lunes, 8 de diciembre de 2025

A SOMBRA DO PODER


Fóra, as nubes negras non me deixan ver o ceo azul. Ameaza chuvia. Aínda que o tempo está quente. Partidazo do Celta, pero a prensa só fala do fracaso do Real Madrid. Son as tres e media da tarde e polos auriculares soa a banda sonora de “Ant-Man e a Avespa”, de Christophe Beck. Ó mesmo tempo, pingas de orballo (as de auga non tardarán moito en caer) caen sobre a páxina en branco para seguir dicindo que o Celta fixo un partidazo, pero a prensa só fala do mal partido do Real Madrid.

Non consigo contar todas as trapalladas que hai sobre a mesa da cociña, entre culinarias e culturais ou de escritura. Estou afeito. Levo anos convivindo co pouco espazo que teño para os meus arroutos literarios. Chamarlle literarios é moito dicir, pero non me paro a buscar algún que outro sinónimo cultural. Partidazo do Celta, pero a prensa só fala dos expulsados do Real Madrid.


Reloxos. Calendarios. Botellas. Dicionarios. Libros. Galletas. Patacas. Louza. Ordenador. Cables. Televisión. Microondas. Pan. Culleres. Garfos. Armarios. Froita. Aparellos. Coitelos. Traballos manuais. Cadeiras. Mesa. Enchufes. Botes... Partidazo do Celta, pero a prensa só fala de Xabi Alonso, o adestrador do Real Madrid.

Catro menos vinte da tarde. O ceo segue coma o principio. A ameaza de chuvia tamén segue latente. A banda sonora avanza e segue a ser fiel compañeira desta tarde morriñenta. Partidazo do Celta e de Borja Iglesias, pero a prensa só fala das leas e tensións entre o adestrador e os xogadores do Real Madrid. O que ten poder, e como diría Antonio Gala, non deixa crecer nada baixo a súa sombra.


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 8 de decembro de 2025

domingo, 7 de diciembre de 2025

O DESAFÍO


Levan media hora anunciando por megafonía, e por todas as rúas de Baños de Molgas, o desafío Cambiar as Tornas que se realizará á media tarde no parque do Pote, barrio da Estación, entre Tucho Suárez, O Cabestro, e Luciano Ruiz, O Escornabois.

Tal desafío consiste en que, como na realidade o Cabestro é deses personaxes ós que lles custa abrir a boca mesmo para un saúdo ou unha despedida, agora ten que falar ou esbardallar ata que o faga deter o Escornabois ou ata que el queira perder. Pola contra, Luciano, que na realidade é deses laretas que cansan, que chegan a aburrir con tanta parola, agora non pode pronunciar palabra en todo o desafío. En resumo, Tucho ten que falar a esgalla e Luciano non pode dar un chío. A ver quen aguanta máis.


Levamos xa cinco horas de desafío e aí seguen. Tucho dándolle á lingua e Luciano aguantando as acometidas do seu veciño. Por veces nótase a canseira nos xestos e na gorxa do Cabestro, como as ganas de lle responder, de dicir algo o Escornabois. A este váiselle a vida non podendo contestar. Mesmo se lle nota nos ollos ese intre no que está a punto de dicir algo. O Cabestro xa leva máis de tres botellas de auga bebidas para que non se lle seque a boca. É noite pecha e seguen.

O desafío xa vai moito máis alá do que se pensaba. As televisións fixeron acto de presenza e no parque do Pote na xon colle nin unha agulla, nin tan sequera no palleiro que hai cruzando a estrada que vai cara á estación do ferrocarril. Levamos catro días co desafío Cambiar as Tornas e... segue, seguen.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 4 de decembro de 2025

Foto: Parque do Pote (Baños de Molgas - Ourense)

sábado, 6 de diciembre de 2025

MIRAR O EMBIGO


Levaba tempo sen falar de fútbol. O luns pasado, neste mesmo recanto, falei de fútbol. Toca polo tanto seguir a expresión “querías caldo, toma dúas cuncas”. Seguimos a falar de fútbol. E aproveitando a xesta do Ourense CF eliminando, primeiro, ó Oviedo e, logo, ó Xirona, paso a falar da Copa do Rei.

Gústame este formato da Copa do Rei: eliminatorias a partido único, vantaxe de campo para o máis débil e favoritismo dos máis modestos xogando contra os máis poderosos. Porén, dáme que este formato vai durar pouco. Todos os anos, todas as tempadas os poderosos empezan a queixarse dos campos nos que teñen que xogar. Campos pequenos. Campos cos terreos de xogo paupérrimos. Campos con céspede artificial. Campos nos que hai risco de lesións. Etcétera.


Confeso que, para min, son críticas excesivas, prepotentes, moi egoístas e sen conciencia. Non pensan nunca en que a maioría dos xogadores dos poderosos pasaron por todos eses campos e cos seus correspondentes riscos. E chegaron a onde chegaron. Non pensan en que, con respecto ás lesións, tanto se poden mancar os poderosos coma os modestos. Mesmo, neste punto, ata o modesto levará máis as de perder; non ten aquela preparación, aquel fisio que teñen os poderosos. Pero non; os adestradores dos poderosos só miran para o seu propio embigo e impórtalles un rabo de can que os xogadores pobres se rompan os meniscos, as pernas, as cabezas, os adutores, os isquions, que teñan escordaduras, esgazaduras musculares, lumbalxias ou lesións de ligamentos. Os xogadores modestos están aí... para sufrir e para facerlles perder o tempo ás grandes estrelas.

Ninguén pensa nesa ilusión, nesa felicidade, nesa bravura, nesa arroutada cando xogan, cando se noten á súa beira, cando se miran cara a cara, cando chocan as mans non só con auténticas figuras, senón cos seus propios ídolos. Ninguén pensa en que, eses modestos, antes dos partidos e logo dos partidos veñen e van traballar de repartidores, de fontaneiros, de albaneis, de forestais... e para unha vez que poden mirarlle ós ollos ós seus ídolos, os donos destes, os adestradores destes falan dos pobres campos de fútbol e das lesións dos seus pupilos. Os demais, como se se matan contra un cerrado, contra un panel. Os adestradores, que a maioría foron xogadores e pasaron por eses campos, fan exactamente igual que os que foron emigrantes: que son os que peor levan o da inmigración.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 6 de decembro de 2025

viernes, 5 de diciembre de 2025

UN BALEIRO NO QUE SÓ HAI SILENCIO


Un gorro na cabeza. Un frío que pela. Un avión que voa (ó mellor é unha pega). A vista xa non é a que era. Queda no atallo un sapoconcho ou tartaruga botándolle unha carreira a unha lebre medio seca. Non todos os seres vivos somos perfectos. Hainos gordos, fracos, feos, guapos, serios e simpáticos. De todo hai na viña do señor, dicía aquel.

O señor Gervasio dicía que a flor do toxo é amarela e a da xesta branca, para acabar rematando que a do codeso tamén era marela. O señor Gervasio era listo. Por desgraza morreu no ano que deixou de vivir, sentenciou o señor Evaristo, que tamén era listo. Non sei por que o digo, cando sabemos que, neste país, todos somos listos. Moi listos. Os que máis, os políticos.


Un café sobre a mesa. Un sorbo que sabe a gloria. Un bolígrafo negro que, mira por onde, chora tinta negra. E Miguel Ríos cantando “Contra o cristal”. Contra o cristal case peguei unha hostia o outro día porque non o vira. A vista xa non é a que era.

Unha tarde chuviosa. Unhas pingas de auga que mollan. Un ceo escuro. Un baleiro no que só hai silencio. Baleiro sentino cando me vin só, confesou o señor Gumersindo. O señor Gumersindo aínda vive e está só. Morreulle a muller cando esta deixou de vivir. Pobre, era unha boa muller. Daba ben os recados e sorría a todas as horas. Nunca lle fixo mal a ninguén e deixouse ir moi mansiñamente pola enfermidade que a atacou meses antes. O señor Gumersindo vén falar moito comigo. Ben sei que é porque se sente só e baleiro. O baleiro ten tantos significados que chega con poñer aquel que di que non contén nada.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 4 de decembro de 2025

jueves, 4 de diciembre de 2025

UN DESCOIDO INFANTIL


Cando un autor ou autora acada éxitos cos chamados best-séllers e, para máis aquel, se é con triloxías ou sagas, entendo que as editoriais lles metan présa cun novo libro, cunha nova aventura. Incluso algunhas ata penso que lles poñen prazos ó escritores ou escritoras. De aí que, ás veces, se cometan erros ou “descoidos infantís” na historia que se está contando.

Non digo o libro nin o autor para evitar un rexeitamento a tal novela (dáse a coincidencia de que está moi entretida), pero, nela, un dos personaxes é policía local dunha vila, máis ben aldea, de moi poucos habitantes e que, antes de policía, foi o rapaz dos recados, o que significa que, tal como el confesa, coñece o lugar como a palma da súa man e, por suposto, ás persoas.


No desenvolvemento dunha investigación, nunha das pasaxes, tiña que ir a unha casa doutro personaxe e tivo que botar man dun mapa ou do GPS (agora mesmo xa non lembro ben) porque non sabía exactamente por onde caía a vivenda, nin que casa era. Chocoume o asunto, claro. E moito, ademais. Aldea ou vila pequena. Policía local. Neno dos recados. Camiños máis que trillados. Parolas cos veciños a darlles cun sacho. E nese momento, nesa pasaxe non sabe da casa.

Nos agradecementos finais case sempre asoma o típico amigo “corrector” que adoita ser o que vai lendo ou o que le o borrador antes de mandalo ó prelo e coa intención precisamente de atopar ou notar eses despistes que, en libros de 500 ou 700 páxinas, case é normal que acontezan. Aquí aconteceu, pois nin o corrector nin o autor se decataron dese descoido no devir dos acontecementos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 2 de decembro de 2025

martes, 2 de diciembre de 2025

UN SOÑO RECORRENTE


En moitas películas e algúns libros aparecen escenas ou parágrafos e capítulos nos que un personaxe se presenta ante un psicólogo ou psicóloga para contarlle un soño recorrente que asoma moitas noites no seu durmir, no seu descanso.

Sempre pensei que ese momento era ficción, que non existen os soños recorrentes e que tan só se empregan de recheo nas películas e nos libros. Levo uns anos xa nos que erro con respecto a ese ditame. Existen os soños recorrentes! Eu teño un que, máis que soño, é pesadelo.

A marcha atrás do coche. Tal como ledes. Cando meto a marcha atrás o vehículo empeza a circular e, o peor, é que xa non para. Fártome de frear co pé, e nada. Tiro con tanta forza do freo de man que, en algún soño, ata me alcanza a altura do volante, e nada, o coche non responde. No soño nin tan sequera consigo mirar ben polo espello retrovisor. A partir de aí empeza a miña angustia, deixa de ser soño para converterse en pesadelo.


O coche cada vez colle máis velocidade e eu vólvome tolo intentando frealo e imaxinando o choque, contra algún obxecto ou contra algún outro coche. Por sorte, no pesadelo, nunca atropelei a ninguén. En costas moi empinadas a angustia é tanta que pasa incluso de pesadelo.

Ese é o meu soño recorrente que loito con el desde hai xa uns anos. Tamén é verdade que nunca me pasou nada; ou ben porque espertaba, ou ben porque aí se detiña todo, ou ben porque, ó final, dalgunha ou doutra maneira, o coche acababa parando por conta del; non polos freos. Nunca intentei buscarlle un significado, polo que, por este soño ou pesadelo, non penso ir a ningún psicólogo ou psicóloga. E a seguir pasándoo mal porque, agora si, sei que seguirá aparecendo... a condución en marcha atrás.


Café Rooster. Ourense. Luns, 1 de decembro de 2025

lunes, 1 de diciembre de 2025

PREMIO Á FIDELIDADE... CULTURAL


Fun á biblioteca coa intención de ler as últimas páxinas dun periódico que deixara a medias pola mañá. Cada vez que entro na biblioteca, e aínda que teña libros dela na casa, sempre lle boto unha ollada ó estante das novidades; tan só coa intención de saber se hai algo novo e que me pareza interesante. Se os hai adoito sacarlles fotos para, máis adiante, pedilos en préstamo.

Só se poden sacar tres exemplares por lector, por persoa, que son os que sempre teño na casa; é dicir, o que estea lendo e dous máis. Ó devolver un xa pillo outro. Hoxe, coma sempre, teño tres, pero vin un que me interesaba moito e quixen facer a “trampa” de pedilo a nome de calquera dos dous fillos, que tamén son socios da biblioteca.


Cando lle quixen dar os datos dun dos rapaces... “espera, espera, espera”, díxome a bibliotecaria. “Ti como es lector asiduo, o programa informático, ó mellor, acepta que saques algún libro máis”. Os dous rimos un pouco porque, tanto a bibliotecaria como un servidor, o de asiduo, habitual, constante, continuo, frecuente creo que vai máis alá do normal.

Efectivamente, o programa non deu error e eu pensei ó momento no premio á fidelidade... cultural. Que carallo, de algo me ten que valer ser o lector adulto que máis libros leu (só da biblioteca) o ano pasado, que mesmo me premiaron cuns agasallos. Agora, levar este libro a maiores, obrígame a ler aínda máis para que os prazos de préstamo non se me boten encima. Pero que todo sexa polo, quizais, o mellor e máis bonito entretemento do mundo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 28 de novembro de 2025


Foto: Biblioteca da Valenzá (Barbadás - Ourense)