sábado, 30 de marzo de 2013

Á GRAN CAPITAL



              Cando ergueron da cama, rompía o día. Isabel Gafas Coello e Aurelio Ruído Laverca madrugaron porque acordaran ir á capital de Galicia. Non era por asuntos importantes, pero semella que alá non hai as cousas de acá. Xa se sabe, categorías de capitais; a de acá, unha simple capital de provincia e a de alá, unha capital de toda unha comunidade. Os dous almorzaron en silencio para non espertar aos veciños. Hai que dicir que era sábado, e os sábados, este matrimonio, non adoita madrugar moito. Hoxe si o fixeron porque foron á gran capital. Quen fixo de piloto foi Aurelio e Isabel ía de copiloto para criticar os fallos daquel. Ás veces, ganas tiña Aurelio Ruído de frear o vehículo, baixar e deixar que fose súa dona a encargada de conducir. De conducir por unha autoestrada mollada e, polo tanto, abondo perigosa. De aí que Aurelio Ruído Laverca fose a modiño para a gran capital.

              Café Oren Express da Valenzá. Sábado, 30 de marzo de 2013

UNHA FOTOCOPIA DE XESUCRISTO



              Creo que tan só son tres veces ao ano. Pero suficientes como para deixarme baleiro, para sentirme fatal. O día de Nadal, o día de ano novo e o sábado de paixón. Paixón si que é a que teño eu cos xornais. E non poder lelos nesas tres datas é como quitarme un cacho de vida. É certo que nesas tres datas non madrugo para decatarme das novas que hai polo mundo adiante, pero aínda así procuro lelos antes de xantar. Sei que canto máis corra o tempo, menos ansias teño de lelos, porque, quéirase que non, as noticias penso que hai que lelas acabadas de cocer, ao momento mesmo de sacalas do forno. Para un servidor, o pan fresco é cando máis rico me está. Emporiso, eses tres días non me importaría ler os xornais ás tantas da noite; o caso é saber das cousas. Máis vale tarde que nunca. Odio esas tres datas! Sinto polos xornalistas, que tamén merecen os seus descansos, pero… Pero a miña úlcera é a que sofre as consecuencias dunha ladaíña, dunha inercia, dunha costume, dunha ansia que me mantén vivo cando sei que á media mañá xa me decatei da maioría dos asuntos que aconteceron no mundo o día anterior. Este sábado de paixón fun unha fotocopia de Xesucristo… penei por unhas letras impresas nuns grandes papeis. Sentinme fatal!

              Finca Fierro. Sábado, 30 de marzo de 2013

jueves, 28 de marzo de 2013

NO ALTAR DA NOSTALXIA



              Xa sabía eu que o loureiro non deixaba recordos polas corredoiras nin o merlo sentía morriña dos tellados de uralita. Ás veces é bo que o río Arnoia desborde para limpar toda a porcallada que se xunta ás súas beiras, como tamén asubiar un tango por entre os amieiros da Pitediña. E poño a Baños de Molgas no altar da nostalxia. Xa sabía eu que o ritmo acompasado dunha banda sonora viaxa pola autoestrada da conciencia, mentres o xílgaro pousa no peitoril da ventá e espera a que luz duns ollos brillen ao outro lado. Hai estampas que forman arcos da vella pola media mañá e hai lenzos que colgan na memoria dos tempos. Ás veces é bo que o monte Medo cambie de fisionomía, como tamén bailar unha mazurca sobre unhas xestas de Barricobos. E poño a Baños de Molgas no presbiterio da morriña.

              Finca Fierro. Xoves Santo, 28 de marzo de 2013

domingo, 24 de marzo de 2013

ESCOITANDO BANDAS SONORAS



              Na noite de domingo de Ramos, a chuvia cae con forza sobre a rúa na que vive Lucrecia Candelabro Espinosa. Pero a esta non lle importa que chova a mares. Ela está cos seus auriculares escoitando bandas sonoras cinematográficas. É das poucas mulleres que gozan coa música de cine. Agora mesmo escoita un longo tema da película “Batman”, que compuxo Danny Elfman. E hai un cacho escoitara a banda sonora de “A batalla das Ardenas”, composta por Benjamin Frankel. Lucrecia Candelabro Espinosa está xa un chisco aburrida de estar pechada na casa. O día non foi moi propenso para saír. Tan só polo medio da tarde marchou tomar un café para ler un par de xornais. Agora, noitiña xa, está á espera de que asome algunha película pola televisión. Pero mentres non acontece, segue ao seu… escoitando outro tema, agora, de “Batman Begins”, de Hans Zimmer.

              Finca Fierro. Domingo, 24 de marzo de 2013

sábado, 23 de marzo de 2013

AOS TOXOS



              Xosé Oriol colleu a gabardina por se chove. Soltou as dúas vacas que están presas na corte e xa na rúa fixo que se aliñasen para xunguilas. Primeiro unha mulida sobre a testa da Garbosa. Logo a outra mulida sobre a testa da Turina. Aquela, ao querer tornar as moscas, mandou a mulida ao chan. Xosé Oriol berroulle xa algo cabreado e volveulla colocar sobre a testa. Non lle deu tempo a que a tirase outra vez; como tiña o xugo agarrado xa coa man dereita, colocoullo axiña sobre as cabezas. Coas sogas atoulle as mulidas aos cornos provisionalmente para, despois, apertar e atalas xa ben. Sabe que, se o xugo vai frouxo, as vacas tiran mal do carro e incluso poden desatarse e caer ao chan o pinallo deste, do carro. Cando xa as tivo xunguidas, Xosé Oriol dedicouse a coller o almorzo e un libro para ler polo camiño. Tiña que ir aos toxos ao monte Medo e había que percorrer uns tres quilómetros, case unha hora de traxecto, tempo suficiente para ler abondo. Apuxo as vacas ao carro. Co temoeiro envolveu o pinallo ao xugo, ou sexa, atouno. Ale, veña, imos alá!, berroulle ás vacas. E foron.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Xoves, 9 de agosto de 2012

viernes, 22 de marzo de 2013

UNHA BOA EXPOSICIÓN



              Moitas veces falamos da pouca fervenza cultural existente nas cidades pequenas e facemos voar a imaxinación para Madrid e Barcelona. Emporiso, algunha que outra vez cae unha ou dúas ou tres exposicións en Ourense que valen por media vida cultural neste pequeno recuncho xeográfico. Acabo de asistir a unha de pintura titulada “Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936”. No centro social Novacaixagalicia. Cadros de Castelao, Ovidio Murguía (fillo desa parella mítica chamada Manuel Murguía e Rosalía de Castro), Álvarez de Sotomayor e Alfredo Souto, entre outros. Cadros que amosan as paisaxes, as costumes, as vidas da nosa xente. O período abarca desde o asomo dunha nova sociedade liberal ata a boca do negro túnel de 1936. Aquí rematou a boa arte galega. Coa Guerra Civil remataron todas as artes e toda a cultura de Galicia. Houbo que buscala e facela fóra. Negrura dun longo túnel. Levaba tempo sen ver unha boa exposición. Esta creo que cumpre.

              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 20 de marzo de 2013

jueves, 21 de marzo de 2013

NO CAMPO DE BATALLA



              Dispara, que aínda quedan moitos vivos. E Lucino De Dios Chaodarcas colleu a súa metralleta ou máquina, abriulle a boquilla e cuspiu sulfato ZZ ou Vitán ou Cruzate para aniquilar, para extinguir aos escaravellos que lle estaban comendo as patacas. Algunhas das plantas xa tan só tiñan os talos; pódese dicir que estaban completamente espidas. Non obstante, por confianza e por desexo, Lucino De Dios Chaodarcas esperaba chegar a tempo para salvar a plantación. Durante todo a tarde disparou e o campo de batalla da Pedradarca encheuse de cadáveres e de feridos que acabarían afogando, que acabarían morrendo. Lucino De Dios Chaodarcas cargou a súa máquina de cor azul con ducias de litros de auga mesturada con sulfato ZZ ou Vitán ou Cruzate ata que ganou a guerra, esa guerra. Agora quedáballe outra no Piual ou na Lagoa ou no Pontón ou na Cortiña ou no Xeixal ou na Pedrosa. Lavou a metralleta ou a máquina para o día seguinte.

              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 20 de marzo de 2013