viernes, 31 de octubre de 2014

BONDADE PARA DESCONFIAR



              O certo é que a política dá para diversos escándalos, incluso para moitos escándalos. Hoxe o que impera é o da corrupción, da que xa falamos unha morea de veces e ata poida que haxa que volver falar. Pero estes días tamén asomou ós xornais, principalmente ós xornais galegos, un novo escándalo (que xa é vello, pero… os medios de comunicación sempre se “escaquearon” un chisco del), o de carrexo de votos. Sobre isto, o pasado venres lin neste mesmo xornal unha das frases máis “bonitas” e máis “inocentes” pronunciadas por un político, polo expresidente do PP lugués, ó que citaron nos xulgados por un suposto delito electoral: el só “axudou a empurrar unha cadeira de rodas”. Inocencia pura e auténtica dunha bondade encomiable. Tanta bondade nun político é para desconfiar! E tanto! Porque o señor José Luis Iravedra empurraba a cadeira dunha persoa para que lle metese o voto na urna. Unha persoa da que se fala que tiña alzheimer, é dicir, que lle daba igual votar a Mengano que a Zutano. Pero para iso estaba o homiño alí, para facerlle caso ás monxas que foron as que, segundo verbas del, o chamaran para realizar esa obra de caridade. Faltaría máis! Do carrexo de votos no medio rural creo que sei un pouco… en coches, en autobuses, incluso en taxis. Pero claro, o que gana non vai sacar unha lei para erradicar ese virus. Non procede o asunto!

TAN SÓ UNS MINUTOS


               Teño tan só uns minutos para escribir algo, para escribir sobre algo. Mais este é o problema: que non sei sobre que. Quizais sobre o birlibirloque da esperanza ou sobre o ruxerruxe do ruído ou sobre a entraña, a bile dun suspiro. Aínda que o mellor que me sae é a quietude do silencio ou o silencio propio. Porque quedas caladiño e xa está; non fas nada, non hai ruído, tan só pasmas co infinito ou co máis alá do infinito. Vai ti saber! O asunto é como ir ata máis alá do infinito. Porque para máis aquel, non son Buzz Lightyear. El si ía ata o infinito e máis alá. Un auténtico heroe. Os minutos pasan, o relato vaise completando, pero, vaia por Deus!, aínda non dixen nada. Tamén é certo, por que teño que deixar caer unha mensaxe? Por que se presume que un presunto escritor ten que dicir algo, contar algo? As trapalladas tamén hai que soltalas de cando en vez! O silencio mudo. A soidade calada. O ruído sonoro. O ruxerruxe da algarabía. Remataron os minutos. Punto final.

jueves, 30 de octubre de 2014

CULPABLES... OS DEMAIS


               Ruído na rúa. Porque pasan os coches. E fan ruído. Aínda que ás veces o ruído amortece. Porque os coches deixaron de pasar. Algún semáforo os detivo. Xeralmente sempre se deteñen ante un semáforo en vermello. Hai algúns que non lle fan caso, e despois pasa o que pasa... tres cousas. A primeira é que pasen e non aconteza nada. A segunda é que provoquen un accidente. E a terceira que os multen. Se os multan, nas conversacións dos bares, sempre teñen a culpa os de Tráfico... porque, os maricóns, non ían estar alí, precisamente alí, xusto cando pasei. Nunca din a culpa foi miña por saltarme o semáforo. E o mesmo que cando te pillan co radar... mira onde estaban acochados. Ou cando te pillan sen o cinto... ían a por min. Se fora devagar e se levara posto o cinto, non o multaban. Os culpables sempre son os demais. Somos incapaces de asumir os propios erros. Sigue o ruído na rúa porque seguen pasando os coches co semáforo aberto. Espero que se deteñan todos co semáforo vermello. Só que sexa para non lle botar a culpa ós demais.

miércoles, 29 de octubre de 2014

POBRE BUSCADOR DE CONTOS



              Quero ser o Alien de Ridley Scot para meterme nunha desas naves que viaxan polo espazo sideral na busca de planetas que aínda non teñen nomes. Quero ser o Mad Max de Mel Gibson para envorcallarme con eses malvados que rouban gasolineiras nos desertos australianos. Quero ser o James Bond de Sean Connery para choutar de aquí para alá buscando espías camuflados nas embaixadas de todos os países comunistas, antes, e islamitas, agora. Quero ser o Spiderman de Tobey Maguire para trepar polas paredes dos edificios máis altos e enlear nas miñas redes a eses ladróns de andar por casa. Quero ser o Superman de Christopher Reeve para levar á miña dona polos ceos molgueses e, de paso, atopar o escondedoiro dese alien que viaxa nunha nave espacial por toda a galaxia. Quero ser un heroe cinematográfico, pero son un pobre buscador de contos para reflectilos nun papel en branco que non ten final. Nin tan sequera me sae o primeiro capítulo.

O NÚMERO


               Xa teño o número escrito no caderno. Que número? Non sei. Non o entendo. Agora vexo que é un garabato debuxado de calquera maneira.. A ver se vai ser un número de circo, dime alguén ó oído. Nin é de circo, nin é arábigo, nin é romano. Será un número de exemplares? De que?, volve ladrar alguén por detrás. Pero quen rosma ás miñas costas! Covarde, sae de aí, covarde!, berro. Ui, rapaz, que mal te vexo. Agora o son xa me chega por todos os lados. Menos mal que me concentro de tal maneira que deixo de oír ruídos e tan só contemplo o número. O número que non entendo. Pouco a pouco empezo a pensar se non será mellor que escriba outro. Pero, e se tampouco o entendo? Sei ler os números pero cústame moito escribilos. Tan só quero escribir un. Empezo a suar. Ui, rapaz, mira que te vexo mal de verdade. Esa voz... esa voz xa me empeza a amolar. De todas formas, imos alá. Escribo o número. Que número é? Non sei. Non o entendo. Tiro o lapis, rompo o caderno e deixo que catro bágoas baixen dos meus ollos.

martes, 28 de octubre de 2014

O ENCERADO E O LAPIS DE LOUSA


               A vida é como unha liña escrita nun encerado cun lapis de lousa; que se queremos borrámola dunha gadoupada e punto. Na escola a sucidade quedaba na man; agora quedaría sucia a conciencia. Nomear encerado e lapis de lousa é volver atrás polas corredoiras da memoria e polos regos dos recordos. Agora tamén sempre haberá camiños cheos de atrancos. A vida é como un caderno de aneis, ó que lle metes follas e lle quitas follas. Podes meter todos os latexos do corazón que queiras que tamén tes que botar fóra todos os ruxerruxes que che estorban. Algúns bótanos suspirando e outros berrando de carraxe porque, a vida, non é o que parece, ou mellor dito, o que un desexa e quere. A vida, ás veces, é unha puta barata que se afoga nun simple vaso de auga. O mellor é gardar o encerado e o lapis de lousa (a pizarra e o pizarrín) na carteira que as mochilas son para os cadernos. Antes eran carteiras ou maletíns. Agora son mochilas. Antes chegaba coa Enciclopedia. Agora son unha ducia de libros e outros tantos cadernos..

lunes, 27 de octubre de 2014

CHORAR A MORTE DA BECERRA


               Aquel día Camiño Ladeira Corredoira chorou a morte da becerra. Que día?, pregúntalle Gastón Hospedaje Iglesias ó narrador. É igual, Gastón, non preguntes. Que máis dá o día! Un día calquera e punto. O caso é que a rapaza Camiño fora á feira co seu pai e alí venderon a becerra rubia que tiñan desde facía pouco máis dun ano. Incluso xa a botaran ó monte e de aí que a nena lle collera cariño. Chamáballe Cereixa, aínda que ela quixera poñerlle Shakira, pero non se imaxinaba os seus pais chamándolle Shakira ó animal. Sabía que na aldea había as Marquesas, as Garbosas, as Rubias, as Gallardas, incluso as Turinas. Shakira non procedía. E optou por Cereixa. Pobriña! A becerra. Porque cando Camiño Ladeira Corredoira lle viu aquela tristura nos ollos ó pobre animal ó verse encerrada no camión que a levaba vai ti saber a onde, non lle quedou outra que darlle á bagulla. Para onde ía o animal?, preguntou Gastón Hospedaje. Que máis dá, Gastón!, díxolle o narrador. O asunto era que, para a nena, foi coma se morrese a becerra.