domingo, 28 de abril de 2013

SOMBRAS



              As sombras debuxan unha figura na que os movementos dos brazos son coma camiños que levan a máis alá do infinito. O perfil das pernas marcan a canle dun río que, imaxinamos, vai dar ao mar. Hai ríos que non chegan ao mar. Moitos ríos. As sombras remarcan algo así como un latexo de esperanza cada vez que se retorcen polo compás dun baile. Hai sombras que atormentan, que acovardan, que envelenan. Hai sombras que rebentan a gargalladas e que viaxan polo espazo sideral dunha infancia demasiado madura. Infancia que flota agora no recordo e que se instala entre catro liñas dunha novela eterna, dunha novela que se empezou a escribir entre as sombras dos amieiros da Porfía e os carballos da Ansuíña. As sombras esfúmanse e o sol acocha baixo as sabas dun silencio nocturno que penetra polo oeste de Baños de Molgas. Sombras que se van; como a infancia. Só ti, recordo, te eternizas.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 26 de abril de 2013

UNHA GALICIA NOSA



              “En Europa hai 11 países máis pequenos por poboación e 13 por economía”, palabras do novo líder do BN, Xavier Vence. Iso mesmo digo eu. Haberá aínda moitos máis en todo o mundo. E son países. Países soberanos. Países con Estado propio. Por que Galicia non pode ser un deles tamén? Ata poida que fósemos pobres. Pero seriamos nós. Iríanos mal a nós; por nosa culpa. Pero é que agora mesmo vainos mal por culpa doutros. Perdón sempre nos foi mal e… seguiremos mal. Lembrade a miña triste frase: Galicia é o cu do mundo (e Ourense o ollo do cu). Así é que, por que non botarlle valor e pedir xa a independencia. Desde xa. Sen barafundas. Sen pelexas. Tan só coa palabra. Estaremos por enriba de moitos países que, por certo, estarán orgullosos de ser países. Deberiamos de decidir por nós mesmo. Confío en que chegarei a recordar unha Galicia libre, independente, nosa. Principalmente isto: nosa.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 26 de abril de 2013

A COTA DE MERCADO CINEMATOGRÁFICA



              Entre os propios afeccionados (que axiña cuspimos aquilo de “puaf, o cine español”), Hollywood e, agora, o IVE, fundimos o cine do noso país. A unha película mala americana dicímoslle que é mala; a unha española chamámoslle españolada. Cando na realidade e en proporción, calquera cinematografía é tan boa como a americana. Aquí, a cota de mercado é o que nos está medio matando. Por exemplo, agora mesmo gustaríame saber cantas películas malas lle colocaron á distribuidora española que mercou “Iron Man 3”. A distribuidora, ao collelas, ten que proxectalas. Ao proxectalas, ocupan pantallas… que non poden ocupar as españolas. Outra proba: o ano pasado o 70% da cota de mercado de salas correspondeu a obras cinematográficas procedentes de Hollywood. Outro exemplo: TVE pagou 82 millóns de euros polas “grandes” ianquis e tan só 1,2 millóns polo cine europeo. Así non se favorece nada ao cine do noso país.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 26 de abril de 2013

sábado, 27 de abril de 2013

A MANÍA DAS COMPARACIÓNS



              Que manía temos de facer sempre comparacións! Con algo, con alguén. Os soldos en España son baixos; en Chaodarcas aínda son máis baixos. A liga española de balonmán é un desastre; peor está a liga de Cachamuíña. Sempre as comparacións por medio. Os nosos políticos tamén as usan moito. Demasiado. O señor presidente Feijoo tan axiña como se decatou dos 287.400 parados que hai en Galicia, choutou de inmediato que a taxa do 22,35% estaba por debaixo de cinco comunidades autónomas. Por que non se lle ocorreu pensar ao revés?; ou sexa, que se somos 17 comunidades, 12 están mellor ca nós. Ademais, acaso pensades que a unha familia de parados (hai moitas enteiras) lles importa un carallo como se atope Andalucía ou Estremadura ou Asturias, por exemplo? En vez de recoñecer que o emprego en Galicia (como en España) está cada vez peor e de confesar que se intentará parar esa sangría, o homiño vai e di todo campante que hai cinco comunidades peores. Manía coas comparacións! Tamén puido comprar o meu soldo có del. Ou os meus desprazamentos ao traballo cós del (Peugeot nas últimas contra Audis ou Mercedes con choferes) Sempre busca algo para tapar os seus erros, a súa ineptitude.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 26 de abril de 2013

viernes, 26 de abril de 2013

MERECENTE DUN ZAPATAZO ESPERPÉNTICO



              A vicevoceira do PPdeG, Marta Rodríguez Arias, pediu a dimisión do deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) porque Beiras encarouse con Feijóo e golpeou o escano deste co puño. Manda truco na Habana!; perdón, no Parlamento. Eles, precisamente eles pedindo unha dimisión de alguén que, nin rompeu o escano, nin lle zoupou ao presidente. Eles, precisamente eles, os do PP, que está cheo de corruptos, imputados, condenados, ineptos, enchufados e demais cualificativos relacionados coa inxustiza. A maiores de que, seica foi o señor Feijóo o que empezou a meterse con Beiras, pois se non erro estaba interpelando a Jorquera, do BNG. Certo que ningún deputado debería alporizar a Cámara, pero ante os feitos, si considero un milagre que non lle lanzase o zapato. Para un servidor, o señor Feijóo merecía o zapatazo. Un zapatazo esperpéntico, pero zapatazo. Non se lles pode rosmar. Alporízanse e piden dimisións. Eles, precisamente eles.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 25 de abril de 2013

miércoles, 24 de abril de 2013

DIÁLOGO HETEROXÉNEO



              Estamos perdidos. Frase fetiche de Felisindo Ridruejo Cantarrollos. Cada vez que está aburrido ou cada vez que ten ganas de falar, Felisindo solta o “estamos perdidos”. E deixa caer a frase con resignación, con certa melancolía e, iso si, coa típica inercia de frase repetida unha e outra vez. Claro que, ao momento, axiña lle salta o seu amigo Eguren Angarillas Sotelo con outra frase fetiche: xa nos atoparemos. Esta tan só é fetiche cando están os dous xuntos. Eguren Angarillas, como se comprenderá, non vai por aí dicindo “xa nos atoparemos”. Ninguén lle entendería nada. A frase tan só ten lóxica á contestación da de Felisindo Ridruejo, non si? E logo do diálogo heteroxéneo entre os dous amigos, seguen, os dous, facendo as súas cousas como se non acontecera nada. Non sei, pero enténdese ese curto diálogo como un desafogo, como un suspiro ou como un pequeno relax nas súas labores.

              Maceda. Mércores, 24 de abril de 2013

domingo, 21 de abril de 2013

LAMBENDO NOS RECORDOS



              Xa está o vento cantándolle as corenta ao silencio. Pero o ruxerruxe dun reloxo quédase sen trunfos e perde a partida. O reloxo, claro. Pois o aparato tan só marca o tempo. Xa se sabe que o tempo nunca se detén. O reloxo faino por dúas veces; cando non se lle dá corda e cando non se lle instalan unhas pilas. Xa está a auga correndo polo río Arnoia. Hai outros ríos, pero, no meu caso, non procede o seu nomeamento. Quizais por afinidade. Quizais por nostalxia. Quizais por inercia. Quizais por veciñanza. Quizais por inocencia. Quizais por Baños de Molgas. Quizais porque non hai outro quizais posible. Porque a miña vida transcorreu á beira do río Arnoia, goldrando unha e outra vez o río Arnoia. Xa están os pensamentos lambendo nos recordos.

              Café Oren Express da Valenzá. Sábado, 20 de abril de 2013