viernes, 28 de noviembre de 2014

O UBRE DOS ESPAÑOIS



              Non teñas medo, rapaz, que España é rica. Iso di Podemos. Estou de acordo. Debemos ser o país máis rico de Europa e ata creo que do mundo mundial, porque todos os políticos chupan dos nosos tetos e seguimos, e seguimos, e seguimos a dar leite. Temos uns ubres tan grandes que non necesitamos hormonas. Tamén creo, rapaz, a José Manuel Baltar cando solta que “estamos a evolucionar a unha velocidade superior á prevista”. Seica hai uns agoireiros que din que a comarca de Ourense perde forza, poder en industria, tecnoloxía e servizos, algo hoxe en día máis que esencial. Pero, xa che digo, rapaz, son uns agoireiros. Imos polo bo camiño en todo. Dannos feixes de trevo e así nos medran os ubres para que uns cantos (ó mellor son uns moitos) nos espreman os tetos e, nós, obedientes, soltemos lastre. A ver, rapaz, para que estamos! Non entendo porque queren tomar medidas, entón, contra a corrupción, nin que intenten chegar a pactos. A non ser que nos pidan que engordemos aínda máis os ubres. Son algo inocentes, rapaz, xa que se o fixeran (pedirnos que engordemos) xa nos verías a nós correr para os lameiros para pacer máis trevo. Non teñas medo, rapaz, nin os nosos ubres van rebentar nin moito menos as conciencias deles. Nin collendo mamitis van deixar de munguirnos. Para que vexas, rapaz! Ánimo e a soltar leite, a soltar lastre. Estou contigo, rapaz.

COA PORTA NA CARA


               Hai xente que non se corta nin ante os amigos máis íntimos. Fátima Doncela Carqueixa deulle coa porta na cara á súa íntima amiga Gala Gobernadora Guaje, máis coñecida polas Tres Ges. Lóxico. Pero por que lle deu coa porta na cara? Porque lle quixo vender unhas rifas para unha excursión. A ela!, que non tiña onde caer morta. A súa amiga, as Tres Ges, non é que fose de excursión (a ver, para onde iría esa alma cándida con case 70 anos no lombo!), pois quen realmente ía gozar con días de ocio era o seu fillo Narciso Preguiceiro, de mal nome O Carracho. O alcume víñalle por parte do pai. A nai, a maiores das Tres Ges, tamén lle chamaban A Lareta. Por algo será. Moitos veciños, cando a ven, intentan acocharse ou escapar dela porque igual te podes tirar dúas horas e pico escoitando os seus lamentos. Para máis inri, só fala dos seus lamentos, das súas penalidades. Mais nin punto de comparación coas penalidades de Fátima, que é ben certo que vive na máis absoluta miseria. É normal entón que mandase á súa amiga a mornear as augas. Querer sacarlle cartos para que se divirta O Carracho!

jueves, 27 de noviembre de 2014

POLAS CORREDOIRAS DA NUGALLA


               Quita o piollo da cabeza e pensa no vaivén da folla do amieiro. Está aburrido. Sentado xunto á presa da Porfía, alá polo monte de Pinouzos, non cre que o día vaia máis alá dalgún sentimento máis. De súpeto, ergue e colle cara Baños de Molgas. Xa está canso de contemplar os biosbardos. Ó mellor na casa fai algo. Non sabe qué, pero algo caerá. Leva trinta anos sen saber qué facer. Ten corenta. A súa vida consiste en ir e vir polas corredoiras da nugalla. Nacera nunha familia da estrada principal, “da carretera”, e iso xa eran palabras maiores. Familias acomodadas. Déranlle todo feito e el aproveitou sempre as ocasións: esperar a velas vir. Só pensaba nos biosbardos e transitaba día tras día polas corredoiras da nugalla. Sentía que non era feliz, pero tampouco intentaba buscar outros camiños que o levasen aínda que só fose a unha actividade espiritual. Pensaba na canseira que iso tiña que supoñer. Chegou á súa casa da rúa principal e, definitivamente, decidiu facer algo. Tombouse no sofá. Custoulle deixarse caer pero alí sigue  pensando nos biosbardos.

miércoles, 26 de noviembre de 2014

AUGA MILAGREIRA


               Cando Maldras Rei Cachazudo mirou para as escaleiras de pedra que baixaban á burga de Baños de Molgas pensou que o mundo se lle viña encima. Viunas tan pendentes e tan perigosas que botou un paso para atrás e tardou en reaccionar. A ver, as escaleiras non son perigosas porque incluso por alí baixaban as vacas cando se enrellaban nun pezuño e había que meterlle a ferida na auga bicarbonatadosódicas para que lle curase en pouco tempo. O que era un perigo era o propio Maldras, que se cambaleaba como unha vara de vimbio a causa do licor café que aniñaba xa nas súas entrañas. O noso protagonista bebía de raio. Empezaba de mañá cedo e percorría todos os bares existentes na estrada principal de Baños de Molgas. E eran uns cantos. Claro que, antigamente, eran outros cantos máis, e outros, e outros; case se dicía... cada casiña, seu bar. Eran outros tempos. Maldras Rei botoulle peito e baixou, a modiño, pero baixou, con perigo pero baixou. Bebeu tres grolos do cano e... coma un milagre, pasoulle a borracheira!

martes, 25 de noviembre de 2014

POR QUE PREGUNTAS POR QUE?


               Por que preguntas por que?, di un cantante deses melosos. Imaxino que porque non entenderá algo. Cando se pregunta un por que entendo que é porque non se entende o que che dixeron. Tamén pode ser para zafarse un chisco da cuestión e ganar tempo. Aínda que penso que preguntou o por que porque debe ser galego. Non din que os galegos temos fama de contestar sempre cunha pregunta? Pois iso. Estamos na mesma situación que na de se sobe ou baixa. Neste caso sempre digo qué lle importará á xente o que fago ou deixo de facer. Hai que aplicarse o conto no do por que. O que pregunta quere saber, pero se o outro non quere que se saiba é normal que responda con outro por que. A xente é curiosa de raio! E interesada, moi interesada. Por que preguntas por que? A ti que che importa! Quedaches contento? Queremos arranxar a vida dos demais cando a nosa está máis que escarallada. Estou seguro de que queremos saber para tan só discernir se son algo máis ca nós ou se se envorcallan na merda. Por que preguntas por que? Anda que te zurzan!

lunes, 24 de noviembre de 2014

QUIXO IR DE LISTIÑO


               Un pontevedrés intentando que lle quitaran unha multa de aparcamento porque o sinal estaba en galego. Manda truco na Habana! Pois resulta que o sinal non só ten palabras escritas na nosa lingua, senón que ten números que todos entendemos e, o máis importante, un disco circular azul cruzado por aspas vermellas, que, se non erro, significan prohibido. Se ves algo prohibido e ves uns horarios, non hai que ser moi listos para intuír o seu significado. O que pasa é que o pontevedrés non foi de listo... foi de listiño, de espelido, de cara lavada. O máis rechamante de todo é que é un pontevedrés!, ou sexa, un galego! Que non saiba ler en galego, vale; pero que non o entenda? Poño a man no lume a que un castelán sabe a tradución de “laborais” e “servizos”. Poida que non saiba o significado de “agás”. Pero ante aquelas dúas, os horarios e o disco de prohibido son suficientes para que un de Laponia entenda que aí non se pode aparcar. Un xuíz rexeita a reclamación do listiño. Menos mal. Algúns queren ir de chulos pola vida.

domingo, 23 de noviembre de 2014

É FELIZ PORQUE SI



              Chove miudiño. Pero molla coma se chovese a cachón. Chove miudiño. Pero leva tempo chovendo desa maneira. Polo que todo está empapado, mollado. A auga molla. A rapaza Edna Vences Tormenta intenta evitar as fochancas coas que se atopa baixando pola rúa da Igrexa de Baños de Molgas. Non leva paraugas porque non ten como levalo. Resulta que ten as dúas mans ocupadas con cadanseus caldeiros de plástico. A súa nai dixéralle hai uns minutos que fora buscar auga á burga para os porcos. Non é o mesmo acomodar con auga morna que con auga fría. Ata os propios marráns o agradecen. Edna Vences Tormenta xa está mollada. Pero non lle importa. É nova e é feliz. Porque si. Porque incluso chovendo detense á parola con outras rapazas coma ela. Tamén felices. Tamén molladas. Ó final, Edna Vences chega á casa enchoupada. A nai bótalle unha pequena rifa. Ela solta catro bágoas de crocodilo e axiña sae de novo a xogar pola rúa do Agro. Total, xa está mollada!