viernes, 31 de agosto de 2012

ALGO SEMPRE QUEDA



              A verdade é que é complicado escribir algo sobre un acontecemento que se repite todos os anos e que, por suposto, se escribe todos os anos. Pero como di aquel, algo sempre queda. As novenas dos Milagres sempre dan para algo. E aínda que a miña práctica relixiosa vai a menos, a Santiña do Medo sigue tendo o seu aquel, sigue sendo especial. Practicamente toda unha vida á súa beira, iso conta moito. De rapaz era o Rivas pequeno cando ía visitar aos irmáns que estaban no “colexio vello”. Despois tireime oito ano no “colexio novo”. Logo, todos os anos indo a pé ás novenas. Se ata cando ía cas vacas para o Medo, me achegaba ata Os Milagres, aínda que só fose para xogar ao frontón. En Madrid, na miña axenda, tiña anotados os días 30 de agosto e o 7 e 8 de setembro. Por algo sería. A miña nai era unha máis ca devota dos Milagres. E unha nai sempre é unha nai. Imaxino que para o ano que vén tamén quedará algo. Seguro!, a Santiña nunca falla.

              Maceda. Venres, 31 de agosto de 2012

martes, 28 de agosto de 2012

A CULTURA DUNHA LEIRA



              Penso na cultura dunha leira e vexo aí sangue, suor e bágoas dun labrego que loita contra a miseria. Vexo aí o esforzo do autoconsumo. Noites de inquedanza polas inclemencias do tempo. Mañás de empeño, de sacrificio desde moito antes de que o sol asome pola serra de San Mamede. Mediodías de queixas porque os cadrís brúan de dor; nin na sesta atopan acougo. Tardes de loita nas que se acumula todo: a inquedanza, o esforzo, a dor dos cadrís, as queixas, o suor, o sangue., as bágoas e o medo. O medo a non saír da miseria. A cultura dunha leira escríbese cos regos ben dereitos e lese nas engurras do labrego.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Luns, 27 de agosto de 2012

NA CAMA DO RUÍDO



              Corre o aire. Soa a música. Bambéanse as toallas. E as nubes que pasan. Bailan as follas. Pedalea o neno. A agulla do reloxo chouta de segundo en segundo. E a auga do río que corre. A moto está aparcada. O cinseiro está baleiro. O xornal sobre unha mesa calquera. E un cantante de fala inglesa cantando. Bañistas que se contan cos dedos das mans. Mala tarde para bañarse. O neno da bicicleta que chama pola súa irmá. E os dedos da man esquerda que rañan no pescozo do que subscribe. Corre o aire. Queren chorar as nubes. Asubía o xílgaro. E o silencio que se deita na cama do ruído. Canto ruído no descanso do silencio! Gravo na memoria o carballo da Portela que ten a folla revirada. Deixo que pase o estorniño. E o punto final detén o bolígrafo.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Luns, 27 de agosto de 2012

lunes, 27 de agosto de 2012

A ALEGRÍA DA PANTOMIMA



              Ás veces escribo tan á lixeira que, claro, teño que tamén criticarme a min mesmo. E non se me caen os aneis por iso. Dicía días atrás que a liga da pantomima só tiña o aliciente dos dous clubs grandes (sigo erre que erre niso, e xa se verá ao final), pero resulta que levo dúas semanas que a tal pantomima dáme alegrías a esgalla. Ben certo é que o Celtiña anda a velas vir. Pero o Dépor, ai o Dépor!... leva dúas semanas por enriba do máis poderoso de todos. Aí é nada! A pantomima dáme unha alegría. Perdón, dúas; unha por estar por enriba do todopoderoso e a outra porque este poderoso tamén anda case coma o Celta… a velas vir. Cando remate a liga, o Madrid estará moi por enriba dos galegos, pero mentres non suceda… rir a cachón! E soñar é bonito.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Luns, 27 de agosto de 2012

sábado, 25 de agosto de 2012

A PROCESIÓN DA CRUZ VERDE



              Se non erro, creo que tan só asistira un par de veces á Festa da Istoria de Ribadavia, en plan de tomar un café e ver o ambiente. Pero este venres fun coa intención de botar máis tempo e de ver algo máis. Logo de dar unhas voltas pola fermosura do seu casco xudeu, asistín a procesión da Cruz Verde, o símbolo da Inquisición. Este cortexo percorreu as rúas do casco histórico, ou sexa, desde a prisión da Inquisición ata o auditorio do castelo. Cada pouco, o cortexo detíñase para “asaltar” as casas nas que convivían os herexes. Estes eran conducidos ao desfile para xuntalos cos outros reos que levaban xa uns cirios acendidos en sinal de penitencia. Entre os tambores que marcaban o ritmo e as queixas e berros dos reos, o drama apropiábase das rúas da capital do Ribeiro. Xa no auditorio representouse a obra “O Malsín”, na que se escenefican os feitos acaecidos na vila, cando este veciño, O Malsín, denuncia ante o Santo Oficio aos seus familiares e veciños por practicar ritos e cerimonias de xudaísmo. A noite rematou cun auténtico espectáculo de música e fogos no propio castelo.

              Finca Fierro. Sábado, 25 de agosto de 2012

jueves, 23 de agosto de 2012

REMENDOS DA INFANCIA



              Cando me aburro póñome a remexer na memoria e sempre me saen os remendos da infancia. Aqueles que cosín nas mañás do monte Medo ou nas tardes de Pinouzos. Pode que infancia miserenta, pero feliz. Máis ou menos. Naqueles momentos non creo que fose moita felicidade andar, por exemplo, coas zapatillas furadas por abaixo, ou esperando a rifa ou zurra da nai ao chegar á casa. Antigamente, aos rapaces, sempre nos botaban en cara algo; que se perdías unha vaca, que se lle entraban á leira de tal veciño, que se o burro se ía “ás mozas”, que se mesturabamos unhas vacas con outras; o caso era dar labazadas para ensinar quén educaba realmente nas casas labregas. Os recordos, agora, son felices. Agora. Pero naqueles momentos...

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 21 de agosto de 2012

PREÑADO DE NUGALLA



              Estou preñado de nugalla ás seis menos vinte da tarde, porque os parafusos do sol penetran de tal forma nos miolos que, estes, pouco a pouco ferven ata o momento mesmo no que dis “sento aquí e de aquí non me movo”. Nugalla corporal e mental. Nugalla creativa. Nugalla física. Menos mal que esta preñez non dura o que adoitan durar os embarazos. Confío en que o meu parto, a miña parida chegue tan axiña como me poña a facer algo. Pero aí radica a dificultade, o dilema; o de iniciar algo. Custa horrores. A nugalla sentou no entendemento e non quere coller camiño da actividade física, nin da mental. Esperarei a parir.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 21 de agosto de 2012