domingo, 6 de julio de 2025

O LOBO


Chuvia. Orballo. Trebón. Saragana. Arroiada. Chuvascada. Ballón. Molladura. Temporal. Choran os escornabois bágoas de orballo? Vixían as toupeiras ás lesmas cuns anteollos de cristal? Nadan os pardais polas augas bravas do río Arnoia á altura da ponte das Cepas? Nótase o silencio onde hai moito ruído? Simplemente, o lobo oulea desde o alto dun outeiro.

Mentira. Trola. Andrómena. Embuste. Falsidade. Fábula. Alburgada. Bóla. Pode o ourizo cacheiro empreñar cando forma nobelo? Pode o lobo trotar por entre as toxeiras do Medo? Pode a señardade deixar que as trolas da infancia se acomoden sobre unha almofada branca? Pode o ruxerruxe dunha fantasía facerse realidade? Poden os contos contarse sen falsidades? Simplemente, o lobo oulea desde o baleiro da soidade.


Cansado. Farto. Esgotado. Rebentado. Moído. Fatigado. Laído. Derreado. Quizais a bile chegue á boca cargada desa carraxe que nos sobe cando algo non é como queríamos que fose. A bile é ese líquido amargo segregado polo fígado e recollido na vesícula biliar, de cor entre verde e amarela, que actúa na dixestión. A bile, que carallo, é a amargura acompañada de maldade. De aí a carraxe. Por veces, o lobo oulea cando a carraxe lle incha, lle infla o peito.

Falar. Conversar. Dialogar. Latricar. Leriar. Baduar. Esbardallar. Parlar. Parolar. Parrafear. Que dicir cando se sabe que o que se diga non servirá para nada? De que se fala cando non hai nada que dicir? Con que palabras enches o silencio? Con que pensamentos sementas ese baleiro, esa vertixe que te marea? Os ouleos do lobo óense ó lonxe. Oulea detrás dos toxos do Medo. O lobo oulea e racha o silencio. Segue o baleiro.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 4 de xullo de 2025

Café Kibu. A Valenzá. Sábado, 5 de xullo de 2025

sábado, 5 de julio de 2025

NEGLIXENCIA PATRIARCAL... E MATRIARCAL


Non consigo asimilar a neglixencia dese pai que, en Valls (Tarragona), deixou morreu ó seu fillo de dous anos, logo de abandonalo no coche durante cinco horas. Non me vale a escusa de que non estaba acostumado a levalo á gardaría, porque, aínda que nun principio cometese tal descoido, non me entra na cabeza que durante cinco horas un pai ou unha nai non pensen nos seus fillos. Por calquera cousa, o normal é que se che veñan á cabeza máis dunha vez, mesmo en poucos minutos. Se en cinco horas non se debuxa na mente a un fillo (aínda por encima, a un de dous anos), para min, ese amor patriarcal (ou matriarcal) deixa moito que desexar.

Patriarcal ou matriarcal. Porque no 2022 en Valencia, outro neno de apenas 18 meses morreu, tamén dentro dun coche, mentres súa nai facía compras.


No xuño de 2024, en Sevilla, unha nena de dous anos perdeu a vida baixo un sol abrasador, logo de que o seu pai, profesor universitario, a esquecese tamén dentro do coche porque lle pasara como ó do primeiro parágrafo, que non a deixou na gardería e botou... seis horas! sen pensar na súa filla.

Tamén en Madrid, no 2018, outro pai que deixou ó seu fillo de tan só un ano no asento traseiro do seu coche mentres se dirixiu á oficina. Ó rematar a xornada laboral atopou ó pequeno sen signos vitais. Normal. A investigación concluíu que o neno morreu por hipertermia severa, un golpe de calor que pode desenvolverse en apenas 20 minutos cando a temperatura dentro do vehículo supera os 50 graos.

Aínda que se diga que a maioría destes casos non se deben a neglixencia intencional, se non a fallos de memoria coñecidos como “esquecemento por cambio de rutina” ou que os pais e nais están baixo estrés, teñen falta de sono ou con rutinas alteradas, sigo dicindo que, ó principio, poida que si, que non se lembren dos fillos, pero logo de horas e horas que non se decaten deles... pois coma que non, que non consigo asimilalo.

Algunhas comunidades autónomas empezan a promover o uso de dispositivos de seguridade que alerten ó condutor de se o neno queda no asento traseiro. Tamén se recomenda adoptar hábitos sinxelos: deixar sempre o bolso ou o móbil no asento traseiro, colocar un boneco ou un obxecto visible no asento do copiloto, etc. Si, iso axudará moito, pero... os pais... esa neglixencia. Como para pensar mal.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 5 de xullo de 2025

NUNHA CADEIRA DE RODAS


Corro. Escapo. Fuxo. Marcho. Non hai quen me mova desta cadeira de rodas... negra como a morte. Partíronme as pernas coa tranca da porta dunha corte. Cinco malnacidos. Porque lles chamei a atención. Que mirades, lles dixen. Mirábanme de esguello. Pareceulles mal. Sen preámbulos, un colleu a tranca da porta da corte do Secundino, o fillo da Doniña, e bateu en min. A Doniña, en realidade, era Asunción. Aínda é. Pobre, xa a quero matar. Anda polos 100, pero vive.

O que estou medio morto son eu. Da noite para a mañá vinme impedido, tolleito, tollido, eivado por cinco bandidos que me miraron de esguello. Maldita a hora en que lles dixen algo. De correr polas carreiras dos Poulos, de escapar polas rúas de Baños de Molgas, de fuxir polos montes da contorna e de marchar cara ó bar a tomar un café, véxome agora nunha carreira de rodas, da que non me podo mover. Partíronme, crebáronme as pernas.


Con que ansia me tiraba agora mesmo ós toxos. Con que ledicia me metía agora mesmo pola canella que leva a Os Milagres. Porén, o único que me queda é soñar con iso e pensar que algún día o farei de novo. Pinta mal o asunto. As pernas romperon por varios sitios. Mallaron en min como cando se degraña, cando se debulla un saco de millo. Levei paus a esgalla. Coa tranca da porta da corte do Secundino, o fillo da Doniña.

Miña nai pariume un mes de abril e chamoume Gervasio. Sempre andaba a correr, a escapar das labazadas da propia nai, a fuxir dos abusóns do colexio e sempre marchei co rabo entre as pernas ante as miñas covardías, os meus medos. Agora síntome e véxome tolleito nunha cadeira de rodas.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 3 de xullo de 2025

viernes, 4 de julio de 2025

POR UN POZO ESCURO


Grazas á vida, que me deu tanto..., di Alberto Cortez. A vida dá e quita, pon e saca. Dá esperanza e furga coa desconfianza. A esperanza non se perde nunca e a desconfianza... a desconfianza ou o receo ou a reticencia baixa por un pozo escuro, sen fondo e cheo de baleiro, no que a vertixe penetra nas entrañas do infeliz, do malfadado, do inocente. Din que a confianza hai que ganala e a esperanza hai que buscala, sentila... tela.

Grazas á vida, que me deu tanto... Labazadas a esgalla, bicos ás moreas, berros desde as serras, silencios nas carballeiras, carraxes nas pelexas, versos nos poemas e ouleos, moitos ouleos baixo o reflexo da lúa vella.


A confianza é como ese papel cheo de engurras que, por moito que o explanes, que o alises a perfección xa vai no carallo. Ou como ese parágrafo mal escrito que, por máis que se corrixa, sempre hai unha palabra que coxea no ritmo, no estilo, na rima, no significado. A confianza, cando cae, faino por esa saca sen fondo e sen fin, porque a fiúza estaba tan alta que cae, lóxico, desde moi arriba.

Grazas á vida, que me deu tanto... Deume confianzas e medos, carreiras e leitos, asubíos e máis berros, cantares e máis berros, bailes e máis berros. Deume unha infancia chea de berros, unha adolescencia chea de berros, unha madurez chea de berros. Berros que se volveron ouleos e máis ouleos. Son o lobo que oulea desde o baleiro, desde a vertixe da desconfianza, desde o pozo escuro e sen fondo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 3 de xullo de 2025

jueves, 3 de julio de 2025

É HORA DE CAMBIAR


En “Blade Runner” Rutger Hauer vía cousas que vostedes non crerían. Atacar naves en lapas máis alá de Orion. Viu raios C brillar na escuridade preto da Porta de Tannhäuser. Todos eses momentos perdéronse... no tempo... como bágoas na chuvia. É hora de morrer.


Mentres que eu vin como a impotencia, a incapacidade mental penetraba, furgaba pola canella da ansiedade, mesmo da fervura física. Vin cranios brillar na mañanciña moi cerca do Túnel da Felonía. Todos eses momentos perderanse... nos recantos da memoria... como ouleos baixo a lúa vella. É hora de cambiar.

Tralo o cambio aínda seguirán por moito tempo os recordos que bambearon coma estrelas fugaces pola galaxia espiral da Vía Láctea. Recordos que subiron e baixaron, correron e amoucaron sobre a estrutura física dunha almofada nocturna. Recordos que, na actualidade, vólvense esgarros, convértense en berros e, estes, si viaxan pola memoria dos tempos.

Todo cambio necesita, demanda, precisa dun tempo. Todo tempo pode correr ou voar, deterse ou non avanzar nunca. Todo tempo pode ser finito ou infinito; como a constelación de Orion, como a galaxia da Vía Láctea. Como a canella do meu espírito, da miña alma. Espírito que se quere rebelar, levantarse e que, quizais, non poida. Porque hai guerras nas que nin podo atacar con palabras ardendo nin con pingas de orballo encol das lembranzas do desexo. É hora de cambiar. Para morrer xa chegará o tempo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 2 de xullo de 2025

miércoles, 2 de julio de 2025

LOITAS POLOS FEIXÓNS


Cando lin a noticia case soltei unha gargallada. A min pasárame máis ou menos o mesmo. Un mozo de 29 anos agrediu a súa nai en Vigo cun garfo ó discutir por un bote de pirixel ou perexil. O meu caso foi por un prato de feixóns. Mellor dito, polos feixóns. Non ataquei a miña nai (calquera lle levantaba tan sequera a voz); foi a un dos meus irmáns, o do medio.

Aínda eramos cativos. Estabamos nesa idade na que, eles, os irmáns, cometían as súas trasnadas e, eu, seis e oito anos máis novo, era tan inocente que me enganaban como querían. Devecín e aínda devezo polos feixóns. Gustábanme tanto que, primeiro, comíalle as patacas cocidas que os acompañaban para, despois, pinchar a pracer neles e meter bocados de feixóns na boca coma se non houbera un mañá.


Ó irmán do medio tamén lle gustaban moito e sempre intentaba roubarme, arramplarme algúns; ben polo propio apetito ou ben por meterse comigo. E sempre me enganaba, sempre me confundía da maneira máis parva, máis inocente: “mira no teito unha araña”, “mira no teito unha bolboreta”, “mira no teito unha mosca”. Eu miraba. Mentres miraba, el atacaba o meu prato co garfo. Picaba a todo velocidade un bocado e comíao entre risas. Os meus feixóns diminuían no prato. A carraxe e as bágoas choutaban.

Ata que chegou o día que a carraxe rebentou e o meu garfo lanzouse con toda a ira, con toda a rabia do mundo buscando un dos brazos do irmán. Menos mal que foi máis rápido ca min ladeándose para un lado. Ó non conseguir nada, a miña impotencia volveu verter, ciscar bágoas polas meixelas.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 1 de xullo de 2025

martes, 1 de julio de 2025

TODO ARDE


Arde o ruído baixo corenta e algo graos de fervura. Todo queda en silencio. Mesmo as follas da algarabía asentan sobre a canícula desta tarde criminal. Arden os paxariños e vaise acabar o mundo. Sen bombas nucleares. Sen meteoritos. Vai chegar unha apocalipse climatolóxica na que o tempo será sempre o mesmo. Os termómetros deixarán de medir e o silencio empreñará máis silencio.

Arde a conciencia baixo a sensación de que non houbo ningún apaga fogos. Os que teñen a conciencia negra asubían mentres cantan e deixan que o baile de máscaras simulen unha calma que non teñen, que nunca terán. A súa apocalipse furgará na bondade dos débiles, dos covardes, dos submisos. Arde a súa tiranía mental para que, esta, abrase o recanto silencioso dos inocentes.


Arde Roma, arde Santiago, arde Ourense e arde o carallo. Arde o tempo que sempre é o mesmo. A terra súa pingas de cataclismo, de hecatombe, ó mesmo tempo que as súas almas en pena buscan o recuncho da culpa. Porque a todos nos pesa algo (ou bastante) o pecado, o desatino, a falta, a infracción. Por arder xa arde o silencio que empreñara con máis silencio.

Arden as mañás, arden as tardes, arden as horas e arden as almas. Aqueles que non teñen alma —que son uns cantos— xa son cinsa que semella ciscada pola impureza da súa existencia. Viviron porque lles tocou vivir, pero foron, son e serán espíritos que vagarán pola apocalipse climatolóxica entre berros de silencio e murmurios de ruído. Todo arde.


Café Rooster. Ourense. Luns, 30 de xuño de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Martes, 1 de xullo de 2025