martes, 4 de febrero de 2014

AS CEAS DE EDUARDO VARIA


              O queixo de ovella era seco. Ó mellor era de vaca. Aínda que Eduardo Varia Duato pensaba que era unha mestura de vacún e ovino. É igual; el prefire o xamón, o xamón de porco. Todas as noites corta unhas boas lascas e cea con elas. Por enriba, iso si, que non falte unha cunca de caldo. E aquí si que é verdade que lle dá igual que sexa de verza do país, de verza branca, de repolo, de grelos ou de calquera verdura. Eduardo Varcia Duato, ante o caldo, é outro home na mesa. Non respira, non fala, non mira a televisión, non lle rosma á familia; tan só come no caldo. Bufa, resolla, pero non acouga; teno que comer case fervendo. E a poder ser coa graxa nadando á de riba. E nin así se lle revolve o estómago. Claro que tamén é verdade que lle miga codias de pan centeo. El mesmo di que é para que abranden, xa que o pan centeo, ó mellor, é moi capaz de ter xa oito días. Cocen o pan no forno veciñal e, claro, adoitan facer fornadas para unha semana, pois non van quentar o enorme forno todos os días. Eduardo Varia Duato arrouta e queda tan pancho.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 28 de xaneiro de 2014

lunes, 3 de febrero de 2014

TERMINATOR 2 / PARKER / PROMESSAS DO LESTE




              O venres, 31-01-2014, vin con Xoel e pola primeira canle de TVE a película “Terminator 2: o xuizo final” (Terminator 2: el juicio final, 1991), de James Cameron; con Arnold Schwarzenegger, Linda Hamilton, Edward Furlong, Robert Patrick e Michael Biehn. A música é de Brad Fiedel.
              Como o primeiro Terminator fora un auténtico éxito e case se pode dicir o auténtico descubrimento de Schwarzenegger, este, na segunda parte, xa apareceu de protagonista (faltaría máis!), pero aínda así, ó pobre, meréndao como lle dá a gana Robert Patrick (o malo), o auténtico descubrimento deste filme. E, por suposto, tamén os efectos especiais... incribles!!! É polo menos a sétima vez que a vexo.
              Acadou 4 Oscars: son, efectos de son, efectos visuais e maquillaxe.




              O sábado, 01-02-2014, tamén con Xoel e por Antena 3, vin “Parker” (2013), de Taylor Hackford; con Jason Statham, Jennifer Lopez, Nick Nolte e Michael Chiklis. A música é de David Buckley. Típica película de acción e vinganza ó servizo do Statham. Ata a Xoel non lle gustou moito.




              E onte, domingo, 02-02-2014, vin por segunda vez, en DVD e en versión orixinal subtitulada, “Promesas do Leste” (Promesas del este, 2007), de David Cronenber; con Viggo Mortensen, Naomi Watts, Vincent Cassel, Armin Mueller-Stahl e Sinéad Cusack. A música é de Howard Shore.

              Filme brillante, cun bo guión e cun excepcional Viggo Mortensen, que fora nomeado ó Oscar.

ESTRATEXIA ILEGAL SEN PENALIZACIÓN


              Hai uns días unha das noticias que máis chamaron a atención na cidade de Ourense (e que penso que apoiou a maioría dos cidadáns), foi o cruzamento do coche do concelleiro González Jácome na saída dun parquin por carecer este de vao. Os do parquin (como foron e son listos evitando a correspondente cota –que paguen outros), intentaron coller o porco polo rabo e, ó día seguinte, aparcaron estratexicamente dous vehículos invadindo parte da saída, para que así non lle quedase sitio ó coche do argalleiro. Pero segundo a foto que apareceu nun xornal, esa invasión carrexa, ocasiona unha ilegalidade que estou por apostar que non foi penalizada. Tanto un coche coma o outro invadiron a zona amarela do beiril. Nas zonas amarelas entendo que non se pode aparcar. Non meto as mans no lume, pero case seguro que non foron nin multados nin asomaría por alí o guindastre, tal como axiña lle apareceu ó concelleiro, aínda que este soubo manterse firme e fixo que o guindastre ficase de alí.


              Café Oren Express da Valenzá. Luns, 27 de xaneiro de 2014

sábado, 1 de febrero de 2014

O OUTRO FILLO


              Alá foi! Vinte anos, dous meses e dous días. 370.880 quilómetros. Son algo máis que cifras; tanto en tempo como en distancias. Son unha boa parte da miña vida. Pola mañá, as noticias de Radio Nacional. Polo mediodía, o programa musical Discópolis e, ás veces, Cando os elefantes soñan coa música, os dous de Radio 3. Polas tardes e as noites, algo de todo, pero principalmente música de casete. Si, o meu Filomeno aínda tiña casete. Hoxe, o pobre, xa non terá nada; acaba de facer o seu derradeiro percorrido… o do despece. Toda unha fin de semana (deixeino o venres) pensando nel, rindo polo baixiño sobre el. A ver!, máis dunha vez conseguiu rosmarlle a algún Audi, ou Mercedes, ou BMW. Cantos cabreos dentro del; porque, xa se sabe, todos os que te preceden son uns pasmóns, sempre teñen a culpa de algo, verdade?; ou ben porque te pasan coma frechas, ou ben porque van demasiado a modiño. Con el, algunha vez (poucas) tamén me cabreaba, pero tamén o facemos cos fillos e, porén, querémoslles. Si, está ben, pódese dicir, o Filomeno é o outro fillo. Seguro!; máis tempo nel que cos propios fillos. Alá foi! O meu cochiño! Certo, era da muller, pero… Pero quen o mamei fun eu; con risas, con bágoas (coa idade emociónome cada vez máis); con berros (calquera que me oíra) e con amor, con moito amor. Botareino de menos. O meu Filomeno!


              Café Paco Paz de Ourense. Venres, 31 de xaneiro de 2014

viernes, 31 de enero de 2014

PARA SEMPRE


              Para sempre. Para sempre Gael Mito Gales escribe catro palabras cheas de melancolía nun caderno de cor rosa. Coa man dereita bota  o seu longo pelo para atrás e, para sempre,. intenta recollelo cunha goma elástica nunha sinxela coleta. Ela, Gael Mito, segue escribindo mentres lle dá algún que outro sorbo á Coca-cola que ten sobre a mesa. Para sempre intenta plasmar no papel os pensamentos que navegan polos recantos da súa memoria. Unha e outra vez, aqueles, vánselle ós seus pais, ós que hai tempo que non ve. Hai anos xa. A filla da Cirolla e do Lucero, nun arrinque de rabia que tivo, díxolles que largaba da casa para sempre. E da súa vida. Coa dor no peito, coas bágoas nos ollos e coas maletas cheas, marchou. Non volveu a vista atrás. Pero, agora, a cinco anos daquelo está a dubidar da súa expresión, da súa ladaíña “para sempre”. Non sabe cánto aguantará, nin se aguantará. En principio, segue deixando caer palabras para que queden no caderno para sempre.


              Café Oren Express da Valenzá. Venres, 24 de xaneiro de 2014

SICKO / MÁIS ALÁ DA MORTE




              Antonte, 29-01-2014, vin en DVD e en versión orixinal subtitulada a película-documental “Sicko” (2007), de Michael Moore. Impresionante denuncia do sistema sanitario ianqui, pero que, como película, deixa bastante que desexar. De todas formas, só que sexa por ver a situación médica da inmensa maioría dos americanos, xa merece a pena vela. Incrible que un país tan avanzado como é Estados Unidos non teñan unha sanidade pública e que a privada estea chea de corruptelas e de ladróns.





              E onte, 30-01-2014, vin pola Sexta 3, tamén en versión orixinal subtitulada, a longametraxe “Máis alá da morte” (Más allá de la muerte, 2009), de Agnieszka Wojtowicz-Vosloo; con Liam Neeson, Christina Ricci, Justin Long e Josh Charles. A música é de Paul Haslinger. Sinceramente, o único aliciente desta película (se se pode dicir así) é ver a Liam Neeson e a Christina Ricci. Polo demais, unha de tantas que intentan meterche o terror dentro, pero que non o consegue.

jueves, 30 de enero de 2014

QUE DURO É FACERSE O DURO!


              Os fillos dan traballo e causan crebacabezas, pero quéreselles a morrer. Emporiso, hai momentos nos que non queda outro remedio que poñerse duros ou, polo menos, facerse o duro. E lánzaslle ameazas a eito, con tanta rotundidade que nos lles queda outra que facer o que se lle ordena. Inocentes! Mal pensan eles que se seguiran teimudos e aguantaran un chisco a bategada, ese amor de pais sería o causante do futuro perdón. Quéreselles a morrer. Máis de cando en vez é bo amosarlle polo menos un lado da cara chea de xestos duros, impertérritos, aínda que no outro lado as faccións colguen fláccidas e debuxen incluso ese cariño, ese amor que se sente por eles. Amosémoslle o lado escuro da lúa, pero sen perder a calor do sol do outro lado. Mais qué duro é facerse o duro con eles. E canto doe! Queda un máis fundido có propio sacrificado. Imaxino que co tempo entenderán todo, pero ata ese momento seremos os malos da película. É igual; que todo sexa polo seu ben.


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 22 de xaneiro de 2014