viernes, 30 de agosto de 2013

OUTRO CAN NA MERENDA!


              A semana pasada deixounos tres noticias que estiveron na boca de todos, e outra máis que lle interesa á contorna de Baños de Molgas. Cando se publiquen estas liñas, ó mellor xa Barack Obama fixo acto do seu poder e lanzou o ataque contra Siria. Ós habitantes deste país non lles chegaba co ataque químico. Outro can na merenda! A segunda nova compételle ós galegos. Os incendios forestais. Segue a lacra e xa pode dicir Feijóo misa, ou sexa, que a campaña é extraordinariamente positiva. Certo, cada vez hai máis! El achaca que ardeu pouco en comparanza coas últimas décadas, pero é que o moi pillabán meteu por medio a primavera deste ano, que foi a máis chuviosa desde 1986.
              O PP escarallou os discos duros dos ordenadores de Bárcenas porque como llos pasaban a outros empregados, pois claro, non ían levar datos que non lles competían. E dino tan campantes, como se fósemos parviños. Somos parviños por deixar que o asunto Bárcenas aínda estea sen resolver. Tiña que rebentar xa todo, e punto. E a nova da contorna de Baños de Molgas consiste, como non, na celebración un ano máis das novenas na honra da Virxe dos Milagros, a nosa Santiña. Xa todos os camiños, e desde ben cedo, se enchen de peregrinos cara ó santuario, cara ó alto do monte Medo. Con fe ou sen ela, milleiros de persoas fan da peregrinación a ese lugar un rito. Eu tamén cumprirei con el. Faltaría máis!


              Maceda. Venres, 30 de agosto de 2013

jueves, 29 de agosto de 2013

A GRATUIDADE DA EDUCACIÓN


              Tantas reunións, tantas discusións, tanto diñeiro público empregado no estudo e redacción da Constitución Española para chegar á conclusión de que, 35 anos despois, non vale para nada; porque os propios que a crearon son os que menos uso fan dela, os que a pasan pola migalla, como se adoita dicir. No título I, capítulo segundo, sección 1ª (sobre os dereitos fundamentais e das liberdades públicas), e no seu artigo 27, apartado 4, di unha cousa tan sinxela como isto: “A ensinanza básica é obrigatoria e gratuíta”. Mentira! Este mesmo xornal publicou hai uns días que “volver ó colexio nun centro público custará máis de 1.260 euros”; o meu soldo mensual. E como teño dous fillos, bailo a muiñeira de contento. Certo, aínda teño un soldo e tan só dous fillos. E os que non teñen nada e máis fillos? Sinceramente, esa cantidade é coma para coller a algúns políticos e refregarlle a Constitución polos fociños. Algún ata soaría os mocos con ela. Educación gratuíta!... Inocentes!!!


              Maceda. Xoves, 29 de agosto de 2013

miércoles, 28 de agosto de 2013

O ALMORZO DE OUSENDA CAMPANARIO


              Cae o leite sobre as migas de pan e Ousenda Campanario disponse a almorzar para saír inmediatamente da casa. Contempla o reloxo de parede e ve que son xa as sete e vinte da mañá. Cómprelle o tempo para percorrer medio cento de quilómetros e abrir a oficina ás oito. Nin tan sequera se detén a acender a televisión mentres almorza; perdería tempo buscando o mando a distancia e atopando, despois, un canal apropiado no que desen as primeiras novas da mañá. Así é que opta por saborear o leite (cun chisquiño de café) coas migas de pan. Nunca quixo a trapallada esa dos cereais nin mollar madalenas nin cousa semellante; sempre comeu o que adoitaba almorzar na súa casa da aldea cando era nena. Certo que naqueles tempos na súa casa nin había cereais nin bolaría de ningunha clase Menos mal que había o leite, grazas ás dúas vaquiñas que tiñan os seus pais. E o pan... o pan había que facer fornadas cada oito ou máis días. Eran outros tempos. Remata de almorzar, deixa os pensamentos e sobe ó coche.


              Maceda. Mércores, 28 de agosto de 2013

martes, 27 de agosto de 2013

O PASPÁN E A BOLBORETA


              Está o paspán bailando sobre a mesa da cociña e ós dous minutos contempla como o seu corazón rebota de baldosa en baldosa a causa da emoción. Sabas Ridruejo, o paspán, emocionouse ó ver a unha bolboreta bailando un valse. A verdade é que a papoia é fermosa de carallo, chea de cores que brillan na distancia e cun voo lixeiro, harmónico e elegante. Hai bolboretas que merecen pousar nunha flor tenra de invernadoiro. Os paspán Sabas Ridruejo ríu polo baixiño porque tivo un tropezón que estivo a piques de facelo caer da mesa e, o que é peor, de esmagar á bolboreta. Non obstante, mantivo o equilibrio e seguiu contemplando ó corazón que rebotaba unha e outra vez polas baldosas. O paspán choutou da mesa, espantou a bolboreta e correu detrás do corazón, antes de que este, nun dos seus rebotes, saíra voando pola ventá aberta. Nun suspiro pillouno distraído, colleuno coas dúas mans, deixou que latexase con forza e meteu, por fin, a emoción dentro do peito. Sabas Ridruejo, o paspán, deveceu pola bolboreta.


              Café Alumbre da Valenzá. Luns, 26 de agosto de 2013

domingo, 25 de agosto de 2013

CO MEDO NO LOMBO


              Medo na tarde chuviosa. Chove a mares. A escopeta deixa escapar o disparo. A bala rebota xunto á súa orella dereita. Susto co medo no lombo. Un suor frío que cae pola meixela. Medo a ser morto. Por quen? Non sabe. Quizais por un descoñecido. Leva tempo acochado por entre as xestas do monte. Dun monte que non coñece. Un camión deixouno alí e o condutor berroulle “búscate a vida, pasmón!”. E soubo que iso non era bo. Botou a correr por unha ladeira abaixo e axiña caeu de fociños. Xa levaba un bo cacho chovendo. Medo na tarde chuviosa. Mollado, tremía de frío. E tremelicaba de medo. Aínda non sabía por que estaba alí, perdido nese monte descoñecido. Logo oíu o disparo e sentiu a bala xunto á súa orella dereita. Quen o quería matar? Non tiña inimigos, pero tamén sabía que a calquera se lle torcen as entrañas. O propio tremor fixo que espertase da sesta bañado en suor.


              Finca Fierro. Domingo, 25 de agosto de 2013

viernes, 23 de agosto de 2013

OS “OUTROS MORTOS”


              Todos os grandes accidentes deixan unha pegada amarga na boca. Todas as masacres alteran un moito as entrañas. As grandes cantidades de mortos por unhas ou outras causas adoitan chamar a atención durante un bo tempo; e máis se eses mortos son achegados, ou ben por proximidade xeográfica ou ben por parentesco. Pero aínda así hai moitas clases de mortos. Se collemos o gravísimo accidente ferroviario de Angrois, aínda hoxe, a un mes do desastre, se segue a falar do mesmo. Eu mesmo falei del pola proximidade xeográfica (na miña terra e dúas das vítimas eran de Xunqueira de Ambía). Emporiso, hai “outros mortos” ós que esqueceremos moi axiña. Estamos a falar, por exemplo, da masacre acontecida en Siria por un suposto ataque de armas químicas no que morreron máis de 1.400 persoas, das que unha gran cantidade eran nenos. Botámonos as mans á cabeza con desesperación ante os 79 mortos do tren; pensade agora por un momento na cantidade de 1.400. Así de golpe!, nun simple ataque!. As imaxes das filas de mortos impresionan, arrepían. As imaxes dos cadáveres dos nenos producen dor, unha dor intensa e unha incomprensión cara á ONU porque empeza a cruzarse de brazos unha vez máis. É igual, hoxe mesmo xa case ninguén se acorda dos mortos sirios. Están moi lonxe, xeograficamente falando; e son árabes; e son doutra raza; e son fanáticos; e teñen outras costumes máis “primitivas”; e alá eles...


              Maceda. Venres, 26 de agosto de 2013

jueves, 22 de agosto de 2013

O SILENCIO DO MONTE


              Avanzan as lapas coma riadas de destrución e a terra queda toda ela coas feridas abertas. Un carballo que estrala, un xabaril que berra, unha carpaza que se queixa, unha serpe que se chamusca. Unha morte case eterna... a dunha natureza que respiraba vida, a dunha vista que era a almofada dos soños, a dunha vida que era a viaxe de catro estacións que teñen o seu aquel. Asoma a desesperación nos ollos da xente e o suor empeza a brillar nesa pel do paisano que corre, que berra, que intenta matar as lapas con xestas e codesos, con gallas e mangueiras. A rabia sobre un pirómano ó que non lle importan esas feridas que quedarán abertas durante moito tempo. Granxas queimadas, animais mortos. Fume na contorna, ambiente irrespirable. Pasmo na desgraza, maldade contra o incendiario. Aire que zoa, lume sen control. Logo, despois da cor vermella das lapas, chega a negrura da paisaxe, a natureza morta, o silencio do monte, o cheiro da maldade, o esperpento da desolación.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 21 de agosto de 2013
              Maceda. Xoves, 22 de agosto de 2013