viernes, 30 de diciembre de 2011

XUSTIFICANDO CON ERROS


              Sempre é o mesmo. Cada vez que hai mortes inocentes, axiña o achacamos a un erro ou a varios erros. Sempre é o mesmo. O erro é coma un perdón. E xa se sabe que pedir perdón é fácil. E todos cometemos erros, principalmente nas guerras; dende os que se entenden que van de bos pola vida (chámense ianquis, europeos ou occidentais) ós que axiña catalogamos coma malos (chámense islamistas, africanos ou do terceiro mundo) Neste relato tócalle a quenda á aviación turca, que masacrou (por error, faltaría máis) a trinta e cinco civís kurdos en Iraq. Logo, o Goberno (que neste caso é dos bos) desculpouse por confundir ós contrabandistas con rebeldes (que se entende que son os malos) E coa desculpa xa está todo aclarado; os mortos irán ó cemiterio (ou a unha fosa común) e aquí paz e despois gloria. O caso é ganar algo (unha batalla, un terreo, unha fronteira, unhas ideas), a costa de quen sexa, é dicir, a costa sempre dos máis inocentes, dos civís. Iso aconteceu e seguirá acontecendo sempre en todas as guerras; líbrenas os bos ou provóquenas os malos. E, sinceramente, non vale desexar paz neste ano que comeza, porque en moitos lugares do mundo non a haberá. Polo que morrerán civís e, o que é peor, nenos. Pero todo se seguirá xustificando con erros.

              Finca Fierro. Venres, 30 de decembro de 2011

PATA DE PAU


              Quero ser pata de pau nunha novela de piratas. As catro patas negras da cadeira do Café Aitana 39 sobre as que estou sentado aguantan algo máis dun parágrafo que se está a escribir nun conto chino. Hai novelas de piratas e hai contos chinos. Tamén hai adornos de Nadal sobre a mesa e tres ou catro pantallas de televisión (unha non a vexo) que emiten as mesmas imaxes de publicidade. Tamén hai televisións no café Aitana 39. Os clientes toman cafés, len xornais e deséxanse felices festas. Parece que só se pode pasar ben nas festas. Nos días laborais seica hai que choiar e, semella que, amargamente. Certo, agora moitos xa desexan un feliz día no Facebook. Non só nas festas. Un servidor deséxalles a todos un feliz día e unhas felices festas. Xa son pata de pau nesta miña novela.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 29 de decembro de 2011

jueves, 29 de diciembre de 2011

CON FALTAS DE ORTOGRAFÍA


              Un ano que remata é o recordo que traspasa a fronteira do presente para o pasado. É o tempo que xa foi. É o tempo no que a memoria sobe ó tren dos instantes. Porque a vida transcorre a base de instantes. Na noitevella e no ano novo é cando a memoria viaxa no AVE das présas. Son eses días nos que, un, repasa o ano transcorrido como se fora o derradeiro suspiro. Un ano que remata tamén serve de lección polos erros cometidos. Os seus días son páxinas escritas coas súas faltas de ortografía. Agora, dende a perspectiva do que xa pasou, les con parsimonia cada instante, cada momento e intentas borrar con típex, cun corrector aquelas faltas que mancharon os días. O bo do típex é que podes escribir sobre el. Certo que se notará sempre, pero… Pero o futuro será a esperanza da convivencia.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 29 de decembro de 2011

martes, 27 de diciembre de 2011

CAMIÑO DA ALDEA


              Ás dez da mañá os tellados das casas do barrio de Argimiro Rochela Suárez brillaban a causa da impresionante xeada existente aínda a esa hora. Argimiro vestiuse de tal maneira que se pode dicir que nin unha bala o traspasaba. Subiu ó seu vello coche e deixou durante uns segundos que rosmase para que quecese un chisco. Pero aínda así, cando empezou a manobrar, o freo non respondeu ás primeiras pisadas. Menos mal que non había ningún obstáculo por diante no que impactara o coche. Tras varias pisadas abrandou e o pedal xa baixou ata o fondo. Argimiro Rochela Suárez colleu camiño cara á aldea con moito coidadiño; non fora o demo que a xeada o mandase a unha cuneta. Chegou san e salvo para traballar durante todo o día na viña que ten na aldea.

              Finca Fierro. Martes, 27 de decembro de 2011

QUEIXAS PARA AS ESTATÍSTICAS


              Dende que eu saiba, o programa televisivo de Telecinco “Sálvame” ou “Sálvame Deluxe” (sinceramente, non me importa cómo é o seu auténtico título ou se son dous títulos distintos); digo que este programa sempre asomou nos medios escritos pola cantidade de queixas e de denuncias dos espectadores. Ata aquí, perfecto. A imperfección chega cando, unha e outra vez (xa digo, dende que eu saiba), en cada estudo anual ou trimestral ou como fagan eses estudos ou estatísticas, sempre é o programa con máis queixas e denuncias. E digo eu, ¿de que vale denunciar se segue a cometer os mesmos improperios? ¿Qué pasa?; ¿multan a ese programa? Pagarán a sanción e punto. ¿Qué significa para eles unha multa? Págana cun spot publicitario e xa está. ¿Por que non o eliminan da grella, da programación? ¡Esa é a solución! Mentres non fagan isto, seguirán coa mesma tónica. Saben que as queixas quedan para as estatísticas.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 27 de decembro de 2011

viernes, 23 de diciembre de 2011

SALTAR AS NORMAS


              Acabo de ver unhas imaxes nas que un porteiro de fútbol repele a agresión na que se viu envolto cun espectador. O árbitro amosoulle ó porteiro a tarxeta vermella, que foi moi protestada polos seus compañeiros e polo adestrador, ata o punto de retirar do campo, do partido ó seu equipo. Non sei a normativa ó pé da letra, pero creo que o árbitro actuou ben. Así e todo, chapeâu ó porteiro. Ás veces hai situacións nas que temos que saltar as normas. Xa me parece deprimente que os espectadores vaian ós campos de fútbol a desafogar as súas penas, imaxinade cómo me sinto vendo a un deles mallando a un porteiro, a calquera persoa porque si, porque a algúns as penas sábenlle nadar. Hai que empezar a asumir que ós campos vaise a ver fútbol, vaise a ver xogar, e non a esbardallar nin a insultar a tododeus. Moito menos a soltar labazadas e golpes. Creo que o árbitro actuou dentro do regulamento, pero tamén creo que o porteiro actuou como faríamos calquera de nós e con forza ou nervio para facelo. Algúns non nos atrevemos nin cunha mosca. Pero isto xa é outra historia. (No momento de mandar o relato a este xornal, a Federación Holandesa xa lle quitou a cartolina vermella ó porteiro, alegando defensa propia. Tamén aquí, este organismo actuou ben)

              Café Tizona de Ourense. Xoves, 22 de decembro de 2011

O SOÑO DO RAPAZ


              Déitate sobre a casca dun amieiro e abrázate ó sombreiro dun cogomelo. Logo soña co fouciño que corta as sebes daquela parcela, na que pasabas as mañás de inverno. A Turina pace por entre uns codesos e xa pensas que abeirou por Sudalomba abaixo. Cando te alporizas para saír a buscala, empeza o Uriarte a ladrarlle e a sacala daquel escondedoiro que chegou a angustiarte. Pero é realmente o burro o que che amarga a mañá; nun abrir e cerrar de ollos deixou de estar presente e sabes que ó chegar á casa, tes que seguir camiño do muíño do Dositeo. Alá o atoparás roldando á burra do muiñeiro. Esperta, rapaz, que a carapela, a casca do amieiro empeza a arrefriarche a alma. Colle a cesta e complétaa cuns boletos.

              Café Tizona de Ourense. Xoves, 22 de decembro de 2011