sábado, 6 de septiembre de 2025

O DÍA 8 É O DÍA 8


Día 8. Hai doce días 8 en todo o ano. Para Baños de Molgas e para toda a súa contorna tan só conta o día 8 de setembro. Este día, para os medios de comunicación e para a xente de fóra, poida que sexa coñecido como o día grande das novenas de Os Milagres, como o día da Virxe de Os Milagres, como o día solemne de Os Milagres, como o día da Natividade de Virxe María e como o día que vós lle queirades chamar. Porén, para Baños de Molgas e a súa bisbarra é simplemente O Día 8. Cando dicimos o día 8 estamos a dicir todo iso que dixen. Imos á misa o día 8. Vai chover o día 8. Vémonos o día 8. Iremos andando o día 8... E xa todos sabemos que é o día 8 de setembro, o día máis importante do ano no santuario de Os Milagres.

O Día 8 xa non é como era. Dicir Día 8 antigamente era dicir, máis que a propia misa, a romaría; máis que a romaría, a comida. A comida do día 8 desenvolvíase sempre pola redonda do santuario, xeralmente entre os piñeiros e con ducias de burros atados a aqueles. A comida do día 8 empezaba xa un ou dous días antes. Como era unha comida especial había que acender o forno comunal para facer as empanadas e o roscón. O roscón quizais fose ó mellor a única vez que se comía en todo o ano, xa que os ovos vendíanse, o azucre estaba prohibitivo e non estaban os tempos para festas cada dous por tres, nin tan sequera para de cando en cando.


Co manxar xa preparado, cargabamos este nas alforxas do burro e, ale, camiño a Os Milagres por unha estrada chea de terra que, cada vez que pasaba un coche dos poucos que había naqueles anos 60, a poeira era tan grande que chegabamos ó santuario coma se andásemos na seitura. Colliamos posesión do sitio, do recuncho e, ou ben quedaba un da familia de garda (o que o libraba de ir á misa e á procesión), ou, maioritariamente, se lle dicía a algún veciño deses que se sabía de antemán que, para eles, a misa nin arre nin xo.

Rematados os actos relixiosos, comezaba o celme do día 8, o xantar ó aire libre en compaña de familiares, de achegados e mesmo de veciños. Os adultos, ó rematar, daban unhas cabezadas sobre as mantas tendidas no chan e, os nenos, marchabamos ás poucas atraccións que había para, iso si, estar a velas vir, pois non había con que pagar tales pasatempos. Como moito, nas barcas, se fallaba algún ou se había moito peso nun lado, entón chamaban a algún dos que estabamos a velas vir para facer contrapeso. Eran outros tempos. Aínda así, O Día 8 segue a ser O Día 8.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 6 de setembro de 2025

SILENCIO E RUÍDO


O silencio é bonito cando hai silencio. Ou cando se demanda silencio. O ruído é agradable cando a soidade cansa. Ruído e silencio. Soidade e barullo. Os dous xuntos, xunguidos, unidos. En cada instante, en cada momento deixarei que os dous se mesturen nos soños, nos desexos. Na realidade, xa digo, asociados, axugados.

O silencio é bonito cando o pensamento o necesita. Cando o entendemento está de canga baixa, de capa caída, a barafunda cabalga sobre a almofada mental dos anhelos. As noites son propensas ó silencio. Os días, ó ruído. Entre luscofusco andan os dous á xaneira, en celo para, ó amencer, parir palabras de orballo sobre o intelecto apaixonado.


O silencio é bonito cando os versos saen cachazudos e acompasados. Cando se recitan, o ruído anega o poema con esa conciencia escura, tirando a negra. Os versos forman a estrofa que alenta a esperanza. O poema énchese de realidades que poden ser certas ou non, que poden quedar estancadas ou non, que poden ser fermosas e eternas ou non.

Silencio e ruído. Barullo e soidade. Xuntos. Vivindo e facendo vivir. Xunguidos como almas xemelgas que se abrazan nos sonos do tempo, nos espertares da existencia. Agora todo flúe en silencio e todo racha, esgaza co algareo da incerteza, da inseguridade. Señardade e rebuldaina. Rebumbio e saudade. As palabra de orballo enchen o poema en silencio que, ó lelo, produce ruído. Ás veces... moito ruído.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 5 de setembro de 2025


Foto: A Cidade Encantada (Cuenca)

viernes, 5 de septiembre de 2025

POR ALZAR A VOZ


Estou metido entre os cascallos da casa do Dositeo. Un bomba medio a rebentou. A min colleume camiño da fonte da Lameira e non me matou de milagre. Non creo nestes; simplemente pasaba por alí, nin antes nin despois; foi naquel momento e xa está. Porén, con milagres ou sen milagres, cagadiño de medo estou. Non sinto nada. Nin os meus propios latexos acelerados. Sei que son acelerados porque non poden ser doutra maneira.

Levabamos uns días xa de, chamémoslle, guerra. A vila de Baños de Molgas erguera a voz contra certos acordos administrativos e territoriais. Axiña acordaron de que o tiñamos que pagar. Un avión do territorio inimigo non tardou en facer das súas. Esta non era a primeira bomba que caía. Se non contei mal, xa levabamos sete. Por sorte, sen vítimas. Porque os molgueses non somos parvos e tan axiña como escoitamos o zunido do primeiro avión, todos os veciños marchamos correndo para o cemiterio e cada un meteuse no seu propio nicho. Por previsión xa estaban todos abertos. E, de morrer, pois aforrar polo menos o enterro.


A sétima bomba pilloume indo á fonte da Lameira. Alguén tiña que abastecer con auga ós “enterrados”. Librei da morte e tan só unha poeira tremenda era quen de afogarme os pulmóns. Conseguín, pouco a pouco, adaptar estes ó meu respirar... algo afogado, pero, si, respiraba.

Pasado o perigo, fun á fonte e cando volvín co caldeiro da auga, os veciños aclamáronme e intentaron disimular con sorrisos o meu pantalón mollado e cagado. O medo é libre. E ante unha bomba, este, tamén rebentou. Pero sigo vivo.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 4 de setembro de 2025


Foto: Fonte da Lameira (Baños de Molgas - Ourense)

jueves, 4 de septiembre de 2025

EN CADA ACTO, UN CREDO ESTRAGADO


Quixen multiplicar os pans e os peixes e nen tan sequera souben multiplicar as patacas. Non son Xesucristo. Patacas houbo menos que nunca. Oracións, ningunha. Traballo, moito. Que todo sexa pola realidade dunha miseria. Agora cada quen que espalle ou semente os seus pensamentos como queira.

Quixen permanecer no deserto durante corenta días e corenta noites, e case morro de sede ás primeiras de cambio. Certo que, mentres, as miñas tentacións foron moitas e inmensas. Mellor non contalas para non tentar ó demo. Tamén tentei predicarlle a algún lagarto. Lagarto!, lagarto!; non sei quen me berrou. Sería algunha alucinación con cara de beduíno. Agora cada quen que busque oasis nos océanos de area.


Quixen andar sobre as augas da presa do Muíño e púxenme coma un divino cristo. A min isto das accións milagreiras de Xesucristo non me coinciden moi ben na realidade da vida. Din que os milagres hai que merecelos. Levo toda a vida buscándoos e só atopo palabras de orballo que me din que en cada acto hai un credo esmagado, estragado, degradado. Agora cada quen que intente cruzar o río Arnoia a nado.

Quixen tirar a primeira pedra porque estaba libre de pecado. Imposible! En ningún confesionario collerían todas as miñas faltas, infraccións, culpas, transgresións... Dediqueime, entón, a xuntar pedras e penedos para formar unha presa, unha vaira para que, nesta, arremuiñasen os peixes. Agora cada quen que pesque os meus pecados ou que se libere dos seus.


Café Alumbre. A Valenzá. Mércores, 3 de setembro de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 4 de setembro de 2025


Foto: Presa do Muíño (Baños de Molgas - Ourense)

miércoles, 3 de septiembre de 2025

O MANIFESTO MADELMAN


Hai uns días, cando entraba coa muller no portal do edificio no que vivimos, tamén o facía ó mesmo tempo un home que non tardou en darnos un pequeno paquete. A miña cabeza fóiseme a un dos fillos que pide bastante a miúdo cousas por Amazon. Deseguido, a muller xa mo estaba ensinando e axiña vin que viña ó meu nome. Foi instantánea a miña exclamación: “O libro de Eloy Gayán!”. Tan instantánea que nin tan sequera mirara o remite. Máis non errara na miña intuición. Á esquerda constaba o seu remite.

Por medio das redes sociais sabía que presentara o seu novo libro na Coruña e como xa anteriormente me agasallara cos dous últimos (“Unha ponte a Peulla” e “A extremo!”), a dedución, a exclamación era lóxica. Ó entrar no piso, incluso antes de cambiar de calzado, abrín o paquete e alí estaba: “O Manifesto Madelman”. Por certo, os tres con dedicatoria incluída.


Acabo de lelo e, aínda que semelle que farei moito conto, moita loa polo agasallo, teño que confesar que se me tome de veras. Con total imparcialidade, direi que “O Manifesto Madelman” é unha bonita forma de contar o inicio da democracia española baixo o prisma dun neno de 12 anos. Eloy Gayán fai así a política amena e entendible, cun final moi emotivo.

A novela percorre todo o ano 1976 e medio do 1977, xusto para contar as primeiras eleccións xerais democráticas logo da morte do ditador Francisco Franco, que se levaron a cabo o 15 de xuño. E aínda que todo o enfoque do libro está na política e no catolicismo daquela época, de cando en vez, asomaron asuntos que me devolveron á infancia. Fermoso libro.


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 3 de setembro de 2025

martes, 2 de septiembre de 2025

LADEAR E ASUBIAR


Ladeo para un lado e asubio. Asubio a versión dun tema de Morricone que sae na película “Kill Bill”, de Quentin Tarantino. Sempre me gustou asubiar. Asubiei moito. Asubiei máis do que asubío. Ultimamente só asubío ese tema. Pásame como lle pasa a todo o mundo cando se ergue da cama cunha melodía na boca e que xa non deixa de cantaruxar durante o resto do día. Tamén é certo que a miña memoria xa non abarca moito máis alá desa música. Puta idade!

Porén, o asunto, o tema, a materia, a cousa non vai de asubiar, senón de ladear. Sempre ladeo para un lado ou para o outro. Maiormente para a esquerda (agora o que queira entender que entenda). Ladeo cando falo con alguén. Ladeo, como dixen, cando asubío. Ladeo cando miro, cando canto e mesmo cando contemplo os biosbardos.


Ladeo sempre. Ladeo desde que te teño memoria. Agora é cando penso que non me souberon endereitar... e iso que tiven unha nai de armas tomar, de rapar e peitear. É ben verdade que o que sae torto, vive e morre torcido. Seguro que cando me metan no cadaleito ladearei, neste caso, para a dereita (e volvo dicir que o que queira entender que entenda).

Ladeo cando conduzo e cando paseo. Ladeo, iso si, tan só un pouquiño, cando escribo versos. A poesía precisa dunha recta concentración. Ó ladear un chisco é polo que non consigo ser poeta. Só escribo versos que enmaraño nun nobelo. Ladeo en posición supina e cando leo paseando pola cociña. Ladeo sentado nun mazadoiro do parque Ansuíña. Para min, ladear e asubiar todo é empezar. Eu non empezo... sigo. Porque sempre ladeo e asubío moito.


Café Alumbre. A Valenzá. Luns, 1 de setembro de 2025


Foto: Parque Ansuíña (Baños de Molgas - Ourense)

lunes, 1 de septiembre de 2025

DEPRESIÓN POSVACACIONAL


Quero ser ateo e non hai maneira. O catolicismo está en cada bafarada de aire que deixo escapar. O catolicismo arrodeou sempre a miña vida: miña nai que era case beata ou sen case; estudos nun colexio de curas que, ó final, mesmo se mesturaron con monxas; as novenas de Os Milagres, a Santiña do Medo, a igrexa parroquial de Baños de Molgas a metro e medio da miña casa... Non tiven escapatoria.

E agora, cando quero escapar, ata nos escritos teño que usar expresións ou frases católicas porque, busque por onde busque non atopo tales formulacións noutras doutrinas. A biblia asoma cada dous por tres porque é a alma mater do catolicismo. A palabra de Deus e as prédicas de Xesús dan ditos, proverbios e adaxios para dar e tomar.


Vou ó caso: “Gañarás o pan coa suor da túa fronte”. Bonita frase do Xénese 3:19 da que nos queremos zafar polo menos un mes ó ano, nesas chamadas ociosas vacacións. Seica o 66% dos españois sufrimos de depresión posvacacional. Vaia por Deus! (vedes?, outra exclamación parida do catolicismo). Isto da depresión dáme a entender que queremos que os cartos nos cheguen á casa sen rañala. A suor tan só produce proído, empapa as camisetas, molesta e cansa.

Depresión posvacacional. Xa que nomeei antes ós curas, aquilo si que era depresión o comezo dun curso. E non só pola severa, estrita e ríxida disciplina deles, senón por todo o entorno, por todo o que nos arrodeaba... educativa, familiar e socialmente. A depresión posvacacional por traballar só lle ataca ós vagos. Como hai un 66%... un país cheo de nugalláns!


Café Rooster. Ourense. Luns, 1 de setembro de 2025