viernes, 9 de enero de 2026

EMPURRANDO UN CARRO DE TOXOS


Empurrar un carro de toxos non é complicado. As rodas rodan ben e o movemento sostense por si mesmo. O complicado ou case imposible é empurralo costa arriba. Puxen o case porque para un servidor, en principio, non hai nada imposible. Estou a empurrar nun bo carro de toxos. Saín a meu pai, que, por non facer dúas viaxes, cargaba no carro que daba xenio velo. Claro que, despois, as vacas non sei que pensamentos (se pensan) terían para meu pai.

Digo que como saín a meu pai, eu tamén lle ataquei de carallo ó carro: metinlle máis de 120 gavelas, que son moitas gavelas. Estou a notalo: cústame que o carro avance só que sexa uns centímetros. Porén, sigo empuxando. Tenso os músculos que non teño, pero si incho as veas de tal forma que temo que estoupen. Xemo como se xeme, gozosamente, facendo outras cousas que aquí non procede dicir. Berro porque din que berrando se fai máis forza. Eu penso que é ó revés, que se perde a forza pola boca. Agora ben, para que non digan, berro.


Ó non ter músculos tamén teño medo a esmendrellar algún que outro óso. Súo (aínda que non son de suar) a cachón. Rincho os dentes. Póñome roxo. Sigo cos pés firmes e inclinado cara a adiante. Mesmo me poño de xeonllos unha vez; algo que me fai lembrar á Turina, unha vaca que, ó subir pola Porfía, tamén se puña ás veces de xeonllos para que o carro, xa en por si traseiro, non se empinase.

Levo media hora empurrando e non avancei nin un puto centímetro. É máis, en calquera momento perderei as forzas e o carro arrastrarame costa abaixo. Por vergonza, sigo co intento.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 8 de xaneiro de 2026

Foto: Baños de Molgas (Ourense)

jueves, 8 de enero de 2026

NON QUERO SER O ÚNICO RESUCITADO


Levitei sobre a inocencia dos inocentes e deixeime ir polo fluír das correntes do río Arnoia. Multipliquei as pezas de pan polos cachos de bacallau para que me dese de resultado un bo xantar. Nunca pensei que os negros tiñan a alma branca e os brancos o corazón negro. Cazador branco, corazón negro, titulaba Clint Eastwood.

Afoguei sobre a calcomanía dun simple charco e deixei que o silencio empreñase con pequenos ruxerruxes de ruídos. Dividín o ceo cheo de nubes negras entre as sete cores do arco da vella. O resultado non tivo nin pés nin cabeza, é dicir, unha quimera. Nunca souben dicir catro palabras seguidas porque o tartamudeo atrancábaseme na metade do camiño. Non queda outra que optar por arrodear os ditos.


Resucitei de entre os mortos porque houbo un tempo no que estiven vivo. Agora volvo facer da miña existencia un pandeiro. Restei os días que vivín antes polos que levo vividos agora e dáme un resultado de miseria. A miseria é esa falta moi grande de cousas para vivir, gran pobreza. Aínda que, eu, vivir vivo ben. A miseria tamén é unha cantidade moi pequena de algo. Por iso me nego a dar o resultado exacto.

Cantei, moi baixiño, un requiescat in pace por eses mortos que deixei no camiño. Sumei un morto detrás doutro e resultado foi máis alá do infinito. Na transición deses minutos de resurrección recei cinco responsos, tres avemarías e un pai noso por toda esa infinidade. Agora que volvo vivir e vivo ben deixarei caer unhas pingas de orballo sobre a conciencia deses inocentes e coas que aprenderán o camiño de ir e volver. Ata agora os mortos ían e non volvían. Non quero ser o único resucitado.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 6 de xaneiro de 2026

Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 8 de xaneiro de 2026

miércoles, 7 de enero de 2026

PALABRAS SECAS


Un dente que cae. Unha ollada que se lanza. Unha palabra que abrolla. Un silencio que non fai ruído. Un berro que rompe o silencio. Un ruxerruxe no eido. Todas as noites pechas son escuras e todos os días claros brillan máis alá do espello en penumbra.

Corren os paxaros. Voan os lagartos. Nadan os penedos. Afogan as penas. Vou pola corredoira da memoria e noto que cada vez é máis efémera, que o tempo pasa e non volve, que a vida segue e o futuro... o futuro aínda está por chegar. Alguén asubía un tema de Morricone e eu bailo ó ritmo dunha polca. Agora, un terceiro que cante mirando para o norte.


Alguén dixo o que dixo. Uns pensaron o que pensaron. Outros escribiron o que escribiron. E todos cometendo faltas de ortografía. O pensamento sempre vai máis rápido que o dixomedíxome plasmado nun papel en branco. Ante isto, os demais leron o que leron.

Luces de neon na cidade. Fogueiras no monte. Estrelas no ceo. Auga nos ríos. Palabras de orballo neste escrito. O orballo molla. As palabras secas son coma insultos que se lanzan á luz do día e se remoen na escuridade da noite. Agora, que alguén soñe cos planetas do universo.

Elvis Presley dentro dun sentimento. Clint Eastwood nunha do Oeste. Picasso lacerándonos, matándonos co Guernica. Lágrimas na chuvia de “Blade Runner”. Sebastião Salgado ensinándonos a pobreza. E a nostalxia é ese sentimento de tristeza que produce a lembranza dun tempo pasado ou de algo querido que se perdeu ou do que se está lonxe. Agora, que alguén peche os ollos para observar os desexos, os anhelos. Cos ollos cerrados é como mellor se ve.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Luns, 5 de xaneiro de 2026

Finca Fierro. Barbadás. Martes, 6 de xaneiro de 2026

martes, 6 de enero de 2026

NA BUSCA DE GOLIAT


Deixo que pase a estrela de David para ir á busca e captura de Goliat. Como é grande confío en atopalo axiña. Mentres, penso na palabra do ano que escolleu a RAG, a Real Academia Galega: Xenocidio. Que significa a exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos. Sen máis comentarios.

Goliat é grande, pero o chambón non se deixa ver. Sigo busca que busca. “Os libros de por si non ten máis importancia que as rúas polas que paseaba, as cuncas das que bebía ou as sabas onde durmía. O verdadeiro poder dos libros está nas palabras”, di a escritora Alice Slater na súa novela “Morte dunha libreira”. O poder das palabras é certo que vai máis alá das propias palabras.


Chamo a berros por Goliat e el nin caso. Empezo a desesperar. Case me dan ganas de suplicarlle a Trump que bombardee o lugar. Se llo pido sei que non se fai de rogar: ten a man lixeira e as ideas de guerrear, de entrar en guerra sen pestanexar. Seguro que el mesmo se sente tamén Goliat. E sabe que non haberá ningún David que o tombe ó chan.

Busco polos versículos bíblicos e nestes tampouco encontro o rastro do guerreiro e xigante Goliat. Empezo a sentir como perdo o tempo detrás dunha quimera, dunha ilusión que me deixou o paso da estrela de David. “Sempre estou co bando dos que poñen os mortos, non dos que matan”, confesa Juan Gabriel Vásquez en “Os nomes de Feliza”. Aquí confeso que fago o mesmo: sempre estiven á beira dos oprimidos, dos sometidos, dos asoballados. Voume con estes e deixo a Goliat que se enfronte a David.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Luns, 5 de xaneiro de 2026

domingo, 4 de enero de 2026

COMA O CABALO DE ATILA


Adolf Hitler, Sauron, Joseph Stalin, Darth Vader, Osama Bin Ladem, Lord Voldemort, Sadam Hussein, o Joker, James Moriarty, Jigsaw, Doutor Doom, Hannibal Lecter, Lex Luthor, Conde Drácula, Scar, Nicolás Maduro e Donald Trump. A lista de malvados, reais e ficticios, podía ser aínda moito máis longa, pero para este relato abonda cos nomeados. A miña intención é a de meter ó último gran endemoñado, perverso e pérfido chamado Donald Trump.

É certo que Nicolás Maduro é dos bichos raros, dos espíritos malignos existentes no noso planeta, mais o de Donald Trump xa non ten nome. Ata penso que o de psicópata lle queda pequeno. Tal personaxe non pode ir polo mundo adiante coma Xan polo outeiro ou coma o cura pola igrexa. E vai. E xa ninguén se atreve a abrir a boca, a non dar un chío na súa contra, non vaia ser o demo que bombardee ou invada o país do que lle chame a atención.


Donald Trump, o tipiño que anda na procura do Premio Nobel da Paz a base de bombas, de bombardear países, desde Irán a Nixeria, pasando por Siria, Somalia, Iemen e, agora, Venezuela. Donald Trump, o presidente ianqui que insinúa que todo o que el diga vai á misa. E se alguén non vai, que empece a rezar polos seus mortos.

Donald Trump, ese bicho que, xa nas expresións que pon, son coma para morrer co medo. Donald Trump, ese home que se sente coma o cabalo de Atila. Donald Trump, ese personaxe que, aínda sabendo que causa mofa, segue facendo a festa e botando os foguetes, ou sexa, as bombas. A comunidade internacional intentará xustificalo coa sombra malévola de Nicolás Maduro, sen pensar que a quen realmente bombardeou foi a un país, a un país que non é seu.


Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 4 de xaneiro de 2026

sábado, 3 de enero de 2026

ESCRAVITUDE CANINA


Estou lendo un libro do mexicano Guillermo Arriaga que versa sobre a escravitude dos negros en América no século XIX. Uns negros que, por suposto, eran libres en África. E como levaba un tempo remoendo un relato sobre os cans, axiña lle atopei un símil a esa novela co mundo das mascotas: negros libres en África, negros escravos en América; cans libres nas aldeas, cans escravos nas cidades.

Porque si, porque aínda que custe asimilalo, os cans das cidades van máis alá da escravitude. Que ninguén intente razoar o amor que sente polos cans porque tal amor é polo seu propio benestar, non polo benestar do animal, da mascota. Témolos para que nos fagan compañía. Témolos para que nos divirtan. Pero non pensamos na situación en que os temos.


O can, nun piso, está prisioneiro, está escravizado. Cando o sacamos á rúa facémolo atado con cadeas ou con correas. Algúns mesmo con bozo. Pola beirarrúa vai amarrado, polo que non pode correr. Non ten liberdade. Pola beirarrúa, como esta é de cemento ou baldosas, non pode escarvar nin furgar. Os cans necesitan escarvar para fortalecer os músculos das pernas e limar as unllas. Os cans necesitan furgar na terra para desenvolver o instinto de busca de ratos e toupas e demais bichos. Pola rúa e pola beirarrúa os cans non poden troulear e envorcallarse. Os cans gozan tombándose nas herbas molladas dos lameiros, e arrastrarse, e estomballarse, e botar carreiras eléctricas.

Os cans (e todas as mascotas) son escravos dos seus donos, dos seus amos. Tan só lles deixamos facer que nos lamben a cara e que lles dean ó rabo. Témolos por interese, por comenencia nosa.

Sempre tiven cans e son dos que aseguro que amo os cans. Por iso sempre me neguei a ter cans no piso. Sempre. Téndoos, primeiro, na vila de Baños de Molgas, acompañándome ó monte coas vacas e, logo, na aldea de Ramiras, en Castrelo do Miño, acompañándome á viña, sei e coñezo o que é a liberdade dun can, que incluso moitas veces deixaba de ler ou de traballar para seguir esa éxtase do animal cando este se dedicaba a trotar ou a furgar na terra. Outras veces gozaba eu tamén con eles tirándome polo chan e facendo que pelexabamos. Ver a un can solto e velo atado é exactamente igual que ver a un negro bailando coa súa tribo e ver a outro coas cadeas da escravitude atadas ós seus nocellos. Menos defensa dos animais e máis collelos e levalos ó monte para que corran libres, non encerrados nun piso e atados ás cadeas.



Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 3 de xaneiro de 2026

jueves, 1 de enero de 2026

POLAS AUGAS DO ORINOCO


Andei polas augas infestadas de crocodilos. Polas augas do río Orinoco. A verdade é que non sei que pintaba alá, en Venezuela. Si sei que collera un avión, que botara a durmir ó momento e que espertara nun país estranxeiro. Tiven que preguntar cal era. A miña reacción foi tan brusca que botei a correr como polo sen cabeza e, aquí estou, cruzando as augas do Orinoco. Atestadas de crocodilos.

Non son ningún valente. Teño medo. Os bocados deses réptiles non é cousa de rir nin é peixe podre. Seguro que nun ñam ñam fanme desaparecer nun amén, nunha escampadiña. Tamén é verdade que darán cun canto no peito, digo nos meus ósos. Porque carne atoparán pouca. Sempre fun moi pouquiña cousa.


Porén, agora mesmo acabo de pensar nas pirañas e xa non sei a quen lle ter máis medo; se a elas se a eles. O asunto ten o seu aquel. Nestes intres, medo xa non teño... estou cagado! Empezo, entón, a choupar, a batuxar moi amodiño nas augas do río Orinoco. E coa angustia preméndome as entrañas. E cos latexos oprimíndome o corazón. O peor de todo é que aínda non alcancei a metade do río. E se pego a volta, se retrocedo? Ata agora non notei nada, non pasou nada, pero...

Haberá crocodilos no Orinoco? E pirañas, haberá pirañas no Orinoco? Definitivamente recúo, ceo, retrocedo. Amodiño. Mirando por todo o meu arredor. Buscando burbullas que descubran un posible perigo. Non vaia ser o demo, digo os crocodilos ou as pirañas. Que carallo pinto eu no río Orinoco! En Venezuela! Que non é á volta da esquina.

Entre pensamentos e medos alcanzo a beira do río, do río Orinoco, en Venezuela. Boto a correr, feliz e contento.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 31 de decembro de 2025