sábado, 27 de septiembre de 2014

O MAR QUEDA EN CALMA



              O mar é azul e as baleas son brancas. Por que o verme se arrastra por entre os cascallos da memoria? Sempre se pensa que o tempo flota entre un suspiro e un ouleo, pero a realidade deixa catro liñas escritas nas que a nostalxia cabalga a pelo pola vida. Os xogadores corren e eu quedo sentado nunha cadeira de madeira e de cor negra. Como son capaz de deixar que o ruxerruxe se apodere do silencio! Que ruxerruxe? O das tardes nas que nunca se puña o sol, aínda que este xa acochara polo outeiro de Brandín. O das noites nas que unha cinta videográfica te mandaba a unha chaira de indios e vaqueiros, ou de bos e malos, ou de gandeiros e ovelleiros. O ceo está negro e os gatos, de noite, son pardos. Entre as estrelas un astronauta baila unha polka ó ritmo dun choque de cometas. O silencio da galaxia mestúrase co ruído dunhas ideas que só fan ruído. Cando as baleas berran cancións sen retrouso, o mar queda en calma.

viernes, 26 de septiembre de 2014

E NON DIGO NADA



              A semana pasada foi rica en noticias, faltaría máis, negativas. Sempre vivimos nun país (e hoxe aínda máis) no que a vida foi e vai a cabalo dunhas decisións políticas bastante ineptas. En só dez anos, en Galicia, a metade do emprego no campo foi ó carallo. E non digo nada. A metade dos ourensáns están gobernados por alcaldes imputados. E non digo nada. Se a Eurocámara non deixa que nos expresemos en galego, entendo entón que a Comunidade Europea non nos representa. E tampouco digo nada. Quinto ano consecutivo no que o Goberno conxela o soldo dos funcionarios. E sigo sen dicir nada. O noso presidente Núñez Feijoo soltou unha frase lapidaria: “hai rutas escolares que custan 4.200 euros por alumno”. Hai rutas a certos eventos políticos ou a certos países ós que tan só van de turismo que custan (…) por cada político participante ou viaxante. E, como non, non digo nada. Porque se digo algo, seguro que máis dalgún se incomoda, que cho botan en cara toda a vida e, para máis aquel, se poden, condénante a un ostracismo social, cultural, económico, político e ata deportivo, por exemplo. Que por que me meto tan só con eles? Non me vou meter cos que fan as cousas ben; se o fixera igual lle daban a volta á tortilla e, con sinceridade, xa nos chega ben cos empanadas que temos por aí. E agora si que non digo nada máis. Por se acaso.

jueves, 25 de septiembre de 2014

MÁIS LISTOS CÓS ALLOS



              Isto non acaba nunca. O que? O que empezou. Todo o que empeza ten que acabar. Pero isto non acaba nunca. É coma iso de que todo o que entra sae. Pois iso. Tamén podiamos dicir: todo o que sobe, baixa ou todo o que baixa, sobe. Aínda que ás veces metemos a pata ata o fondo. A ver, quen non dixo algunha vez vou subir para arriba ou vou baixar para abaixo? Pero ollo ó dato: tampouco nos podemos deprimir co asunto ese de que o galego non sabe se sobe ou baixa. Sabemos, sabemos, o que pasa é que non o dicimos porque… a el qué lle importa. É que hai xente curiosa de carallo! Queren saber todo dos demais. Sobes ou baixas? A ti que che importa! E entón quedamos no medio da escaleira e facemos que pensamos nos biosbardos; tan só coa intención de darlle na cara ó “interesado”. E que sigan pensando que o galego non sabe se sobe ou baixa. O que non saben eles é que somos máis listos cós allos. Por certo, isto sigue sen acabar. O que? O que empezou, ou sexa, o adestramento de Xoel.

miércoles, 24 de septiembre de 2014

CAMBIAR O CHIP



              Cala, rapaz! Non digas nada, que despois todo se sabe. E ten coidadiño co que dis! O asunto ten o seu aquel. Se queres facer algo nesta vida, tes que axeitarte ó ditado dos que pensan que saben máis, dos que pensan que teñen sempre a razón. E non lles rosmes. Como lles rosmes vanche dar collejas a moreas. Enténdote, rapaz, ás veces é moi complicado escribir. Cando pensas que estás contando unha verdade coma un templo, axiña aparecen os entendidos achacándoche unha mentira coma unha pobre capela. Non queda máis remedio que cambiar o chip, agachar a cabeza, apertar os dentes e deixar caer tinta azul ou negra con loas cara eles. Gáballe as súas obras, os seus discursos, os seus actos, ata os seus sorrisos. Sabes que estes son liñas mestras e dereitas para que o adversario entenda que detrás deses brancos dentes hai un poderío, unha intelixencia e unha fachenda pola que, a güevos, temos que chantar os xeonllos. É o que hai, rapaz!

AS DÚAS PERSONALIDADES DE RAIDA



              Cando unha persoa se ri é porque algo lle fai graza. Máis ou menos. Aínda que a Raida Consello Alemá todo lle debe facer graza porque sempre está rindo, incluso cando a súa nai lle dá algunha que outra labazada. Raida Consello Alemá ten 20 anos xustos e cada vez que di a súa idade bótase a rir. Naceu na aldea de Folgoso dos Ríos Secos. “Porque levan moita auga”, apostila e escacha coa risa. Non era boa estudante. Repetía en todos os cursos, ou sexa, sempre. E aprobaba os repetidos por compaixón dos profesores. “Pensan que son parva”, e dobrábase coa dor de barriga a causa da risa. Raida Consello Alemá non era parva, pero si o semellaba. Esa é a verdade. Emporiso, ó chegar á casa transformábase de tal maneira que, aínda que seguise rindo sempre, era outra persoa. Cabal. Obediente. Traballadora. Responsable. Muller feita e dereita. Mais ninguén entendía as dúas personalidades que amosaba. Nin tan sequera o narrador que narra.

viernes, 19 de septiembre de 2014

A COMISIÓN EUROPEA PECHA OS OLLOS



               Tradición cultural e familiar e comarcal e temporal e rexional e nacional e urbana e rural e relixiosa... tradición tradicional, tamén era antigamente o mallar en calquera animal, incluso de compañía. Mais agora está prohibido e penalizado. Non pode entón a Comisión Europea saírse pola tanxente co slogan “tradición cultural” cando se refire á atrocidade que se está a cometer en Tordesillas coa festa denominada Touro da Veiga. Bruxelas lávase as mans. Así de simple. Claro que xa todos sabemos (neste e en tantos asuntos) que hai moito de Pilatos nos deputados europeos. Eles só queren cobrar e... fóra polémicas! Ás veces claman ó ceo por un simple lapote ou azoute a un cativo, e ante a masacre que se comete cun animal indefenso, en por si bastante nobre, pechan os ollos, lávanse as mans e sentencian cunha ”tradición cultural” ridícula e esperpéntica. Nin puta idea do que significa a palabra cultura! Incluso os propios asasinos de Tordesillas saben a animalada que cometen, de aí que non queiran que os graven. Normal; cómo nos podemos alegrar, cómo podemos berrar, rir e choutar de gozo ante un animal que sangra, que sofre, que morre lentamente. Segundo todos os estamentos nacionais e europeos loitan contra o maltrato animal, cómo pechan os ollos, cómo se lavan as mans ante este, ante as corridas de touros; ou acaso este non é maltrato? É verdade, son eu o que erro; é festa rachada... culturalmente falando.

jueves, 18 de septiembre de 2014

MÚSICA DE ACORDEÓN



               Bailan os paisanos cando toca o acordeón da nostalxia. Saben que hai temas musicais que os mandan ós tempos de cando os bailes eran no salón máis grande do local máis enorme da vila, da aldea, da cidade. O acordeón estaba envolto entre catro farrapos acochados no faiado e mordidos xa polos ratos. Cantan os veciños cando toca o acordeón eses temas que todo o mundo coñece, xeralmente os das vodas e os das excursións nos coches de liña. Quedan quietos os veciños cando toca o acordeón nas tardes de feira. Porque sempre hai veciños (en todas as aldeas, vilas e cidades) que se quedan quietos ou mudos ó bailar e ó cantar. A timidez é un... estado de ánimo? que sempre ten que impregnar a alguén, a uns cantos. Baila o rabo do can ó ritmo da música do acordeón porque, quéirase ou non, algunhas músicas teñen un ritmo endiañado. O máis tolo dos veciños (porque tamén sempre hai algún tolo ou tolos), sen vergoña, ponse a bailar co can. Festa rachada coa música do acordeón.