viernes, 7 de marzo de 2025

CHOVE E NON CHOVE


Chove sobre o capitalismo duro e puro, sobre o imperialismo prosaico e sobre o nacionalismo feiticeiro. Chove sobre a flor do toxo e sobre o mastro da Perla Negra. Son o Jack Sparrow das pingas de orballo e o Mad Max dos tempos pasados, presentes e futuros. Debaixo dun beiril non chove. Nin tampouco debaixo dun balcón nin acochado nos refaixos dunha muller de corpo enteiro. Chove sobre a conciencia dun estorniño, aínda que non sei se non era unha lavandeira.

Non chove sobre o eco dun berro nin sobre o oulear dun lobo. Chove sobre o animal que oulea e sobre o outro animal que berra. Hai persoas que berran como animais e hai berros que mancan, que doen e que non sandan, que non curan nunca. Chove sobre os versos dun poema e sobre o caderno que almacena toda unha serie de poesías. Poesía es ti, dicía aquel.


Poesía é a pinga que cae mansiñamente e molla a señardade do momento, a melancolía do instante. Poesía é a lagoa na que se mete, se funde o desexo. Poesía é o espello no que reflicten as ansias dunha vida preñada de fantasías. Poesía é a pinga de auga que cae, con lentitude, sobre o algoritmo de certos problemas, opinións, conceptos, propósitos... de certas ideas.

Chove sobre a estrutura da coiraza do sapoconcho e sobre as varandas da pasarela das Mestras. Non chove dentro da igrexa de Baños de Molgas e si sobre o campanario dela. Tampouco chove sobre a tatuaxe escondida da nádega dos anhelos, nin no faiado que acolle os soños da existencia. Agora mesmo... chove.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 6 de marzo de 2025


Foto: Pasarela das Mestras (Baños de Molgas - Ourense)

jueves, 6 de marzo de 2025

PARA A MEMORIA DOS TEMPOS


Hai personaxes que, aínda que ninguén lles faga un monumento, si merecen recordos especiais, polo menos algo que quede para a memoria dos tempos. O día que vin o que estaba a punto de iniciarse, foi cando pensei ó momento que Osvaldo merecía asentar na memoria dos tempos. Primeiro quero salientar que case ninguén (tan só a súa familia máis achegada) coñecía a Osvaldo polo seu propio nome. Para practicamente todos era O Furabolos. Desde moi pequeno, desde os cinco anos faltáballe o dedo índice da man esquerda. Quixera mirar como funcionaba aquela máquina de triturar a carne para os chourizos: coa man dereita déralle á manivela e coa esquerda probou. Canto é a inocencia! Outro inciso: cando non lle chaman O Furabolos, noméano como O Fillo da Lagarta.


Que me estou a desviar da homenaxe. Osvaldo, O Furabolos, merece quedar escrito nas liñas dos recordos, nos cadernos da memoria polo acto que está a punto de cometer. Xunto ós seus pés están en posición de saída un sapoconcho ou tartaruga e un porco espiño ou ourizo cacheiro. Facía tres días xa que O Furabolos prepara algo así como unha pequena pista de atletismo, con obstáculos incluídos, e estudara a posibilidade dunha carreira con eses dous animaliños. Estaba niso.

Para dar o sinal de saída tiña a man un foguete que mercara na feira do 13. Non tardou en lanzalo. Ante o estrondo, o sapoconcho acubillouse baixo a súa coiraza e o ourizo cacheiro encolleuse. Xa non houbo maneira de que sacasen as cabezas. A desesperación do Furabolos era total. Pero haille que dar mérito á súa iniciativa. Unha presunta carreira para a historia!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 5 de marzo de 2025

miércoles, 5 de marzo de 2025

O PESO DAS PALABRAS


Case botei os fígados intentando trasladar, traspasar unha páxina escrita dun caderno ó ordenador. Aí caín na conta do que pesan as palabras. Polo menos algunhas. Non é tan sinxelo cargar con elas; sobre a pluma, o bolígrafo, o lombo, a conciencia. Certo que tamén hai outras que flotan, que aboian ó compás dos sentimentos.

Hai palabras que, a maiores de pesar, mancan, doen, fan dano. Como as hai que te elevan ó sétimo ceo. Hai palabras indiferentes, baleiras, que non din nada. Hainas moribundas e en auxe, novas e vellas. Hai palabras que proclaman sentenzas, que critican, que aconsellan, que animan, que condenan. Hai palabras mentireiras, verdadeiras, dubidosas, vingativas, criminais, mortais.


As que estaban na páxina do caderno debían ser de armas tomar, porque, xa digo, case botei os fígados. Eu mesmo notaba que debían ter o seu aquel; atopábame a desgusto, con mal sabor de boca pasándoas ó ordenador. Si, definitivamente, eran de rapar e peitear. Entre frase e frase tiña que coller folgos e entre parágrafo e parágrafo notaba como se me estremecían, como se me arreguizaban os pensamentos. Segundo escribía, eu mesmo notaba e vía que me pasara, que me excedera con tal asunto, con tal dicir.

Iso si, no último parágrafo non sei que acontecera cando as escribira, que xa eran outras, máis suaves, máis poéticas, máis sentimentais, simplemente, máis bonitas. Mesmo acabei tecleando con máis ansia, con máis alegría e cun sorriso nos beizos. A verdade é que, con catro palabras, pódense dicir tantas cousas... para ben e para mal.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 3 de marzo de 2025

martes, 4 de marzo de 2025

SOBRE UNHA NUBE NEGRA


Subín a unha nube negra. Sentei coas pernas cruzadas e deixeime levar. Pensei que afundiría, pero non. A nube era consistente, compacta e, para máis aquel, obedecía ó meu mandado. Cando pasei por Baños de Molgas borboriñeille que deixara caer, tan só, unhas pingas de orballo. Non quería que, por chover moito, se anegasen a Pitediña, as Mestras e a Ansuíña. Fíxome caso: catro gotiñas de nada. Para que refrescasen as airas e para que cheirase a terra mollada.

Porén, cando cheguei ó montes do Padornelo xa lle dei a orde para que descargase a cachón. Non tardou aquilo en semellar a fin do mundo. Como vin axiña que o asunto se puña serio (tampouco quería que por miña culpa houbese desbordamentos que fixesen dano), soliciteille á nube que xa estaba ben. Tamén me fixo caso.


Eu ía tan cómodo nela que, de cando en cando, cambiaba de postura; e das pernas cruzadas pasaba a tombarme tan longo como era; de tombado erguía dun chouto e imitaba a Leonardo DiCaprio no Titanic querendo ser o rei do mundo; abríame de brazos e berraba: son o rei do ceo!

Como presunto rei tamén quería facer algunha trasnada. Cando chegamos á altura da capital do Imperio, deille a orde de que soltase tronos e lóstregos de tal magnitude para que os madrileños soubesen o que era o medo. Non tardei en ver como as rúas quedaban desertas e, nun amén compasivo, díxenlle á nube negra que pasase de présa, que xa lle meteramos o medo no corpo.

Tampouco tardei en dicirlle que dese a volta e, obediente, levoume ó punto de partida. Deille un bico de agradecemento e, ó instante, vin como se diluía, como se esfumaba, como desaparecía.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 3 de marzo de 2025


Foto: Parque das Mestras (Baños de Molgas - Ourense)

lunes, 3 de marzo de 2025

O TEMPO É


Entroido. Esperando. Aire frío. Pobre ambiente de disfraces. Fútbol na televisión. Coches que pasan. Xente que fala. Unha nube branca no ceo. Que todos os anxos abran as ás e voen sobre a terra chá. Que todos os lobos ouleen desde as puntas dos outeiros. E que cada tren pase pola estación de Baños de Molgas con destino ó infinito e máis alá. Os pasaxeiros esperan e simplemente os ven pasar.

Silencio. Minutos finais do partido. Axiña empezará outro. Esperando. Esperando a que aconteza algo... un movemento, unha parola, un xesto, un ruído, un susto, un berro. Sombra que me asombras. Frío que penetra. Que todas as noites molguesas sexan a almofada dos recordos. Que cada pau terme da súa vela. Que cada vela ilumine a penumbra da habitación que está medio ás escuras. As noites son para oulear no medio do silencio.


Gallas que se moven impulsadas polo vento. Vento que zoa. Instante eterno, querido, desexado. Cadeira negra que asenta sobre baldosas brancas. Que ninguén pense que é fácil correr. Emporiso, que ninguén se quede quieto. A vida é un continuo movemento. O entroido é a ocasión perfecta para vencer a vergonza, a timidez, a covardía, o medo. Toca troulear anonimamente baixo unha máscara, unha careta de lobo.

Seis e pico da tarde. Pingas azuis caendo sobre unha páxina cuadriculada. Nenos xogando pola beirarrúa. Toxos floridos. Xamóns colgados dun balcón. Balcón no que todo pode pasar e nada pasa. Que todos os palleiros das airas sexan testemuñas dunha época que xa foi. Agora mesmo, o tempo é.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 1 de marzo de 2025


Foto: Estación de Baños de Molgas (Ourense)

sábado, 1 de marzo de 2025

FÍSICO DIMINUÍDO, MENTES PERTURBADAS

 

Antigamente, conducir e ter coche non estaba ó alcance de calquera. Hoxe en día é unha necesidade e, practicamente, calquera pode conducir e ter coche. Para conducir esíxese un carné que se pode sacar ós 18 anos. E segundo non se pode sacar antes desta idade, por que non se regula tamén o momento no que non queda outra que deixar o coche “aparcado” ou esquecido a causa da idade?


Vén isto a conto porque hai máis ou menos un mes que un home de 93 anos circulou 30 quilómetros pola A-8 en sentido contrario e ata que chocou contra un camión. Con 93 anos e incluso con máis, unha persoa pode “regular” ben, pero coa limitación, coa dificultade, coa pega de que os reflexos, por moito que se queira, non son os mesmos. A cabeza diche que todo vai vento en popa e tiras para adiante, ata que chega o momento en que o corpo, os músculos, o físico non responden á mesma velocidade do entendemento. É así de sinxelo.

Por iso é que, ante estes casos, Tráfico, o Goberno ou a quen lle corresponda, debería poñer unha liña, un tope de idade para deixar o coche, para deixar de conducir definitivamente. Creo que está máis que demostrado (imaxino que haberá estatísticas) que cando alguén conduce en sentido contrario (exceptuando ós kamikazes, por suposto), adoitan ser persoas con certa idade. Penso que se evitarían bastantes accidentes. E Deus me libre en poñerlle achaques ás persoas da terceira idade (eu non tardarei en chegar a ela), pero a experiencia está aí e dinos que os reflexos xa non son como eran. Simplemente, lei física. Tamén, como non, desgaste temporal, físico diminuído.

Somos humanos que nos desgastamos, que diminuímos, pero tamén somos humanos tan bravos que nos convertemos en animais. Morreu o afeccionado agredido nun partido de balonmán de base cando defendía ó seu neto de 16 anos porque, eses humanos animais a emprenderan coa súa arbitraxe. Berrándolle ás de deus é cristo a un neno de 16 anos, que podía ser moi facilmente un fillo deles.


Somos humanos animais en calquera lugar da xeografía española. Aquel foi en Sanxenxo, e en Gran Canaria tres árbitras tiveron que pecharse no vestiario polas ameazas de varios xogadores, ou sexa, de varios humanos animais, de varias mentes perturbadas.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 1 de marzo de 2025

OS OLLOS


Deixo de mirar para un lado. Miro para o outro. Miro para adiante. Miro para atrás. Non vexo nada. Ás veces, por moito mirar, é cando menos se ve. Outras, sen mirar, ves a vida pasar. Todo moi bonito. Todo unha quimera. Todo unha incongruencia. Todo un desatino. Todo moi lindo. Todo o universo sobre min, din por aí.

Pecho os ollos. Agora si que non vexo nada. Por moito que, ás veces, diga que é cando mellor vexo. Nisto refírome, por suposto, ós meus pensamentos, ás miñas imaxinacións, ás miñas fantasías. Cos ollos pechos tamén vexo a vida pasar. Esta condenada non se detén nunca. Cando se detén... malo! Requiescat in pace para quen se lle detivo.


Cos ollos medio cerrados vexo e non vexo. Depende das ansias e das circunstancias, das ideas e dos sentimentos, do querer ou non querer. Cando medio cerro os ollos é máis ben para forzar a vista ou para evitar que entre a voaxa, a poeira. O sol tamén, por veces, molesta moito. E os ollos son tan delicados, tan fráxiles, tan sensibles...

Son tan delicados que choran: de tristeza, de alegría, a causa da carraxe e de que, ó mellor, se meteu a viga neles en vez da palla nos alleos. A delicadeza dos ollos está tamén no esforzo que teñen que facer para ver o que hai máis alá do bafo nun espello. O ollo, de cando en vez, é pillabán.

Para rematar o asunto, non queda outra que abrir ben os ollos para que a vida non nos pille distraídos. O de ver ou non ver (á miña maneira) xa é o de menos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 28 de febreiro de 2025