viernes, 10 de octubre de 2014

UN XANTAR EXQUISITO



              Leite de burra e ovos de peixe é o menú principal do restaurante O Polbo de Cachamuíña. Fronte a fronte están sentados Tais Gabarra Gabasa e Efraín Vizoso Bizco. Son matrimonio e residentes en Luz de Tordelpalo, alá pola provincia de Guadalaxara. Pero están de vacacións. Dous ou tres meses antes decidiran viaxar á provincia de Ourense, “a gran descoñecida”, segundo eles. Aínda non ten fillos. Míranse ós ollos e semella que, os catro, botan chispas. De mañá cedo xa tiveran un altercado na habitación do hotel O Cascallo Roto, de tres estrelas. Ninguén entendía o nome do mesmo. É igual; serían cousas de quen llo puxo. Logo de tomar a sobremesa, algo semellante a moco de porco regado con cuspe de pita, a tensión entre eles xa baixara moito, quizais por culpa da botella de viño que tiñan practicamente liquidada, un branco Costa da Gándara da anada 2013. Cando tomaron o café miráronse de novo ós ollos e xa chispeaban de desexo. O xantar fora exquisito.

A VERDADEIRA PESTE QUE NOS DEMOLE



              Non se fala doutra cousa. Aínda que por esta vez vexo normal que o asunto ocupe todas as portadas dos xornais e moitas pantallas das televisións. O Ébola non é cousa de rir. Unha nova peste que nos empeza a demoler. Na saúde, na vida e, por suposto, na conciencia. Na nosa conciencia, polo que trae consigo. Na dos políticos, porque é un paso máis no que se ve e se demostra que non a teñen. Teño falado moitas veces dos esperpentos que se esparexen, que se espallan por este país noso, pero creo que como o desta enfermidade ningún dos anteriores o supera. Non é que rocemos xa o ridículo; e que nos estamos a afogar xa nel. Por iso creo que a verdadeira peste que nos está demolendo non é a da enfermidade en si, senón a política, a peste dun Goberno que non sabe por onde anda e, o que é o peor, que lles importa un carallo. A mellor proba é a forma que teñen de lavarse as mans: “algúns dixéronme por Europa adiante que estabamos levando ben o asunto”, declarou máis ou menos o presidente Rajoy. Cando, na realidade, seica é mentira. Pero é igual; eles soltan iso e chegan incluso a crelo. E se non lles é abondo con iso, axiña lle pasan a pataca quente a outros, é dicir, sempre ás vítimas, neste caso á propia enferma. Que si, que non será perfecta, pero é que os pasos que se seguiron e se están a seguir desde que asomou o Ébola son peores cos dun bebé cando empeza a gatear.

jueves, 9 de octubre de 2014

TODO SE MOVE... ATA O DERRADEIRO SUSPIRO



               Corre un coche. Pasa un neno. Corre un neno. Pasa un coche. Que máis dá! O caso é que os dous se moven. O mundo móvese. O asteroide YP139 2013 móvese. A vida é un continuo movemento. Desde o útero da nai ata o derradeiro suspiro. Ou latexo. A verdade, non sei cal irá primeiro ou cal será o derradeiro. Que máis dá tamén! Cando este chega, entón si, o movemento acabouse. Xa sei que tal movemento seguirá sempre; pero para outros. Mais a ti, os outros impórtanche unha merda logo do teu derradeiro suspiro. Ou latexo. Móvese a mosca que anda toda campante polo recanto da mesa. Que teña coidadiño. Son un profesional cazando moscas. Coa man, por suposto. Nada de usar un cazamoscas ou un xornal golpeando con todo o estrondo sobre a mesa. Eu uso a man aberta, lánzoa á velocidade da luz (máis ou menos) e ó momento xa a pecho. Mosca cazada. Tamén para ela chegou o derradeiro suspiro. Que pensaba, son un profesional!

miércoles, 8 de octubre de 2014

TRAGALIBROS


               Acabo de estrear o carné da biblioteca de Ourense. E estreeino sacando un libro para Xoel. Ata agora todos os libros que lin desa biblioteca saqueinos co carné da muller. Agora teño o meu propio carné. Que raio, faime ilusión! As miñas lecturas bibliotecarias choutan da biblioteca de Ourense á biblioteca da Valenzá. Estou a ler máis ca nunca precisamente por ese detalle; porque pido varios libros de ambas bibliotecas e, claro, teño que me apurar para cumprir os prazos que me marcan. Como se adoita dicir: son un tragalibros. Sempre o fun. Traio comigo unha listaxe na que vou anotando aqueles libros dos que falan ben, dos que levan algún premio importante ou dos que simplemente me apetece porque si; ás veces polo simple autor. Nunca me quedarei sen lectura porque a listaxe pasa xa dos 120 volumes. Gozo coa boa literatura pero tampouco rexeito un best seller entretido. De cando en vez é bo pasar simplemente o tempo. E, como non, intento compaxinar, mesturar o galego co castelán.

lunes, 6 de octubre de 2014

ALGO FALLA NA ENSINANZA DO GALEGO



              Que sensación de alivio, os ocupantes dunha mesa que está á miña esquerda falan en galego! Ata case me resulta raro oílos! É triste dicir isto en pleno Ourense, en plena Galicia. Non obstante, algún dos catro ocupantes deixa escapar frases en castelán. Quererá ser algo máis cós outros. Outros catro ocupantes noutra mesa, pero á dereita. Os catro, mozos duns 20 anos. E os catro falando en castelán! Perdón, agora mesmo un ponse a falar en galego. Seguro que me leu o pensamento!; pois hai un cacho, ese mesmo, falaba en castelán. Pola idade deles creo entender que xa se estudaba o galego nos colexios. Ante isto hai que pensar a güevos que algo falla na Educación en Galicia, na ensinanza da nosa lingua. Levamos xa moitos anos ensinando o galego e, co paso do tempo, o seu uso vai a menos. Os “grandes entendidos” deberían tomar xa cartas no asunto, urxentemente, se non queremos que a nosa lingua quede tan só exposta nunhas páxinas escritas nos libros.

domingo, 5 de octubre de 2014

SABÍAN O QUE HABÍA



              Sabela Saúde Hebrón chamoulle o pai de cantas había. Tiña xenio e estaba cabreada porque o pai insistíalle unha e outra vez que ela era culpable dun asunto acaecido de mañanciña cedo. Ela, tamén unha e outra vez, negaba tal acusación e en cada palabra defensiva inchábanselle as veas do pescozo. Sabela era guapa e cun físico espectacular; de aí que fose a gran atracción da orquestra Cachamuíña Show. Era a cantante e a que levaba a voz cantante; quizais porque a ver quen lle rosmaba a unha muller con ese corpo. Todos os demais compoñentes do grupo eran homes (cinco) e, claro está, todos eles confiaban en roubarlle algunha vez aínda que só fose un bico. Pero a actitude e o carácter de Sabela botaba para atrás calquera inicio de achegamento. Os homes non eran parvos e sabían o que había. Así é que as únicas páxinas de desexo estaban escritas só nos ollos deles e, por suposto, no pensamento. Máis alá disto tan só estaba o baleiro.

ENTRE FLORES E ASUBÍOS


              Quero ser flor de invernadoiro, pero son toxo de monte comunal. Que che cambia o asunto. E tanto! Non obstante, coidadiño!, onde asome a flor de toxo que se quiten todos as demais amarelas. E se se mesturan coas flores das xestas e dos piornos? Oh my God!; a beleza dos montes queda en suspense e as avespas bailan un tango polos Currás abaixo! Ata os burros renegan ás veces de lle fincar o dente a tanta fermosura. É certo que o toxo pica, pero acaso non hai plantas carnívoras? Pois entón! Viva a flor de toxo e o toxo enteiro, carallo!

              Quero soltar un asubío desde o alto dun outeiro, pero tan só me sae un gargarexo cando me acocho por entre os fentos do Río Vello. Tamén cambia o asunto! Aínda que aquí son máis partidario do asubío. Un bo asubío nos labios é coma un tema musical gravado en alta definición. E non digo nada se asubío cando hai néboa! Oh my God!, nin o tango das avespas supera a miña melodía!