jueves, 8 de mayo de 2025

VIVIR DO CONTO


Non son o que conta o conto, senón o que vive do conto. Hai moita xente que vive do conto. Máis da que pensamos e cremos. Eu mesmo. Vivo do conto que nunca conto e que sempre prometo contar. Son un troleiro.

Contar un conto tampouco é tan tan fácil. Menos para os que viven do conto. Eses son listos. E, si, xa todos estamos pensando nos políticos... que viviron, viven e vivirán do conto. O mundo está cheo de xente que vive do conto. Repito: eu mesmo. Vivo do conto. Dun conto que todos coñecen e saben xa: que a Perla Negra navega polos océanos, que o lobo oulea desde os outeiros do peito, que a flor do toxo é amarela, que sete son as cores do arco da vella, que todo vai e vén e nada queda quieto, que o que non está quieto é porque se move.



Vivir do conto tamén vive calquera. Soltas palabras a esgalla e toca crelas ou non, sentilas ou non, vivilas ou non. Ás veces tamén chega con xestos ou feitos para vivir do conto. Un simple meneo de cabeza, un sinxelo achegamento e, politicamente falando, arar polo mesmo rego son contos dos que se pode vivir perfectamente e moi ben, ademais.

Vivo do conto desde que me dixeron que contara sempre o que fose, aínda que fose mentira. E que canto máis esaxerase, máis me crerían. Por iso ás veces esaxero o que non ten máis esaxeración. E por iso invento contos sen pés nin cabeza, mesmo sen final. Principio teñen (mal principio), porque por algo hai que empezar. Despois, cada quen que os crea ou non. Vivir do conto é como virar a chaqueta para o suco ou para o rego que máis colleita dea. Así de listos son uns cantos. Moitos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 7 de maio de 2025

miércoles, 7 de mayo de 2025

AGUDEZA VISUAL


Mal corpo. Críticas que non son condenas, censuras. Agudeza visual. Correccións ortográficas. A pesar de reler o escrito, sempre hai algo que falla, sempre hai alguén que atopa a falta. Agradécese a corrección, a emenda, a rectificación. Mesmo para gastar bromas ou para imaxinar indirectas. Catro ollos ven mellor que dous. Ninguén é perfecto. Nin dándolle voltas e reviravoltas ó mesmo conto.

Ás veces pódese corrixir a corrección. E cando non se chega a tempo, confíase en que haxa outros que a corrixan antes da súa publicación e, se non, xa o lector se encargará de atopar o fallo, a falta para, ó momento, actuar de dúas maneiras: burlarse do autor ou deixar escapar un sorriso cómplice co slogan de que un fallo teno calquera.


Por veces, tales faltas son debidas máis ás présas que ó descoñecemento ortográfico, gramatical. Aínda máis, tales fallos débense máis ben ó teclado, á velocidade con que se lle dá ás teclas con certos dedos torpes ou romos que, de cando en cando, fan das súas.

Hai faltas ortográficas que son tan inocuas que se nota ás leguas que se escribiron sen intención, sen darse de conta. Son tan evidentes ó despiste que o mesmo repaso da lectura non é quen de decatarse. É aí cando si aparece, cando si asoma a agudeza visual de alguén. É aí cando a crítica é broma e a chacota se pode converter nunha indirecta cariñosa, mesmo sentimental.

É bonito que corrixan a un. Iso significa que alguén está lendo iso, que se demostra unha vez máis que ninguén é perfecto e, por que non, que se pode aprender dos fallos.


Café Rooster. Ourense. Martes, 6 de maio de 2025

martes, 6 de mayo de 2025

DEIXO QUE O TEMPO PASE


Deixo que o tempo pase para que algo (ou todo) cambie. Non cambia nada. O entorno segue en silencio. O baleiro é coma un cero á esquerda. Este cero non é nada porque nada suma. O lobo segue ouleando. A miseria segue a ser pobreza. E o círculo é unha circunferencia eterna (ou o límite exterior de tal círculo).

Deixo que o tempo pase para que algo (ou todo) cambie. Nun amén cambiou todo. O coche moveuse de sitio. O lobo correo por outro outeiro. O corazón saltou latexos. Os latexos moveron os peitos. Os peitos bambearon ó moverse ela (ou el). O silencio viuse sorprendido polo ruído. O baleiro encheuse con nobelos de la e nUn espello debuxouse un corpo. Tal corpo moveuse: cun sorriso que se abriu, cuns ollos que pestanexaron, cuns brazos que se moveron...


Deixo que o tempo pase para que algo (ou todo) cambie. Cambian os políticos pero non cambian as súas ideas. Cambian as afeccións deportivas pero non cambian os fanatismos futbolísticos. Cambian os temas musicais pero non cambian os seus autores. Cambian os versos; non cambia o poeta. Cambia a realidade pero seguen eternos os recordos. Cambian os feitos; segue o concepto. Cambia a figura humana camiñando pero non cambia a súa sombra.

Deixo que o tempo pase para que algo (ou todo) cambie. Non cambia o día, pero é día e noite. Non cambia o momento, pero hai silencio e ruído. Non cambia o lobo de posición, pero o seu ouleo é toda unha declaración. Deixo que o tempo pase...


Café Rooster. Ourense. Luns, 5 de maio de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Martes, 6 de maio de 2025

sábado, 3 de mayo de 2025

SITUACIÓN CAÓTICA


Unha semana xusta. Da situación caótica. Do apagamento en toda España e Portugal, en toda a península Ibérica. O dos países quizais fose o de menos. A min en concreto chegábame con Ourense. Para amolarme. Ó principio acordeime da Covid-19, coa que collemos as restricións, as limitacións en plan de carallada, de brincadeira. Despois, cando o asunto se puxo serio...

Con este apagamento acaeceu máis ou menos o mesmo: risas ó principio cando se soubo que era bastante xeneralizado, pero cando as agullas do reloxo seguiron avanzando, cando , máis que os minutos, as horas pasaban e pasaban, os insultos, as aldraxes, as ofensas axiña asomaron. Polo de xantar en frío. Leveino ben: cunha ensaladiña baixa moito mellor o filete empanado, que, por sorte, acabábase de facer.


Cando aínda a falta de luz non era de horas, deixei caer as típicas bromas: unha nave extraterrestre que caeu en tal lugar, un atentado nuclear (non é tanta broma nin tan imposible), volta ós tempos primitivos, volta ás cociñas de leña ou butano, volta ós berros para comunicarnos... Os móbiles coma se non os tiveramos.

Pasadas as mofas e transcorrido o tempo sen luz, o tema, o caso, o asunto xa se puxo serio. Xa as reflexións profundas asomaron e axiña cheguei a unha única conclusión: que non somos nada. Neste caso, sen luz, se entende. Estamos máis que atados, máis que pexados, non só ós móbiles, senón a todos os aparatos existentes nunha casa, que son moitos.

Chegaron unhas poucas horas para caer na conta de que a Covid-19 ante un apagamento electrónico é como un simple gran no cu que non tarda en pasar. Certo que o virus, Covid mantivo a un pechado nas casas, pero o apagamento... nin casas, nin fóra, nin rabo de gaitas; sen luz, hoxe en día, non se fai nada. Non somos nada. Ou en tal caso, somos un cero á esquerda.

Agora xa pasou (no meu caso foron dezaoito horas sen luz), pero seica pode volver pasar. Agora xa pasou, e como pasou, os políticos lanzáronse e aínda se lanzan á xugular duns e doutros, non para buscar culpables, senón para marcarse tantos ó seu favor, a sacar rédito das desgrazas alleas; como fixeron sempre, como farán sempre.

Unha semana xusta da situación caótica. Agora toca construír búnkeres, asaltar supermercados e aprovisionarse con produtos que, pasados os días, haberá que tirar.


Café Rooster. Ourense. Luns, 28 de abril de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 3 de maio de 2025

UN FEIXE DE PENSAMENTOS


Carguei sobre o lombo un feixe de pensamentos que non dicían nada. Eran superfluos, raquíticos, mesmo ignorantes. Tamén é verdade que o feixe non pesaba. O único que pesa é a culpa e a conciencia negra. Son un bendito e teño a conciencia branca, e azul, e vermella, e amarela. Inmaculada.

O feixe dos pensamentos ateino cunha reata de esparto, na que, entre fibra e fibra, ía unha idea innecesaria, esfameada, mesmo profana; moi pouquiña cousa. Sempre houbo ideas moi pobres. Tan pobres que nin fan vulto para desenvolvelas. Nin tan sequera merecen unha oración completa.


Malia que o feixe de pensamentos non pesa, de cando en vez, déixoo caer sobre un valado e esperando a que algunha idea máis se enlea entre os ruxerruxes da vida que vai e vén polas corredoiras do tempo. En cada deixada, en cada repouso, en cada descanso nada se mete por debaixo da reata de esparto. Os propósitos, as opinións, os conceptos seguen esperando a que alguén, alguén máis intelixente os meta, os integre nese feixe de pensamentos que, semella, cada vez pesa menos.

Segundo o feixe pesa menos, a alguén as culpas lle pesarán máis. A culpa sempre pesou moito, demasiado. Ninguén está libre de culpa, nin tan sequera os benditos. Ó mellor as paradas, os descansos son máis ben para alixeirar esas culpas e non para engadir, para acumular máis e mellores ideas.

Remato o camiño da soidade descargando con parsimonia e moita pachorra o feixe dos pensamentos. Caen tan amodiño que non se mancan, que non sofren. Como as ideas, que foron tan pobres que nin vulto fixeron. A vida, ás veces, é pouquiña cousa... un salouco, un suspiro, un latexo. Vida.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 2 de maio de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Venres, 2 de maio de 2025

viernes, 2 de mayo de 2025

UNHA PRESADA DE XESTAS


Métome polos verdes são campos de José Afonso ou de Uxía e empreño co verso libre do poema. Un pequeno mangado de xestas colga da porta mentres bailo un valse no escote da memoria. Ó mesmo tempo tamén me deixo levar polos peitos dos recordos. Cada encontro, un tempo e o tempo que se volve eterno. Asubío un ora pro nobis de desexo e que o estandarte siga firme e rexo.

Pingas de orballo que caen polas meixelas nos días nos que a distancia é longa e o verso libre que se volve rego polo que corre a memoria fotográfica para completar o poema sinfónico. A melancolía é o pracer de estar triste e a morriñada é o instante no que todo se debuxa, no que todo se coida, se inventa, se concibe, se figura.


Hai etapas, momentos, épocas nas que a lembranza queda como medio durmida ata que unha presada de xestas a esperta. Ás veces chega unha palabra, un xesto para que todo volva, para que todo flúa ou discorra por ese poema ó que, iso si, lle falta ese verso libre que se desprendeu do escote da memoria.

Din que o meigallo se espanta cunha presa de xestas colgadas das portas das casas. Pero hai meigallos ou feitizos que furgan no colo dos pensamentos, no regazo do intelecto. Como hai berros que se lanzan ó vento. Ou ouleos ó ceo. Hai tempos nos que os poemas saen completos. Hoxe, un verso libre cae desde o peito de devezo. Agora que cada quen lle poña música ós versos e que o meigallo siga furgando polas veas abertas da conciencia, polo réquiem dos sentidos e pola nostalxia do que foi.


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 2 de maio de 2025

jueves, 1 de mayo de 2025

A APOCALIPSE


Desde as seis horas e vinte e tres minutos da madrugada, desde que volveu a luz, estou esperando a apocalipse. Espéroa desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas. Para estar máis cerca de Deus. Confío en non ir ó inferno. Se cadra merézoo máis que moitos, pero... vai ti saber!

O primeiro aviso tivémolo coa pandemia da Covid-19. O segundo aviso chegou co apagamento eléctrico de toda a Península Ibérica. O terceiro e definitivo chegará co cometa H3XKaput que chocará coa Terra non tardando moito. E non será un impacto para extinguir algo así como algúns animais, se non que, ó ser o cometa case o dobre de grande que o noso planeta, as consecuencias de tal choque non teñen volta de folla, ou sexa, non hai bicho que aguante, é dicir, non quedará pedra sobre pedra.


Xa adianto que non será necesario a acumulación de produtos de subsistencia. Non será necesario ningún asalto ó Mercadona nin supermercados semellantes. Para que? Non haberá sobreviventes. Non quedará nin o po, nin a voaxa do propio planeta.

Pois iso, ás seis horas e vinte e tres minutos da madrugada subín correndo os 103 chanzos que levan ó campanario. Subín sen practicamente nada. Tan só o imprescindible para subsistir ata a mesma apocalipse, ata a chegada do cometa H3XKaput, que mandará á Terra ata o infinito e máis alá, ou sexa, a tomar por aquel sitio.

E como sei que hai que morrer, que queredes, faime ilusión que sexa unha apocalipse a que me mande ó mundo dos silenciosos, dos apagados, do baleiro.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 29 de abril de 2025


Foto: Igrexa de Baños de Molgas (Ourense)