sábado, 8 de junio de 2024

ACTITUDES QUE APESTAN


Nin eleccións europeas, nin a guerra israelí, nin a guerra ucraína, nin a muller do presidente español, Begoña Gómez, foron quen de desbancar na gran noticia semanal dos medios de comunicación a fichaxe do futbolista francés, Kylian Mbappé, polo todopoderoso Real Madrid. Agora xa, definitivamente, os franceses son amigos nosos e o baile que levou a cabo o rapaz ese durante uns anos con si ou non, si ou non, si ou non, xa non se lle ten en conta, xa se lle perdoa todo. Algo moi parecido (con retranca, claro) ó acaecido, tamén co si pero non, do señor Xavi Hernández.


Son un fanático do fútbol como xogo (non só vexo partidos do Real Madrid, Barcelona e Celta), pero non me queda outra que renegar de todo o que o arrodea. E no caso da fichaxe de Mbappé de quen máis rosmo é precisamente dos medios de comunicación. Puxeron a baixar dun burro ó adestrador do Barcelona porque se foi e, sen irse, volveu. Déronlle paus, sen albarda ningunha, a máis non poder. Pola contra, toda esta semana pasada gabaron ó xogador francés que botou, xa digo, uns anos dicindo que viña e non veu. Os propios madridistas mesmo chegaron a miralo co ollo torto. Agora si, agora xa é o neno bonito do fútbol que nos espera para a próxima campaña. Incluso vai acontecer —o que xa acontecera, creo, na Liga das Nacións—, que os “grandes afeccionados” desexarán que gane a Eurocopa o país veciño, e non por ser precisamente veciño (a realidade pura e auténtica, polos nosos lares, o país veciño sempre foi Portugal), senón porque é o país do gran Kylian Mbappé. A verdade é que certas actitudes xornalísticas, periodísticas, televisivas, radiofónicas, comunicativas dan un pouco ou un moito de noxo.


E xa que nomeaba a guerra israelí, aproveito para seguir comentando que o señor Netanyahu segue a machucar nos inocentes: entre 35 e 40 mortos nun ataque israelita a unha escola da ONU. A metade das vítimas, como non, mulleres e nenos. O organismo mundial ese pon agora ó exército israelí nunha lista negra por danos á infancia. E que? Para que? Que consegue con iso? Iso é exactamente igual ó que fan a maioría dos países ante ese conflito: que moita crítica, que moita ameaza, que moita condena, pero de actuar, nada de nada. Esbardallamos en Bruxelas e na ONU e nos Parlamentos e onde faga falta, pero á hora da verdade hai que esperar a ver como actúa Estados Unidos. E os ianquis, xa o dixen o outro día: por un lado recriminan a Netanyahu e, polo outro, mándanlle máis armas.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 8 de xuño de 2024

viernes, 7 de junio de 2024

MANÍA ABSURDA E ESPERPÉNTICA


As manías son defectos que asumimos con convicción. Eu teño a manía de baixar as mangas da camisa cando, na realidade, uso camisetas ou camisas de manga curta. Hai cidadáns que teñen a manía de rezar o rosario fronte á parroquia do Inmaculado Corazón de María, na rúa Ferraz de Madrid, ou sexa, á beira da sede do PSOE. E digo eu, se o fútbol se xoga nun campo de fútbol e se o cine se ve nunha sala grande e ás escuras, por que o rosario non o rezan na propia igrexa esa? Non, ten que ser fóra... para manifestarse contra o PSOE (que nin me vai nin me vén), nunha manía absurda e esperpéntica. Como absurda e esperpéntica é a autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid a eses “rezos relixiosos e católicos”.


Pensei que esas modas, esas manías de rezar os rosarios como símbolo de protesta xa quedaran ancoradas en 1988 cando se estreara, precisamente nas salas cinematográficas (e non na carreira), a película “A derradeira tentación de Cristo”, de Martin Scorsese. Vese que os rosarios son unha simulación da estupidez humana.

Rosario: oración ou rezo longo que consta de quince partes iguais, que se inician cun misterio e seguen con dez avemarías, un nosopai e unha oración en loanza a Deus, e remata cunha ladaíña. Enténdese que, cristiamente, deberá celebrarse nos recintos relixiosos ou, como moito, na intimidade dun fogar. E non na rúa coma ovellas lanzando berros ou balidos de perdón.

As manías son defectos que cometemos os parvos de espírito e que, xeralmente, usamos para chamar a atención. Así de simple. Así de sinxelo. Dez avemarías pola estupidez humana e un nosopai pola actitude dos cretinos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 6 de xuño de 2024

jueves, 6 de junio de 2024

LOCALIZANDO O OBXECTO


Localicei o obxecto. Estaba metido nun dos recantos da memoria. Aquel no que a conciencia nin arre nin xo. Noutros recantos non había nada. Tan só o baleiro dunha esperanza frouxa, case inexistente. O obxecto non era grande nin pequeno; era segundo o tamaño do latexo que sae cando o corazón bombea. Ás veces, o sangue tamén bombea por culpa das emocións ou das carraxes.

Localicei o obxecto que se acubillara aí de cando os recordos eran historias que se contaban ou non, que se inventaban ou non, pero sempre estaban á espera dunha explosión repentina. Xa o tempo dirá se o obxecto era digno da realidade que se abraza a cada un. Non todos alcanzamos esa inercia na que todo flúe con parsimonia e a vida camiña, moi suavemente, polas corredoiras da épica.


O obxecto seguía o ritmo dos latexos e choutaba da morriña á infancia, da rebeldía á xuventude, da sensatez á idade adulta e da realidade ó tempo no que estamos. O obxecto facíase grande coa explosión dun berro e minguaba coa quietude do silencio, corría detrás dun desexo e freaba ante a indiferenza dun sentimento. Ó obxecto non lle quedaba outra que xunguirse ou atarse á fantasía dun soño.

Acabei por meterme nese recanto da memoria para aloumiñar o obxecto. En cada caricia medraba, e en cada estirón un suspiro rachaba o silencio. O obxecto cobraba vida de tal maneira que, nun arre, choutou ó sermón dos recordos e, nun xo, parou para que estes aterraran, con moita calma e coa boa letra, sobre a páxina en branco dunha ilusión, a miña ilusión.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 6 de xuño de 2024

martes, 4 de junio de 2024

SOBRE ASUBÍOS


Semello o asubío que me filtro por entre os meus propios labios. Limpo, claro, agudo, ó estilo morriconeano con remate tarantiniano. A verdade é que agora xa non asubío como asubiaba. E non me refiro á calidade, á profesionalidade do asubío, senón que vou máis polo das veces que o facía e o fago, polo tempo que botaba asubiando.

De rapaz, cando máis forte e cando máis tempo botaba asubiando, era polo can, polo Uriarte. Despois, xa en menos ocasións, o asubío saía como chamada ós amigos ou mesmo á familia para saber en que finca ou leira andaban. Pasado o tempo, en Madrid, polos oitenta, cando máis asubiaba era nos días de néboa, ou cando levaba moito tempo paseando polas rúas. Unha vez preguntáronme se era galego. Si. É que os galegos asubiades moito. Os demais non sei, eu si.


Na Galicia profunda asubiaba máis cos dedos. Na capital do Imperio facíao cos beizos. Non era plan alterar a Gran Vía ou a Porta do Sol. No Medo e en Pinouzos é todo monte e, aquí, o asubío pode espallarse como queira. O único que pode asustar é ás pegas.

Na xuventude asubiaba cancións enteiras porque as sabía de memoria. Agora, precisamente cando a música me gusta máis ca nunca, non alcanzo nin unha estrofa, nin un retrouso. A memoria, coa idade, esvaece, practicamente é xa efémera. É tan efémera que non consigo lembrar o tema que levo xa meses asubiando, sabendo, iso si, que é de Morricone na versión dunha película de Tarantino.

Asubiar é bonito. Asubiar remexe os pulmóns e mestura latexos do que foi e do que é. Do que será... haberá que seguir asubiando. Marcho co Morricone e Tarantino filtrándose polos meus asubíos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 4 de xuño de 2024

lunes, 3 de junio de 2024

RESPONSO POLO VERSO SOLTO


Vou soltar un responso polo verso que se deixou caer do poema. Hai versos soltos que son moi cridos e, claro, a realidade asfíxiaos de tal maneira que acaban morrendo. Requiescat in pace polo pobre cativo. El mesmo pensaba que estaba demasiado prisioneiro e quixo presumir de liberdade. A liberdade hai que saber ganala. Ás veces non queda outra que aguantar un pouco e compartir as rabuñaduras da alma ou os berros das protestas cos demais versos do soneto, cos demais compañeiros.


O verso que se deixou caer, en poucas palabras, contaba que a vida era un ramallete de rosas e uns cantos sorrisos nos beizos. Máis ou menos. Pobre infeliz! A vida non é tan bonita como el quere presumir. A vida, por veces, quizais por moitas veces, é a treboada que asoma, o trono que estoura, o alustro que asusta e a auga que molla. A vida son moitos berros e, quizais, outras tantas bágoas. A vida é coma ese verso que se deixou caer e que, pouco a pouco, minguou no anhelo de querer ser libre. Kirieleison. Kristieleison polo mesmo...

Logo de tanto canto fúnebre, o verso arrastra a súa tristura e, de esguello, mira cara ó seus compañeiros coa intención de volver ó soneto. A experiencia acaba de dicirlle que a realidade vai máis alá dun desexo inocente e que a vida, como tal, ten que ir rimando polos sucos do tempo, por todo o poema. Kirieleison, kristieleison polo verso solto...

Agora si deixa escapar pingas de estima para, pouco a pouco, quedar enxoito das súas ansias de alardear. Cando xa está practicamente seco e, ante tan pouco peso, o verso solto sobe con certa vergonza cara á primeira estrofa. A realidade zurciuno definitivamente ó poema.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 3 de xuño de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 3 de xuño de 2024

domingo, 2 de junio de 2024

ALGO HABÍA


Sabía que había algo alá. No fondo. Notaba movemento. Vía como as xestas se movían. O aire era inexistente. Algo había. Achegueime con cautela. Ante certos movementos hai que facelo, non con medo, pero si con prudencia, con precaución. Podía ser un animal perigoso. Mesmo un ser descoñecido. Ou un extraterrestre galáctico. Sempre se falou de certos casos, e todo podía ser.

Segundo me achegaba, o movemento semellaba máis frenético porque as xestas bambeaban de tal maneira que incluso o chan empezaba a cubrirse coas flores que se desprendían da planta. De camiño collín un bo caxato que cortei dun codeso. Xa digo, precavido pero sen medo. E o medo, cun bo mastro nas mans, sempre é menos medo, sempre a valentía crece uns graos de axuda.


Non sei se foi por querer asustar ó que houbese alí ou, por que non, por ese presunto medo, o caso é que empecei a baduar cara á esa dirección. A ver se así amedrentaba, asustaba ó que houbese alí e fuxía sen eu ter que actuar para nada. Certo que a actuación podíame saír pola culata.

Ó mesmo tempo que esbardallaba, daba fortes golpes contra o chan co caxato de codeso. Para espantar ó bico, ó ser humano, ó extraterrestre, ó que fose. Porén, aquelas xestas cada vez se movían con máis forza e máis rapidamente. Ós dous ou tres metros xa empecei a divisar algo. Algo así coma unha pelaxe tirando a marrón e bastante requichada. Era unha parella de ourizos cacheiros en faena! Como dúas criaturas tan pequenas armaban aquel escándalo! Deixei que seguisen co gozo. Coitadiños!


Café Paco. O Vinteún (Ourense). Venres, 31 de maio de 2024

DANOS COLATERAIS


A ver quen os aguanta agora. Ós merengues, digo. Quería meterme con eles, pero non hai maneira. Por unhas ou outras cousas sempre saen a flote, sempre saen adiante. Son coma a mera, que por moito que sulfates, aparece e aparece. Xa lles pode chover sobre a súa área que, eles, cun raio de sol, asoman. Exactamente igual que a mera.

Algo moi semellante ó que segue a acontecer en Palestina e Israel, que de cando en vez fálase de proxectos de paz, aínda que non creo eu que o Netanyahu estea pola labor. Nin tan sequera os Estados Unidos por moito que digan. Aí atrás semella que recuaban un pouco no seu apoio a Israel, cando, ó mesmo tempo, lles preparaban outro envío de armas por 920 millóns de euros, ou o que é o mesmo, máis de mil millóns de dólares. Os ianquis, por medio do Departamento de Defensa, aseguraban que estaba en marcha unha unidade especializada do exército para facilitar o envío de axuda humanitaria. A ver quen os entende, a que papel xogan. Díxeno moitas veces: usan a súa boquiña pequena, ou fan declaracións para disimular.


Israel non disimula, non finxe. Hai uns días deixou caer “unhas armas” para causar 45 mortos —23 menores; sempre os nenos e as mulleres os máis sacrificados— no centro de desprazados de Rafah, que non é un centro militar, nin de armas, nin rabo de gaitas. Iso si, axiña asomou Natanyahu para cualificar tal xenocidio de tráxico erro. Un erro moi grande é que ese tipiño estea onde está. Pero xa sabe imitar moi ben ó pai putativo: que di unha cousa e fai outra. Mellor ó revés, ou sexa, que fai unha cousa e di outra.

Dos desprazados e mortos en Ucraína, deses xa non falamos. Levamos xa tanto tempo que, tanto os medios de comunicación coma os paisanos de a pé, afixémonos a ela e, si, de cando en cando, asoma algo sobre axudas (axuda armamentística, digo) para seguir provocando que os mortos se sigan contando a centos, importando pouco o lugar e o exército no que acontecen as baixas.

Algúns intentan defender certas guerras, sexan por territorios ou fronteiras, por ideas, por relixión..., cando unha guerra, calquera guerra, toda guerra nin tan sequera se pode usar coma derradeiro recurso para a defensa ou a conquista de algo. Toda guerra o único que trae é caos, desolación e morte. E as mortes, xa sabemos cales: as do terceiro parágrafo. Os famosos danos colaterais. Iso si, danos colaterais que sempre caen do lado dos máis inocentes.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 1 de xuño de 2024