miércoles, 30 de abril de 2014

ONDE ESTÁN AS NOVAS EN GALEGO?



 
              Máis dunha vez critiquei ós xornais galegos polo practicamente inexistente uso que lle dan á nosa lingua, principalmente o Día das Letras Galegas, que “pintan” as portadas moi bonitas, pero á volta de folla, o galego xa é auga pasada. Hai uns días achegóuseme Xoel para pedirme uns xornais vellos nos que asomasen noticias en galego para un traballo do instituto. Tanto el como un servidor vímonos negros para atopar algunha. Incluso esa noite tiven que pedir nunha cafetaría exemplares atrasados para ver se así xuntabamos algo. Quizais nas follas de opinión  é o único lugar onde se pode atopar algo, onde algúns, e a pesar dos pesares, aínda nos negamos a deixar a nosa lingua no esquecemento. Xoel necesitaba unha noticia (malo!), un artigo de opinión (algo había), unha reportaxe (si oh!), unha columna (xa!) e unha crónica (tócate o c.!) Que triste que os propios rapaces galegos non poidan desenvolver ben a súa educación na súa propia lingua! Entre decretos, leis, ignorancias, torpezas... atópanse con atrancos que a propia sociedade pon no camiño. Pedras contra o propio tellado.

              Café Bran (ex Viena 17) de Ourense. Luns, 28 de abril de 2014

lunes, 28 de abril de 2014

CARRACHOS E BALDROGAS


              Tarsicio Valente Suárez quedou coa boca aberta e un chisco pasmón cando leu nun xornal que o presidente da Xunta de Galicia aseguraba que non tiña cartos para repoñerlle os soldos ós empregados públicos. O Caracol, que é o nome co que o coñecen na vila, mirou de esguello para os clientes que había espallados pola terraza da cafetaría. Cando atopou a un coñecido, non lle importou levantarse e meterlle o xornal nos ollos para que lese tamén a nova publicada. “Iso é todo política”, replicoulle o amigo. Tarsicio Valente rosmou e cuspiulle non sei que das inauguracións que adoitan acometer todos os papamoscas dos conselleiros e de certas personalidades que, de persoas, non teñen in un miolo de entendemento. “Mira, Pantrigo (así lle chamou ó amigo); todos eles son como carrachos que chupan o sangue das nosas mentes alpabardas”. “Non ten cartos, non ten cartos... e para os seus baldrogas ata é capaz de inaugurar un carballo que leva plantado cento e pico de anos”. Cabreado, O Caracol marchou para a súa mesa.


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 23 de abril de 2014

sábado, 26 de abril de 2014

BILBAO-NEW YORK-BILBAO




              O mércores, 23-04-2014 rematei o libro “Bilbao-New York-Bilbao” (2008), de Kirmen Uribe. Que marabilla! Así de simple. Así de sinxelo. Que forma de contar a historia dunha familia! E en tan só 190 páxinas! Ameno. Fácil de ler. E aínda que cambie dun tema para outro, non cansa, simplemente emociona. Como me gustou este libro!

CONTRAPORTADA:

Cando Liborio Uribe comprendeu que xa non podía escapar da morte, pediulles ós seus familiares que o levasen a ver por derradeira vez un cadro de Aurelio Arteta. Anos despois, o seu neto Kirmen está diante dese mesmo cadro, disposto a reconstruír, durante o traxecto entre Bilbao e Nova York, a historia da súa familia: unha historia enraizada na terra, e tamén no traizoeiro mar.

SOLAPA DA PORTADA:

Calculamos os anos que viviu unha árbore polo número de aneis que contamos no tronco. Tamén podemos medir a idade dun peixe pola cantidade de escamas, rastro de feridas leves que laceran a súa pel no inverno pola falta de alimento. O home tamén acumula feridas leves cando crece: as súas perdas. E aínda que, a diferenza das escamas, as perdas humanas son invisibles, tamén deixan un rastro, e poden recuperarse simbolicamente a través da memoria e a escritura.
Kirmen Uribe é, ó mesmo tempo, o narrador e o protagonista desta novela que transcorre durante unha viaxe de Bilbao ó JFK de Nova York, na que a súa memoria percorre a historia da súa familia. Cartas, diarios, e-mails, poemas, museos, dicionarios e cadros convócanse para recrear os fragmentos daquela: a vida dun avó nacionalista e franquista ó mesmo tempo, a penosa existencia dos mariñeiros que viven sen casa en medio do mar, as aventuras e penalidades do seu pai José, patrón do “Toki Argia”… teselas que apuntan a reconstruír un cadro devorado polo tempo: a vida da familia Uribe.

SOLAPA DA CONTRAPORTADA:


Kirmen Uribe (Ondarroa, Vizcaya, 1970) licenciouse en Filoloxía vasca e cursou estudos de posgrao en Literatura Comparada en Trento. É autor de proxectos multimedia que combinan a literatura con diferentes disciplinas artísticas e participou en encontros literarios en Europa, Asia e América. Colabora en diversos medios de comunicación, entre eles “The New Yorker”, e traduciu a Raymond Carver, Sylvia Plath, Anne Sexton, Mahmud Darwish e Wislawa Szymborska. En 2001 publicou o seu libro de poemas “Bitartean heldu eskutik” (Mentres tanto dáme a man) que os críticos celebraron como unha “revolución tranquila” na ámbito da literatura vasca. O libro traduciuse ó castelán, ó francés, ó inglés e ó ruso. Tamén é autor de seis libros de literatura xuvenil. A Kirmen Uribe galardoárono co premio Nacional da Crítica e en 2007 foi finalista na elección que o PEN American Center fai do mellor libro de poesía traducido ó inglés en Estados Unidos. Por “Bilbao-New York-Bilbao” acadou o premio Nacional de Narrativa.

HEROES POR CERTOS ACTOS


              Sempre culpo ós xogadores en cuestións arbitrais. Por aquilo de que sempre os intentan enganar. Pero tamén xa teño falado de xogadores legais e conscientes dos seus propios erros. Incluso a algúns os teño catalogado como heroes. Hai xogadores que semellan heroes; e non polo seu xogo en si, senón polos seus actos. (Paréntese para outra clase de heroicidade… aquela na que traballan toda unha temporada para cobrar tarde, mal e nunca, caso do noso Ourense e outros tantos). Sigo coas heroicidades por certos actos. Aconteceu na provincia da Coruña, creo que en Boiro, cando Pedro García, xogador do club desa localidade evitou que un da canteira do Dépor se afogara coa súa propia lingua. O xogador do Dépor B rematara a gol de cabeza, pero non por iso evitara chocar coa testa dun defensa rival. Pedro García, tan axiña como se decatou da acción, socorreu ó seu rival para sacarlle a lingua. Iso son heroicidades e o demais (comportamentos exemplares cos contrarios e cos árbitros, coa xente e cos compañeiros, goles de fermosa factura, caneos inverosímiles, chilenas espectaculares…), digo que o demais son trapalladas. Este mesmo xogador, imaxino que en algún lance do partido, tamén intentaría enganar ó árbitro e se eu o soubese ata o criticaría, pero ante o acto narrado non me queda máis remedio que quitarme o sombreiro e esquecer as súas (presumibles) protestas.


              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 25 de abril de 2014

viernes, 25 de abril de 2014

CORES QUE FAN DANO... DE BONITAS


              Cruza o lagarto a estrada a toda velocidade e agatuña polo muro de pedra. Corro coa cámara de fotos en posición e cando estou a piques de chegar, fago que se deteña o tempo. Dou pasos ó ralentí, a cámara lenta para non asustar ó pobre animal. A verdade é que este non se asusta moito. Dáme tempo a que lle dea dous ou tres clic, clic, clic e incluso a ver como lle falta un cacho do rabo. Un coche ou alguén llo cortou. Pobre lagarto! Pero non teño moito tempo para pensar na súa minusvalía, pois as súas cores ata fan dano nos ollos... de fermosas, de bonitas. A súa cor verde mestúrase coa do campo que está á beira da estrada. Antes de colocar de novo a cámara en posición, xa sabía que ía fuxir por culpa do ruído dun coche que baixaba cara ó canón do Sil, polas terras de Sober. Efectivamente, o lagarto liscou como un lóstrego e eu quedei sen a estampa dunha paisaxe ben pintada. Hai animais que non deberían morrer nunca.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 12 de abril de 2014

jueves, 24 de abril de 2014

OS “MUDOS” DOS PLENOS


              Hai novas que hai que contar unha vez… e máis, e máis, e máis. Sempre dixen que moitos concelleiros, deputados, senadores e demais alpabardas asistían ós plenos para tan só levantar as mans para votar e ganar así, sen traballo ningún, uns cantos ou moitos euros. A mellor proba asomou hai uns días nos xornais galegos cando informaron de que (por fin!, aleluia!, loado sexa o Señor!) Jiménez Morán, o alcalde de Verín, puxo a súa voz a dispor no micro do Senado para falar… logo de dous anos de silencio! Dous anos! O que vén significando que algúns compañeiros pensarían que sería mudo. E, coidadiño!, non será o único “mudo”. Os propios xornais informaron o habitual, ou sexa, o que denuncio sempre: que se tirou dous anos a erguer a man para poder cobrar. Pensade agora en centos de concellos, en máis dunha ducia de autonomías, no Senado e no Congreso. Hai ou non hai carrachos que chupan do bote, do noso sangue?


              Café Oren Express da Valenzá. Venres, 11 de abril de 2014

miércoles, 23 de abril de 2014

COSTA DO SOLPOR




              O luns, 21-04-2014 rematei o libro galego “Costa do Solpor” (2013), de Xosé Mª Lema. A ver, o libro está ben, pero creo que a historia, a aventura que conta podía facelo moi perfectamente en pouco máis de 200 páxinas e non nas 660 que ten, que se fan abondo longas. O que pasa é que, claro, coa escusa da trama, mete por medio todos os ruxerruxes, acontecementos, lugares e nomes de persoas da Costa da Morte. Pódese ler pero é demasiado longo.

CONTRAPORTADA:

Unha novela de aventuras de mar e de terra con batallas navais, abordaxes, tétricas escenas de terror e tenras de amor, senlleiros personaxes lendarios e reais –un náufrago desmemoriado, un crego sabio e revolucionario, un fidalgo reformista…- e unha vila maldita que conforman a iconografía histórica da galega Costa do Solpor. A novela está ambientada na Galicia rural e urbana de mediados do século XVIII, facéndonos partícipes de angueiras da vida cotiá daqueles anos.
“Costa do Solpor” comeza cun manuscrito onde un descoñecido escritor británico de finais do século XIX narra as peripecias da viaxe de volta dunha misteriosa goleta inglesa cargada cun fabuloso tesouro. Tras unha cruenta loita cuns piratas nunha illa atlántica, a goleta regresa ó punto de partida, o porto de Bristol, pero unha tormenta obrígaa a buscar refuxio nunha ría da Costa do Solpor. Un membro da Confraría da Man Morta, decatándose da importancia da carga, marcha a uña de cabalo á cidade da Coruña e avisa o capitán dun bergantín pirata fondeado cun nome de conveniencia neste porto. O bergantín sairá ó encontro da goleta coa intención de lle incautar o tesouro. Logo da abordaxe, o grumete da goleta logra salvarse gañando a costa a nado. Os piratas perseguirano a morte pero o rapaz inglés farase amigo dun mozo e dunha moza da beiramar e tratarán, xuntos, de liberar a goleta e salvar os seus tripulantes dunha morte certa.
“Costa do Solpor” foi finalista do Premio Xerais de Novela 2011.

SOLAPA DA PORTADA:


Xosé Mª Lema (Bamiro – Vimianzo 1950), catedrático de Xeografía e Historia de E. S. e doutor en Historia da Arte. Membro da AELG, de AGOn e correspondente da RAG. Ten publicacións de temática diversa (historia, historia da arte, etnografía, lexicografía e o (1989); A arte relixiosa na terra de Soneira” (Premio Losada Diéguez de Investigación 1993)… É coautor dos dicionarios de Edicións Xerais: o “Xerais da Lingua” (1985), “Pequeno Xerais” (1989), “Gran Dicionario Xerais” (2000) e do Dicionario dos Nomes Galegos” (1992). En 2010 recibiu o Premio Reimóndez Portela por varios artigos a prol da lingua galega. Desde 2005 preside o Seminario de Estudos da Costa da Morte.