domingo, 30 de septiembre de 2012

NORMALIZAR A SINXELEZA



              “Trátase de normalizar algo tan sinxelo como que cada persoa busque a felicidade polo seu propio camiño”. Así se expresaron Iria e Bea, un matrimonio de lesbianas, logo de todos as barreiras que tiveron que cruzar para asentar aos seus fillos xemelgos. A primeira barreira, o primeiro obstáculo xa lles chegou da propia Seguridade Social ante a posibilidade de xerar fillos. E non digamos xa cando asomaron por unha consulta do hospital de Lugo, onde seica as tacharon de “parella discordante”. Tiveron que ir, claro está, polo privado. Outra barreira chegou no Rexistro Civil de Ferrol, no que non lles permitiron rexistralas ás dúas como nai e nai. Así, durante medio mes, os xemelgos non existiron para a Administración. Menos mal que en Castro de Rei non lles puxeron ningunha pega e, hoxe, contan xa cun Libro de Familia normalizado. Pregoan o caso para normalizar algo tan sinxelo. Eu tamén tiven medo cando rexistrei ao meu fillo Alán (polo nome, claro), pois a funcionaria do Rexistro Civil de Ourense, miroume e remiroume, ollou libros e máis libros, deu voltas e máis voltas antes de escribir o nome de Alán. Ás veces os funcionarios que tratamos con nomes (vilas, persoas, cidades, etc.) deberiamos ter a man libros e nomenclátor ou estar máis ao día sobre esas cuestións.

              Finca Fierro. Sábado, 29 de setembro de 2012

martes, 25 de septiembre de 2012

ASTERISCO A SECAS



              Son o asterisco dunha palabra que non se entende. Intento explicar o ruxerruxe da claridade da auga do río Sequillo, pero o seu leito baixa cheo de porcallada. Intento analizar a postura do rabo dunha vaca cando decide abeirar, pero hoxe, día de chuvia, non hai ningún tabán que a moleste. Intento estudar o pasamáns dunha escaleira que sobe ata un sétimo andar, pero o edificio carece dese apoio esencial para unha altura tal. Empezo a ser o asterisco de moitas palabras que non se entenden. Quero explicalas, pero o dicionario amósame tan só sinónimos que me din sempre o mesmo. E se procuro os antónimos, nada me concorda. Penso que son xa un asterisco a secas, que tan só acompaño ás palabras coma un simple símbolo ou debuxo.

              Finca Fierro. Martes, 25 de setembro de 2012

sábado, 22 de septiembre de 2012

DE DÚAS MANEIRAS DISTINTAS



              Se este recuncho ou recanto adoita ser a análise ou o comentario das novas semanais máis relevantes, non queda máis remedio que falar da chamada operación Pokémon, porque nos toca moi de cerca. Cada vez que lemos ou oímos algo sobre corrupción ou demais sinónimos relacionados co suborno, axiña os analizamos de dúas maneiras distintas. Se é fóra da nosa provincia, o pensamento lánzanos ao insulto en contra deses presuntos ladróns. Pero se tal corrupción ou reparto de comisións ou prevaricación ou malversación se desenvolve na nosa cidade, sobre alguén a quen coñecemos, entón, cambiamos as tornas e falamos xa de presunción de inocencia. Agora mesmo e polo pouco que aínda sei, e quizais por ese achegamento, tamén son partidario da presunción de inocencia. Como tamén me parece que tal operación deixa un certo cheiro a podre, por realizarse precisamente nestes momentos, a piques de iniciarse unha campaña electoral. De todas formas, se se demostran as acusacións, os condenados teñen que pagar, sexan do partido que sexan. Ninguén ten dereito a xogar cos cartos públicos. Custa moito gañalos para que, logo, uns cantos “espelidos” vivan á conta nosa.

              Finca Fierro. Sábado, 22 de setembro de 2012

viernes, 21 de septiembre de 2012

O REI DA AUGA BENDITA



              Ramoncín era o rei do polo frito, mentres que Isaías López Silbado é o rei da auga bendita. Sempre tivo esta fama, que ganou a pulso. Todos os días asiste á misa da súa parroquia e o primeiro que fai ao entrar na igrexa, é colocarse á beira da pía bautismal, que, claro, está sempre chea de auga bendita. Tan axiña como ve a sombra de alguén que vai entrar no recinto, molla os dedos da man dereita na auga bendita e toca, refrega estes nos dedos desas persoas que entran. E non mira se son dedos dos ricos ou pobres, dos adultos ou nenos, dos homes ou mulleres. A estas é certo que lles sorrí máis abertamente cá aqueles. A Isaías López Silbado non se lle escapa ninguén; ata persegue a algún fregués polo corredor da igrexa e obrígao a refregar os dedos. Lóxico, entón, que sexa o rei da auga bendita.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2012

miércoles, 19 de septiembre de 2012

NON É O MESMO



              Quero ser parafuso nun aradiño de pau, pero son abeaca de ferro nun mosquito. Manda truco na Habana! Non é mesmo ser líder do Partido Popular que pobre votante do BNG. Aínda que, iso si, síntome moi orgulloso. Tampouco é o mesmo ter pintada no espello a tristeza de Cristiano Ronaldo que encher un libro coa alegría dunhas palabras de auga; frescas, limpas. Madía leva! De querer ser a ser vai medio mundo que roda polas carreiras cheas de coios brancos e de gallas caídas dos carballos. Hai que sortear eses obstáculos ou pegar media volta e volver empezar. Quero ser rego dereito na leira de millo, pero son o boi que tira do arado e brúa cando está canso. Hai regos longos e co terreo tan duro que tiran do peito e crían hernias a piques de rebentar. Non é o mesmo querer ser… e ser.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2012

lunes, 17 de septiembre de 2012

FANÁTICO DOS CANS



              O can ten todo o pelo branco, longo e con parte do rabo rapado. Andará á moda. É pequeno. Dunha raza descoñecida para min. Só coñezo ben aos cans de palleiro, aos que lles teño moito cariño. A ver, a todos lles teño cariño! Sempre fun un fanático dos cans. O sogro ata me ten un pouco de envexa; el cóidaos toda a semana, pero cada vez que asomo pola aldea… adeus, amo!; van comigo a onde sexa. É que con eles sigo a ser un neno; estou sempre acariñándoos, pelexando con eles, tirándome ao chan con eles, xogando con eles. Poucas veces lles digo (temos catro): marcha, can! ou déitate!. Aínda que ande traballando. Son a escusa perfecta para acougar un chisco e parolar con eles. O can branco que andaba por aí xa o perdín de vista. Sigo a pensar entón en Rufo, Nea, Lala e Chispa.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2012

TODO POLOS VOTOS



              Tres anos e pico nos que un concello (Barbadás) estivo a velas vir e nos que unha urbe (A Valenzá) se deteriorou aínda máis con respecto ás infraestruturas; agora, de golpe a porrazo, aos pouquiños días de convocarse eleccións políticas, zas!, dúas obras máis ou menos de envergadura) para A Valenzá. A primeira que asomou aos medios foi o futuro arranxo da arteria principal desta vila ata Barbadás, para darlle paso ao anuncio de licitación do centro de saúde. A propia administración autonómica recoñece uns dez mil usuarios do mesmo. E digo eu, e dez mil usuarios non son merecentes dun instituto e dun pavillón?, algo do que hoxe aínda carecen. Certo, o pavillón está a caer… nestas eleccións autonómicas ou nas próximas municipais. Seguro! Polos votos asoman as miserias, as ineptitudes. Me cago no demo!

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2012