jueves, 27 de octubre de 2011

O ESPUTO SALVADOR



              Os asubíos de Zinto Corcuera saín dos seus beizos ao ritmo dos seus pasos. De súpeto, deixou de asubiar. Acababa de ver unha pega na galla dun amieiro. ¡Malo!, pensou. Sabía que as pegas adoitan traer consigo desgrazas. Polo menos iso é o que se di. Pero Zinto Corcuera tamén sabe que se lle cospe un esgarro, un esputo maligno no ollo esquerdo, a profecía da malignidade rómpese. O problema está en cómo coller á pega. Ou en atinarlle co esgarro. Zinto Corcuera quixo facer o intento; achegouse silenciosamente e aínda que pareza incrible cando chegou a uns cinco metros de distancia, lanzou o gargallo e atinou, ¡arre demo!, no mesmo ollo esquerdo da pobre pega. A profecía rompeu; Zinto Corcuera deixou de ver á morte no alto do amieiro.

              Oficina de Maceda. Xoves, 6 de outubro de 2011

DEMASIADA CALOR



              Camisa de manga curta en pleno outono. Demasiada calor para esta época do ano. Emporiso, agora mesmo, unha espesa néboa envolve a Baños de Molgas. Claro que aínda é cedo. Imaxino que pouco a pouco irá asomando o sol pola parte do monte Medo, para, logo, seguir con esa calor sufocante que leva xa un bo tempo machucándonos a diario. Ata polas noites é complicado durmir a perna solta. A nosa cidade de Ourense está a bater récords nestes primeiros días de outubro. Pero, claro, cómo non vai a batelos tal como está situada. Á pobre calor cústalle escapar dese pozo. Avanzan os minutos, dilúese un chisco a néboa, pero o sol aínda tardará en traspasar esa barreira que semella branca e espesa.

              Oficina de Maceda. Mércores, 5 de outubro de 2011

O RONSEL DO AVIÓN



              O ronsel que deixou o avión ó pasar reflíctese sobre o ceo molgués e mirando en dirección ó outeiro de Sudalomba, pertencente ó monte Medo. O ronsel, segundo van pasando os segundos, faise cada vez máis ancho e, pouco a pouco, fórmanse nubes que axiña se dilúen. O avión xa se perdeu na distancia e o ronsel forma un carreiro polo medio que se fai máis e máis ancho segundo pasa o tempo. Un corvo interponse entre a miña mirada e o ceo azul xusto no momento en que un cacho de ronsel se parte definitivamente do resto e deixa unha imaxe rara pero bonita. Se me distraio un pouco, en cada nova ollada, vexo ocos máis grandes no ronsel. Axiña desaparece este por completo. Pero asoma logo outro avión que tamén deixa un pequeno carril de fume branco.

              Oficina de Maceda. Martes, 4 de outubro de 2011

FALANDO POLOS OLLOS



              “Conversacións co meu xardineiro” é unha moi fermosa película francesa que Jean Becker rodou en 2007 e que eu, recoñezo, non coñecía. Pero non vou falar da película; senón que vou comentar algo dos seus actores, máis en concreto do seu actor Jean-Pierre Darroussin, pois a Daniel Auteuil coñézoo ben e sei que é un dos grandes de Europa e incluso mundial. Se digo a verdade, Jean-Pierre Darroussin nin sabía que existía. Agora non se me esquecerá pola súa impresionante actuación neste filme. É deses actores que falan polos ollos, que non é preciso que digan nada para saber o que están pensando. E notas cómo a súa interpretación se vai transformando dende o principio ao final, segundo as características do seu personaxe. Maxistral actor!

              Oficina de Maceda. Luns, 3 de outubro de 2011

miércoles, 26 de octubre de 2011

UNHA FAMILIA DE XABARÍNS



              Cando o coche de Froilán Ridruejo se empinou subindo cara aos Castros, este soubo axiña que tiña que cambiar inmediatamente de marcha se non quería que a súa carruaxe se detivese nun tristrás. O coche era velliño e non tardaría en quedar para o despece. Froilán Ridruejo meteu unha marcha curta, o coche rosmou e dispúxose a ir moito máis lento. Foi o mellor que lle puido acontecer, xa que na seguinte curva e pola arte do birlibirloque, apareceron de súpeto unha familia de xabarís; dous adultos e dúas criaturas. Froilán Ridruejo aínda así tivo que frear nun santiamén para evitar un trompazo cos xabarís. Non estaba el nin o seu coche para un gran golpe; a maiores dos encordios que isto suporía. Optou por deter o coche e contemplar o espectáculo. Era un espectáculo ver aos xabarís, en fila india, polo medio da estrada. Os cativos non se desviaban un ápice dos cus dos seus pais. Emporiso, estes, de cando en vez, botaban unha ollada para atrás e deixaban escapar un gruñido de satisfacción ao ver o comportamento dos fillos. Cando decidiron cortar para o monte, Froilán Ridruejo seguiu o seu camiña cara á casa.

              Finca Fierro. Sábado, 1 de outubro de 2011