miércoles, 17 de octubre de 2012

ESCRIBINDO BAGATELAS



              O paisano Ignacio Sotelo Latoso estira o seu brazo dereito para pillar un dos cinco bolígrafos que ten no estante dun pequeno armario da cociña. O bolígrafo é de cor vermella, ao que, logo de quitarlle o capuchón, lle pega tres simples meneos para marcar unhas riscaduras sobre un texto escrito sobre un pano de papel. Ignacio Sotelo Latoso escribe de cando en vez nas barras dos bares e logo todo iso trasládao a un blog ou bitácora dixital para que algún paspán lle lea os seus desvaríos que recitou neses momentos tan íntimos do café. Por se alguén non o sabe, o aroma e o sabor do café é un momento tan íntimo para Ignacio Sotelo Latoso que non deixa que ninguén lle dea a lata. Polo que se dedica a escribir lilainas, bagatelas.

              Finca Fierro. Mércores, 17 de outubro de 2012

UN ACENTO BEN POSTO



              As cousas ben feitas, ben parecen. E enténdense moito mellor. Por fin a Real Academia Galega púxolle os puntos sobre os is a toda unha Xunta por non acentuar as sinais, referíndose, claro está, a esas palabras maiúsculas que asoman nos indicadores das estradas. Xa hai moito tempo que veño denunciando o non uso do acento gráfico nas maiúsculas. E xa hai moito tempo que está estipulado que hai que acentuar todas as palabras que o precisen, sexan maiúsculas e, por suposto, minúsculas. Un acento ben posto aclara todo. O meu fillo non se chama Alan, que se chama Alán; nin facemos vida na Valenza, senón na Valenzá; e cando vou á aldea da muller é a Ramiras, non a Ramirás. Cambia ou non cambia a tonalidade? Antigamente poida que as máquinas de escribir non acentuasen as maiúsculas, pero hoxe xa todos os aparellos informáticos remarcan perfectamente a til. Botei un bo tempo escribindo no facebook en maiúsculas precisamente para acostumar á xente coas tiles, coas vírgulas. Outra cousa é que algúns non saiban moi ben ónde se poñen.

              Finca Fierro. Mércores, 17 de outubro de 2012

sábado, 13 de octubre de 2012

MÁIS ALÁ DUNHA ESMORGA



              Alá vai o burro coas noces! A selección española de baloncesto, segundo a FEB, “é un exemplo de comportamento e compromiso cos valores do deporte… así como cos proxectos sociais que apoia o equipo, como polas campañas desenvolvidas individualmente pola maioría dos seus xogadores”. O de exemplo de comportamento semella que o levou a burro coas noces; acaba de saberse que se “pasaron” un chisco (eu diría que un moito) no Parque Olímpico de Londres, causando auténticas desfeitas nos dous apartamentos que ocuparon. Como lle explicas agora a un neno que iso non o poden facer os seus ídolos? Como lle explicas que ese comportamento non concorda un carallo co premio Príncipe de Asturias que acadaron en 2006 polo “exemplo de superación ante as dificultades, de espírito de equipo, de sinxeleza e compromiso cos valores do deporte? Si, o compromiso poida que sexa co deporte, pero… e coa xente?, cos afeccionados? Entendo perfectamente que unha medalla de prata (para máis aquel, ante EE.UU.) saiba, neste caso, a ouro e que a alegría se desborde, incluídas algunhas falcatruadas, pero esnaquizar dous apartamentos xa vai moito máis alá dunha esmorga, dunha troula.

              Finca Fierro. Sábado, 13 de outubro de 2012

jueves, 11 de octubre de 2012

FENDA ESTREITA



              Fala o sol, chora a lúa e unha pinga de auga enchoupando a cordura. A cordura dun home que se filtra por entre a fenda dun caixeiro automático. O caixeiro automático cospe billetes de vinte e cincuenta euros que ninguén recolle porque o home desapareceu pola fenda. A fenda é tan estreita que, a excepción do home, xa non collen por ela os pensamentos máis perversos nin os recordos máis inocentes. Inocentes son os pasmóns que asisten aos mitins políticos pensando que van descubrir algunha promesa nova. Nova, nova segue a ser a cara do orador político que non se altera nin un chisco ante as falsidades que solta. Solta ti agora a vista deste relato porque aquí remato.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Xoves, 11 de outubro de 2012

MOITAS REVIRAVOLTAS



              Quero escribir tres liñas con letra grega e saíu un debuxo coa cara de Marilyn Monroe. Intentei darlle cor ao debuxo e do folio asomou o retrouso dunha canción de Madona. Retrouso cantado por ela nese mesmo momento. Quixen meter o folio nunha carpeta azul e, ao abrir as solapas, saíu correndo como unha frecha Jordi Alba. O susto case me tira para atrás. Empecei a dubidar se non estaría soñando. Amoxetei o brazo esquerdo e foi Bruce Willis quen cuspiu un fucking que me fixo estremecer. Foi o estremecemento e os meus propios ronquidos os que me espertaron do pesadelo. Xa me parecía que había moitas reviravoltas.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Xoves, 11 de outubro de 2012

ANACOS DA MEMORIA



              Deixa que o alacrán da miña memoria envelene os arados que abriron a terra que estaba erma. Mañás nas que as xeadas rachaban as tubaxes polas que corría a auga da infancia; e da inocencia. Grans de semente que caían mansiñamente sobre a educación duns labregos que non tiñan vida. Máis alá das terras só había soidade e silencio. E moita miseria. Deixa que o paspallás da miña alma plane polos outeiros dunha intelixencia que atravesaba os piornos e xestas, os arados e o carro. Hai anacos da memoria que non se van nunca, que nunca se perden. Aínda que esa vida estivese deitada sobre unha cama de toxos. Ás veces ata sería bo perder eses anacos da memoria. Non é o caso; a infancia, a inocencia sempre está presente.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Xoves, 11 de outubro de 2012

COMO UN XUBILADO



              Fito & Fitipaldis “antes de que conten dez” terán que contar primeiro ata nove. Digo eu. Non estou moi posto nas matemáticas pero prometo que ata dez sei contar. Aínda que, iso si, nunca contei ovelliñas para durmir. Sempre me gustaba escoitar música e fumar o último cigarro. O do cigarro era xa unha manía; había que chuparlle do rabo á gata na propia cama antes de darlle ao interruptor da luz. Esmagaba a cabicha, calcaba no stop da tecla do radiocasete e apagaba a luz. Iso era antes. Agora levo vinte anos sen fumar e a tecla que manexo para apagar o aparato electrónico é a do mando da televisión. Un segredo: entre os rapaces que xa empezan a soltarse, a manexarse por si mesmos e a televisión na habitación, síntome como un xubilado. Pobriño de min!

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Martes, 9 de outubro de 2012