jueves, 31 de octubre de 2013

A ACTITUDE DA CONDUTORA


              Agora todo son demandas e denuncias contra quen se poña por diante. Falo da accidentada exhibición automobilística en Viveiro, onde unha condutora de 18 anos arrollou a 10 persoas. A Federación Galega de Automobilismo quere denunciar polo dano que este accidente lle causa ó automobilismo deportivo. A condutora demanda á organización e ó Concello por falta de seguridade. Neste caso, aínda non se sabe ben se ela estaba inscrita ou non. O máis rechamante da condutora é que, segundo o seu pai, nunca sufrira un accidente de tráfico e que levaba “moitos anos conducindo”. Non entendo isto último, se a rapaza ten tan só 18 anos. E xa por último, agora seica cómpre dilucidar se a tal exhibición era unha proba ou unha festa. O que máis me chama a atención é a actitude da condutora. Acaso non sabía onde se metía? Non foi capaz de ver a situación da xente e se tal localización era a adecuada? Se denuncia agora a seguridade é porque viu que había inseguridade. Por que participou? E non digo nada se non estaba inscrita.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 29 de outubro de 2013

miércoles, 30 de octubre de 2013

O ASASINO SILENCIOSO


              É o asasino silencioso. Tan silencioso que mata calado. Sen armas brancas. Sen armas de fogo. Chégalle co aire. Pero nin co aire fai ruído. Seis mortos. Seis mineiros mortos polo gas grisú. Matounos en silencio. E de súpeto. Case sen darse conta. A 700 metros de profundidade. Os mineiros... nun pozo. Os mariñeiros... xeralmente, no quinto inferno. Dous oficios, dúas profesións, dúas tarefas que, a verdade, a algúns ata lles dará igual vivir na miseria. Polo menos teñen máis opcións de vivir. Os mineiros traballan e morren nas profundidades do inferno. Os mariñeiros traballan e afunden cara ó inferno. Como para queixarse dun traballo vitícola. Sempre hai alguén ou algo que está peor que un. Por esta vez tocoulle a seis familias que clamaron contra o asasino silencioso. Seis familias rotas por unha arma calada, por un grisú malvado, revirado, que, ademais, nunca sabes cándo pode asomar co seu aire envelenado. Non fai ruído e mata calado.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 29 de outubro de 2013

martes, 29 de octubre de 2013

O FRACASO DE WERT


              Como pode haber tanta disparidade de criterios, tanta guerra de cifras nas concentracións que se fan por todo o territorio español? Estes días tocoulle á comunidade educativa en contra da Lomce. Para os sindicatos, as cifras pasan do 80%, pero para o Goberno, non alcanzan nin o 27%. Ata poida que os sindicatos as inchen un pouco, pero o Goberno…, o do Goberno xa pasa de chulería; non desinchan o balón, simplemente que o pinchan e punto. Como se pode crer a este Goberno?. Remítome ás imaxes, que é certo que tampouco poida que amosen toda a inmensidade, pero cando ves que incluso nunha vila pequena como a de Bande, asoman un bo número de manifestantes, non queda máis remedio que pensar que as concentracións están moito máis cerca do 80% ca do 27%. A ver se recoñecen que esta folga foi moito máis alá dunhas concentracións nas capitais de provincia e dunhas aulas baleiras. Wert que asuma o seu fracaso.


              Café Paco Paz de Ourense. Venres, 25 de outubro de 2013

A MENSAXE DO MOZO


              Rincha os dentes con desespero. Non sabe qué facer. Baia Falada Sánchez leva esperando o seu mozo desde hai máis de media hora. Quedaran na cafetaría ás catro e media. Xa eran as cinco e dez. Algo non cadraba; o seu noivo, Maelán País Sole, era dos que non fallaba nas citas. Non fallaba e era puntual. Estaba xa cansa de chamalo ó móbil. Tíñao apagado ou fóra de cobertura. Outras, soaba e non llo collía. Baia Falada Sánchez pediu un terceiro café. Daríalle quince minutos máis. Mentres, seguiu no seu intento de chamalo. O mesmo das últimas chamadas, nada de nada. Cando quedaban cinco minutos para o vencemento do ultimato, oíu no seu móbil o ton dunha mensaxe. Ó ver que era de Maelán, o sorriso asomou ós seus labios. Pero axiña se lle esfumou, o seu rostro demudou e quedou coa boca aberta. “Mentres les isto, eu colgo do campanario da igrexa de Cachamuíña. Síntoo. E quérote”. Baia Falada Sánchez desmaiou.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 24 de outubro de 2013

domingo, 27 de octubre de 2013

CAUDAL DE SENTIMENTOS


              Quere sorrir o candil nesta noite escura de inverno, en tanto unha muxica plana por entre os chourizos colgados da lareira. Funga o vento pola cheminea. Quere aterrar unha papoia no sucio cristal da ventá da cociña, mentres o gato de cor gris non lle saca ollo. Segue planando, papoia, se queres seguir contando os días, se queres bailar dun cristal ó outro. Baixa a auga polo canelón con moita forza. Quere o silencio montar sobre o ruído, pero o crepitar do lume pon algo así coma unha nota musical nunha cociña vella e triste.. Arden as achas para curar os chourizos. Hai noites de inverno que non se esquecen nunca. Hai momentos na vida que son coma remansos, coma vairas nun caudal cheo de sentimentos. Funga o vento, chove fóra, arden as achas e desexas de corazón que os chourizos non se curen nunca.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 24 de outubro de 2013

OULEOS


              Coio branco no bulleiro negro e raio de sol nunha treboada de inferno. O outono nada por entre as follas dos castiñeiros e pingan as castañas a eito. Queda o vagalume no medio da cuneta esperando a noite, para cruzar, logo, a carreira e apousentar no medio dun valado cheo de herbas secas. As pegadas dun lobo marcan o camiño por entre os piornos de Tras da Lomba. Máis alá da estrada rompe o silencio o seu ouleo. Logo, a tristura e o medo, flota por todo o monte Medo. Quere o rapaz romper ese medo con catro ouleos burlóns e non lle queda máis remedio que correr por Sudalomba abaixo cando o lobo lle contesta cun lamento longo, triste, demasiado longo, demasiado triste. O rapaz corre e non quere romper de novo o silencio. Baixo o sol amodiño polo outeiro de Brandín e as primeiras pingas de auga mestúranse ca suor do neno. Cando entra pola Cagalla vólvese cara ó Medo e, agora si, oulea con toda a forza do seu peito.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 24 de outubro de 2013

sábado, 26 de octubre de 2013

A ANSIEDADE DE LAERTES


              Non deixa de mirar para o reloxo unha e outra vez. Son as oito menos vinte da tarde, que xa case é noite. Laertes Pedra ten pouco tempo para ir polo coche. Teno aparcado no quinto inferno. E quédanlle tan só dez minutos para que o seu fillo saia das clases de guitarra. Ou, como moito, quince minutos. Laertes Pedra sempre pensa que o tempo se lle bota encima e desespérase todo. Logo, á hora da verdade, sempre lle sobra tempo e cansa de esperar. Pero el mesmo recoñece que a súa ansiedade viaxa máis rápido, máis á présa que a realidade. No medio do traxecto xa cae na conta de que, efectivamente, lle vai sobrar tempo. Lanza un insulto polo baixiño e minora o paso. Pero mesmo así, por moi devagariño que camiñe, vanlle sobrar cinco ou máis minutos. E ás veces, cinco minutos de espera son un mundo. Menos mal que Laertes Pedra ten un libro no coche e, aínda que sexa á media luz, le.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.

              Mércores, 23 de outubro de 2013