martes, 29 de julio de 2014

AS TROITAS BAILARON UN TANGO


               Ri, paspán. Do asubío que viaxa polo aire e vai caer no tímpano dun oído calquera. Chouta, saltón. E deixa que a inercia te leve polo leito do río que non leva practicamente auga. As troitas bailaron un tango mentres os amieiros caían ou se dobregaban, cada pouco, sobre os xuncos da memoria, de cando a vida non valía nin catro cadelas. Corre, pasmón. Non te quedes parado contemplando o bambán dunha conciencia, que vai dun pensamento nocturno a un ouleo no alto dun outeiro. Sabes que hai berros que pasan, que cruzan fronteiras. Sabes que hai fronteiras polas que berramos moi a miúdo, quizais demasiado a miúdo. Berra, animal. Por un recordo que quere marchar, que quere fuxir por entre as persianas do tempo e por un nacionalismo que non ten descanso. As troitas seguen bailando o tango e cen cabaliños do demo aterran na pobre charca existente no río que non leva practicamente auga. Asubía, Canta. Mira. Baila. Soña. Soña co paso de baile dun tango.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 23 de xullo de 2014

lunes, 28 de julio de 2014

CONTEMPLANDO, QUE É XERUNDIO


               Engurro os beizos nun xesto de aburrimento, pero non me aburro. Contemplo. Contemplo o ir e vir dunha pomba por baixo da miña mesa. Anda na procura de faragullas que sempre caen dos petiscos que che poñen cando tomas algo na terraza de calquera cafetaría. Contemplo o titular dun xornal no que se afirma que a pobreza golpea nos fillos menores. Esta pobreza galega precisa dun relato á parte. É un tema demasiado forte para desenvolver en dúas liñas. Remexo a café para que se disolva, para que se dilúa ben o azucre, e bótome para atrás para que as costas acouguen un chisco sobre o respaldo da cadeira. O que significa que, mentres, deixo de escribir. E non escribindo, sigo contemplando. Contemplo o movemento das follas das árbores da beirarrúa e escoito o ruxerruxe do vento zoupando nesas follas. É un dicir; o meu oído non é tan fino. Contemplo unha viseira branca que teño á miña esquerda e que hai un cacho descansaba sobre a miña cabeza, porque andei lendo baixo un sol abafante. Contemplo o que deixo escrito.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 23 de xullo de 2014

viernes, 25 de julio de 2014

MORBO POR UN LADO, PEDRAS POLO OUTRO


              Ás veces é complicado diferenciar o morbo da homenaxe. No aniversario do accidente de Angrois creo que houbo máis morbo que homenaxe. Por un lado enténdese, xa que somos moi amigos do morbo ou de querer ser sempre algo máis cos demais. Penso que a mellor homenaxe que se lle podía realizar ás vítimas e ás familias das vítimas nese desgraciado accidente era o silencio e non toda a trapallada que se montou desde hai tempo xa; tanto nos medios de comunicación como nas redes sociais e como na propia Xunta. Está ben lembrar o día e estar incluso ese día coas familias, pero, xa digo, en silencio e non esbardallando sobre tal ou cal cousa que aconteceu aquel día. Pero aínda nos queremos sentir heroes e opinamos sobre isto e aquilo sen importarnos a dor dos que realmente están sufrindo por culpa duns estamentos ós que non se lles consegue meter man. Ou non se quere.
              E segue o furacán, o xenocidio israelí lanzando bombas contra escolas en Gaza nas que se producen, por suposto, vítimas civís e, o que é peor, nenos. Mentres tanto, a comunidade internacional dedícase a “medio opinar”. Non pasa de aí. Normal. Calquera lle mete man ó neno bonito de Estados Unidos. Así, o xoves xa ían 730 mortos palestinos por 31 israelís. Como se ve, a diferenza é moi grande. Normal; pedras contra tanques.


              Finca Fierro. Venres, 25 de xullo de 2014

jueves, 24 de julio de 2014

SOBRE OS INSULTOS POLÍTICOS


              Todos temos dereito a opinar e incluso a criticar. Despois, cada lector que pense o que queira. O periodista Roberto L. Blanco Valdés ten o mesmo dereito. Eu tamén teño o mesmo dereito. E segundo el badúa contra Beiras eu tamén podo esbardallar contra Blanco Valdés. Bótalle en cara ó veterano político os insultos que deixa escapar contra os parlamentarios do PP cando se pon a rebater calquera asunto. E Valdés escribiu “tan só” 75 palabrotas para emparellalas cos 75 parlamentarios galegos. Beiras seica lles chama “canallas” ós seus adversarios. Estou por apostar que se moita xente puidera, chamaríalles incluso aínda algo máis forte. Todos os insultos que nomeou o periodista asoman en calquera dicionario, e eu son dos que digo que todas as palabras que aparecen nos dicionarios son para usalas polo menos algunha que outra vez. E hoxe en día, na política, ata creo que se deberían usar máis a miúdo. Hai opinións políticas que deberían ir máis alá do insulto.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 23 de xullo de 2014

AS CABEZAS ÁS VECES NON REGULAN


               É sabido da miña afección e do meu amor polo fútbol, pero aínda así, isto non evita as miñas críticas cara á certos detalles do mesmo. Chego a entender a paixón de moitos polo deporte rei español, pero discrepo un pouco ou quizais un moito do fanatismo. Creo que existe unha pequena diferenza en que unha persoa asista, por exemplo, desde Alacante ata Madrid para ver un partido de fútbol no que xogue o equipo merengue e que esa mesma persoa asista á simple presentación dun xogador. Foi o detalle que vin (e non me gustou) o outro día na televisión cando se levou a cabo a presentación de James Rodríguez, a nova fichaxe estrela do Real Madrid. Seguín a este rapaz no Mundial e foi o que máis me gustou de todos, pero nin así creo que sexa merecente de que corras media España para velo tan só durante uns minutos. E non analizo o pensamento de moita xente hoxe en día: “ó mellor os fillos dese fanático están a pasar fame”. Ó mellor si; pero as cabezas da xente ás veces non regulan.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 23 de xullo de 2014

miércoles, 23 de julio de 2014

A PACIENCIA DO ÍMPETO

 

               Cala. Outorga. Pasea. Un bigote no labio superior dun home. Un globo bambeando na man dereita dunha muller. Un móbil pegado á orella esquerda dun home, o acompañante da muller do globo. Berra. Silencio. Corre. Un videoclip na televisión e un autobús que pasa. O tempo tamén pasa, xa sabemos que non se detén. Moita risa. Pouca calma. Algo de saudade na alma do que emigra. Por certo, volveu a emigración; se é que no noso país se detivo algunha vez. Entendede como noso país a nosa Galicia. Que ninguén pense que se me escapou o meu espírito nacionalista! Vaiche boa!. Un roscón. Un mosquito. Unha papoula. A papoula é bonita. Todas as bolboretas son bonitas. Como unha novela ben escrita ou unha película ben rodada. Non mires para arriba coa boca aberta, que che poden entrar moscas. Ponte a bailar no aro dunha peneira para que todos simulen unha festa que non é tal. Tampouco botes as poutas antes que as moutas, cando, na realidade, a calma é a paciencia do ímpeto.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 15 de xullo de 2014

lunes, 21 de julio de 2014

MENOS QUE UN FOGO NO AIRE

 

               Bernabeu Profeta López tiña sede, moita sede. A calor apertaba e sombras, a verdade, non había moitas. Saíra a pasear ás tres da tarde e xa estaba un chisco arrepentido, pero Bernabeu Profeta non quería perder a sona do seu alcume: O Paseante. Todos os días saía de paseo a esa hora; caesen chuzos de punta ou abrasasen raios de sol, coma hoxe. Cando albiscou o bar a uns 50 metros deulle máis ritmo ós seus pasos e a pesar de botar o fel pola boca. “Unha cervexa ben fría”, berroulle xa desde a porta ó camareiro. E antes incluso de sentarse, a Bernabeu Profeta López duroulle a cervexa menos que un fogo no aire. Dun trago. Dun profundo e longo trago. “Outra”, rosmou case sen respirar. E cando o camareiro pensaba que, agora si, a tomaría con máis calma, zas, noutro suspiro, outro foguete no aire. Realmente tiña sede, moita sede. Bernabeu, O Paseante, pagou a consumición, díxolle adeus ó camareiro e liscou. Seguiu co seu paseo. Para iso era O Paseante.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 15 de xullo de 2014