jueves, 31 de mayo de 2012

COMA TOUPAS



              Non atoparte á primeira hora da mañá cos correspondentes xornais aos que lles podes botar unha ollada é como camiñar ás escuras por un carreiro cheo de lama, cheo de bulleiro. É coma sentir a alma completamente núa. A algúns véncenos a ansiedade de querer saber, de querer coñecer todo aquilo que se move polo mundo. E cando non sabemos, cando non coñecemos somos coma toupas que furgamos por entre as tebras do descoñecemento. E sufrimos. E non apartamos a ollada da estrada ou da rúa na busca do repartidor que non chega. Tan só nos queda o consolo de saborear o café se nos atopamos nunha cafetaría ou de facer algunha outra cousa de utilidade se estamos na casa. Pero a cabeza está nesas novas que queremos coñecer ao momento, pero que non chegan.

              Maceda. Xoves, 31 de maio de 2012

domingo, 27 de mayo de 2012

A NENA DOS AURICULARES



              A nena que atravesa a rúa séntese Nicole Kidman e deixa que o aire forme remuíños coa súa cabeleira. Ao mellor pensa que é Charlize Theron. Xa na beirarrúa achégase ao banco instalado á sombra dun plataneiro. Senta e acomoda os auriculares nos oídos  e segue o ritmo da música cos pés. A nena considérase Shakira polo ritmo que lle dá ás extremidades inferiores. Ao mellor quen realmente lle gusta é Babra Streisand. Que cambia moito o asunto, pero… Pero un coche aparca xusto diante dela e imaxino unha actuación de carácter ao estilo de Meryl Streep ou Susan Sarandon. Máis ou menos.

              Bar As Volvoretas de Ourense. Venres, 25 de maio de 2012

ALMAS EN PENA



              Cadeiras de alcatrán no portal dunha residencia da Santa Compaña. Cancións de pegamento que arrodean os cadrís dunha vaca que “abeira” por Sudalomba abaixo. Quixo a carpaza rifar coa tía, pero o misto non prendeu na isca e unhas pingas de orballo caeron sobre o fociño do Uriarte. Hai berros que viaxan por entre os piornos do Medo e hai lobos que oulean polo celo dalgunhas bestas. Mesas de chapapote nos corredores do cemiterio, para que, polas noites, as almas en pena xoguen a partida de ir e non volver. Ladra o can de palleiro por entre as medas de Portugalego.

              Bar As Volvoretas de Ourense. Venres, 25 de maio de 2012

SENTÍNDOME ESTUDANTE



              Que te sintas estudante pasados os cincuenta hai que recoñecer que é algo bonito. Normal. De rapaz non puiden sentir iso porque era tan nugallán que me doía o estómago con tan só pensar que tiña que estudar uns temas ou unhas horas. Pero, agora mesmo, acabo de rematar dous meses nos que preparei a fondo un curso de galego sobre a linguaxe administrativa. E aínda que penso que non ando moi mal coa nosa lingua, é verdade que se descobren cousas que non se sabían. Como se adoita dicir, sempre se aprende algo. Hoxe opino que se aprende máis que algo. Principalmente se lle pos ganas, ilusión e algo de interese. Gústame tanto o galego que, a maiores, fun pillando datos, leccións, temas; simplificando, linguaxe de aquí e de alá que nada tiña que ver co curso. Durante algún tempo, a carpeta seguirá chea de apuntes que haberá que estudar pouco a pouco. Este sábado rematei en Santiago de Compostela o curso con dúas probas (escrita e oral) e co desexo de que asome polo boletín oficial un novo curso relacionado coa nosa lingua. Gústame o galego e, para máis aquel, collinlle o tranganillo pola internet.

              Finca Fierro. Sábado, 26 de maio de 2012

viernes, 25 de mayo de 2012

FRASES



              Xa estou deixando caer palabras para formar frases. Non descubro nada novo baixo o sol; xeralmente cando se escribe fórmanse frases. O problema está na forma das frases, no significado das mesmas. Ata para a súa extensión se necesita o seu aquel. Certo que hai veces nas que unha simple frase curtiña di máis ca todo un libro mal escrito. Pola contra, tamén é verdade que algunha frase curta ben puido quedarse na barra do bolígrafo. Do pouco á nada, ás veces, existe tan só a insignificancia, o silencio, ou sexa, nada. Máis ou menos coma este relato; moita frase, pouco contido.

              Bar As Volvoretas de Ourense. Venres, 25 de maio de 2012

jueves, 24 de mayo de 2012

O OUTRO RAMBO



              Collóns! Así de simple, de rápido e con perdón. Pensei que non se acababa nunca o tanque de 300 litros de auga con sulfato. Foron tres horas de turrar dunha mangueira e de patear preto de 100 gabias cara arriba e cara abaixo. Logo, para máis aquel, a viña estaba acabada de arar, polo que a dificultade para andar era de campionato. Cada vez que chegaba ao cabo dunha gabia, o meu pensamento non deixaba de ansiar a finalización do tanque, pero este non acababa de baleirarse. Non tardou en asomar á miña cabeza a frase “no siento las piernas”, de Rambo Stallone. Eu tampouco as sentía xa, e, non obstante, aínda tiven que baleirar outro tanque máis, outros 300 litros de auga. Pero o primeiro, o primeiro fíxoseme eterno. En total, case seis horas andando sen parar, devagar, que é o que máis me mata. Así, de noite, tiven cambras nas pernas.

              Finca Fierro. Mércores, 23 de maio de 2012

miércoles, 23 de mayo de 2012

DÚAS ANSIAS, DOUS PODERES



              Dúas ansias. Dous poderes. Mediados dos anos setenta, xusto ao pouco de finar o Excelentísimo. A ansia de amar. A ansia da liberdade. O poder da igrexa. O poder da garda civil, das forzas vivas. Así podo iniciar e inicio a crítica da película galega de moda, “Vilamor”, que Ignacio Vilar rodou polas montañas luguesas. A ansia de amar e a ansia de liberdade correspóndelle ao celme mesmo da película. E os dous poderes asoman nunha escena na que o crego da aldea solta unha desas frases que o din todo, dirixíndose ao seminarista Breixo cando querer mostrar o seu parecer: “deixa que os grandes resolvamos isto”. E os grandes alí presentes eran el (a igrexa) e a garda civil. Era a realidade desa época.
              Dúas ansias. Dous poderes. Tamén dous mundos. O que quere cambiar a actriz Sabela Arán co seu personaxe de alma mater da comuna que se instalou nese recanto do noso país e o que quere conservar o seminarista Rubén Riós porque ve cómo está a piques de derrubarse.
              A pesar da responsabilidade de realizar unha historia sobre esa época crítica, na que aínda non se sabía para onde iría o noso país, Ignacio Vilar sabe coser os fíos da seriedade, do drama da situación (quéirase ou non, unha comuna naquela época era un auténtico dramón para unha aldea rural) e intenta relaxar ao espectador con algunha que outra escena cómica, como a que amosa cando o crego confesa a unha velliña do lugar. Ver o plano da confesión é para rir a gargalladas, principalmente coa postura da velliña.
              Ao final, xa se sabe, e porque é lei de vida, os dous poderes esfúmanse pouco a pouco ante o empuxe do amor e da liberdade. É que o slogan de “Vilamor” podía ser moi ben o de “amor e liberdade nun recanto do país” ou “amor e liberdade nun recanto da historia”. Porque as ansias daquel e as ansias desta sempre saen vencedoras de todas as batallas e, por conseguinte, de todas as guerras. Remato destacando por suposto o respecto e a ensinanza das distintas linguas que asoman neste bonito filme que, para máis aquel, é galego, de Ourense.

              Finca Fierro. Mércores, 23 de maio de 2012