Como
somos tan ricos andamos a tirar os cartos. Non, non vou falar de inauguracións,
nin de ladróns, nin de corruptos, nin tan sequera dos bancos. Só de trapalladas
que se cometen para facer tan só probas. A Policía Local de Ourense proba un
radar móbil na cidade pero sen poñer multas. Só para probar. Vale, si, e para
educar. En que nos teñen que educar? Se xa sabemos que non podemos correr máis
alá do que marcan as sinais. Se non van multar, para que o mercaron? Xa sei que
moitos pensan que as multas son tan só para recadar. Ui se quixeran recadar de
verdade!, dígolle eu duns cantos sitios nos que se podían poñer as botas. E,
coidadiño, fala un servidor ó que xa multaron tres ou catro veces. Por non
respectar os límites de velocidade, a pesar de que vou lento. Ando todos os
días polas estradas e vexo as pallasadas, as chulerías que cometemos.
Sinceramente, debería de multarse máis. Porque é lei de vida: que só aprendemos
a base de paus. E, por favor, non usemos o truco da educación. Enténdese que xa
nos educaron nas autoescola. Pero queremos ser máis chulos que aquel.
sábado, 21 de marzo de 2015
jueves, 19 de marzo de 2015
MODIFICARON AS NORMAS
Non hai moito tempo era fácil
aparcar o coche xunto ós pavillóns ou incluso nas propias rúas e aínda que
estivesen as prazas de aparcadoiro a tope. Todo consistía en esperar un chisco
e tan axiña como vías a alguén coa chave do vehículo, ale, a tomar posicións
para ocupar esa praza que ía quedar libre. Pero hoxe en día calquera toma
posicións! Cando pensas que a persoa que entra no coche vai saír ó instante,
quedas con cara de parvo ó comprobar que os móbiles modificaron, alteraron as
normas coma se nada. Porque agora, ó entrar no coche, miras e remiras o móbil,
les as mensaxes e contestas as mensaxes, escribes guasaps, esperas as
contestacións dos guasaps. Así ata que o que espera perde a paciencia e segue a
dar voltas buscando unha praza libre. Hai que recoñecer que os móbiles
cambiaron á sociedade. Non sei se para ben ou para mal. Pero agora para tomar
calquera iniciativa, para actuar, incluso para vivir, carallo!, hai que contar
co móbil. Empezamos a non ser nada sen el. Co bonito que era antes berrarlle ó
veciño, ó amigo desde o Outeiro Barbeiro para que el che contestase con outro
berro desde o Río Vello!
martes, 17 de marzo de 2015
COMA DEBILIDADE NA ALMA
Hai que falar. A Vivencio
Vitalicio Numeral puxéronselle de gravata. Por culpa dun vaído. Nunca o pensou.
Camiñaba ó sol polo Campus Universitario. Coas mans no peto da cazadora, pois
aínda que o patrón desta nosa galaxia reinaba no ceo ourensán, o aire era un
pouco fresco. Ou mellor dito, bastante fresco, coma se fora de neve. Foi nun amén.
Notou cómo se ladeaba. A propia inercia do ladeo foi a causante de que o seu pé
esquerdo choutase un chisco para afirmarse. Pero aínda así, Vivencio Vitalicio
Numeral sentiu que o ladeo seguía, que o mareo estaba a piques de tombalo no
chan. Vivencio viuse xa no chan. Emporiso, a nube que se lle formara diante dos
ollos empezou a diluír e deixoulle paso ó medo. Nun alustro o noso amigo tivo
tanto medo que ese vaído xa non lle saíu da cabeza en toda a tarde; e ás tres
horas de poñérselle de gravata aínda seguía cun certo tremelicar nas pernas.
Algo así coma debilidade na alma. Nunca o pensou. Pero aí caeu na conta de que,
ollo ó parche!, o medo e a angustia asoman en calquera momento e, como comprobou,
á velocidade da luz, nun credo, nun chiscar de ollo.
lunes, 16 de marzo de 2015
O PERO DOS AVÓS, A ESCUSA DO CARIÑO
Hai un tempo semella que se fixo
unha enquisa sobre os deberes que os nenos levan para as casas. Uns, claro,
estaban a favor e outros en contra. Os que máis sofren (aínda máis cós propios
nenos) son os avós. Normal. A quen se lle ocorre preguntarlle ós avós! Xa poden
ser os nenos nugalláns ata o infinito e máis alá que... pobriños, agora os
profesores tamén os enchen de deberes. Non lles chegará co colexio. Tamén teñen
dereito a divertirse. Etcétera. Por exemplo, os meus rapaces; teñen idade para
botarme unha man, e os avós así o recoñecen, pero... Aí está a conxunción
maldita, a escusa do cariño. Pero hoxe vai frío. Pero hoxe quenta moito. Pero
hoxe está medio chovendo. Pero veñen de xogar e virán cansos. Pero, pobriños,
se non saben coller un sacho. Ai, sogra, mira que o pombo tamén tivo que
aprender e, á súa idade, xa eu... Xa, pero eran outros tempos. O maldito pero.
Agora, grazas a Deus, non precisan das aixadas. E se é o pombo o que leva a
aixada, o sacho, a gadaña, o arado, o fouciño, claro que non precisan levalos
eles. Ai os avós! Saben que teñen que estudar, pero. A escusa do cariño. O
remedio do pombo.
sábado, 14 de marzo de 2015
A XUSTIZA SEGUE COS BRAZOS CRUZADOS
Se a algún político alguén lle salta na aña ou lle unta a badana, ármase
as de Deus é Cristo. Ese alguén vai dereitiño ó cárcere. Se hai un caso de
violencia de xénero, ou de maltrato, ou de racismo, a Xustiza actúa de oficio e
sen esperar rabos de gaitas. Paréceme estupendo. Pero todos os luns e martes
(que é cando adoitan asomar as novas deportivas da fin de semana ós xornais)
aparecen casos de maltrato, malleiras, violencia e racismo tamén sobre os
árbitros. Non hai unha fin de semana libre de pecado! Si, volvo ós árbitros.
Porque o que está acontecendo con este colectivo pasa xa de castaño escuro. E
ningunha institución reacciona: nin o comité de árbitros, nin as federacións,
nin a sociedade colectivamente e, moitos menos, o Goberno. Este era o que tiña
que actuar vendo a ineptitude dos demais. Actúan ante os que nomeei ó principio
(xeralmente adultos) e non o fan cos árbitros cando incluso a nenos-árbitros os
mallan. Hai uns días fixérono en Ceuta. O outro día o presidente do Baíñas, para
máis aquel concelleiro do PP en Vimianzo, e logo de estar suspendido xa por tentativa
de agresión a un árbitro, vai o paspán, o mameluco (non merece outro nome) e
declara que “o día que o pille (ó árbitro, claro) vaise acordar”. E a Xustiza
segue cos brazos cruzados. Cada vez admiro máis o valor, a valentía dos
árbitros. Hai que ter bemoles para aguantar a tanta camándula de ineptos, de
violentos e de pais que non saben dar exemplo. Debería arbitrar o ministro de
Interior.
viernes, 13 de marzo de 2015
O TEMPO XA FOI
Unha cunca de café baleira. Un
móbil negro sobre unha mesa negra. Un tempo no que o silencio deixou de ser
silencio; xa hai un cacho que todo se volveu ruído. Un slogan con catro
palabras que comunican que “o tempo xa foi”. Catro palabras. Que falan do
tempo. Do que xa foi. E do que será, que dicimos? Non podemos dicir nada porque
aínda non chegou. É difícil falar do futuro, do que non se coñece. Só podemos
falar do pasado, do tempo que xa foi. Alguén pide un café. Intuímos que no
futuro llelo traerán. Do meu café tan só podo falar en pasado, porque xa hai
máis de media hora que deixei baleira a cunquiña. A cunca que está sobre a mesa
negra. Tamén os anteollos acougan sobre a mesma mesa negra. Para escribir hai
que quitalos. Para ler xa case que tamén. Son para o lonxe (para o que hai que
ver...) O futuro non conseguimos velo. O pasado xa foi. Pero tamén é certo que
non sei se o vin ou se non. Ás veces o que temos diante dos ollos non o vemos.
Por que será! O tempo xa foi. E agora estamos nese momento no que lembramos o
que pasou, o que xa foi.
miércoles, 11 de marzo de 2015
CUN SIMPLE APERTÓN DE MANS
Manda truco! Eu que pensaba que
para ulir nos chegaba con usar tan só o nariz. Pero resulta que o olfacto vai
moito máis alá. Agora cun simple apertón de mans (un choca aí, paisano!)
cheiramos á persoa que temos enfronte. Iso di un equipo de científicos de
Israel. Seguro que non saben a que lles cheiran os palestinos! Non creo que
lles choquen as man. Mais deixando a retranca, a verdade é que o descubrimento
ten o seu aquel Enganados viviamos cos cheiros. Choca esa, amigo! Ui que demo!,
cheira a porco; non se lavará ou virá dunha granxa de marráns? Choca esa,
compadre! Este vén de segar un lameiro; que cheira a herba seca. Choca esa,
machiño! Este caeu dunha nube negra, que cheira a terra mollada. Vou chocarlle
a man a Pancracio Silabario, a ver a que cheira. E se lla choco a Ludivina
Salerosa? Cheirará a rosas ou a augardente? Mira, alá vai Heraclio Chimpafigos.
Eh, Heraclio, choca esas cinco, home! Carallo, que comiches? Cheiras a caldo
acedo. Oe, e cuns bicos ás persoas, como serán os olores? Serán máis fortes,
non si?
Suscribirse a:
Entradas (Atom)