Zumba a cabeza. Pero non vou
matar a ninguén. Perdón pola expresión; tan só era un neno, tan só é un neno.
Zumba a cabeza. Por culpa das leiras. Por culpa das áreas e hectáreas, dos
pastos e dos cultivos, das vacas e das ovellas, do Sixpac e da PAC. Zumba a
cabeza porque o ordenador cansa e porque as parolas da xente, aínda que se
desexen, esgotan. Zumba a cabeza porque o ordenador, ás veces, moitas veces,
falla. E cando falla, desespera. E cando desespera, zumba a cabeza. Porque todo
ten un aguante e a idade tamén pesa. Ó final, moi ó final, todo vai ser unha
carallada. Pero mentres tanto, ó zunzún da cabeza intentamos non facerlle caso.
A ver, a min non me vencen así como así centos de leiras minifundistas! Non
conseguiron vencerme, aínda non conseguen vencerme cun sacho nas mans, menos o
farán cun bolígrafo. É certo, ás veces, como agora mesmo, preferiría o sacho, a
aixada antes que o bolígrafo. Direino sempre: o sacho e a aixada son os
mellores terapeutas para vencer ó estrés. Xa cho digo! Quéixanse algo os riles,
pero a cabeza queda coma Deus cos golpes que descargas sobre a terra. Zumba a
cabeza. O sábado irei á terapia.
miércoles, 22 de abril de 2015
martes, 21 de abril de 2015
O DESAFÍO DO CAN
O can está preso. Cunha cadea.
Ladra. O dono tira da cadea. Non quere que o can ladre. Este mira a aquel con
carraxe e co pelo do lombo teso. Pero deixa de ladrar. A cadea e curta e tenlle
medo ás consecuencias. Hai cans que cos ladridos queren dicir algo, pero tamén
hai donos que non deixan dicir nada. Ata un can ten dereito a expresarse.
Certo, depende do dono. Non obstante, o can é testán e desafía ó seu amo. Lanza
tres ladridos secos, e quixera lanzar algún máis. Pero a puta cadea ténsase de
tal maneira que o acaba mancando. Nota que cada vez esta cadea é máis curta.
Sabe que non pode seguir ladrando. Pero o que ten dentro quéreo botar fóra,
teno que botar fóra. Maldita sociedade de animais! De que animais? O can mete o
rabo entre as pernas e senta. Acouga tan só uns minutos. Só un par deles. Quere
seguir expresando a súa vida. Mira de esguello ó amo. Ve como este tamén mira
cara el. O can intúe a guerra silenciosa entre eles. A proba é que antes de que
intente nada, a cadea ponse máis tirante, ata mancalo un chisco máis no
pescozo. Emporiso lanza tal ouleo retador que, como non, acaba cun bozo nos
fociños. A calar!
viernes, 17 de abril de 2015
SERES HUMANOS NORMAIS E ANORMAIS
Son un ser humano anormal. Son nacionalista e son anormal. Ó mellor, por
ser nacionalista, nin tan sequera son un ser humano. Ti es do PSOE e es
anormal. Ti es da UPyD e es anormal. Ti es de IU e es anormal. Ti es de Podemos
e es anormal. Ti es de calquera outro partido e es anormal. Menos do PP, claro.
Ti es do PP e es o celme da conciencia, do bo facer, do bo estar, da boa
xestión, do mellor mandar. Rajoy quere o voto dos “seres humanos normais”. Como
non o votarei, son anormal, é dicir, parvo profundo. Son un bicho noxento cun
soldo de funcionario sen pagas extras que vai ós bancos suízos. Son un bicho repugnante
que se arrastra por unha viña para que (a ganancia?) da súa produción vaia para
as arcas de Rato e ós garaxes desa camándula de parasitos que nos chuchan o
sangue e que, para máis aquel, nos ensinan os dentes para que vexamos, para que
saibamos a onde van parar o noso sangue, suor e bágoas. Somos tan anormais que
confiamos na detención de Rato e lanzamos ás campás ó voo pensando que, agora
si, agora caerán polo seu propio peso. Pero claro, como eles son “seres humanos
normais”, non nos caerá esa bicoca; porque o mundo, señores meus, non pode ser
gobernado por parvos profundos. Non saberiamos andar polas rateiras. Como somos
tan anormais non sabemos o que é un bo coche nun garaxe ou unha caixa B. De
caixas só coñecemos as dos zapatos.
miércoles, 15 de abril de 2015
HUMOR A GARGALLADAS
Sempre hai alguén que che alegra
a vida. Ou polo menos un instante, unhas horas. Tamén e verdade que eu son de
risa fácil. Mais non rin só. Tamén riu xente que ó mellor está a pasalo mal. De
aí que é un pracer atoparse con mociñas coma Nabiza Girl. Foi na Casa da
Cultura da Valenzá. Entrou ó escenario coma un lóstrego, coma unha bulebule e
xa non deixou de esbardallar durante unha hora ou máis. Non é por nada, pero a
lingua galega ata lle vai como anel ó dedo ó seu humor. Deu igual que fose con
retranca ou con humor duro, con sentimento ou aloucadamente; o caso foi que
Isabel Risco alegroulle a noite ós paisanos que enchiamos a sala. Humor de sorriso
dentífrico. Humor a gargalladas. Nestes tempos que corren facer rir é unha
auténtica heroicidade. Nabiza Girl conségueo desde o primeiro segundo. A min xa
me alucinou co nome. É que o de Nabiza... uf, que forte. Auténtica muller
espectáculo que fai rir, que deixa participar, que ataca e contraataca. E o ton
de voz que usa non é peixe podre. Ten o seu aquel mantelo así durante unha
hora. Neniña, grazas polo monólogo co que nos recompensaches. Hai anos que xa
te vira alá por Muros e xa naquel tempo prometías. Hoxe es un realidade.
martes, 14 de abril de 2015
CAER A MALETA Ó MAR
Están a volver os tempos de cando
a moita xente lle caeu a maleta ó mar. Tempos nos que a emigración estaba á
orde do día, e moitos, máis dos que se pensan, volvían máis pobres ca marcharan.
Isto adoitaba traducirse coa locución “caer a maleta ó mar”. Sigo opinando que
a maior desgraza dun país é a emigración. E hoxe volvemos estar cheos de
desgrazas. Unha pena. E ó mellor será dobre cando haxa que regresar, pois
algúns traerán escrita na fronte esa locución. Doe ver as fotos antigas,
principalmente esas das despedidas en estacións de tren ou nos portos;
reflectían todo o que deixaban atrás. Quizais hoxe esas fotos se trasladen máis
ós aeroportos, pero o reflexo segue a ser o mesmo... o que queda, o que se
deixa, a angustia do non saber, do non coñecer. Saben perfectamente que non
todo é como o pintan. E incluso antes de marchar, xa lle temen ó regreso. Non
saben como será a volta, e moito menos cando. Caer a maleta ó mar. O gran medo,
a gran angustia, a gran miseria, a gran pena. Parece mentira que en pleno
século XXI volvamos a ver imaxes da posguerra. Pero as olladas reflectidas nas
fotografías non menten; son o espello da
crise, do atraso, do país.
lunes, 13 de abril de 2015
BÍCAME NO… QUE TEÑO PAXARIÑOS
Bícame
no cu que teño paxariños. Acordareime toda a vida. Era o que me dicía miña nai
cando, de cativo, lle quería ganar unha carreira. De cativos todos queremos ser
homes axiña, todos queremos ser o máximo. Con cinco ou seis anos, ou con algún
máis, pensaba que lle podía ganar a unha muller adulta. E como boa nai que era,
e como boa nai que é a inmensa maioría, deixábame ganar uns metros, deixaba que
crese que xa empezaba a ser home, pero logo… logo esprintaba un chisco e soltaba aquela frase chea de risa: bícame no
cu que teño paxariños. Ás veces tomáballo a chanza, outras escapábaseme a
carraxe pola boca e polos ollos. Ela, para máis aquel, a canto máis carraxe
miña, máis gargalladas dela. Bícame no cu que teño paxariños. Hoxe aínda boto
de menos aquela frase, aquela burla súa. Quédame o consolo de soltarlla de
cando en vez ós meus fillos, e non só co significado dunha carreira, senón de
calquera desexo deles. “Quero un xogo para a play”. E eu: bícame no cu que teño
paxariños. E bótome a rir.
Café
Brétema da Valenzá. Xoves, 9 de abril de 2015
domingo, 12 de abril de 2015
O DEBER É O DEBER
Doce e sete minutos da xa madrugada do domingo. Aínda que, para un
servidor, segue sendo sábado pola noite. Mentres non me deite será sábado pola
noite. Estou canso. Pero, ante todo, o deber. O deber de ter que escribir o
relato para o luns. Odio as fins de semana!, principalmente os sábados. Póñenme
nervioso aquelas persoas que, nas redes sociais, publican con carantoñas e trapalladas
aquilo de “por fin xa é venres!” ou “empeza a fin de semana!” e despois os luns
volven ás andadas co lado negativo do inicio semanal. Veña xa, home; co bonito
que é ser funcionario! Cafés! Xornais! Compras! Rañando a barriga! Hoxe o café
tomeino ás nove menos cuarto da noite, á mesma hora en que empecei a ler os
xornais, e, claro, ó ler os xornais, non lle puiden prestar atención ó partido
Sevilla-Barcelona. Despois, para máis aquel, ó chegar á casa, máis fútbol. Tocoulle
a quenda ó Celta-Raio Vallecano. Menos mal que aquí descarguei moito desa
angustia que sinto pola fin de semana, grazas ós seis goles que o Celtiña lle
encasquetou ó pobre Raio. Escribo moi tarde, pero o deber é o deber. Aínda que
non podo coa alma, escribo con gusto. Co mesmo gusto co que escoitei a música
polos auriculares mentres traballaba. É a única recompensa que teño na fin de
semana: a música. E algún que outro ratiño de lectura… da casa á finca e da leira
á casa. Odio as fins de semana! Co bonito que é ser funcionario!
Suscribirse a:
Entradas (Atom)