbra para poder comparalo cun salouco no momento xusto en que se abre a porta. Era practicamente o mesmo! Moi semellante ó momento no que un queda abraiado cando debuxa ou imaxina o desexo bambeándose desde os recantos dos sentimentos. Sempre haberá momentos nos que o tempo se deteña e o silencio deite sobre un feixe de barullo ou sobre unha gabela de algareo.


Sempre haberá latexos que se aceleren e salaios que se escoiten máis alá das paredes da habitación, dos recunchos dos soños. Aí, o silencio daralle paso ó ruído e os xemidos serán coma berros secos pero suorentos. Agora, cada quen que rode, que grave, que dirixa a súa propia película.

A estrutura dos pensamentos está disposta de tal maneira que do verso saltamos á estrofa e desta a todo o poema, da frase pasamos ó parágrafo e deste a toda a novela. Hai historias que non necesitan capítulos, nin películas que precisen rodaxes en exteriores.

O interior dunha habitación en penumbra é o máis apropiado para rodar ese guión que se escribiu sobre os latexos dun corazón e os saloucos dos sentimentos. Sairá ben ou mal o filme, pero aí está toda, absolutamente toda a estrutura dunha historia que se planificou baixo a tenue luz dunha algarabía silandeira, aínda que semelle unha contradición. A estrutura é “esa maneira de estaren dispostas e organizadas as diferentes partes dun todo, sendo esas partes dependentes do todo, así como solidarias e dependentes entre si”.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 1 de maio de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 2 de maio de 2024