domingo, 29 de septiembre de 2013

FAMILIAS NUMEROSAS


              Quítalle ferro ó asunto. E Fabiano Pelicán Asador quitou o ferro que atravesaba a porta da habitación. Sería o maldito rapaz o que o atravesou daquela maneira. Como foi capaz de encaixalo entre a pechadura e a bisagra do medio! Se tan só ten tres anos o maldito crío. Xa sabemos que o de maldito dío en forma cariñosa, porque o tal crío é seu fillo. Fabiano Pelicán ten dous máis e pertence, entón, ó grupo de familia numerosa. Quen llo diría a el!... De neno lembraba as grandes familias da súa vila, de oito fillos para arriba; e agora, con tan só tres, estaba á altura daquelas familias. Como cambiaron os tempos! Sen cartos vivían familias que ían máis alá da categoría numerosa; agora, con cartos ou sen eles, non viven familias con dous ou tres fillos. Que atraso! Que desvalorización!. Fabiano Pelicán Asador meteuse na habitación, tombouse na cama e deixou de pensar naqueles tempos. Axiña se puxo a roncar.


              Café Paco Paz de Ourense. Venres, 27 de setembro de 2013

XOGANDO CO CATIVO


              A cadeira do rapaz roda lentamente pola beirarrúa. Detrás, quen a empurra, é o propio rapaz. Unha pomba pega un saltiño para deixar pasar a cadeira e, cómo non, para fuxir do cativo. Ela non é parva e sabe que o neno, tan axiña como a vexa, esquecerá a cadeira e correrá detrás dela. Dito e feito, o cativo persegue á pomba unha e outra vez. Esta deixa que se achegue e, ale, un saltiño. Espera un chisco máis e outro saltiño. Como o neno tampouco semella parvo, axiña cae na conta de que a pomba está xogando con el, de que nunca a collerá. E axudado polas chamadas da nai, deixa de acosar á ave e volve empurrar na cadeira. Tamén cansa disto e acaba pedindo colo. A nai, nin caso; o que fai é sentalo na cadeira e ser ela quen empurre. Cando chegan á altura dunha rotonda que hai ó final da rúa, volven sobre os seus pasos.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 22 de setembro de 2013

sábado, 28 de septiembre de 2013

OS CHIBOS EXPIATORIOS


              É certo e normal que moitas veces nos botemos as mans á cabeza cando algún “louco” fai algunha falcatruada cunha arma cargándose a xente porque si. Pero tamén é certo (e case normal) que, ás veces, un se volva “tolo” ante decisións que toman algúns estafermos, algúns papafilloas políticos. Eu mesmo, nestes momentos, non me importaría facerme o “louco” e poñer unhas bombas de neutróns ou soltar gas sarín nalgúns Parlamentos. O soldo dos empregados públicos (son empregado público) quedou conxelado por cuarto ano consecutivo. A perda do poder adquisitivo desde hai tres anos rolda xa o 15%, e sen contar para nada a subida dos impostos (e mirade que soben de raio!). Despois, para máis aquel, os funcionarios da Xunta, ou sexa, un servidor tamén, sufrirán a maiores o impacto do recorte nas extras. A ver se dan ou non dan ganas de poñer uns cantos petardos exterminadores. Fomos, somos e seremos sempre os cabezas de turco, os chibos expiatorios duns incompetentes que, iso si, para si mesmos os soldos en vez de baixalos, sóbenos, amosando, ante isto, unha preñea de chulería e burla desapiadada.


              Café Paco Paz de Ourense. Venres, 27 de setembro de 2013

miércoles, 25 de septiembre de 2013

O CASO É MANDAR


              Cando subía á oficina de correos, Dalmacio Avispado contemplou como o seu amigo e veciño Edmundo Santos segaba a herba do parque que había no medio da vila. Dalmacio parou a latricar un chisco con Edmundo e insistíndolle en que lle dixese ó concello que lle mercase unhas ovellas para que foran elas as que fixesen a limpeza e así el evitar o esforzo de arrastrar unha segadora. “Xa, e así eu vou ó paro”. “Qué va, home; ti gardas as ovellas. É máis, que che merquen tamén un can e xa nin estás pendente delas. Chegarache con mandar no can”. E a palabra mandar deixouna caer Dalmacio cunha retranca que Edmundo non pillou nun principio, ata que o seu amigo lle comentou aquilo de que “no noso país manda todo o mundo”. “O caso é mandar, Edmundo”. Os dous riron a cachón e Dalmacio Avispado seguiu camiño da oficina de correos.


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 25 de setembro de 2013

CHACARITAS SEN CONCIENCIA


              Deixo correr o silencio polas gallas da memoria mentres unha pinga de café cae sobre o asubío dun instante. Ó lonxe, entre outeiros, oulea o lobo a canción triste dun soldado que se perdeu nunha guerra que ninguén quixo, pero que estoupou entre catro políticos que se riron da inconsciencia. Hai chacaritas que presumen do que non son e que soñan felices coas súas inocentadas. Deteño o ruído que procede das gallas dos recordos mentres un chiscar de ollo debuxa a felicidade dun folio en branco. Co paso do tempo, e sobre este folio, choran agora os chacaritas políticos por levarnos a un instante con moito cheiro a podre. Crise que rebenta nun plano familiar. Crise que estoupa nunha pobre educación. Crise que gangrena unha economía creada por catro parvos de molde e uns chacaritas de renome. Mordo o silencio, masco no ruído e a lúa asoma por entre os outeiros dun poema a medio escribir polos alumnos dos chacaritas sen conciencia. Algún día seremos libres e agromarán os recordos.


              Café Paco Paz de Ourense. Martes, 24 de setembro de 2013

martes, 24 de septiembre de 2013

CAMIÑANDO


              Camiño pola rúa das silveiras e non deixo que os toxos me piquen. No medio do camiño atopo unha pedra redonda na que axiña penso que o seu destino é rodar e rodar. Así foi. Empurreina con forza co meu pé dereito. Quedou unha marca na chanca, pero a pedra rodou e rodou. O peor é agora ó chegar á casa, e cando a nai vexa a marca na chanca… acabada de estrear. E co que lle custaron. Mercáraas onte na feira e rogoume de corazón e de contado que tiñan que durar todo o inverno. Seguín sorteando os toxos pola rúa das silvas e case afogo no regato que se cruzou no meu camiño. Despisteime ó choutar dun pasal ó outro e dei co cu e con todo o corpo no regato das Lamas. Case afogo; máis polo susto que polo de non saber nadar. A auga subíame pouco máis arriba dos xeonllos. Púxenme de pé nun santiamén… para non afogar e para que non me vise ninguén naquela apurada. Que vergonza, caer duns simples pasais grandes de pedra. Da rúa das silvas pasei á explanada das xuncas.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 19 de setembro de 2013

ANÉCDOTA SOBRE TARXETAS VERMELLAS


              Cada vez que se inicia unha nova tempada dun deporte ou dun acontecemento importante, os xornais adoitan descubrir ou escribir sobre asuntos que van máis alá dese acto. Cando se iniciou a de fútbol atopei unha anécdota simpática. Versaba sobre as tarxetas vermellas que acumulan algúns xogadores. O récord téñeno Xavi Aguado e Pablo Alfaro con 18. Pois ben, un día xuntáronse con Fraile, que tamén era dos duros, e montaron unha pándega en Ibiza con Kiko, Michel e Aguilera. Antes do partidiño, Aguado soltoulles a bomba: “Entre os dous temos 36 vermellas, de verdade queredes invitarnos?”. Agora, o tal Aguado confesa con humor que espera que o supere Sergio Ramos, que seica leva 12. Aínda que non creo que o faga, pois o defensa madrileño non é dos grandes duros nin dos moi protestóns. Son antimadridista, pero recoñezo que, co paso do tempo, é máis profesional e mellor persoa.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 19 de setembro de 2013