lunes, 30 de abril de 2012

AS BÁGOAS DA CANSEIRA



              Respiro con forza. Ergo os brazos cara ao ceo. E berro. Acabei! Rematei! Finalicei! Acabouse o que se daba. E cando desexas de corazón rematar algo, quedas coma os anxos cando isto acontece. A partir de agora a cabeza deixará de doer e os números deixarán de bailar ante as pupilas dos ollos, polo que as bágoas da canseira deixarán de varrer a vista. A partir de agora empezarei a comer de novo coma Deus manda. Menos bocadillos e máis potaxes e verduras… unhas fabiñas!, un repoliño!, un cocidiño! O lado negativo estará nesas partidas das cartas que adoitan xogar os veciños no bar e que tan só coa súa presenza, animaban a alma. Media hora alegre, divertida. Pasábao ben á súa beira. Foron dous meses e pico de fatiga, de tensión, de dor de cabeza e bágoas de canseira. Por media hora diaria de amigos e veciños aos que quero, cos que me divirto. Ata o ano que vén.

              Maceda. Luns, 30 de abril de 2012

domingo, 29 de abril de 2012

MEDO Á TREBOADA



              Dúas botellas de leite no chan. Baleiras. Frío nos xeonllos. E unha cadea televisiva que non cala. Queren as nubes negras apoderarse do ceo gris para, un chisco máis tarde, deixar caer sarabia. Un maletín medio aberto preto da porta de entrada. Uns apuntes xornalísticos sobre o chan. Para lelos, cando haxa tempo libre. Quere o medo non pensar na sarabia polo dano que pode facer nunha viña que fai de sustento. Hai soldos que non chegan e hai que botar man dun froito que ten o seu risco por culpa dun mal tempo climatolóxico. Unha lavadora facendo ruído. Auga que traballa nunha roupa usada. Quere o corazón que non veña a treboada.

              Finca Fierro. Domingo, 29 de abril de 2012

sábado, 28 de abril de 2012

MÁIS ALÁ DA GUERRA CIVIL



              Non sei se é porque me gusta demasiado o cine ou porque teño espírito de contradición, pero o caso é que teño que discrepar co relato publicado hai uns días por un compañeiro colaborador  sobre o cine español. Seica todo versa sobre a Guerra Civil, o fascismo, a coca e o fornicio. E se por un casual lle preguntas a alguén pola Guerra Civil, non ten nin idea sobre ela, mentres que, por exemplo, coñecemos Estados Unidos grazas ás películas do Oeste e ós gánsteres. Algúns venden a historia do seu país en cine; nós se o facemos seica cansamos ao persoal. Creo que o cine español vai moito máis alá da Guerra Civil, pero,claro, para gustos hai opinións. Confesa que os bos sempre son vítimas dos fascistas. E logo cando foi bo o fascismo para ser este a vítima? Hai cine español moi bo, como tamén o hai en Irán ou no Congo ou en Israel ou en Eslovenia. A diferenza está en que Estados Unidos conta con máis de 60 millóns de euros de media por película, mentres que en España vai entre os 6 e os 20. A diferenza está en que os ianquis publicitan a súa historia e nós renegamos dela. Como da lingua galega. País!

              Finca Fierro. Sábado, 28 de abril de 2012

jueves, 26 de abril de 2012

GOZO E PENA



              A verdade é que me deu pena. Aínda que o día anterior, el gozara coma un anano. Pero logo… logo quedou tan fundidiño que me deu pena. Ao contrario do que lle aconteceu ao seu pai. Este, o día anterior, penara. E ao seguinte gozara. Estamos falando das eliminatorias da Liga de Campións dos equipos españois. Ao meu fillo Xoel tremíanlle os brazos coa emoción cada vez que cantaba os goles do Chelsea. Ao día seguinte, pobriño, púxose branco cando o porteiro alemán parou os dous primeiros penaltis e quedou petrificado cando Sergio Ramos mandou o balón a non se sabe onde. Picarei un chisco nel cando lle diga ao chegar á casa se xa apareceu o balón do madridista. Deume pena pero causoume graza o espavento, a forma de axitar os seus brazos cando eliminaron ao Barça.

              Banesto de Maceda. Xoves, 26 de abril de 2012

martes, 24 de abril de 2012

O SILENCIO QUE MANCA



              Corre o can de palleiro por entre as rúas dunha aldea calquera. Está só. Na aldea xa hai tempo que non vive ninguén. En moitas aldeas xa non vive ninguén. Nin os corvos e pegas adoitan facer parada nelas. Para que? Non teñen onde pillar carnaza. Tan só o pobre can, que anda medio perdido, ousa uliscar, cheirar nas portas e levantar unha pata traseira sobre os potes que fan de floreiros. Ten as orellas en punta por aquilo do medo a algún ruído. Pero o silencio é tan inmenso que ata manca. Por pouco tempo. Un asubío longo e bastante afastado chega rebotando por entre as paredes de lousa das casas medio derruídas. O can de palleiro ergue a cabeza de súpeto, dálle ao rabo e sae correndo cara á dirección do asubío, cara ao seu amo. Agora, na aldea, si queda o silencio eterno.

              Finca Fierro. Martes, 24 de abril de 2012

lunes, 23 de abril de 2012

NOVAS QUE CANSAN


              Mestura de cousas, de temas. Porque a vida pasa de présa. Porque ando acelerado. Demasiado traballo. Un curso en galego. Cabeza que ferve. Noticias que cansan, que aburren. Varios anos xa escoitando de mañá cedo o tema da crise, as novas de economía. Sempre é o mesmo. Estamos mal, si. Pero que cho recalquen unha e outra vez cansa. Ás veces opto pola solución de empurrar unha cinta na vella casete, e aí é onde a música amansa as feras. Outras veces, se sigo aguantando a emisora é porque sempre confías un chisco en novas distintas, en algo que che faga murmurar ou emocionarte. Pero nada, a maldita crise, a aburrida economía chouta dun xornal a unha emisora, dun locutor a un escritor, a un periodista. Sempre o mesmo. Estamos mal, si. Pero, por Deus!, non o refreguemos aínda máis.

              Maceda. Luns, 23 de abril de 2012

viernes, 20 de abril de 2012

O CHIBO EXPIATORIO


              Manda truco na Habana! Cada vez que os políticos falan do que custan para os cidadáns uns recortes, axiña botan man do café para minimizar esas eliminacións de partidas ou esas subidas de impostos. A culpa é do café. O secretario xeral de Sanidade di que o copago son catro cafés. Outros aínda teñen máis cara e din que tal ou cal subida cústalle ao cidadán un café tan só. Pois mira que se lles dá por meterse co café! A min gústame o café. Por que vou deixar de tomar café? A min non me gustan as Deputacións. Por que non se eliminan? A min non me gusta que directores xerais ou altos funcionarios da Xunta e do Estado usen os vehículos oficiais para levar fillos aos colexios ou para transportar cans de palleiro aos montes, por exemplo. Por que non aforran neses gastos e deixan en paz ao café. A min non me gusta que congresistas e senadores cobren de nós, cando na realidade non pisan para nada os hemiciclos. Por que non lle sacan tarxeta vermella aos que faltan unha e outra vez? Ten que ser o maldito café o que as pague todas xuntas! Dende estas liñas pido unha defensa radical do café. Xa está ben de que sexa o chibo expiatorio de politiquiños de a tres nun zoco.

              Maceda. Venres, 20 de abril de 2012