sábado, 7 de diciembre de 2024

A MASACRE DE NANKÍN


A segunda guerra sino-xaponesa ou chino-xaponesa foi un conflito militar entre China e Xapón que se desenvolveu entre o 7 de xullo de 1937 e o 9 de setembro de 1945, no marco da Segunda Guerra Mundial. Aquela guerra comezou cando o exército xaponés, que xa controlaba Manchuria, iniciou a invasión do norte e o este de China.

Pois ben, fai hoxe exactamente 87 anos (o 9 de decembro de 1937) que na cidade china de Nankín as tropas imperiais xaponesas ó mando do tenente xeral Príncipe Yasuhiko Asaka, lanzan un asalto sobre a cidade. As vitoriosas tropas entregáronse entón, desde o primeiro día, a unha orxía de violacións e asasinatos coñecida como a Masacre de Nankín.


O Goberno chino e os comandantes do exército nacionalista, fuxiron co rabo entre as pernas tan axiña como se decataron da entrada do exército nipón, deixando atrás a miles de soldados chinos atrapados na cidade amurallada. Moitos deles quitáronse os seus uniformes e escaparon á chamada zona de seguridade. A masacre ocorreu durante un período de seis semanas posteriores á ocupación da cidade.

Aínda hoxe este episodio histórico segue a ser un tema político polémico, e supón un obstáculo nas relacións diplomáticas entre os dous países.

Os crimes de guerra cometidos durante ese período inclúen a pillaxe, a violación masiva de mulleres e a matanza de civís e prisioneiros de guerra. A cantidade de vítimas é case imposible de sinalar, porque cada bando dá os seus propios datos. Fálase que morreron entre 40.000 e máis de 300.000 chinos. No ano 1946, o Tribunal de Guerra de Tokio estimou que foron máis de 200.000. Nunha sentenza de morte emitida contra o comandante do exército xaponés en Nankín dáse de 100.000. E no 2007, algúns documentos dos ianquis consideraron o número total en máis de 500.000. Os chinos aseguran 300.000, mentres que os xaponeses, como non, afirman que tales cantidades son esaxeradas. É igual; aínda que só fose a mínima, a de 40.000, esta segue a ser unha barbaridade. Unha simple morte, dentro do concepto de matar por matar, xa é en por si unha crueldade.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 7 de decembro de 2024

viernes, 6 de diciembre de 2024

UNHA ESPERA MORRIÑENTA


Mentres o tempo se acurta, os pensamentos alónganse. Hai raciocinios que van máis alá dunha ecuación sen resolver e hai sensacións que aniñan na morriña dun instante que, ás veces, este, se fai eterno e, outras, é tan efémero que a señardade rabuña nas entrañas.

A tarde está gris e o silencio preme sobre unha ilusión que pode ser ou non, sobre un soño que pode ser ou converterse en pesadelo. Todo está nese tempo... que corre, que voa, que non pasa, que é lento. Quizais a música sexa a que salve o momento. Din que amansa as feras; a min chega con que me amanse os devezos.


O silencio acaba de rachar a causa dun berro. Dun berro que saíu do recanto escondido, do recuncho orballado. Porque hai berros que mollan e que salpican a inocencia e mesmo o medo. Hai berros secos. Hai berros longos. Hai berros eternos. Incluso hai bramidos que doen ou que mancan.

Os pensamentos seguen a alongarse polos camiños do desexo. Dese desexo que vai e vén e está e segue e cada vez se fai máis grande, máis intenso, máis futuro pluscuamperfecto. Quizais, si, mellor quedar en silencio para que a música penetre a compás dese tempo que se acurta. Aínda que talvez se estea xa alongando. A vida dá tantas voltas...

A tarde segue gris e, por momentos, xa nin hai silencio, nin ruído, nin berros, nin señardade, nin lamentos; só unha espera morriñenta e co afán, coa ambición de que todo pase, de que nada quede por apalpar nun instante, en varios momentos eternos.


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 6 de decembro de 2024

jueves, 5 de diciembre de 2024

TÍCKET TRAS TÍCKET


Agora entendo que se extingan os bosques. O papel sae da madeira. Nun hospital de Vigo gastan papel ás moreas, a darlle cun sacho. E iso tan só en tíckets. Para pedir unha simple cita non sei cantos tíckets hai que sacar. E claro, en cada tícket, vas dun lado ó outro coma un monicreque, coma se foramos becerros a un matadoiro. Como ó final dixo meu fillo: percorremos todos os andares, os cinco andares do hospital. Durante tres horas para unha consulta duns dez minutos.

E non vale que lles alces a voz ou que lles chores dicíndolles que nos desprazamos desde o quinto inferno. Eles (neste caso, elas), iso si, con moi bos sorrisos e con cariñas de non romper nunca un prato, desculpábanse como podían, pero sempre acababan rematando cun “é o que hai”. Efectivamente, é o que hai. Unhas situacións nas que empezo a entender que algúns nos alporicemos e que, outros, vaian máis alá desa exasperación.


Menos mal que, ó final da mañá, si aproveitamos eses dez minutos, porque eu xa tiña a mente no famosos dito ese de “facer unha viaxe en balde”. Vin tan negra a cita que a cara de ferreiro era xa ó final da mañá unha expresión de cabreo e de cansazo.

Porén, e a pesar deses cabreos, deses bailes, deses tratamentos que realizan con nós, o que máis me chamou a atención foi a forma das citacións, das informacións, das consultas; todo a base de tíckets e máis tíckets, que non sei eu se o Amazonas dará feito en exportar madeira para tanto papel. E menos aínda se, como intúo, a empresa que rexenta ese hospital segue o mesmo método nos demais que ten espallados por toda España.


Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 5 de decembro de 2024

miércoles, 4 de diciembre de 2024

A VIOLENCIA XERA VIOLENCIA


A violencia xera violencia. E tanto que orixina. O outro día pegáronme unhas labazadas e, de paspán, quixen predicar o de Xesucristo de que cando che dan nunha meixela que poñas a outra. Tal cal. Fun xunto ós tipiños e pegáronme unha malleira do carallo. En vez de compadecerse de min... máis violencia.

Agora estou estudando a posibilidade de devolver eu tamén violencia, que a palabra dese señor xa non me convence moito. En principio, estou a prepararme coma se fose o Rocky molgués, a base de carreiras e adestramentos polos montes de Pinouzos e polo Medo. Os carballos das Mestras fan de sacos de area para os meus puños que, a base de golpes, xa empezo a telos esfolados. Collo tan a peito a preparación que mesmo me tiro ós toxos para encalecer o corpo coas súas espiñas, coas súas picadas. Alguén pensará que é masoquismo puro e duro, pero cada vez estou máis no asunto de que van saber eses energúmenos como as gasto eu.


A violencia xera violencia. Xa non sei cantas varas aguilladas levo rotas a causa dos golpes contra xestas, salgueiros, piornos e todo obstáculo que se me pon por diante para descargar a rabia, a carraxe que levo dentro. Porque me doeron máis os actos, os feitos dos tipiños que a propia malleira. Non lles chegaba con zouparme a primeira vez?

Cando me sentín preparado achegueime a eles e solteilles outra carallada de Xesucristo: deixade que os nenos se acheguen a min. Outra malleira. Hai que ser parvos!


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 4 de decembro de 2024

martes, 3 de diciembre de 2024

O ASTRONAUTA Nº 13


Vivo na galaxia que está moito máis alá desta, e penso que os días son máis longos cos do mes de maio, cando na realidade sei que estamos no decembro do 2024. Aquí seica é o ano 7033. Teñen unha forma rara de contar. Unhas veces contan de dous en dous e, outras, de seis en seis. E fano coas dedas dos pés. Non saben o que é unha calculadora, nin tan sequera saben medir a ollo... porque teñen catro e atrapállanse a causa dos celos visuais duns e doutros. Son raros de carallo.

Cheguei a esta galaxia no tempo que dura a ansia máis ansiosa. E vese que, como a miña era moita, cheguei axiña. Viaxei no ronsel dun soño que, canto máis corría, máis brillaba. O seu brillo era igualiño que os das flores dos toxos. Durante o traxecto, o ronsel facíase máis grande. Cando cheguei a esa galaxia que está moito máis alá desta, tal ronsel semellaba un monte enorme cuberto de toxeiras.


Son o astronauta número 13 dunha misión galáctica que axiña se foi ó carallo; cando a soidade do espazo nos volveu un pouco chalados, desequilibrados e empezamos a gastarnos bromas tan macabras que, aquilo, acabou coma o rosario de aurora. Por sorte, son o único supervivente porque teño o meu punto e, pouco a pouco, fun eliminando ós 12 restantes. Como dicía aquel: sálvese quen poida. Optei por un módulo espacial para seguir o meu camiño. Agora vivo nesta galaxia moi rara e son o amo e señor das súas existencias. Como non saben medir pensan que son un monstro enorme e todos me respectan. Perdón, todos me teñen medo. Eu deixo que mo sigan tendo.


Finca Fierro. Barbadás. Martes, 3 de decembro de 2024

lunes, 2 de diciembre de 2024

O LOBO QUE NON SOLTA A PRESA


Son o lobo que oulea nas noites de lúa chea. En cuarto minguante deixo escapar un xemido, un salouco de gozo, e tiro para adiante. Tiro pola lomba abaixo arrastrándome por entre os toxos do tempo que foi. Do tempo que será dependerá do ouleo, ou da lúa en cuarto crecente. Na fase nova recuperarei os folgos para, logo despois, seguir tirando, seguir gozando.

Son o lobo que oulea entre os outeiros do peito e o que corre tras as ovellas que andan pola barriga esquerda do monte Medo. Cando a barriga se cobre cun manto de primavera, non queda outra que babexar en silencio e desexar que o tempo pase e todo cambie. Son o lobo que, ás veces, está a velas vir e, outras, non solto a presa.


Sigo a ser o lobo que oulea sobre o silencio, sobre o instante eterno, sobre o infinitivo dun verbo e sobre a inmensidade do universo. En cada ouleo vai un soño, unha realidade, unha quimera, un toxo con flores amarelas, unha esperanza, un ruxerruxe de camadas entre as xestas da ansiedade. Como lobo que son ansío, devezo pola presa e non deixo de correr detrás dela.

Ouleo entre as catro paredes dunha habitación e tombado a todo ó longo dun sofá que me acolle entre os seus brazos. Ouleo sentado e ouleo choutando. Ouleo lembrando o pasado e soñando co futuro. No presente paso a lingua polos labios, que teñen sabor a deleite.

Son o lobo que oulea a calquera hora do día, nos insomnios da noite e mesmo nesa habitación na que cantan os soños “Love Me Tender” de Elvis Presley. Coa canción deixo que, pouco a pouco, o ouveo se envolva no nobelo da esperanza.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 2 de decembro de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 2 de decembro de 2024

domingo, 1 de diciembre de 2024

CONFUSIÓN DE TERMOS


Un sol de primavera quere asomar tras a única nube branca que hai no ceo. Estamos rematando o outono. Ás veces confundo os termos, as causas, os motivos, as ocasións, os momentos e mesmo as ideas. Xa non é a primeira vez que digo branco cando é negro, nin que me quedo en silencio cando, a ocasión, é óptima para lanzar un berro. Ou pésima. Os berros tamén teñen dous significados, dous sentidos: poden lanzarse cando un está moi contento como cando un está cheo de carraxe.


As cousas, moitas veces, non son como queremos que sexan, nin tan sequera como queremos supoñelas. Algunhas veces quero ser refacho de vento e son pinga de orballo, quero ser un asubío bailando sobre a galla dun castiñeiro e son un suspiro que pousa, moi suavemente, sobre a folla dun loureiro, quero ser un xesto que emociona e son un latexo que me manca no peito, quero ser unha tatuaxe nunha nádega e son o xabaril que furga polas conversas que van e vén por unha novela calquera.

O sol que quixo asomar xa non despunta, porque máis dunha nube negra se apoderou do ceo outonal. A primavera deixou de ser, como o gozo que xa foi. Porén, non deixo que o ambiente me funda nunha señardade que semella que non ten fin. Que cada nube negra a vexa branca, que, agora mesmo, prefiro os berros ó silencio, e que, aqueles, sexan longos aínda que saian secos. Hai berros que mancan e hai silencios que doen. Hai penumbra na claridade e hai luz na noite pecha. Hai minutos, hai tempos, hai miradas, hai concordia, hai saúdos, hai bicos, hai abrazos, hai carreiras, hai canellas, hai intensidade, hai agarimo. Hai unha confusión de termos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 1 de decembro de 2024