viernes, 30 de noviembre de 2012

OS PRINCIPIOS DO GATO



              O gato está no pé dun canastro da Aira de Arriba e contempla, como quen non quere a cousa, os movementos dun rato que anda a fozar por entre a herba do palleiro de Eudosia Suco Rego. O felino ten medo a durmirse porque o sol está a abalalo con tanto agarimo que... maldita a presenza do rato nestes momentos! Co a gustiño que empezaba estar! Pero claro, será un pecado capital deixar escapar ao rato. Vai contra os principios de calquera gato. O seu deber é cazalo sen piedade. Así llo ensinou sempre a súa nai. Non tivo tempo de seguir pensando; a presenza dun can á carreira e cara a el, fixo que se lle puxeran os pelos de punta e que pegase tal salto que asustou ao rato e ao propio can. Os tres chiaron de tal maneira que cada un liscou por onde puido.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 28 de novembro de 2012

jueves, 29 de noviembre de 2012

A VIAXE DE RENATO SANTURCE



              Renato Santurce Candelas quere ir a pé desde Madrid ata a aldea de Alvite, no concello de Baños de Molgas. Un día prometéralle ao seu amigo Santiago Retorto Ridruejo que o visitaría tan axiña como tivese un oco libre no coidado da súa nai. A nai de Renato morreu hai xa quince días e este pensou que xa era hora de emprender o camiño. Colgou o GPS ao pescozo e unha pequena mochila ao lombo. Ao GPS non lle fixo nin caso; cando chegou a Baños de Molgas preguntou por onde se ía a Alvite. Sinaláronlle a aldea, deus as grazas e aos dez minutos un veciño chamado Servando Saleiro Saleiro comunicoulle que ao seu veciño de porta, Santiago Retorto, enterrárano hai xusto cinco días. Renato Santurce Candelas cagouse nos seus mortos (nos del propio e nos de Santiago) e regresou a Madrid no tren. Non estaba para máis trotes.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 28 de novembro de 2012

APROVEITANDO O TEMPO



              Hai que aproveitar o tempo e os cartos. O tempo aprovéitase nesas esperas baldías facendo sempre algo. Os cartos, no caso de hoxe, aprovéitanse no aforro da gasolina e demais aparellos relacionados co coche. Aclarando; visita co rapaz máis novo a un pediatra, que rematou axiña. Como en case dúas horas había que volver á cidade para o adestramento de baloncesto, optamos por esperar na propia cafetaría do pavillón dos Remedios para aforrar unha viaxe. Na espera, había que aproveitar o tempo. O rapaz aproveitouno rematando os deberes escolares e saíndo, incluso, a xogar el só ás canchas de fóra do pavillón. E eu, faltaría máis, aproveiteino para escribir e ler o xornal que me faltaba dos catro que adoito ler case todos os días. Iso de que as esperas desesperan, acontece ás veces. Pero non sempre.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 28 de novembro de 2012

miércoles, 28 de noviembre de 2012

RONSEIS DA VIDA



              Queda o tempo colgado no camiño e o ronsel dun avión marca o suco que deixa a vida. Hai ronseis que se esfuman axiña e hainos que son practicamente eternos. Hai ronseis que xogan ás agachadas por entre as nubes negras e brancas, grises e alaranxadas. Pero tamén hai ronseis que se acochan sempre e tardan un mundo en deixarse ver. Queda o tempo colgado nunha tarde dominical e o rapaz do conto contempla os ronseis dos avións desde un penedo do monte Medo. Quere o neno ser paxaro para seguir todos eses ronseis, que sabe que deixan o risco que vai marcando unha vida máis alá da inocencia. Os ronseis da vida marcan o ceo cos gases da experiencia. Queda o tempo colgado dun conto inventado.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 28 de novembro de 2012

A EDUCACIÓN DOS IGNORANTES



              Zoilo Carrasco Pintor tomaba unha cervexa con Aquilino Ruído Vasoira e charlaban ambos os dous, moi acaloradamente, sobre a educación nos tempos de Mariacastaña e a educación na actualidade. Nun momento no que Aqulino se dispuxo a botar un grolo, o seu amigo Zoilo aproveitou para soltarlle de corrido que a educación na actualidade sumíao nunha continua depresión, que é certo que hoxe todo o mundo sabe ler e escribir, non como antes; pero a mocidade de agora é moi ignorante. Usan verbas, expresións e comentarios estranxeiros e mal coñecidos. Aquí Aquilino moneaba coa cabeza dándolle a razón, e aínda que quería meter baza, Zoilo Carrasco seguiu coa súa trécola: todo isto é malo para a xuventude e, por suposto, para o país, porque cando manden os ignorantes, xa non haberá solución. Iso xa o dixo José Luis Borau, replicoulle Aquilino. Quen?, e Zoilo rosmou.

              Café Viena 17 de Ourense. Luns, 26 de novembro de 2012

domingo, 25 de noviembre de 2012

UNHA HORA ANTES



              Os cadetes do ABO teñen que estar unha hora antes do partido no pavillón no que vaian a xogar. Para quentar e adestrar. Un servidor agradece esa hora. Porque nela, a muller e máis eu adoitamos tomar uns cafeciños ricos, ricos. E mentres tomamos estes, acostumo facer unha destas dúas cousas: ler xornais ou escribir. Moitas veces xa os teño lidos. É entón cando aproveito para escribir. Pero claro, fágoo porque a muller si lle bota unha ollada. Pero se lle están ocupados e nos os le, entón, lóxico, non escribo para non facerlle un feo. Agora mesmo repasa unha revista que ten a cafetaría e un servidor está completando este relato. Dentro de corenta minutos volvereime hooligan animando a Xoel. Pero, iso si, con educación e sen menosprezo aos contrarios e aos árbitros, aínda que estes o fagan mal. Non só defendo aos do fútbol.

              Cafetaría Viena 21 de Ourense. Sábado, 24 de novembro de 2012

viernes, 23 de noviembre de 2012

A CANTIGA DO SAPOCONCHO



              Quero cantar a cantiga do sapoconcho que se volve bolboreta, pero o metal da batería fai tanto ruído que ninguén me escoita a estrofa na que a papoia aterrou na lama pola que estaba pasando o sapoconcho. Xa non conseguiu alzar o voo. E a pobre tartaruga desistiu de usar as ás molladas e embarrañadas. Acochou a cabeza na súa concha e deixou que unha bágoa de pena caese do seu ollo esquerdo. Pobre tartaruga! Levoulle todo un mundo alcanzar as mestas herbas da Porfía, nas que quixo facer parada ata o día seguinte. Pero un grilo que lle escoitou os saloucos, axiña foi na súa axuda ata que aburriu ao propio sapoconcho con todas as trécolas que lle contou. Rematei a cantiga na que a que peor quedou foi a bolboreta que agonizou no bulleiro.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Venres, 23 de novembro de 2012