miércoles, 30 de noviembre de 2011

¡MALDITA BANDA MAGNÉTICA!


              A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, é máis lista ca a fame; ten unha saída para todas as trampas existentes nas tarxetas dos parados sen prestación. Primeiro, soubo mentir ó indicar que eses parados si tiñan acceso ós medicamentos, cando, na realidade era que non. Pero despois, cando xa se demostrou que mentía, quixo botarlle a culpa ó Instituto Nacional da Seguridade Social. E, agora, para rematar a súa inoperancia, a súa incapacidade, e logo de conmutar todas as tarxetas, achácalle á banda magnética do documento que moitos aínda sigan sen poder pedir cita. ¡Maldita banda magnética!; máis seguro que sexa por culpa do po do ladrillo ou da voaxa da nave. Como están a traballar...!, o po distorsiona a maldita banda. ¡Lista coma un allo a conselleira!

              Maceda. Mércores, 30 de novembro de 2011

martes, 29 de noviembre de 2011

QUEDARON COAS GANAS


              O tren das 3:10 pasou ás 3:20 por Cantoña e detívose na estación de Baños de Molgas ás 3:30. Do tren das 3:10 baixaron Russell Crowe e Christian Bale. O primeiro traía consigo unha cartucheira con amosegas de prata e un colt 45 con cachas brancas. Christian Bale baixou con tan só un winchester 75 e un defecto no seu pé dereito que o facía coxear un pouco. Os dous, mirándose de esguello, empezaron a marcar distancia tan axiña como puxeron os pés na explanada da estación do ferrocarril de Baños de Molgas. A música de Marco Beltrami presaxiaba un duelo a morte coma no salvaxe Oeste, aínda que Baños de Molgas está, máis ou menos, no centro de Ourense. Cando os dous homes estiveron a unha distancia prudencial, levaron as mans ós seus sombreiros e desexáronse un bo día. Crowe colleu cara ó muíño do Dositeo e Bale seguiu pola rúa que o leva ó centro da vila. Os espectadores quedaron coas ganas.

              Maceda. Martes, 29 de novembro de 2011

viernes, 25 de noviembre de 2011

ESTRAMBÓTICA COMPARACIÓN


              O profesor Aciselo López Louzán anotou na axenda do alumno Herófilo Sampaio Sánchez a historia que lle tiña que traer para a seguinte semana. Consistía na comparación da estrutura orgánica dunha carta de pago de Facenda coa semente da pataca. O alumno Herófilo quedou alucinado ante a anotación. Pero ó día seguinte largou a Delegación de Facenda para pescudar cómo era unha carta de pago. E foi aí cando, axiña, caeu na conta da labazada da primeira lección; qué tería que ver unha carta de pago, que era cadrada, cunha semente de pataca, que era redonda. Así e todo, presentoulle ó profesor Aciselo todo un estudo de dez folios sobre a citada comparación, pero chegando á conclusión de que a carta de pago métete no mundo da fame, mentres que a semente da pataca aliméntate.

              Maceda. Viernes, 25 de novembro de 2011

HIPOCRISÍA DOS DANOS COLATERAIS


              Nunha guerra, en calquera guerra, en todas as guerras nunca hai bos e malos. En todas as guerras sempre hai mortos. Ata os “presumibles” bos matan. Incluso ata aqueles que se consideran neutrais ou vixiantes de que esa tal guerra non se desbande. Así lle pasou ás forzas da OTAN nunha provincia meridional de Kandahar, en Afganistán, que, ó atacar a un grupo de insurxentes que estaban colocando explosivos nunha estrada, levaron por diante, ou sexa, impulsados polas forzas das bombas que deixaron caer, a seis nenos e un adulto. Todas as mortes doen, pero as dos nenos hai que recoñecer que son outro sentimento. Agora, faltaría máis, asoman as investigacións por parte duns e doutros para esclarecer os detalles do ataque. Si, pero a única realidade é que os nenos xa están mortos. Os neutrais, os “presumibles” bos, e coa intención de manter a orde neses países con fortes altercados, seguirán a causar baixas civís porque as bombas, as balas non escollen os obxectos nos que teñen que golpear; elas, xeralmente, caen ou chocan contra seres inocentes que, a maioría das veces, non saben de qué vai o asunto. Non o saben os maiores, imaxinade os cativos. Despois, os gobernantes falarán de danos colaterais; pero na realidade son mortes, precisamente mortes. Mortes de inocentes.

              Maceda. Venres, 25 de novembro de 2011

martes, 22 de noviembre de 2011

ÉXTASE CINEMATOGRÁFICA


              As posturas que Jador Sánchez Martín adoita poñer cando ve unha película na súa casa son merecentes dun comentario. En principio, a súa postura no sofá é normal, como a de calquera ser humano que se tomba para ver unha película nunha noite de inverno, coa súa mantiña nos pés e arroupadiño ata a meixela. Pero Jador Sánchez Martín transforma as posturas coas súas mans. Tal como as teña, tal como as coloque ó iniciar a película, aí se botan durante toda a proxección. Se ó iniciar a película unha man súa colle por exemplo o seu nariz, pois o pobre nariz non ten escapatoria ata a conclusión ou ata o descanso. Se o dedo polgar ou matapiollos o mete entre os outros e aperta o puño, aí queda prisioneiro tempo e tempo. A iso chámaselle éxtase cinematográfica.

              Maceda. Martes, 22 de novembro de 2011

lunes, 21 de noviembre de 2011

TODOS CONTENTOS


              Todos contentos. É o bonito que ten a política. Ó rematar unhas votacións, todos están contentos. Os ganadores por ganar. Os perdedores porque non foi unha desfeita. Os que xa se sentían perdidos porque, ou melloraron algo, ou non se escangallaron. Total, que aquí o único que sae perdendo é o votante; incluso o que se sente ganador, pois non tardará moito en caer na conta de que todo foi auga de bacallau. É certo que ás veces dá un chisco de grima ver como tododeus remata un cambio político máis contento ca unhas pascuas. O nacionalismo galego mantense en escanos, pero perdeu votos. ¡Como envexo ós vascos e cataláns! Sempre soben e nós, nós... xa se ve o que hai. Con todo, eu tamén estou contento; sempre me gustou loitar a favor do máis débil, do máis asoballado. Seguirei contento esta loita por Galicia.

              Maceda. Luns, 21 de novembro de 2011

viernes, 18 de noviembre de 2011

CAÍDAS QUE PRESTAN


              Adóitase dicir que o que as fai, acaba pagándoas. Xeralmente, o que fai unha falcatruada acaba atopando a man da xustiza, que, aínda que ás veces é lenta, si a ten longa. Claro que, despois, depende tamén de a quén lle bota a man. Non é o mesmo que a xustiza acose a un pobre desgraciado que a un chupatintas de moito coidado. O pobre desgraciado, cazado, quedará aínda máis pobre por falta de padriño. O chupatintas de moito coidado, cazado, sempre terá aquela posibilidade de que en toda a súa vida arrimouse ó abrigo dunha saba de flanela; a sombra do padriño é longa coma o ciprés de Miguel Delibes. Pero aínda que as condenas non dean moito exemplo, queda aquela rexouba, aquela alegría interior de saber que tamén os máis poderosos caen de cando en vez. Poida que por pouco tempo, pero caen. E, ó mellor, ata na caída poden levar un zafranazo de tres pares de narices. Ó mellor ata xa non conseguen levantarse desa mala caída. O de mala é un dicir, xa que esas caídas son as que lle prestan de verdade ós espectadores, son as que desexan que o tempo non cure as feridas que se puideron causar.

              Finca Fierro. Venres, 18 de novembro de 2011