domingo, 6 de abril de 2025

OULEANDO DESDE O OUTEIRO


Alá, na distancia, está o outeiro, o lombeiro. No alto do outeiro está o lobo. Ouleando. Cun ouleo longo, queixoso, rachando o silencio. Hai ouleos que avisan, que son coma unha chamada, que comunican. Tamén os hai que marcan territorio.

O dese lobo era un ouleo triste, melancólico, morriñento. Non era un só ouleo. De cando en vez tomaba folgos. De cando en cando alzaba a cabeza e ouleaba. Ouleaba mirando ó ceo. Ouleaba cara ó infinito e máis alá. Semellaba que ouleaba de pena. Ó mellor era de ansiedade. Ouleaba chamando por algo, ou avisando á camada, ou quizais para que ningún destes se achegara.


Ouleaba baixo a luz da lúa vella. Ás veces acochaba entre as toxeiras, pero non tardaba en saír para oulear de novo. Ouleaba coa nostalxia preñada nos seus ollos. Ouleaba de noite e quizais soñase de día.

O lobo é gris, máis ben grande e, iso si, solitario. Non só nese momento. Outros días xa o vira no alto do outeiro, só, e... ouleando. Tan só ouleaba desde ese recanto, desde ese picouto, desde ese cume, quizais para remarcar con máis insistencia o seu territorio. Un territorio silandeiro no que, polo día, brillaban as cores amarelas das flores dos toxos e, pola noite... pola noite, a escuridade facía máis triste o seu ouleo, máis nostálxico, máis melancólico.

Cando chego á súa altura, sento á súa beira. El tamén senta, pero mirándome de esguello, desconfiado, suspicaz. Pásolle a man polo lombo, sorrío e, nunha arroutada..., ouleamos os dous!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 6 de abril de 2025

sábado, 5 de abril de 2025

SUBÍN Ó CEO. BAIXEI Ó INFERNO

 

Subín ó ceo. Baixei ó inferno. Na subida botei a lingua fóra. Na baixada, metina dentro. O caso é non quedar quieto. Subín amodo porque todas as costas custan e baixei correndo porque, para abaixo, todos os santos axudan. Iso din. Como se di que, ás veces, é peor a baixada que a subida.

Subín ó ceo. Baixei ó inferno. Todo vai e vén. Todo entra e sae. Todo sobe e baixa. Todo son pingas de orballo... cando orballa. Se non orballa, haberá que pasear pola praia. Para sentir nos pés a auga.


Subín ó ceo. Baixei ó inferno. No ceo estaban todos os anxos coas ás abertas e atentos ás aburridas parolas de san Pedro. No inferno... no inferno tan só estaba o demo. Ese demo temido por veces e tentador outras. Hai que recoñecer que ten o seu aquel, o condenado. Tamén todo o que é prohibido é máis que tentador.

Subín ó ceo. Baixei ó inferno. A subida era como a memoria preñada de nostalxia, como a inocencia bailando un tango agarrado á infancia. A baixada era como ese berro seco esgazando o silencio, como ese verso que se solta, que cae do poema.

Subín ó ceo. Baixei ó inferno. A lingua prefiro que siga dentro. Se a boto fóra, igual se desboca e córtanma. Dentro atopa a suficiente calor e a precisa humidade para manterse contenta. Subir e baixar, baixar e subir. Co ben que se está tombado nun sofá. Coa lingua dentro, aínda que, de cando en vez, se bote fóra para coller folgos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 4 de abril de 2025

viernes, 4 de abril de 2025

ERUPCIÓNS DO VESUBIO


Tal día coma hoxe de hai 119, o 7 de abril de 1906, o volcán Vesubio, na costa oeste de Italia, empezaba cunha erupción que se estendería durante varios días seguidos e que devastou Nápoles.

Porén, cada vez que escoitamos ou vemos o nome de Vesubio, vénsenos á cabeza Pompeia, grazas quizais á industria cinematográfica, con dúas películas que abordaron tal traxedia: “Pompeia” (2014) e a máis significativa “Os derradeiros días de Pompeia” (1959). As dúas fan referencia á erupción do ano 79 d.C., que destruíu por completo as cidades de Pompeia e Herculano, e da que non se sabe poñer un número determinado de vítimas. Fálase de entre 2.000 e 16.000.


A diferenza que hai entre esta e a do anterior parágrafo está en que a de 1906 precedeuse por unha serie de sinais de advertencia. Durante os meses previos, rexistráronse tremores e unha intensa actividade sísmica, o que levou a algúns científicos a prever unha posible erupción. E foi ese 7 de abril cando empezou a cuspir unha columna de cinsa e gases a máis de 10 quilómetros de altura. Tal explosión escoitouse a centos de quilómetros e a cinsa cubriu todas as cidades da contorna, afectando a miles de persoas. A erupción tamén provocou fluxos piroclásticos, que son correntes rápidas de gas quente e material volcánico, que arrasaron con todo ó seu paso.

Por moito que as autoridades locais evacuaran ós residentes das áreas máis afectadas, sempre quedaron aqueles que non puideron por falta de recursos ou, algúns, pola esperanza de que a situación mellorara. En consecuencia, estímase que miles de persoas foron evacuadas e moitas perderon a vida. Logo do ser humano, quizais a agricultura fose o sector máis prexudicado, xa que as cinsas cubriron os cultivos, a crise alimentaria durou meses e á recuperación económica local cumpríronlle anos para poñerse máis ou menos ó día.

Agora dise que desde o punto de vista científico, a erupción de hai 119 anos proporcionou valiosos datos sobre o comportamento do Vesubio e a dinámica das erupcións volcánicas. Os vulcanólogos estudaron máis a fondo a esa forza da natureza, o que levou a un mellor entendemento dos procesos eruptivos e á aplicar métodos de sistemas de control máis efectivos.

O Vesubio segue en activo e considérase un dos máis perigosos do mundo pola densidade de poboación ós seus arredores.


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 4 de abril de 2025

UN SEÑOR LIBRO!


Uns días antes do luns, 17 de marzo, invitáronme á presentación dun libro e dunha exposición na biblioteca Nós de Ourense sobre os maragatos. Por causas familiares non puiden asistir. Ese mesmo día, á media tardiña, recibín un correo electrónico para que, cando puidera, pasase a recoller o libro que deixaran de agasallo para min.

Fun ó día seguinte e pensando máis ben nun libriño deses de peto, “de bolsillo”. A miña sorpresa foi maiúscula cando vexo que se me achegan cun señor libro, que mesmo pensei ó momento se non erraran ó collelo. Non, alí estaba a nota co meu nome e cando vin o título, “Los Maragatos de la Puerta de San Pedro”, souben que si, que ese era o agasallo.


O libro é descomunal, é deses que penso que case non se editan xa; é deses que, cando o pides, en vez de chamarlle libro, chámaslle tomo; moi semellante a aqueles libros das enciclopedias. Ben encadernado e mellor editado.

“Los Maragatos de la Puerta de San Pedro” —xa máis ou menos o título o di todo—, versa sobre os maragatos en certas zonas de Galicia, en xeral, e en Lugo, en particular; baixo o prisma da familia Pérez Carro. Marabillosamente documentado e esplendidamente fotografado.

Escrito por Antonio Giz e Xulio Xiz (meu amigo) deixa un moi bo sabor histórico e nostálxico incluso para os que non somos desas zonas, e cun grande sorriso nos beizos coas testemuñas finais de certas personalidades e, por suposto, dos propios familiares Pérez Carro. Un señor libro!


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 4 de abril de 2025

jueves, 3 de abril de 2025

MOITO CONTO

 

Levei o conto deica a súa máxima consecuencia ou repercusión. Ata que o rematei. O conto non dicía nada, aínda que había algunha frase que podía dicilo todo, dependendo de quen a lese e como a lese. Ou sexa, a famosa expresión esa de ler entre liñas; pese a que sempre digo que, entre liñas, só hai espazo en branco, só hai baleiro.

O conto que contaba versaba sobre as consecuencias do ser ou non ser hamletniano, e sen saber moi ben quen era ese tal Hamlet. Porén, non fai falta ser Shakespeare para dicir que as cousas son ou non son, para dicir que as materias están ou non están. Non hai termo medio. Nin tan sequera nos contos. Todos acaban rematando; máis ben ou máis mal pero con final.


No conto que contaba asomaban as peripecias da vida. Que as hai e son moitas. Mesmo, a este respecto, e mellor que no conto, irían nunha novela. Porque todas as vidas, as de cada un de nós, dan polo menos para unha novela. No conto pódese narrar un instante, un simple momento, pero a unha vida enteira quédaselle pequeno. Entendendo como conto unha relación de feitos contados nun relato literario breve. A vida humana ten o seu aquel: é un suspiro e pode ser unha eternidade.

O meu conto non dicía nada, aínda que falaba de todo: desde a música morriconiana do meu propio universo ata o ruxerruxe dunha almofada a causa dun insomnio eterno; desde a estrutura dun colgante con forma de vaca ata o berro seco dun silencio morriñento; desde o baile duns pensamentos ata o desexo de arder a fogo lento. É dicir, moito conto para quedar colgado do baleiro.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 3 de abril de 2025

miércoles, 2 de abril de 2025

O ACCIDENTE DO RAÑADO

 

Corrín detrás de Felisindo, O Rañado, porque me roubara unha cesta de peras que tiña na palleira. Ó mellor era de mazás; mais é o mesmo delito. Corrín coa lingua fóra porque el corría máis ca min. E iso que era coxo, o condenado. Coxeaba da perna esquerda, que seica lla partira un cabalo cando este caeu enriba del.

O accidente acontecera na carreira que leva ós Caneiros, alá pola vila de Baños de Molgas, cando o movemento dunha serpe no valado asustou de tal forma ó cabalo que, a maiores do brinco que deu, acabou caendo sobre a perna esquerda do Rañado. Cóntase que os berros, máis ben os alaridos, de Felisindo foron tan intensos que, outra vez o cabalo, co susto, levantouse, ergueuse nun amén, nun alustro. Algo que quizais, dentro do malo, mellorase a situación do Rañado. Non poderemos saber como quedaría a perna no caso de que o animal seguise alí per secula seculorum.


A verdade é que tampouco sería tanto tempo; os alaridos do rapaz axiña alertaron ós veciños que non tardaron en formar unhas angarellas, unhas padiolas de troncos de toxos (alí mesmo había uns toxos arnais que semellaban carballos) coa que o trasladaron ó centro médico molgués e, de aquí, axiña marchou para a residencia sanitaria de Ourense.

Como non conseguiron arranxarlle ben a perna (o peso do animal fixera un auténtico estrago) quedoulle xa unha coxeira de por vida. Coxeira que non evita que, o malnacido, ande a roubar todo o que atopa no seu camiño. Está tan acostumado a fuxir que, mesmo coxo, corre coma quen leva o demo detrás.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 2 de abril de 2025


Foto: Carreira do Caneiro (Baños de Molgas - Ourense)

martes, 1 de abril de 2025

NA GAIOLA DA INCAPACIDADE



Flores silvestres sobre a albarda dunha besta. Auga de muíño que rega as veigas. Richard Chamberlain que lle dixo adeus á vida. E o pardal que chouta por entre as patas das mesas. Quero que todo flúa, que nada se estanque e que os bambáns dos soños amosen historias que poderán ser. Ou non.

Cereixas colgadas dunha lareira. Chourizos pendurados dunha cerdeira. O anverso mira con envexa, con denteira ó reverso e certos versos mófanse de parágrafos incompletos. Hai literatura para dar e tomar, para colgar nas orellas como hai escrituras baleiras, insignificantes, anódinas, mediocres. Quero que a composición dunha canción faga bailar aqueles sentimentos que van e veñen polas corredoiras do arco da vella.


Pouquiño azucre sobre o café. Café que baixa e quenta un pouco as ideas, aínda que, estas, as pobres, están na gaiola da incapacidade, no cárcere da ineptitude. Porque non son tantas as noces como as voces. Iso din. Quero que o universo caia sobre min. Seguro que me libro agachando nos buracos negros da memoria. Ou da conciencia.

Simone Mendes nos meus oídos. Baile de pés baixo certos ritmos. Badaladas de latexos que mancan no peito. Peito no que se oprime o desexo. Desexo que se axeonlla ante a ansia de querer e non poder. Quero cantar unha misa de réquiem na que as badaladas saian dun confesionario e os pecados capitais caian desde o propio campanario. Quero ser a estrela errante de Lee Marvin e o Love Me Tender nesta pobre tarde. Quero ser a proa da Perla Negra.


Café Rooster. Ourense. Luns, 31 de marzo de 2025

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 31 de marzo de 2025