domingo, 30 de diciembre de 2012

O VIRUS



              Queda o silencio facendo ruído e unha ameaza do espazo sideral está a piques de chegar á terra. Asoma nunha pota fervendo e penso eu que é un virus con furúnculos de burra parida. Aínda que, no lugar de máis alá das estrelas, non se saiba que haxa algunha burra. Mete ruído o obxecto que cae e rebenta cando tropeza contra o penedo de Barricobos. Alá foi ao carallo o gravado do escudo dun equipo de fútbol. Agora si queda todo Barricobos en silencio e a memoria retrocede trinta e seis anos para debuxar sobre a retina unha tarde de frenesí. O virus matou a toda unha ilusión esculpida en tan só unha tarde de soidade e silencio. Queda o silencio, agora, en silencio.

              Finca Fierro. Domingo, 30 de decembro de 2012

E DIGO BAÑOS DE MOLGAS



              Un río que fai de funil ao chegar á vila e unha estación de ferrocarril que, agora, é un museo e, no futuro, será museo e recordos de cando o expreso facía parada para as xentes que entraban e saían. Eran recordos de cando Madrid quedaba moito máis alá da serra do San Mamede. Agora Madrid queda nun suspiro de automóbil. Digo Baños de Molgas. Unha torre que semella unha bravata, unha fanfurriñada de 30 metros cara ao ceo e unha burga que fumega auga quente da infancia. Digo Baños de Molgas. Unhas airas aptas para o marro e unha Ansuíña na que se bañan os sorrisos de toda unha nenez. Un monte Medo no que as mañás eran a mellor lareira das conversas e un monte de Pinouzos no que as tardes semellaban algarabías de vacas e rapaces. E digo Baños de Molgas, o meu soño, o meu recordo.

              Finca Fierro. Domingo, 30 de decembro de 2012

sábado, 29 de diciembre de 2012

DEDÍCANSE AOS BIOSBARDOS



              Anda circulando polas redes sociais e, o venres, polos xornais unha foto de dous deputados madrileños do PP na que se dedican a xogar nunha tableta e nun móbil mentres se debatía a privatización da sanidade pública. Os lectores e usuarios das redes sociais ao ler e ver isto, imaxinarían axiña, e con lóxica, que a eses dous deputados (home e muller) lles importaba un pito tal debate. E agora digo eu, de que se asombra a xente?, por que colgan iso na internet? Iso, señores, é lei de vida na práctica totalidade dos debates. Por Deus, señores, se ata neses plenos de concellos pequenos está o típico que se deica ás musarañas. E sabedes por qué? Polas maiorías absolutas! Porque cando hai maiorías absolutas todo se resolve cunha simple palabra: votación! Do que se deduce que, a gran maioría dos representantes do partido ditatorial (sempre direi que unha maioría absoluta é unha ditadura) van aos plenos tan só para erguer a man. É para o único que valen. É un pouco triste e deprimente, pero esa é a realidade. Mentres non erguen a man, dedícanse aos biosbardos. Por sorte ou por desgraza (aínda hoxe non o sei ben), estiven de oposición nunha lexislatura e dou fe da ditadura dunha maioría absoluta. Boa noite e feliz ano 2013… a todos.

              Finca Fierro. Sábado, 29 de decembro de 2012

jueves, 27 de diciembre de 2012

A MERENDA DAS VACAS



              A cada poucos pasos, o neno José Salceda Dapena, o Pepiño,, apousenta o cubo da auga e pega un respiro. É moi pequeno para tanto peso. A auga aínda fumega. Non hai dous minutos que a colleu na burga de Baños de Molgas. A súa nai, como castigo por non querer estudar a materia que lle puxera o mestre Saleroso Rodríguez, mandouno á burga para que lle trouxera un cubo de auga para as vacas. No inverno adoitaban darlle de beber ás vacas un pouco de auga quente mesturada con fría e unha lata das sardiñas de fariña. Era parte da merenda das vacas. O Pepiño baixaba todo contento pola rúa da Igrexa, “a carreira”, porque mentres ía á burga non estaba na casa. O peor chegaba despois ao ter que subir cargado. Pero pouco a pouco, a base de descansos, chegaba á casa e con tan só mirar á súa nai, xa sabía que tiña que ser el o que lle puxese de beber aos animais.

              Maceda. Xoves, 27 de decembro de 2012

sábado, 22 de diciembre de 2012

O MALO E O BO SEN PISTOLA



              “A única cousa que frea a un tipo malo cunha pistola é un tipo bo cunha pistola”, sinala a Asociación Nacional do Rifle americana. Non estou de acordo. Realmente a mellor solución sería que nin o tipo malo nin o tipo bo tiveran pistola. Se non hai pistola, non hai disparo. Se non hai disparo, non hai morte. Se non hai morte, non hai dor. Logo, para máis aquel, a tal asociación de lunáticos pide vixilancia armada nos colexio. E quen vixía aos vixilantes? Porque dáse a coincidencia que, moitas veces, o que comete a masacre, ata ese momento, era un cidadán exemplar (coma os vixilantes), pero que, por unhas ou outras cousas, volveuse tarumba e empezou a dispara a cachón. Por que non se pode volver tarumba un vixilante? Sigo dicindo que a mellor opción sería que non houbese armas nas casas, nas familias, nin que estas, por suposto (en caso de telas), ensinasen aos fillos a usalas. Pero claro, como é un auténtico negocio (se non erro, creo que lin hai uns días que o fusil que usou a asasino de Newtown subiu nas ventas como a escuma), nin Obama nin ninguén de Estados Unidos conseguirá eliminar a posesión indiscriminada de armas nas casas. E así, claro, seguirá pasando o que aconteceu hai unhas semanas. O mal será para os mortos.

              Finca Fierro. Sábado, 22 de decembro de 2012

viernes, 21 de diciembre de 2012

O PORCO EN CASTELÁN



              Agarrar un bicho deses ten a su historia, eh. Así comenta un cliente que está á miña dereita e que conversa con tres amigos. A conversa, faltaría máis, e sendo como é na capital das burgas, desenvólvese en castelán. Como ten que ser! Dá máis señorío, máis distinción. Aínda que estean a falar do porco. Agora entendo a primeira frase... agarrar un porco para sacrificalo. E empezo a imaxinar unha matanza do porco falando en castelán. “Agárrale del hocico”. “Córtale la cachucha”. “Chamúscale el pelo con la palla del centeno”. “Lávale el bandullo”. “Sácale unas asaduras”. “Hagamos unas filloas”. “Mira que buen raxo tiene”. A conversa xa se desvía ás lareiras das cociñas, penso que pola inercia de curar os chourizos. “Trae un lareiro y cuélgalos en él”. “Pon el lareiro en el fumeiro”. A verdade é que o porco en castelán dá para unhas risas.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 20 de decembro de 2012

AMORES QUE FUNDEN NA MISERIA



              Non hai moitos días falaba da figura da nai e do que representa para cada fillo. Pero tamén recoñezo que hai excepcións, aínda que pareza mentira (recórdese, unha nai sempre é unha nai). Resulta que en Holanda, unha nai tan só lle dá de comer ao seu fillo produtos crus. O rapaz, de 15 anos, sofre un retraso no crecemento pola fame que pasa. Normal! Por moitas froitas, noces e verduras que meta no seu corpo, calquera organismo precisa de practicamente todo o demais, chámense pescados, carnes, pan, pastas, etc. A causa disto, a nai está a piques de perder a custodia do fillo, pois, a maiores dese auténtico problema, súmase o do colexio, ao que non asiste polas burlas dos outros compañeiros ante a comida que levaba sempre. Unhas abarrotan aos seus rapaces e outras mátanos de fame. Nin tanto nin tan pouco. Hai amores de nai que te funden na miseria.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 20 de decembro de 2012