miércoles, 31 de octubre de 2012

LÁGRIMAS DE CROCODILO



              Hai frases demoledoras. E hai frases que, con moi pouquiñas palabras, descobren todo un mundo. Hai uns días, cando o escritor Juan José Millás viu unha foto sobre a despedida de Esperanza Aguirre, na que a esta se lle ven os ollos chorosos e na que, por detrás e escorada á súa esquerda, asoma a cara compunxida e aínda máis chorosa de Lucía Figar; digo que ante esa foto, Millás espetou algo tan categórico e tan sinxelo como: “choran cando chegan, choran cando se van e en medio morren de risa”. Bestial! Auténtica! Real como a vida mesma. Como a vida do político, da maioría dos políticos. Choran de alegría e de emoción cando toman posesión dos seus cargos. Choran de pena cando os deixan. Pero fan e desfán á súa maneira mentres gobernan. Rinse de nós e sen lles remorder a conciencia. Ou sexa, lágrimas de crocodilo.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Martes, 30 de outubro de 2012

lunes, 29 de octubre de 2012

ESPLÉNDIDO PASEO NOCTURNO



              Paseo nocturno coa muller polo casco vello de Ourense. Espléndido! O paseo e o casco vello. E a noite. A noite está de auténtica primavera a finais de outubro. Ambiente nas rúas. É venres; polo que se nota. Xa llo dixen á miña dona: agora nós tamén alternamos os venres. Coma se rematásemos esgotados a semana laboral e necesitásemos espallarnos. O causante deste espléndido paseo nocturno, deste alterne de fin de semana é Xoel. Adestra no Otero Pedrayo ata as once da noite. E non nos prace estar hora e media vendo como corren dun lado para outro ou de cómo lanzan balóns ás canastras. Solución: dar un paseo polo casco vello da capital e meternos, logo, a tomar o típico cafeciño que baixa coma os anxos. Hai tempo para as dúas cousas: bo paseo e rico café.

              Café Viena 17 de Ourense. Venres, 26 de outubro de 2012

sábado, 27 de octubre de 2012

DÚBIDAS QUE SALTAN POLO AIRE



              Hai moitos anos xa que logo dunhas eleccións municipais, autonómicas ou xerais me pregunto máis dunha vez se non serei eu o que erra nos apoios aos políticos e partidos. Antes sempre me farto de denunciar todo aquilo que fan mal, xeralmente, os partidos das dereitas e creo que, ante esas falcatruadas denunciadas, a xente tomará cartas no asunto e negaranlles os votos. Emporiso, xa antes de que remate o día das votacións, vexo con pena e rabia que as dereitas arrasan. E claro, dubido en se terei razón ou non cos meus pensamentos, cos meus ataques. Ao mellor son eu o equivocado. Menos mal que as dúbidas axiña saltan polo aire cando les que ata un organismo europeo tamén denuncia ao PP galego. Resulta que o Consello de Europa dálle paus a destro e sinistro ao noso presidente Alberto Núñez Feijoo porque desde que el goberna a nosa lingua, o noso idioma foi para atrás coma os cangrexos, incumprindo a Carta Europea das Linguas Minoritarias. Feijoo eliminou toda a prioridade que o bipartito lle dera ao galego na educación. Tamén denuncian a supresión das aulas de Educación Infantil, nas que se impartían clases case ao 100% en galego, así como as galescolas. Dúbidas fóra! Non estou só na loita!

              Finca Fierro. Sábado, 27 de outubro de 2012

viernes, 26 de octubre de 2012

Á CACHEA



              Déitase o caxato sobre o valado da leira e o fento deixa caer a súa semente sobre a herba verde. Hai momentos nos que un escornabois sae a percorrer os camiños e a tomar o sol. Mentres que os versos dunha grava forman un poema na Tapada dos Ferreiros. Alí, tres cativos vense sorprendidos polo garda forestal e amoestados porque, os inocentes, andaban á cachea de cando a seca bebeu toda a auga do río Tioira. Os peixes afogaban nos pozos que se formaran nos anos sesenta e setenta de tanta grava que se quitou. Era moi fácil collelos coas man. Hai poemas nos que non é necesario recitar os seus versos para descubrir todo un mundo infantil no que a inocencia se mesturaba coa placidez das vacas e no que o monte era o mellor libro de texto da escola.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 26 de outubro de 2012

OPERACIÓN LAGARTOS AO SOL



              O inspector de policía Evaristo Dáme un Misto contemplaba, acochado no seu coche, aos catro persoeiros que levaban tombados ao sol desde uns cantos días atrás; e segundo denuncia dun veciño que, alí, naquela actitude dos homes, ulía algo turbio. Logo de dous días espiando, Evaristo xa lle dera nome á operación: Lagartos ao sol. Varios días alí tombados, sen facer nada, polo que o inspector empezaba a cansar. E moito máis logo de descubrir, por fotos que sacou na súa vixilancia, que tales persoeiros eran todos políticos. Empezaba a entender o de non facer nada. E tamén entendía a denuncia do veciño; xente que vive como lagartos ao sol non é nada bo. De que viven? Por que falan tan só? Evaristo Dáme un Misto fixo unha última anotación, arrincou o coche e largou.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 26 de outubro de 2012

A CARREIRA DO SAPOCONCHO



              Ritmo nas patas do sapoconcho, que acelera cando ve a chegada inminente dun carro de vacas que, se non apura, pasará por enriba del. Se iso acontece, xa non podería contar nada máis, non podería seguir co conto. E aínda que xa acumula baixo a súa concha uns corenta e pico anos, ten a intención de vivir polo menos outros tantos. Sempre lle oíu contar á súa nai que, eles, os sapoconchos, vivían a tira de anos e máis, vivían ata que morrían. O sapoconcho, ante este último razoamento, botou a rir. E como quería vivir, pois non quería morrer. Así é que apertou o cu e nun último esforzo conseguiu que as súas patas aceleraran o ritmo ante a presenza do carro. Librou de morrer esmagado polos pelos.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Xoves, 25 de outubro de 2012

lunes, 22 de octubre de 2012

FIN DE SEMANA ACIAGA



              Din que as desgrazas nunca chegan soas. Semella que é verdade. A fin de semana pasada foi aciaga ata máis non poder. Empecei o venres cunha operación dunha hernia inguinal, polo que toda a fin de semana estiven convalecente. Despois xa chegaron todas xuntas: perdeu o Celta, perdeu o Dépor, perdeu o COB, perdeu o Ourense, perdeu o Barbadás, perdeu o Molgas, perdeu o ABO do meu fillo Xoel, perdeu o Obradoiro, empatou o Lugo co Racing (menos mal, porque no Santander xoga un de Molgas, e se chegan a perder uns ou outros…) E perdeu o Bloque e as esquerdas. É igual; o meu ánimo non decae e xa estou ansioso ante outro partido do Celta, Dépor, Ourense, etc. e para seguir achuchando nas dereitas. Canto máis débil é a sociedade ou o deporte, máis os defendo. Levo toda a vida do lado dos vencidos. Non vou cambiar agora.

              Finca Fierro. Luns, 22 de outubro de 2012