sábado, 7 de junio de 2025

ALGUÉN TEÑO QUE SER


Estudei a posibilidade de querer saber quen son. Agora mesmo, non o sei. Uns chámanme dunha maneira e outros doutra. Uns míranme de esguello, outros de fronte. Uns asubían ó verme pasar, outros bisban polo baixiño. Todos berran cando pensan que non os escoito. Teño oído fino.

Busco entre liñas a ver se me atopo e só vexo espazos en branco. Fago preguntas indirectas coa intención, iso si, de que as respostas sexan directas, e nin así. Nin tan sequera se dignan en contestar, en responder. Noto o desdén.


Busco entre os ruídos por se, nun casual, me volvera silencio. O único que atopo son algarabías, barulladas de indiferenza, de apatía. Busco nas gaiolas do tempo. Por se alguén me pechara cando a memoria non era nin recordo. Non me atopo preso, nin en liberdade, nin cruzando fronteiras. Non sei quen son nin me coñezo. Nin tan sequera as lembranzas empreñan soños. Nin tan sequera os soños paren sentimentos.

Queda a opción de esperar e a ver en que acaba o conto. Sempre existe a posibilidade de que algún inocente, que non sabe de que vai este esperpento, me atope, me encontre. Mesmo de que saiba quen son.

Alguén teño ser. Isto si o sei. O que son xa é outro cantar. Podo ser un cero á esquerda ou unha voaxa na herba. Podo ser un verso solto ou un poema completo. Podo ser a espiña da silva ou a flor do toxo, o ladral dun carro ou o rabo dun gato, o ouleo dun lobo ou o ouveo dun moucho, o son dunha campá ou o croar dunha ra. Ó final penso que serei o salouco feito anhelo e a ansia feita desexo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 5 de xuño de 2025

viernes, 6 de junio de 2025

UNS VEÑEN E OUTROS VAN


Uns veñen e outros van. O mes de xuño está. Ennio Morricone nos auriculares con “Era unha vez América”, unha das mellores bandas sonoras cinematográficas de todos os tempos. Nubes no ceo que ameazan chuvia. Entre elas, asoma o sol. Tempo revolto. Coches que pasan. Follas e gallas que se moven empurradas polo vento. Unha muller, nunha mesa da beira, que seica está de aniversario. Os anos suman. O tempo pasa. A vida segue.

Uns veñen e outros van. O café queima, abrasa. Hai que esperar. Como odio as esperas! Entre sorbo e sorbo acórdome en quen o serviu. E non son recordos agradables. Coa comida pásame igual: que, aínda que estea fervendo e como a teña na mesa, vouna comendo e pasa o que pasa: malos pensamentos ó torto e ó dereito. Porén, sorbo de café e... maldita sexa quen... Trago de café e... a alguén lle rillaría agora mesmo os ósos ou os miolos. Emporiso, media cunca de café está xa no estómago.


Uns veñen e outros van. As cinco da tarde están aquí. As nubes, do negro pasaron ó gris; o resto do ceo está azul. Alberto Hammond quere que lle boten a el a culpa. Non sei, algo faría. Algo di que no outro mundo en vez de inferno que atope gloria. A quen llo di, xa non sei. Tampouco me preocupa. Cada un busca a vida ou os versos ou os temas como pode e, ó mellor, como lle cadra.

Uns veñen e outros van. Como os pensamentos que furgan por entre as toxeiras da nostalxia e os piornos do desexo. Como os momentos nos que o ceo estaba aí e o inferno esperando. Tamén este e aquel van e vén... pola conciencia de algúns.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 5 de xuño de 2025

jueves, 5 de junio de 2025

PERMISO Ó TEMPO


Doulle permiso ó tempo para que pase. Parece mentira, pero, ás veces, aínda que non se deteña, si se detén. Non pasa nunca. E cando non pasa notas como a úlcera se ensancha, se abre. Tamén é verdade que outras veces non hai quen o deteña. O tempo é raro de carallo; é o mesmo pero non pasa ou voa. Moi raro.

Estou aquí, nunha terraza, facendo tempo para que me poñan o café e para falar un chisco do tempo, dese lento, cachazudo ou do veloz, lixeiro; da súa rareza. Facendo tempo e non podo perder o tempo. Un pouco galimatías, pero real coma o propio tempo. Entre sorbo e trago non perdo o tempo: escribo e deixo que o pensamento busque momentos que se poidan contar, que poidan matar o tempo.


Non sei quen me dixo hoxe que levaba uns días bastante prexudicado. Seguro que aí o tempo tamén ten moito que ver. Polo tempo flúen, discorren pensamentos sobre a saúde física e mental. O tempo dá para pensar nos pros e nos contras. Algunhas persoas, certo, non pensan en nada. Como moito, nos biosbardos.

Sigo aquí, dándolle permiso ó tempo para que pase. Segue máis parado que un sapoconcho indeciso, que xa é dicir. Empurro nel, no tempo, pero non hai maneira a que pase, por moito que transcorreran xa uns dez minutos. Repito: hai moitas formas de velo pasar. Mesmo de contalo. Cando corre, intento detelo, frealo. Agora mesmo doulle permiso para que pase. Sen correr. Que igual se acelera de máis e a vida hai que vivila con calma, con harmonía.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 4 de xuño de 2025

miércoles, 4 de junio de 2025

OS NENOS DA POBREZA


Dous millóns e medio de nenos viven na pobreza. En España. Non digo en África nin na Cochinchina; digo en España. E oito de cada dez nin poderán comer unha vez ó día durante a época estival. É dicir, cando hai máis dispendio na sociedade: polas vacacións, polas foliadas, polo ocio, polo divertimento e, máis sangrante aínda, polas festas gastronómicas. Oito de cada dez mirarán para a comida, mirarán como come a xente nesas enchentes e, a eles, iráselles a vida.

Os nenos. Os máis vulnerables. Nas guerras. Na miseria. Nos desprazamentos ou traslados bélicos. Na inmigración. Nunha sociedade que os castiga con abusos, con malos tratos, con separacións e divorcios... Son danos colaterais nas disputas conxugais, nas xenreiras familiares, nas vinganzas eternas.


Agora mesmo, as comunidades autónomas andan ás regueifas, ás pelexas, a partir as peras polas distribucións ou reparticións dos nenos inmigrantes. Trátanse coma vultos que se levan de aquí para alá, coma coellos engaiolados dunha granxa a outra. Mírase antes a comenencia política que a propia saúde dos nenos, que a propia infancia. E a infancia non debería ter fronteiras. Nin cotas. Nin reparticións. Nin tan sequera reunións ou plenos ou reais decretos ou leis. E moito menos discursos finxidos, nin promesas rotas, nin feitos imposibles.

As comunidades, os países, os concellos, as vilas deberían ser coma Xesucristo: deixade que os nenos se acheguen a min. En vez de tratalos coma escudos, coma obxectos, coma escusas deberiámolos traer en andas, na palma da man. Como se adoita dicir: son o futuro. Moitos non chegarán ó día de mañá. Pola desleixo, polo abandono e pola ambición dos adultos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 3 de xuño de 2025

martes, 3 de junio de 2025

CINGUIDO A UNHA CERDEIRA


Aquí estou, cinguido a unha cerdeira para non a deixar escapar. As árbores non adoitan moverse, pero por se aquel. Non quero correr detrás dela para que ninguén pense que estou mal da cabeza. Nunca vin a unha persoa correr detrás dunha froiteira, nin de ningunha árbore. Porén, xa se sabe que sempre hai unha primeira vez.


Levo tres horas e vinte minutos abrazado a ela. Mesmo xa se me empezan a cansar os brazos. Como de cando en vez noto algo así coma unha vibración, coma un tremor, teño medo que sexa ela querendo marchar. Ó mellor é o aire que lle fai fretar algunhas gallas. Por se as moscas, vou seguir outras horiñas máis ou ata que se me agarroten os músculos; non vaia ser o demo que, nun despistar, nun descoido, a froiteira me diga adeus, moi boas. Ademais, tampouco estou tan mal. Imaxino que é unha muller e xa os músculos se relaxan, aínda que sigan firmes.

Hai uns minutos chamoume a berros o Inocencio da Contemplación (nós abreviamos con Contempla), pero non lle fixen caso. Non quixen romper o abrazo. Tiven medo que a cerdeira botase a correr. Aquí sigo e perdón por non me presentar aínda. Son o Lucino das Toxeiras, aínda que me chaman O Tolo da Canella. O de Toxeiras vén porque meus pais andaban todo o día e todos os días rozando nos toxos. Non tiñamos nin temos corte, nin tan sequera eidos para estercalos. Ás veces a xente dicía: cada louco co seu tema. O do meu alcume entendo o da Canella porque vivo nun canellón, pero o de Tolo non sei a que vén. Alá cada quen coas súas opinións, pareceres e sabedorías.


Café Rooster. Ourense. Luns, 2 de xuño de 2025

lunes, 2 de junio de 2025

NUN MANGADO DE FENTOS

 

Corro por entre as toxeiras e deito nun mangado de fentos. Miro cara ó ceo. Semella o inferno. Escoito un tema musical que non entendo. Penso que estou canso porque non podo nin coas pestanas. É unha esaxeración, pero que queda ben. E se non queda ben, métese con calzador e punto pelota.

Sigo tombado no mangado de fentos e dáseme por ulir a flor do toxo que hai á miña beira. Cheira bonito. Porén, a alegría na casa do pobre dura pouca; veu un refacho de vento e arrincouna. É igual; cando ía polo aire lanceille un bico de consolo e dediqueille un asubío de película. Non hai porque perder a alegría.


O inferno do ceo reflíctese no sol que queima, que abrasa, que penetra nas entrañas da nostalxia. Quero pasarlle o ferro á herba seica do lameiro que hai ó lado. O can, o Uriarte, mírame de esguello; el ben entende que pasar o ferro só se lle pasa á roupa que visto. Estou medio espido tomando o sol que calcina. Porén, deixo que me queime. Para espertar deste esperpento, desta extravagancia.

Son as tres da tarde. Quero imaxinar un momento e busco na memoria do tempo. Nada atopo, nada encontro. Ás veces, a vida deixa tan só silencio e baleiro. O desexo que o ature quen o ansía. Agora, que todos os anxos baixen do ceo e os demos suban do inferno. Son anxo que, algún día, me vingarei do demo que levo dentro.

Ergo do mangado de fentos e animo ó Uriarte para correr, os dous, por entre os toxos dos anhelos, dos devezos, dos desexos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 1 de xuño de 2025

domingo, 1 de junio de 2025

A BASE DE BERROS


Berros. Berros na tarde. Berros a esgalla. Berros cheos de carraxe. Berros nos que se tropezan, se atrapallan as palabras. Berros coa ollada perdida no infinito e máis alá. Berros desde o corredor. Berros desde cerca e na distancia. Berros nun espazo cerrado. Berros en compañía. Berros desde o máis profundo do silencio. Berros que rachan tal silencio. Berros cun sorriso crítico. Berros con miradas de xenreira. Berros que, co paso do tempo, causarán bágoas. E tristura. E pena. E dor. E pesadume. E aflición. Berros con insultos. Berros que mancan. Que mancan.

Por unha carallada de nada. Polo valor dunha palla. Por un si que non. Por un non que si. Por un deixa. Por un quita. Por un xa está. Por un espera. Por outro quita. Por uns nervios que asoman. Por unha alteración que suma. Por unha paciencia que se esgota. Por un ruído de fondo que, lóxico, rebenta, estoura. En berros. A base de berros.


Berros que van e vén. Berros que quedan colgados na memoria e que revolven o sentido, a conciencia. Berros con palabras embarulladas, incorrixibles. Berros que, co furor, sae o cuspe da impotencia. Berros que feren, que laceran, que penetran, que chegan ó corazón do agarimo, do amor, do afecto. Por isto, precisamente, chegará o momento no que tales berros produzan morriña, soidade, nostalxia de amor.

Berros que foron, que mancaron, que doeron. Agora, o tempo todo o cura e tan só queda ese ruxerruxe, ese formigo na conciencia. Agora, pouco a pouco, asoman os remordementos por uns berros que case non viñan a conto, ó caso. Berros xa apagados polo amor dunha convivencia eterna.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 31 de maio de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 1 de xuño de 2025