viernes, 7 de febrero de 2025

A SINFÓNICA DE DETRÁS DAS POULAS


Estou a cargo da Sinfónica de Detrás das Poulas e vexo como o público está ansioso para que empece o concerto que celebramos todos os anos no Parque das Mestras, en Baños de Molgas. A Sinfónica compóñena practicamente media vila e sen distinción de idade, raza, sexo e... nunca me metín en temas de relixión porque sei que, esta, é de faca e callao.

Sen máis preámbulos empezamos cun tema sinxelo e moi coñecido do mestre Morricone para facer entrar en calor ó público, que é dos que asubían con ansia e con ganas ante a imaxinación dun Clint Eastwood liquidando ó feo e ó malo. Como intuíra, empezamos ben; das mans saían chispas por mor dos aplausos.


Nestes eventos sempre hai alguén que vai de intelectual, de culto e non tardou en berrar por un tema de Melendi. Aínda que houbo certas risas entre o entendido público, eu quixen cumprir co desexo do paisano. Cun simple xesto cara ós compoñentes da Sinfónica, estes buscaron a partitura de “Se ela soubera”. Ó rematar vin que non fora tan mal a cousa: houbo aplausos, pero, iso si, sen a intensidade dos primeiros. Notei que gustara.

Porén, como a xente quería marcha, volvín ós temas máis coñecidos e optei polos Piratas do Caribe de Hans Zimmer. O público non tardou en subirse á Perla Negra e deixarse levar polas mansas augas do río Arnoia. Intuían que, máis abaixo da Pillamadoira, podían estar moi ben acazapados tales piratas.

Volveron os aplausos ó ritmo do primeiro tema e non tardaron en pedirnos máis coñecidos. A xente non quería experimentos raros. E quixeron que rematásemos co Himno Galego. Xa tiña medo a que non mo pediran. Puxémonos todos en pé e a Sinfónica de Detrás das Poulas soubo portarse.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 6 de febreiro de 2025


Foto: Parque das Mestras (Baños de Molgas - Ourense)

jueves, 6 de febrero de 2025

SEN UN ÓSO DO PESCOZO


Levo tres meses e catro días mirando para o chan. Falloume un óso do pescozo e non me deixa erguer a cabeza. Non sei se o ceo segue azul, se as estrelas brillan na noite e en que fase está a lúa. O que si vexo con moita frecuencia, insistentemente, constantemente son cagadas dos cans. Iso hai a esgalla. Menos mal que como miro sempre para a abaixo, véxoas e evítoas. Por veces, aínda me costa evitalas... pola cantidade existente nas rúas.

Notei que me faltaba o óso do pescozo cando, nun amén, este se me derrubou sobre o peito. E por moito que o intentei, por moita forza que fixen, non houbo maneira. Só se me sostiña se empurraba cunha man polo papo. Non tardei en dicirme para que. Para o que hai que ver. E levo xa tres meses e catro días coa cabeza gacha, mirando para o chan.


Algúns pensan que ando así pola timidez, por apoucamento. Outros cren que é para non mirar para eles (aquí recoñezo que algún leva razón). E outros, o lóxico, que non estou ben da cabeza. E non estou, claro que non estou. Está dependurada porque me falta un óso do pescozo.

Vou ter que comprar un espello e colgalo precisamente ó pescozo para poder ver e saber se o ceo segue a ser azul. Tamén sempre me gustou mirar para a lúa, porque ás veces sorrime e chíscame o ollo esquerdo. E como lle coñezo as fases, quero saber en cal estamos.

Hai uns días chamei e visitei a un especialista en ósos, a un ortopédico deses e non lle me atopou solución ó mal. Así é que xa me vexo o resto da miña vida mirando sempre para o chan. Segue o ceo a ser azul? Seguen a voar os paxaros? Seguen sucando o ceo os avións?


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 5 de febreiro de 2025

miércoles, 5 de febrero de 2025

UNHA CARABUÑA DE ESPERANZA


Deixo caer unha carabuña, unha semente de esperanza a ver se xermina, se agroma e brotan froitos de realidade. A esperanza é o cabalo de batalla que nunca se rende. É o sorriso que asoma e a gargallada que chouta. É o soño esperto e a conciencia bailando ó ritmo dun latexo. É a carreira que nos leva ás leiras de trigo. É o silencio no que crece un pequeno ruxerruxe de anhelos e desexos e degoiros e devezos e ansias e cobizas. A esperanza é o afán, a ambición de recuperar o perdido.

O que se perde, se se busca, atópase. Non queda outra que buscar polas cores do arco da vella, polas pingas de suor ante certa ansiedade, polos balcóns que dan á posta do sol, polas canellas que baixan coa señardade ás costas, polas algarabías nas que pode haber o amén dunha pausa e polos espellos nos que o reflexo dunha realidade amosa o poder de toda unha figura sinfónica, celestial e auténtica.


Rego a esperanza mentres sigo buscando por ese universo sen fin as ladaíñas diarias, os réquiems polos asuntos perdidos e os instantes nos que todo foi, nos que todo aconteceu. E toda a ecuación xunta irá o recanto máis útil da memoria para, nun alustro, buscar e recordar.

Buscar e recordar é como analizar e coser e xunguir e atar esa esperanza para que non se volva efémera, para que non se sinta estraña ou rara. A esperanza será sempre o clímax da ansia. Onde hai ansia hai esperanza. Onde hai vida hai esperanza. Onde hai agarimo hai esperanza.


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 5 de febreiro de 2025

martes, 4 de febrero de 2025

TODO UN CAMIÑO


Ollo de boi. Corazón de papel. Alma rota. Fouciño curvo. Berro seco. Toxo en flor. Lameiro enchoupado. A Perla Negra navegando. E todas as estrelas brillan moito máis alá do infinito. E todos os desexos bailan un tango sobre a pampa núa ou sobre o ventre espido. E todos os esperpentos caen sobre a eterna curva dunha circunferencia.

Tatuaxes sobre pel branca. Silva que engancha. Pés que danzan. Tinta azul que cae. Bolígrafo negro que baila. Soño que se soña. Silencio que se acomoda no ruído. Ruído que racha o silencio. E todos os recordos se espallan por un papel cuadriculado, mentres a penumbra dunha habitación axita as ansias dun vivir sen vivir. E todas as miradas se quedan fixas na cuadratura do círculo. E todos os ruxerruxes se embarullan, se enlean nun tema irreal ou nunha novela barata.


Rabo de galo. Pedra de granito. Canella bonita. Auga da burga. Fonte da Lameira. Camiño cheo de coios. Ortigas esmagadas. Vestido azul. Camisón branco. Pixama verde. Melena ó vento. E todas as idas e voltas buscan o balcón da memoria. E toda esperanza se prepara para o que poida vir. E todas as materias se estudan para ter algo que dicir.

Piollo de can. Carracha do demo. Sapoconcho lento. Señardade preñada de romanticismo. Pota ó lume. Cabezas de nabos. Verso solto. Poema incompleto. E todos os camiños nos levan ó final. E todos os finais volven ó principio. E entre o principio e o final, entre o final e o principio hai todo un camiño.


Café Rooster. Ourense. Luns, 3 de febreiro de 2025


Foto: Fonte da Lameira (Baños de Molgas - Ourense)

lunes, 3 de febrero de 2025

OCIO EDUCATIVO OU CULTURAL


Xa está. Tarefas feitas. Agora toca algo de ocio en plan educativo ou cultural, é dicir, escritura, película e lectura. Por esta orde. Ou non. Aínda que somos animais de costumes, ás veces, é bo rachar as regras, romper os principios, cambiar as posturas. A vida, se leva sempre o mesmo ritmo, cansa, chega a cansar. De cando en vez é bo saír pola tanxente, ser imprevisibles.


Nun chiscar de ollos podo cambiar perfectamente as dúas últimas actividades (a primeira, a da escritura, estou con ela); ler primeiro e ver logo a película. Tamén pode darme unha arroutada e seguir con esta, coa escritura (non o relato, claro, que se faría eterno e estúpido, por suposto; pero podo escribir sobre outros asuntos) ou tamén pasar olimpicamente das outras dúas. Isto si sei que é unha verdade de pé de banco, ou sexa, unha trapallada porque nin eu mesmo me creo que sexa capaz de rematar o día, a noite sen ver unha película. A lectura dependerá da duración do filme, aínda que penso que, ata a unha ou unha e pico da madrugada, malo será que non teña tempo de ler polo menos un capítulo, unhas páxinas. É máis, teño a intención de rematar o libro, ó que lle quedan unhas 30 ou 40 páxinas.

Así é que, ale, rapidiño e correndo con este Pingas para poñerme canto antes coa sesión cinematográfica (en formato televisivo) e así concluír cun marabilloso libro titulado “A conciencia contada por un sapiens a un neandertal”, de Juan José Millás e Juan Luis Arsuaga. Como se pode combinar enxeño, entretemento e divulgación, segundo a opinión de Marta Domínguez. E con diálogos máis que divertidos, segundo o meu criterio.


Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 2 de febreiro de 2025

sábado, 1 de febrero de 2025

O INVENTOR DA IMPRENTA


Din que, xunto á caída do Imperio Romano de Oriente e o descubrimento de América, o invento da prensa de imprenta moderna con tipos móbiles, foi un dos principais motores da modernidade. Para un servidor foi o máximo. Que sería eu sen a imprenta? Bendito sexa, polo tanto, o seu inventor, o alemán don Johannes Gutenberg (ou Gutemberg).

Hoxe, 3 de febreiro de 2025, fai exactamente 557 anos que ese artistiña nos deixou. Precisamente polo seu legado merece unha pequena homenaxe, esta pequena homenaxe que ledes impresa, precisamente, grazas a el.

Johannes Gutenberg naceu arredor do 1400 en Maguncia, á mesma beira do río Rin. O seu verdadeiro apelido era Gensfleisch, pero como en renano seica significa “carne de ganso”, optou polo de Gutenberg.


Coñecedor da arte da fundición do ouro, Gutenberg destacou como ferreiro para o bispado da súa cidade. E debido a que a súa vida é relativamente descoñecida, intúese, quizais por tradición, que estudaría na Universidade de Erfurt, onde está rexistrado en 1419 co nome de Johannes Eltville. Ese mesmo ano faleceu seu pai, que era comerciante.

Pouco máis se coñece do inventor da imprenta ata que no 1434 reside como prateiro en Estrasburgo, onde cinco anos máis tarde estivo involucrado nun famoso caso xudicial, no que se descubriron detalles do seu invento, que ata ese momento estaba en segredo.

Foi en 1452 cando Johannes Gutenberg empezou coa edición da “Biblia en 42 liñas”, aínda que quizais se coñeza mellor pola “Biblia de Gutenberg”, pero non calculando ben o tempo, antes de que rematara tal edición, quedouse sen os cartos que lle emprestara un tal Johann Fust. Ó solicitarlle un novo crédito e, ante a desconfianza do prestamista, Gutenberg ofreceulle entrar en sociedade. Aceptou a proposta e delegou a vixilancia dos traballos no seu xenro Peter Schöffer, que axiña se puxo a traballar como aprendiz. Tras dous anos de traballo máis, Gutenberg quedou de novo sen cartos, o prestamista negouse a un novo crédito e, o peor, esixiulle o cobro inmediato das débedas. Insolvente por completo, Gutenberg perdeu o seu negocio. Tivo que ser Peter Schöffer quen realmente rematase o traballo que iniciara o seu mestre.

Cando Joahnnes Gutenberg faleceu o 3 de febreiro de 1468, enterrárono na igrexa de Maguncia, que era propiedade dos franciscanos alemás. A súa tumba perdeuse durante os incendios que devastaron a súa localidade en 1793.


Finca Fierro (Barbadás). Sábado, 1 de febreiro de 2025

CONTRAER O ESTÓMAGO

 

Contraio o estómago. A bile sobe polo peito arriba. A tarde cae baixo o ímpeto, a forza dunhas nubes negras que ameazan chuvia. O silencio impera e a melancolía é o pracer de estar triste. Cada quen que aguante a súa vela. Cada un que faga o que queira na súa espera. Eu, nas miñas, penso ou soño, soño ou penso que máis alá das estrelas aínda hai máis señardade que neste instante de silencio.

Contraio o estómago e, nun amén, podía botar os demos que levo dentro. Mellor, deixalos durmidos, a ver se por un casual non espertan nunca. Oxalá non espertaran nunca. Aínda que, ás veces, é máis que complicado dominalos, telos acochados, por moito que se diga que é bo deixar escapar a tensión que levamos dentro. Tal presión, tal estrés pode volverse infernal. Si, mellor que sigan durmindo.


Contraio o estómago e fago de tripas corazón para buscar un anhelo, unha esperanza que, esta si, sei que está esperta, ou como moito durmindo a sesta. Sesta de realidades case imposibles, pero precisamente ese case é o que deixa que a esperanza esperte para que os desexos sigan e as ansias se conserven intactas. Agora cada quen que marque o paso das súas ambicións, das súas aspiracións.

Contraio o estómago e confío en que esta tarde tristeira, melancólica e chea de silencio —aínda que a música dunha banda sonora rache este—, siga co seu ritmo vital e que os demos durman nunha paz soñada, desexada, imaxinada, inventada, figurada e bonita, moi bonita.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 1 de febreiro de 2025