martes, 31 de julio de 2012

O BUFIDO DE LEONCIO



              Cada vez que Leoncio Flores Seoane tamborilea cos dedos da man esquerda sobre a mesa, o silencio deixa de ser silencio e convértese en ruído. Usa eses movementos porque empeza a aburrirse. Está á espera de que os seus rapaces saian xa da discoteca na que entraron hai máis de dúas horas. Primeiro estivo no coche onde escoitou música e ata deu unha cabezada. Logo sentou nunha terraza para tomar un café. O tempo nin pasaba nin voaba. Era o único cliente. A televisión estaba apagada. O silencio era total. Rompeuse co tambolireo dos dedos da man esquerda sobre a mesa. Ao pouco saíron os rapaces. Estes optaron por marchar andando. Leoncio Flores Seoane bufou.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Domingo, 29 de xullo de 2012

lunes, 30 de julio de 2012

SEN VACACIÓNS



              Hai noticias periodísticas que, ao lelas, toman unha dimensión de enfado tal que te arrepintes un chisco de mirar o xornal. E en tempo de crise cabrean unha barbaridade. Por exemplo, os alcaldes das cidades máis importantes de Galicia teñen un cento de asesores. Normal!; ao ser alcaldiños que se lles vai pedir! Para máis aquel, eses asesores, claro está, pagámolos nós. Outro por exemplo; a crise castiga aos políticos sen vacacións. Vaia por Deus! Pero é peor ter vacacións e desexar que rematen canto antes, porque os que temos uns soldos un chisquiño, tan só un chisquiño máis baixo ca eles, temos que traballar arreo para intentar vencer esa crise que eles non conseguen atallar, que eles cimentan aínda máis. Agora mesmo, sen vacacións e coas baixadas dos seus soldos van quedar para o arrastre. Pobriños!

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Luns, 30 de xullo de 2012

A TREBOADA PERFECTA



              Cinco marcianos viaxan pola galaxia na procura do raio abraiante e do trono perfecto. Dous marcianos levan auriculares no nariz para ulir o trono, outros dous usan lentes de sol nas orellas para escoitar o raio. E o quinto, o quinto marciano conduce a táboa de surf esquivando as estrelas, meteoros e naves espaciais que circulan pola vía láctea. Queren pousar en Marte pero ao final optan pola Terra. E xusto cando aterran no monte Medo de Baños de Molgas acontece o que esperaban; sobre o Outeiro do Corno semella que racha o ceo, e lóstregos e tronos sucédense en segundos. Gravan todo no casco do quinto marciano. Acampan en Sudalomba.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Domingo, 29 de xullo de 2012

VIVA O DEPORTE!



              Ciclismo, fútbol e motociclismo son os deportes que máis admiro. Por esa orde. Aínda que, o que máis practiquei quizais fose o frontón no colexio dos Milagres. Pero tamén confeso que me gusta case todo o deporte. Case todo do chamado minoritario. Por iso esta semana estou coma deus cos xogos olímpicos. Procuro ver todo o que podo, todo o que a viña me deixa e todo o que a xornada laboral me permite. Vin judo, volei praia, natación, balonmán, fútbol, baloncesto, ximnasia… Intentarei non perderme a David Cal, o noso homiño que pode bater a marca de medallas no noso país. O deporte é esforzo, valor, humildade, técnica, risco, corazón, vida. Non ten porque estar en loita con outras áreas da vida, como intentan criticar uns cantos. Pódese seguir un deporte “de masas” e ser o típico “intelectual” ao uso. Non teñen porque estar pelexados. Viva o deporte!

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Domingo, 29 de xullo de 2012

domingo, 29 de julio de 2012

O DEPORTE TAMÉN EDUCA



              A preparación de todo gran acontecemento adoita traer consigo unha certa (ou unha moita) dilapidación económica. E se esta dilapidación acontece nestes tempos de crise, axiña levantamos a voz clamando xustiza para que eses cartos vaian para outros mesteres. Cada vez que o acontecemento é deportivo, sempre choutamos con aquilo da cultura e da educación. Aconteceu co mundial de fútbol e imaxino que acontecerá cos xogos olímpicos. “Se eses cartos se destinaran a cultura ou a educación”. Eu tamén case son desa opinión. Ai ese case! Está o case ese que me fai opinar que hai certos acontecementos deportivos moi especiais que non deberían ser tan criticados porque se leven unha boa parte dos presupostos dalgúns países. É certo que con menos cartos faríase igual ou mellor eses eventos. Adoitamos usar sempre algúns máis porque sempre nos gustou meter man no alleo. Hai certos acontecementos deportivos que levan consigo a cultura e a educación. Os xogos olímpicos penso que amosan estas dúas ensinanzas en case todas as probas existentes. Chega con nomear o típico “saber ganar e saber perder” que lle intentamos inculcar aos cativos. Nestes xogos hai moito diso. E só que sexa por isto, xa valen a pena.

              Finca Fierro. Sábado, 28 de xullo de 2012

viernes, 27 de julio de 2012

SEBO ÁS CANELAS



              Doce e dez da mañá e xa quenta de raio. Imaxino que pola tarde volverá a treboada. Coma onte. Onte quixo pillarme na viña, pero non me pillou. Non lle dei tempo. A ver!, tamén xa estaba ata o cocote de baixar ramas. Así é que foi a escusa perfecta. Nubes negras coma a escuridade máis escura. Vaiche boa!; a miña idade xa non está para un ballón, para unha chuvieira de auga. E menos para que caera enriba do suor que tiña no corpo. Solución sinxela: sebo ás canelas, ou bater cos pés no cu. Despois, a treboada non foi tan forte como presumía, pero… Unha menos dez da mañá e, claro, cada vez quenta máis. Tanto tempo para un relato? Non. Polo medio lin dous xornais.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Venres, 27 de xullo de 2012

miércoles, 25 de julio de 2012

POR DETRÁS DA FOLLAXE



              A batalla entre os raios de claridade que queren penetrar por entre a follaxe dos amieiros desenvólvese tan só a uns trinta metros. Cando o pouco aire existente consegue mover algunhas follas é cando algúns raios de claridade aproveitan para chegar ás meniñas dos ollos do narrador. Pero axiña retroceden, desaparecen cando as follas volven á súa posición inicial e a calma asoma unha vez máis nesta guerra de ver e non ver. Chega unha simple folla para tapar a vida que hai máis alá. Chega unha simple folla para deixar ver as moléculas de máis alá do infinito. E aínda que se mire para outro lado, sábese que por detrás da follaxe hai unha batalla entre o ser claridade e non ser claridade.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Luns, 23 de xullo de 2012