viernes, 27 de enero de 2012

VALOR PARA ARBITRAR


              Aínda que o árbitro Fernando Teixeira Vitienes cometeu erros no partido da pasada semana entre o Barça e o Real Madrid, non é para que o crucifiquen da maneira en que están a facelo, principalmente os afeccionados do Madrid. Eu mesmo recoñezo que cometeu importantes erros; para uns e para outros. Emporiso, aínda así seguirei a defendelos a todos. A este, e nese partido, tamén, xa que se visionamos as imaxes unha e outra vez, vemos que en algunhas é complicado decidir o que foi realmente. Por exemplo, as mans de Busquets; nunha imaxe vemos que lle dá na barriga, pero noutra imaxe semella que lle dá no brazo. O árbitro ten que decidir en segundos. Non obstante, o que aínda vexo máis grave no fútbol español é que todo o mundo se bote ós árbitros cando se aprecia a leguas que son vinte e dous tíos intentando enganalo. Vinte e dous profesionais que, en vez de xogar ó fútbol, andan correndo detrás dos árbitros para botarlles á xente enriba. Creo entender que en Inglaterra, xeralmente, cando un xogador vai a por o colexiado, son os compañeiros daquel os que lle cantan as corenta ó xogador. Direino sempre: admiro ós árbitros porque hai que ter valor para arbitrar neste país de energúmenos. Son auténticos heroes.

              Finca Fierro. Venres, 27 de xaneiro de 2012

FOLLAS ESCRITAS


              Follas escritas con catro palabras, nas que un ronsel de nubes debuxan un tempo de loita e de liberdade. Unha terra que clama polo pan de cada día e que tan só lle entregan unhas migallas de miseria. Hai versos que foron escritos con sangue e hai poemas que se pecharon entre as catro paredes da ignorancia. Follas escritas con significados reais, pero que sempre hai alguén que os quere converter en falsos. A loita continúa con lapis de tinta azul e unhas ideas moi brancas. Ideas brancas que volven a un negro cando a verdade asoma ós catro ventos. Loita e liberdade para a miña terra, pois xa vai sendo hora de que rachen as cadeas do escurantismo, da torpeza daqueles que non saben ler o poema.

              Maceda. Venres, 27 de xaneiro de 2012

miércoles, 25 de enero de 2012

O DESCANSO DUN LABREGO


              O labrego Eufronio Chaodarcas sentou nunha pedra do valado da súa leira mentres lle daba un descanso á xogada das vacas coas que estaba a arar. Botou man do paquete de tabaco picado e logo de lear un cigarro abondo gordo, dispúxose a fumar con tanta parsimonia que tivo que estirar as pernas para que non se lle cerraran os ollos. A noite anterior durmira mal a causa da reuma e o sol que caía de cheo sobre el era o que máis o estaba a amolar. Daquela tivo que erguerse da pedra e facer que fochicaba no propio valado; coma quen que estaba cortando unhas silvas, pero que na realidade estaba a espantar ó sono. Eufronio Chaodarcas rematou o cigarro e cun “hei, vacas, hei” seguiu arando na leira que estaba a piques de rematar. Era mediodía e había que xantar.

              Maceda. Mércores, 25 de xaneiro de 2012

martes, 24 de enero de 2012

O SESO, UN HOME ESPECIAL


              Aínda que dende a infancia e parte da xuventude a nosa relación distanciouse por culpa da, valla a redundancia, distancia, Sergio Cid Villar, máis coñecido por Seso ou, no meu caso, Sesiño é desas persoas que van máis alá da relación de veciños. Aínda que a gran amizade veña máis polo lado do meu irmán máis vello, o Garrincha, por ser máis ou menos da mesma idade, sempre presumín de ter eu mesmo un gran cariño cara ese home que, por unhas ou outras razóns, instalouse nese recanto da memoria ou do corazón que adoitamos chamar especial. A súa bondade e xenerosidade estaba en relación coa súa altura. ¡Mira que era alto de carallo!
              Marchou hai moitos, moitos anos para Madrid e, claro, a relación acurtouse ós períodos das súas vacacións. E aínda que eu tamén marchei para alá durante nove anos, os encontros que mantivemos non foron tan asiduos como adoitan ser nas vilas, onde te atopas cos amigos de continuo. Pero, emporiso, chegaban aqueles esporádicos momentos para que o Sesiño continuase a ser un home especial.
              Aínda era novo para que nos deixase tan axiña, pero xa sabemos o que é a vida ás veces. Entendo que a súa marcha deixa un gran baleiro na súa contorna social e familiar, pero tamén sei que os recordos quedan aí para botar man deles e demostrar que hai cariños, que hai relacións que van máis alá da propia vida.

              Maceda. Martes, 24 de xaneiro de 2012

lunes, 23 de enero de 2012

FERVENZA DO BARBANTIÑO

     Estamos medio mortos. Medio mortos a causa da canseira, aínda que a muller acaba de dicirme que estamos mortos enteiros. A culpa é da ruta turística, ou mellor dito, da ruta paisaxística que realizamos polo río Barbantiño dende O Viñao.
     Saímos de Ourense para pillar a autoestrada A-52. Axiña collemos a saída ó Carballiño e Pontevedra. Pasamos Punxín e logo de 3 km. chegamos a O Viñao. Torcemos á dereita e logo de varias curvas, deixamos o coche xusto ó lado do río. 
     Iniciamos a camiñata subindo polo lado esquerdo e con dirección á fervenza que anuncia o letreiro. Ata a chegada a esta, pódese dicir que o percorrido é o típico que adoita haber polas beiras dos ríos, de calquera río. 
     O ruxerruxe da auga coas súas pedras esparexidas polo leito do río.
     Cos seus remansos nos que apetece bañarse, pero, hoxe... ¡calquera se mete a auga!, ¡e menos a que se atopa entre carballeiras!
     Cos seus carreiros ben armados naqueles sitios de maior dificultade. Tamén é verdade que hai que ter moita conta coa folla... se está mollada é un perigo para as patinaxes.
     Con algunha estampa tan fermosa coma esta. Despois temos ríos nos que proliferan os muíños. O río Barbantiño ten abondo, polo menos pola ruta que realizamos.
     Algúns moi ben conservados e que aínda mostran por dentro os aparellos cos que se moía.
     E por se aínda alguén non se aclara moito cos aparellos utilizados na muiñada, aquí amoso un letreiro explicativo coas partes de algúns utensilios.
     Pero o gran acontecemento, a gran fermosura chegou, por suposto, cando descubrimos a fervenza.



     E rematamos a subida na ponte de San Fiz.
     Baixamos pola beira esquerda do río e aínda tivemos folgos para achegarnos ata O Bañiño, dous quilómetros e pico máis de ida cos seus correspondentes de volta.

     Fundidiños quedamos. Pero contentos. Moi contentos. Aínda que recoñecemos que a ruta paisaxística foi máis fermosa a do domingo pasado, ou sexa, a realizada polas Pozas de Melón.

O DIACRÍTICO MÁIS DESCOÑECIDO


              Xa sabemos que hai xente que adoita fallar moito no momento de escribir os acentos ou til sobre certas letras; uns por despiste e outros por non saber onde se colocan. Pero nós levamos a peor parte, xa que pensamos que no noso caso a maioría da xente non sabe cando nos ten que colocar. Ola, somos os puntiños que imos enriba, principalmente, da letra u, lingüisticamente chamados diérese (¿vedes onde imos colocados?) Pois ben, hai moita, moita xente á que lle amarga subirnos aí arriba da u, aínda que os dous puntiños pensamos que é por ignorancia, por descoñecemento. E non lles importa que a palabra se lea doutra maneira. Non é o mesmo dicir bilingüe que bilingue, ou antiguidade. Cremos que somos o signo diacrítico máis descoñecido polo persoal. A ver se este relatiño nos serve de empuxón.

              Maceda. Luns, 23 de xaneiro de 2012

viernes, 20 de enero de 2012

A MÚSICA DO GRILO


              Bican os raios de sol as ás dunha laverca e un grilo canta un tema musical de Sabina. Quere a xesta bailar a melodía, pero o codeso apréixaa de tal maneira que en vez de crecer para arriba encolle coma un plástico queimado. Na distancia, un romeiro cruza Os Currás e na altura da Portela bebe nas fontes que se formaron no sábrego. Segue camiño dos Milagres. Cando a laverca ve ó home lánzalle un aviso ó xabaril que estaba a emporcallarse no lameiro do Gregorio. O porco bravo ergue con parsimonia e marcha camiño da parcela do Chito para seguir furgando baixo a música do grilo, que cambiou o repertorio cara á unha banda sonora. Hai músicas que alegran ós bichos do monte Medo.

              Maceda. Venres, 20 de xaneiro de 2012