lunes, 8 de julio de 2024

A LÓXICA DO ESPERPENTO


Estou á espera de que o sol se mova, de que a inocencia sexa eterna e de que Pink Floyd toque no lado escuro da lúa. O sol abrasa, a inocencia, por sorte, segue e Pink Floyd está choutando o muro. Agora, cada quen que lle busque a lóxica a este esperpento. É noite pecha, a malicia brilla nos ollos e Ennio Morricone busca ó bo, ó feo e ó malo. Non todo é o que parece, nin o que parece se desvía moito do rego que arou a toupeira por debaixo dos pementos.


Estou á espera de asubiar catro temas musicais e unha canción de berce de Fuxan Os Ventos. Ó mesmo tempo berro desde o alto dun outeiro. Simplemente para rachar o silencio. Ou para axotar o medo. En cada tema musical vai escondida a carraxe que asoma polas inxustizas sobre o nacionalismo e na canción asoma unha protesta polo que puido ser e non foi. Os berros xa son por causas maiores que van máis alá dunha dor política, social e cultural que atenaza. Agora, o que queira que suba ó alto do outeiro e berre. Ou baile.

Pódese bailar sobre os latexos que mancan, sobre as ansias que se anhelan, sobre os desexos que se ambicionan e sobre o rock and roll de Elvis Presley ou o jazz de John Coltrane. Pódese bailar sobre o ruxerruxe dunha ideoloxía, sobre a flor do toxo e no lado escuro da lúa vella. Segundo se baila tamén se canta un soneto de Aute ou unha muiñeira das Tanxugueiras. Agora, cada quen que lle busque tres pés ó gato, ou follas de loureiro ós castiñeiros, ou cornos de marfil á lúa en cuarto minguante. Eu, por en canto, sigo á espera de atinar coa lóxica do esperpento.


Cafetaría Domus. Ourense. Luns, 8 de xullo de 2024

domingo, 7 de julio de 2024

COMO UN DISPARO NO SILENCIO


Quito o pote do lume. Un raio de sol fíltrase por un buraco que hai no teito da cociña. A poeira baila sobre a claridade desa luz. Os soños dunha viaxe galáctica constrúen planetas, satélites e estrelas en cada lixo dese po. Por debaixo da cociña brúa unha vaca. Detrás chega o ornear do burro, que arrastra o ladrido dun can. Miña nai canta e eu asubío. Xa está a orquestra probando e o concerto nocturno preparado.

Todo queda en suspenso cando, fóra, se escoitan os berros de auga!, auga!, que arde o... O que sexa. Aínda sen ver lume, sen saber moi ben onde é, os latexos do corazón aceleran de tal maneira que é coma se se detivera o tempo. Que incongruencia: aceleración e detención nun mesmo instante. Pero nunca sentín nin sentirei tanto pánico como cando alguén berra a causa dun incendio: dunha casa que arde, dun palleiro que se queima, dun canastro que se carboniza. E do pánico paso ó terror se detrás dos berros chega o toque das campás, o aviso para a veciñanza por medio destas; que sempre chega. Hai que avisar a toda a aldea, a toda a contorna, co que iso significa: o barullo que se forma, as ordes que se dan, os nervios que se notan, a desgraza que se ve nos ollos e os berros que brotan.


O apuro é tan grande que un sae da casa sen saber, despois, como quedou esa... se coa cociña apagada, se coas portas abertas, a ver se o lume da lareira a arma tamén... Así é que, medo polas dúas maneiras: polo incendio que hai fóra, polo que pode haber dentro. Ante isto, alá se foi a noite a causa da angustia. Polo que pasou, polo que pode pasar, por máis berros, por máis toques de campá... Berrar auga!, auga! de noite é como un disparo no silencio.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Venres, 5 de xullo de 2024

sábado, 6 de julio de 2024

O FÚTBOL É IMPREDICIBLE


Pensaba eu que o fútbol español acababa de acometer unha fazaña eliminando a Alemaña na súa propia casa e resulta que non, que como quixotes que somos, agradecémoslle tal fazaña á man de Cucurella, ó penalti non pitado polo árbitro inglés. Para unha boa parte do “sector madridista” aí estivo a eliminatoria e non na obrigada expulsión de Toni Kroos ó principio xa do encontro (repito, ó principio). Seguro que os alemáns, no fondo, recoñecerán que o árbitro os salvou non expulsando por dobre amarela (a entrada a Pedri xa case é vermella directa) ó seu xogador, e, non obstante, só falan da man de Cucurella. Aquí non, aquí somos tan legais que imos máis alá do quixotismo.

Sobre a man de Cucurella hai que dicir dúas cousas: que segundo lin no Marca (madridista a tope) a UEFA puxera normas especiais referentes ás mans dentro da área, e segundo tal organismo esa de Cucurella non é penalti. É dicir, non foi fallo do árbitro. Esa norma deberían sabela, e seguro que a saben, todos as seleccións. O segundo punto, aínda que fose penalti, este viña precedido dun fóra de xogo. Así é que, ese “sector madridista” que empece a cambiar de opinión porque non leva razón.


No partido do venres viuse ás leguas o que significa ser país anfitrión e ser, certo, unha institución coma xogador. Como ás primeiras de cambio un árbitro vai expulsar a todo un Kroos no seu propio país! E nos primeiros minutos! Mellor deixar seguir a cousa e aquí paz e despois gloria. Gloria para os alemáns, claro. Menos mal que o fútbol é certo que ten as súas cousas: unhas veces pon a cada un no seu sitio e outras é cruel ata máis non poder. Exemplos hainos nese propio partido: estamos a piques de ganalo e marcan no minuto 89, estamos a punto de ir ós penaltis e marcamos no minuto 119; os alemáns só nos fixeron dano de verdade mandando balóns á área (porque son máis altos e máis guapos), e, nós, de chulos, mandámolos á casa cun gol de cabeza (por certo, un golazo).

O fútbol si é verdade que ten o seu aquel. O seu aquel marabilloso, impredicible. Cantos goles se marcaron nos últimos segundos en varios partido? O porteiro portugués, Diogo Costa, no partido de oitavos parou tres penaltis seguidos. O sábado, en cuartos, contra Francia, metéronlle os cinco. De la Fuente creo que non realizou ben os cambios (atacando como atacaba Alemaña debeu deixar a alguén rápido adiante, por exemplo, Nico Williams), pero ó final acertou. O dito: impredicible.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 6 de xullo de 2024

viernes, 5 de julio de 2024

O DÍA QUE PERDÍN A CORDURA


O día que perdín a cordura foi cando me deixei caer de cu sobre a punta dun triángulo isóscele co resultado de voltas e reviravoltas xunguidas ós berros de dor. Hai que ser pasmón para facer tal cousa. Quedoume o consolo de que era unha proba gratuíta coa característica, simple, de chamar a atención. O peor foi que ninguén me viu e, moito menos, me gravou.

Deixeime caer desde unha altura enorme, desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas, algo así coma cinco andares ou máis, que logo se di, pero hai que mirar para arriba e subir, e mirar para abaixo e intuír a caída. Ver desde o alto o chan é coma notar unha vertixe que revolve o estómago.


Porén, non é a primeira vez que me deixo caer desde ese campanario. Fíxeno xa máis de dúas e tres veces para caer, artisticamente, mansiñamente, de pé; flexionando os xeonllos coma un atleta e levantando os brazos en sinal de recoñecemento. Os aplausos nunca estorban, sempre se agradecen. A diferenza, por esta vez, é a que dixen: que caín sobre a punta dun triángulo isóscele. Os profesionais que sabemos de xeometría asimilamos moi ben como son os triángulos e como son as súas puntas. Xa o di a palabra: puntas. As puntas pican, atravesan, furgan, esgazan, fan dano. Berrei os catro berrares, berrei con dirección ós catro puntos cardinais.

O día que perdín a cordura saín vivo de milagre. Segundo outras veces as miñas proezas sabía que acabarían ben, por esta vez notei e vin que a tolea esa podía rematar en traxedia. Por culpa da miña cabeza cadrada. Porén, aquí estou e aquí acabo de contalo. Son Leandro Zacarico, o fillo do Gadañas e da Doniña. A min sei que me chaman O Labestro.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 3 de xullo de 2024

jueves, 4 de julio de 2024

XA NIN ME QUEDA PORTUGAL


Menos mal que nos queda Portugal. Iso dicía eu sempre, polo cariño e achegamento que lle teño ós veciños. Pero dun tempo para acá, e en relación ó fútbol, recoñezo que quero que perdan. Síntoo, pero é a verdade. Por culpa de Cristiano Ronaldo. Non o aguanto, non o aturo! Nunca me caeu ben, e cada vez me cae peor. Recoñezo que foi e aínda é o mellor goleador do mundo. Digo goleador, que non digo xogador. Nin nas súas mellores épocas foi o mellor xogador (e sen meter polo medio a Messi); sempre puxen por enriba del, mesmo no Real Madrid, a Benzema e Modric.


Semella que seica é boa persoa con respecto a asuntos humanitarios ou axudas benéficas. O que non aguanto del é a súa propia personalidade nun campo de fútbol. Véxoo chulo, prepotente, egoísta, mal compañeiro e créndose un divo. Os seus xestos parécenme demasiado rebuscados e teatrais. Cada vez que marca un gol chama ós seus compañeiros para que vaian a abrazalo, mentres que cando marca un dos seus nótaselle ás leguas unha certa contrariedade e sorrisos forzados, sendo case sempre o último en formar piña cos do seu equipo.

Entendo que ó ter un mal concepto del, a miña empatía non coincida para nada coas súas bágoas ante o penalti fallado contra Eslovenia. Para os que o queren e para os periodistas que o adulan, foi un xesto humano. Para min, ese home que vai facer 40 anos, actuou para chamar a atención. O seu egocentrismo estaba en querer ser consolado, en que non o crucificasen en caso de non pasar a eliminatoria. Así, como humano que é, todo se lle perdoa. Menos a Lunin e outros cantos que, ante os fallos, van á reserva. Sen Ronaldo seguiría co menos mal que nos queda Portugal. Con Ronaldo... oxalá pase España todas as eliminatorias para non verme na tesitura de escoller.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 2 de xullo de 2024

miércoles, 3 de julio de 2024

NA CIRCUNFERENCIA DUN SOÑO


Sento porque veño canso. Canso de non facer nada. Ás veces, a preguiza cansa moito. Espero polo café. Mentres espero, outeo os arredores e o horizonte. Á miña esquerda, uns pardais que ben se ve que andan a velas vir, ó que pillen, desde mosquitos ata migallas de bicas. Á miña dereita, un home cunha revista que me dá que é de moda (a súa man cobre o nome da publicación), xa que na parte inferior da portada asoma unha foto na que se ven as coxas dunha muller e, entre eles, un bolso dunha cor que non sei descifrar moi ben. Un servidor, fóra das cores esenciais de toda a vida, non sabe ir máis alá. Tamén é verdade que a vista non se detén moito no bolso. A vista, logo de contemplar o bonito, é dicir, as coxas, outea o horizonte para ver como o ceo está todo azul, a excepción dunha pequena nube branca que está case máis alá do infinito.


Chegou o café e, mentres remexo para que o azucre se disolva ben, penso na circunferencia dun soño. Ese soño que dá voltas e reviravoltas buscando unha saída propicia para atoparse cunha realidade que... vai ti saber. Pode ser bonita, pode ser traidora ou pode ser indiferente.

O mesmo home da revista pasa follas e contemplo outra foto na que unha muller (intúo que é a das coxas e o bolso) viste de branco, de noiva. De esguello si aprecio que o vestido da noiva é precioso e a propia noiva ou modelo (por aquilo de se a revista trata de moda) quita o impo. O home, de súpeto, quítame tal visión porque cerra a revista de golpe e ergue coma un lóstrego da mesa. Entendo as súas présas ó ver que se detén un coche para recoller a tal individuo. Eu, xusto acabo o café e vou facer coma el: erguer coma un alustro e marchar. A ver se a preguiza me deixa.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 1 de xullo de 2024

martes, 2 de julio de 2024

PURO RITMO


Pois xa está. Todo flúe. Nada se estanca. As présas nunca son boas, pero peor será quedar quieto, sen esperanza, sen xogos, sen ritmo. Na vida todo é ritmo, desde a cadencia cardíaca ata o ritmo musical. Sempre presumín de ritmo, de desesperación, de correr aínda máis que as propias présas. Nunca me gustou estar quieto. Desta maneira, e aínda que pareza imposible, é como máis me canso.


Por non quedar quieto, incluso leo andando. Claro que por esta lentitude (ó ler non vou ás présas), é cando máis canso. Unha incongruencia, pero... o asunto é como é. Sei seguro que, por estar quieto e de pé, no metro de Madrid, foi polo que me saíu o calo na planta do pé esquerdo, o cal sempre me crucificou un pouco, principalmente na época de cando traballaba as viñas: de pé e tan lentamente que os pés eran os que padecían un auténtico calvario, e iso que sempre andaba con botas de inverno e dous pares de calcetíns grosos.

Necesito ritmo. Agora mesmo teño un ritmo frenético, e a pesar de estar sentado na cadeira dunha terraza; teño os nocellos cruzados por detrás e entón son os xeonllos, as pernas que non paran, coma se tivera un tic nervioso. Son nervioso. Teño ritmo.

Cando me poño, onde máis ritmo teño é na lingua. Doulle á lingua que nin diola. Doulle tanto que sei que, ás veces, caio aburrido. É igual. Eu dálle que dálle para que non decaia o ritmo. Ós versos métolle ritmo. Ás accións métolle ritmo. O leito do Arnoia ten ritmo. Ós berros tamén lle meto un ritmo frenético. Mesmo os latexos do corazón teñen ritmo. E o desexo. E o que vai máis alá do desexo. E as ansias. O tempo ten ritmo; sempre o mesmo, pero aí está. A vida é puro ritmo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 27 de xuño de 2024