viernes, 28 de febrero de 2014

A PUTA DE BASTOS


              Pola mañá, cando ía correndiño para o traballo, oín a noticia pola radio do coche e despois, pola tarde, vin a foto nos xornais. A foto impresionaba pola cantidade de xente. Pero non era ningunha manifestación. Non era ningún acontecemento deportivo. Non era ningún acontecemento musical. A foto amosaba colas no campo de refuxiados palestinos de Yarmuk, ás aforas de Damasco. Colas para recibir os paquetes de alimentos que reparte a axencia UNRWA (Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo), dependente da ONU. Ó ler o pé da foto é cando te decatas do que realmente significa a imaxe; as ringleiras de xente, as moreas de persoas esmirradas, tristes e famentas. Aí o impacto é brutal. Pensas nas guerras. Pensas nos israelitas. Pensas nos norteamericanos. Pensas nos ricachóns. Pensas nos bancos. Pensas nas armas. E nas ideas. E na barbarie. E na fame. E na conciencia dos que non teñen conciencia. E nos plenos políticos. E nas xuntanzas do grupo dos 20, do grupo dos presuntos ricachóns. Ricachóns en diñeiro, certo, pero pobres de espírito, que se lavan as mans ante tantos e tantos campos de refuxiados espallados polo mundo adiante. Porque haber hai uns cantos. Campos de refuxiados levantados porque o odio é ese as de ouros que todos levamos dentro, e as fronteiras son esa puta de bastos coa que a brisca ou o tute é un simple xogo de dous ou tres países.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 27 de febreiro de 2014

UN LIBRO DE CONTOS REAIS


              Flores de toxos no poema que vai máis alá nunha canción chea de nostalxia. A flor é bonita, pero o toxo pica. Sedeño de carro labrego na película que amosa cómo se rozan oitenta gavelas nunha mañá calquera. Asubío melancólico por entre a néboa para atopar o burro que non se vía ós tres pasos. Revolución triste ó lado dunha lareira. Non vale pelexar contra as inclemencias políticas, manipuladas por uns chupatintas con presunción de actores teatrais. Canto teatro hai na casa dos que se xuntan para intentar cuspir a mentira máis gorda! Caldeiro de auga quente na novela da infancia molguesa. A burga de Baños de Molgas daba para todo; desde caldeiros de auga ata ruxerruxes femininos e desde contos no seu mazadoiro ata xogos polo seu lavadoiro ou pía. Bocado de bica no almorzo dos pobres. Comíase moita bica. Había moita pobreza. Con catro ou cinco pensamentos espallados en algúns recantos da memoria énchese un libro de contos reais, de contos que hoxe ninguén cre.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 19 de febreiro de 2014

jueves, 27 de febrero de 2014

MINUTOS PARA UN PARÁGRAFO


              Oito en punto da tarde/noite. Malabarismos cunha moto na televisión. Anteollos medio tirados sobre a mesa. Lauro Rosales Triunfo empeza a tiralos xa bastante a miúdo. Cada vez ve menos. Pobre home. Valer xa só lle valen para o lonxe. Porque de cando en vez colócaos sobre o seu nariz, e aprecio que o fai cando entra alguén na cafetaría. Oito e catro minutos. Agora son coches de fórmula 1 os que asoman pola pantalla. Ruído dunhas chaves que caen ó chan. A nena Icía Varián Variante (vaia!) está a xogar con elas e, claro, como aínda é un carrouchiño, cáenlle ó chan. E non vale que o pai lle diga que estea quieta. Ela nin caso. Normal; é unha cativiña. Oito e oito minutos da tarde/noite. Lauro Rosales volve tirar os anteollos sobre a mesa e a Icía Varián cáenlle de novo as chaves. Agora mesmo non sei o que está saíndo pola televisión pola causa e o motivo de que non miro para ela. Hai minutos que dan tranquilamente para un parágrafo. Este levou exactamente dez.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 18 de febreiro de 2014

O CALÍGRAFO




              O martes pola tarde (25-02-2014), de novo no pavillón Paco Paz de Ourense, rematei de ler o libro “O calígrafo” (2003), de Edward Docx, traducido por Carmen Francí Ventosa. A verdade é que pensei que ía estar mellor. Foron 480 páxinas bastante irregulares,  con certos altibaixos, pero, iso si, cun final bastante sorprendente

              CONTRAPORTADA:

              Cando unha muller decide o que quere, a un home esquéceselle o que estaba pensando...
              Jasper Jackson é, ademais dun sedutor incurable, un dos poucos calígrafos que quedan no mundo. A súa vida transcorre entre un traballo tranquilo e sofisticado e unha interminable sucesión de conquistas.
              Un día a muller dos seus soños aparece no seu propio xardín e Jasper sucumbe. Lentamente empeza a darse conta do que se sente ó ser a presa en lugar do cazador. Vulnerable e namorado, pouco a pouco descubrirá que quizá non é tan listo como se cre. E que ela é moito máis lista do que parece.
              Xuntos dan pé a unha novela divertida e romántica, tenra e cínica á vez, que captura nun Londres soleado e luminoso as relacións amorosas de hoxe e as trampas do desexo de todos os tempos.

              SOLAPA DA CONTRAPORTADA:

              A crítica dixo:
              “Pura delicia” (Rebecca Ascher-Walsh, Entertaiment Weekly)
              “Calquera que estea buscando unha lectura que combine os praceres das novelas de amor tradicionais coa precisión e as capacidades intelectuais de Julian Barnes non precisa buscar máis... Unha comedia romántica de fondura inusual”. (Matt Thorne, Independent On Sunday)
              “Unha novela profundamente divertida.” (Joanna Smith Rakoff, San Francisco Chronicle)
              “As sorpresas coas que conclúe a novela son diabolicamente satisfactorias.” (Publishers Weekly)
              “Docx escribe dunha maneira deliciosamente evocadora, precisa e á vez consciente do valor das palabras, que o enlaza con autores do talento de Nabokov.” (Library Journal)

              SOLAPA DA PORTADA:


              Edward Docx traballou como periodista para diversas publicacións e medios, como Express, BBC TV e radio, Channel 4 e Sky. Vive en Londres e esta é a súa primeira novela.

martes, 25 de febrero de 2014

COMA UNHA OFERTA DO CARREFOUR


              A bolsa ou a vida. Así diciamos de pequenos cando nos achegabamos por detrás e se nos daba por aquilo de querer ser ladróns. Agora xa non se di iso. Agora cóllenche a bolsa e xa estás matao; ou ben por falta de emprego, ou ben pola suba de impostos, ou ben polos desafiuzamentos, que todo converxe no ladroízo que hai en España. A bolsa ou a vida. Agora nada de avisar. E ata lles hai que recoñecer que teñen algo de mérito: que non te pillan polas costas, que non van a traizón; simplemente van de fronte e cun sorriso dental espectacular para collerche a bolsa nun chiscar de ollos. Logo, para máis aquel, aínda te desculpas un chisco por vivir na miseria e que non poidan levar algo máis. Non te decatas de que ata che están levando a saúde (tal como está hoxe a sanidade) e a educación (tal como está hoxe a educación, se é que algunha vez estivo ben). A bolsa ou a vida. Agora lévanche as dúas cousas; coma se fósemos unha oferta do Carrefour: 2 X 1. País de corruptos e ladróns!


              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 18 de febreiro de 2014

lunes, 24 de febrero de 2014

A GUARIDA / A XUNGLA 4.0 / NOVA YORK PARA PRINCIPIANTES




              O sábado, 22-02-2014, vin pola Paramount, a película “A guarida” (1999), de Jan de Bont; con Lili Taylor, Liam Neeson, Catherine Zeta-Jones, Owen Wilson, Bruce Dern e Virginia Madsen. A música é de Jerry Goldsmith.
              Bo ramallete de actores para unha trapallada que levou, como non, 5 nomeamentos ós Premios Razzie, ou sexa, ó peor do peorciño.





              Onte, domingo, 23-02-2014, pola primeira canle de TVE vin “A xungla 4.0” (La jungla 4.0) (2007), de Len Wiseman; con Bruce Willis, Timothy Olyphant, Maggie Q., Justin Long e Kevin Smith. A banda sonora está composta por Marco Beltrami.
              Cuarta entrega de “A xungla de cristal”, é dicir, John McClane en acción, ou sexa, Bruce Willis no seu papel. Así de simple. Así de sinxelo.





              Despois da película do Willis, e cando me deitei, a muller tiña a tele en Antena 3, onde acababa de empezar unha película titulada “Nova York para principiantes” (Nueva York para principiantes, 2008), de Robert B. Weide; con Simon Pegg, Kirsten Dunst, Jeff Bridges, Megan Fox, Gillian Anderson e Danny Huston. A música do filme compúxoa David Arnold.

              Outra trapallada máis e a pesar de que tamén traballan algúns bos actores. Comedia que non funciona en practicamente ningún momento.

OS FILLOS DO MAR




              O venres pola tarde (21-02-2014), no pavillón Paco Paz de Ourense, rematei de ler o libro galego “Os fillos do mar” (2012), de Pedro Feijoo. Recoñezo que gocei bastante coas 427 páxinas cheas de aventuras, acción, humor e demostrando que en galego tamén se poden escribir bos best sellers. De verdade, custábame deixar de ler cando tiña que facer outras cousas.

              CONTRAPORTADA:

              Simón Varela é un mediocre arquitecto residente en Vigo. Un día recibe unha chamada dunha señora da alta sociedade viguesa, Isabel Llobet, para que lle faga unha reforma nunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Ós poucos días de comezar a reforma, Simón atopa un cofre pechado. Simultaneamente, a señora, xa maior, morre en estrañas circunstancias. A partir de aquí, o arquitecto vese involucrado nunha intrigante trama na que tamén parece estar envolta a familia da muller morta.
              Novela de aventuras, novela de intriga, escrita con ton humorístico, a acción de “Os fillos do mar” condúcenos detalladamente a través do Vigo de hoxe, cidade que en boa medida protagoniza tamén a novela. Ó tempo, a trama cóbrese cun atractivo pano histórico que nos conduce ata 1702, na Batalla de Rande, aínda que deixa tamén os seus elos na Guerra Civil española e nos tempos do nazismo alemán.
              “Os fillos do mar” é unha novela trepidante, que viaxa constantemente no tempo para atopar as claves dun presente que o protagonista precisa desvelar.

              SOLAPA DA PORTADA:

              Pedro Feijoo (Vigo, 1975). A súa formación é filolóxica, aínda que ó longo dos últimos anos exerceu profesionalmente como músico, levando a cabo unha intensa traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns dos máis salientables proxectos musicais galegos.
              No ano 1997 publicou o seu primeiro libro, Cousas do “Galicia” por Castelao, ensaio no que se explica a importante relación do autor de Rianxo co xornal vigués que dirixiu Valentín Paz-Andrade entre os anos 1922 e 1926. No ano 2005 publicou “Viva o Fu Remol!”, unha crónica desde a que se tenta botar unha pouca luz sobre os moitos problemas dos que adoece o panorama musical galego. En 2011 publicou o relato “O segredo do viaduto” no libro XII “Certame Literario de relatos curtos Os Viadutos”.

              “Os fillos do mar”, a súa primeira novela, foi finalista do Premio Xerais de Novela 2011.