domingo, 30 de junio de 2013

NUNHA NOITE DE INSOMNIO


              A culleriña móvese rapidamente remexendo o café e impulsada pola man nerviosa de Fabián Papúa Remolinos. Ao mesmo tempo contempla o videoclip que asoma pola televisión da terraza da cafetaría. O sol aplana e cae con forza sobre a rúa, a cal desprende unha calor que abafa. A camareira reparte petiscos e a voz de Rihanna acompaña ao vídeo. Fabián, non obstante, escoita a súa propia música que sae dun móbil negro, gardado no peto do seu pantalón. Uns auriculares lévanlle un tema da gran Buika, o clásico “Volver”. O noso protagonista deixa de contemplar a tele e de remexer o café para pegarlle o primeiro trago. Con tres máis despachouno e axiña lle veñen á mente eses instantes nos que tiña que fumar varios cigarros mentres lle durase o sabor do café. Eran outros tempos, de cando a Fabián Papúa Remolinos non lle chegaban dous paquetes de Ducados. Hai anos pensouno profundamente nunha noite de insomnio e non volveu fumar máis.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 30 de xuño de 2013

viernes, 28 de junio de 2013

A MAIOR DESGRAZA DO NOSO PAÍS


              Non hai maior desgraza para un país que a emigración. Non hai maior calamidade para unha persoa que a emigración. No noso país galego disto soubemos moito. E volvemos outra vez a sabelo abondo. Agora seica lles queren meter man ás pensións deses emigrantes que deixaron casa e familias porque o seu propio país non soubo mantelos. Primeiro o país botounos e, agora, o país intenta roubarlles o que acadaron con sangue, suor, bágoas, nostalxia, morriña, dor e miseria. Se nos queda un chisco de conciencia, non podemos permitir este abuso que intentan levar a cabo catro monos que non saben o que é deixar a toda unha familia nunha época na que non había nin guizos para atizar no lume. Estaba mal o que se ía (por iso marchaba), pero quedaba aínda peor o que quedaba. Porque, a maiores do mal que se vivía, un familiar ou dous ou máis deixaban de botar unha man nas labores desa casa que se afundía máis e máis. Agora queren sancionalos e, ante isto, queren que lembren aquela desgraza, aquela calamidade da emigración. Como se sentirá hoxe unha muller galega? E digo isto porque penso que foron as que realmente “sufriron” a emigración, as que tiveron que loitar contra unha miseria que se apoderou do noso país, da nosa sociedade galega. Agora outra estúpida, outra mísera decisión quere recordarlles todo aquilo.


              Maceda. Venres, 28 de xuño de 2013

jueves, 27 de junio de 2013

LISTO COMA UN ALLO


              A Edelmiro Ridruejo Cucharas quixéronlle dar gato por lebre, pero el ben viu que aquilo era un auténtico coello. A xente pensa que é parvo, pero, ás veces, aínda que o fai, é listo coma un allo. Claro que el sempre confundiu os allos coas cebolas. Non lle entra na cabeza o asunto do tamaño, por moito que saiba cando unha cousa é grande ou pequena. O tamaño importa, Edelmiro?, pregúntanlle moitas veces. A Edelmiro Ridruejo Cucharas ilumínanselle os ollos e contesta cun si sonoro, quizais algo esaxerado, porque pensa que a pregunta ten intencións.. Repito, aínda que o pareza, Edelmiro non é parvo. Ás veces fai o parvo. Cando lle puxeron o último prato, a sobremesa, quixéronlle meter melocotóns en caldo de azucre por flan caseiro, pero el ben viu que aquilo era queixo con mel. Rematado o xantar, deixou un euro na mesa e marchou. El si meteu un euro por vinte. Pensaban que Edelmiro Ridruejo Cucharas era parvo. Era listo coma un allo.


              Maceda. Xoves, 27 de xuño de 2013

lunes, 24 de junio de 2013

O LOBO SOLITARIO


              Roza o ridículo aquel que pensa que a luz da lúa inspira o cerebro dun lobo porque oulea nas noites de lúa vella. Sempre houbo lobos que oulearon a todas as horas. Sempre houbo lobos que correron polas corredoiras na procura de femias para celebrar danzas de amor baixo o acubillo dunha manada. No silencio da noite danza un ouleo de nostalxia, de cando o lobo era animal de familia e agora vaga polos montes só e coa xenreira sobre o seu lombo. Oulea de novo o lobo solitario e esgaza o aire cun verso longo, triste, roto e cheo de silencio aínda que faga ruído, moito ruído. Ao lonxe ve a manada, e coa manada ve esa compañeira que anda buscando. Oulea de novo. Ninguén lle responde. Tan só o eco dun ouleo que volve unha e outra vez, sen piedade, con parsimonia, cunha mensaxe de soidade que se perde por entre as carballeiras. O lobo solitario mete o rabo entre as pernas, agacha a cabeza e pérdese polo monte sen facer ruído.


              Finca Fierro. Luns, 24 de xuño de 2013

sábado, 22 de junio de 2013

LOA Á ALDEA DE CACHAMUÍÑA


              A pesar de que transitei e aínda transito pola estrada N-536, a que vai de Ourense a Trives, nunca me detiven Cachamuíña, nunca entrei na aldea de Cachamuíña. Pero o nome, o nome é o que me fascina de Cachamuíña. Esta palabra está na miña boca cada dous por tres. E podo dicir que o nome de Cachamuíña foi a contrasinal que mantiven con meu pai nos seus últimos meses de vida. Cando xa a peste do alzheimer se instalara nas entendedeiras do meu proxenitor, usei por varias veces o nome de Cachamuíña para facelo rir. Cando o puña a pasear polo corredor do piso ou polas beirarrúas da Finca Fierro, saltáballe con aquilo de: “veña, imos a Cachamuíña”. E facíalle graza. E botábase a rir. Agora, que xa non está, eu sigo a facer uso do nome de Cachamuíña porque me gusta e xa como homenaxe tamén a quen me criou. Sóltolle a calquera, que me vou, que me largo para Cachamuíña (cando na realidade vou para calquera outro lugar) e moitos axiña preguntan qué vou facer a Cachamuíña. Teño que dicirlles que é un nome que me fascina. E segundo o outro día confesaba que lle tiña cariño ao Elxe polas súas camisetas, agora digo que lle teño moitísimo cariño a Cachamuíña polo seu nome; a pesar de que nunca me detiven en Cachamuíña, de que nunca entrei en Cachamuíña… pero é “o meu Cachamuíña”.


              Finca Fierro. Sábado, 22 de xuño de 2013

viernes, 21 de junio de 2013

SOBRE RAXOS DE PAVO


              Que complicado é para Dacio Sota Casado mercar nun súper! A súa dona, Yael Fuego Suárez, encargoulle raxos de pavo para a cea. Aí empezaba a aventura de Dacio; primeiro localizou os estantes nos que se atopaba a carne de pavo e de polo. “No problem”, pensou o noso protagonista. Mais axiña empezou a angustiarse, axiña empezou a suar. Porque había filetes de pavo envasados, había filetes de pavo fresco, raxos de pavo fresco, raxos de pavo adobado. Moito pavo para pouco cociñeiro! Dacio Sota Casado botou man do teléfono e chamou á súa dona por dúas veces; ata que chegaron á conclusión de que o que realmente quería era raxos de pavo adobados e xa envasados. Dacio estaba farto de ver os envases, pero claro, Yael non lle dixera nada de adobados. De aí o problemón de Dacio... calquera lle levaba o que non era. Co fácil que é dicir as cousas tal como son! Mais Yael deixa caer os nomes en xeral e... ponte a buscar!


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 19 de xuño de 2013

jueves, 20 de junio de 2013

ESPAÑA CORRUPTA


              Case o 90% dos españois cre que España é un país corrupto. Así titulou unha nova este xornal o pasado xoves. Penso que o 10% restantes son os propios corruptos, ou sexa, os políticos e demais personaxes da farándula. O que significa que se pode dicir moi claramente que o 100% dos españois pensan que vivimos nun país corrupto. Creo que ese 10% non son españois, non poden ser españois cando intentan ou tratan de amolar, de roubar ao resto. A verdade é que ata eu mesmo xa me empezo aburrir de tanto falar do mesmo tema; pero tamén é certo que á xustiza española hai que acirrala, haille que estar continuamente encima para que actúe, se é que non está corrupta, que... non sei, non sei. Máis dun lector está moneando coa cabeza nestes momentos. E moneando afirmativamente, claro. É que hoxe falas con calquera e de quen queiras e sáltanche axiña cun “ese é un corrupto”, “ese está corrupto”. Resumindo: España corrupta. Aí é nada!


              Maceda. Xoves, 20 de xuño de 2013