viernes, 22 de mayo de 2015

A SOIDADE DOS INCOMPRENDIDOS



 
               Un manchado con moito cariño. Así lle dixo a nena que lle levou a café á mesa da terraza. Esta era unha nena de pouco máis de doce anos. O cliente era Nicanor Colores Rosado, O Saltón, que andaba máis cerca dos oitenta que dos setenta. O Saltón quedou pampo ante a desenvoltura da cativa. Sorriu e fixouse nela. Era guapa, co pelo curto e uns ollos tan claros que semellaban o ceo no mes de xullo. Un manchado con moito cariño. Así lle espetou a nena. E Nicanor, O Saltón, bebeuno con cariño. A ver!, non todos os días o tratan desa maneira. Canso da soidade e da incomprensión dos seus, de verdade que agradece ver diante de si a unha nena tan espelida, tan alegre e con esa linguaxe. O Saltón esperou a que volvese a rapaza para pagarlle. Deulle un bo agasallo, unha boa propina. A nena, como inocente que era, case chouta de alegría. E o home sorriu de tal maneira que calquera que o vise nese momento non imaxinaba que estaba a piques de introducirse de novo na soidade dos incomprendidos. Para esa existencia marchou.

jueves, 21 de mayo de 2015

NON HAI MANEIRA!





               Non mira e non ve. Para que te vexan teñen que lanzarche polo menos unha ollada. Unha ollada simple, ou composta. É igual. A toupeira, a pobre, nin aínda que te mire, te ve. Outros, tamén é verdade, que aínda que te miran e miran non te ven. Porque están nas verzas, ou nos biosbardos, ou a velas vir.. Non mira e non ve. Eu quero que mire, pero non hai maneira. E non é unha toupeira. É unha muller feita e dereita. Que por moito que lle diga que mire para a pantalla, nada de nada. Ela mira, pero non ve. Tan só fala. E latrica de que tal finca testa con aquela outra, a que está á beira da do Secundino, O Antiolítico. Aínda que estou algo mosca porque mira e non ve, non me queda outra que lanzar a gargallada ante o alcume. E pregúntolle por el, para contestarme que non sabe, que lle chaman así de toda a vida. Vale, de acordo, pero vostede ve a leira. E non vou ver!; é a que está por enriba da da Claudia, A Costureira, que está á saída da aldea. Pero, señora, eu nunca estiven nesa aldea; ten que mirar a pantalla e identificala. Non me fai falta vela; é a que lle traballamos ó Paixolo. Non hai maneira!

miércoles, 20 de mayo de 2015

AS PROTESTAS DAS CHICHARRAS



 
               Hai que ver qué listos son os nosos políticos. O noso presidente Feijóo sabe, de fixo, o que fai a chicharra... que seica protesta. “Feijóo critica a política da cigarra que só protesta”, así rezaba un titular dun xornal. E se a cigarra en vez de protestar está a bailar un sirtaki. Digo este baile porque me lembrei de Grecia. Resulta que a única vez que larguei de España, foi para facer unha ruta turística polo país heleno. En pleno verán. Cando baixamos do autobús polo mediodía impresionoume aquel ruído, aquela “protesta” das chicharras. Metíase na cabeza. Ó mellor estaban bailando. Quen protesta a esas horas cando tododeus está durmindo a sesta. Non sei se bailan, rin, choran ou protestan. Núñez Feijóoo si o sabe. É listo. Para iso é presidente da Xunta. Ata poida que teña razón: que a chicharra proteste. Pero tanto a chicharra coma calquera ser racional, cando protesta, por algo será. Será porque lle están saltando na aña e chuchándolle o sangue. E ninguén quere levar paus. As cigarras tampouco. E protestan. Teñen dereito a protestar. Temos dereito a protestar. Incluso a berrar, señor Feijóo.

martes, 19 de mayo de 2015

A ETAPA SALVADORA DOS SOÑOS



 
               Alucino por entre a selva vietnamita de Apocalypse Now e quero esnafrarme contra o The Wall de Pink Floyd. Sempre quixen deter todas as guerras, pero son un cero á esquerda nos soños de boas bondades, na ansiedade de moitas misericordias. Quero cruzar a Ponte sobre augas turbulentas de Simon & Garfunkel, pero na metade do camiño caín nas redes de Spiderman. Hai que amolarse! (por non dicir outra cousa); en vez de estar salvando o mundo, o moi cabrito, está a determe na etapa salvadora dos soños. Deixo que a miña conciencia cabalgue cos Centauros do deserto, pero Ós meus corenta e dez (ou máis) de Sabina afogo nun simple charco de auga. Quedei preñado de soidade na película da realidade infinita e rebento de orgullo ante unha canción que conta o que ninguén cre. Hai heroes que non saben choutar dun tellado a unha páxina en branco, e os hai que corren polas páxinas escritas para esnafrarse nunha pista de vinilo. Ás veces, moitas veces é bonito soñar esperto. Aínda que non consiga parar as guerras.

lunes, 18 de mayo de 2015

COA ANGUSTIA DUN SUSPIRO



 
               Coa angustia dun suspiro baixo as pestanas dos ollos e penso nunha folla de calendario que marca os días nos que a cor vermella marca o paso dun descanso. Pero non hai descanso na vida dun inocente que loita contra a indiferenza dun poder corrupto e desalmado. Cada vez que a man esquerda refrega os ollos, un latexo divino golpea na conciencia daqueles que pensan que todo se atopa á volta da esquina. Pero non hai volta de folla no ritmo constante dunha xenreira. Non todos temos a alma en sosego; a algúns nádalle no bulleiro da inmisericordia. Querer vencer a un desexo que vai moito máis alá da rúa dos soños é como asubiar un rock and roll no alto dun campanario. Este tan só anuncia o requiescat in pace dun morto que non volverá. Coa angustia dun suspiro un verso ben escrito pode ser o camiño de salvación daquel que semella que leva o espírito maligno dentro. Hai moitos que levan o espírito maligno dentro. De aí que o poema intente versificar a historia dunha bondade reflectida no compás dunha mirada, dunha ollada chea de tenrura e de consolo.

domingo, 17 de mayo de 2015

AUTÉNTICA ESCOLA DE SENTIMENTOS



Entendo a aquelas persoas que non lles guste o fútbol. Pero non asimilo nada ben a típica crítica de “22 tíos correndo detrás dun balón”. A estes críticos se lle preguntas se é necesario facer deporte, exclámanche cun “homeeee, é bo e necesario”. O fútbol é un deporte. O mesmo que o footing, que máis ou menos consiste en correr para adiante, é dicir,  cara á nada. Uns corren detrás dun balón e outros coma un galo sen cabeza. Os “cultos” e “intelectuais” critícano polo de “deporte de masas” e dando a entender que a masa é amorfa. Pero eu o outro día, un día calquera, vendo no café O Chicote da Valenzá un partido, tamén un partido calquera, chegáronme os primeiros quince minutos para saber cómo é realmente unha persoa. Auténtica escola de sentimentos. Non esaxero se digo que o fútbol vai máis alá dun simple xogo de pelota. Con respecto ó propio deporte, ós xogadores, é toda unha escola de valores e tamén de falsidades, de heroicidades e tamén de maldades, de acertos e tamén de erros. Con respecto ó público, ós afeccionados, é máis ca unha escola e ca un deporte, é unha paixón que desata instintos e amizades, pelexas e abrazos. E a min, como masa, non me evita gozar dun museo, “flipar” cunha obra de teatro, ler libros e máis libros, e ter a música metida no cerebro por medio duns auriculares durante moitas horas. Gústanme todas as artes pero non me considero nin culto nin intelectual. Ó mellor é por iso polo que me gusta tanto o fútbol.

jueves, 14 de mayo de 2015

O ESPÍRITO MALIGNO



               Está o espírito maligno furando na conciencia dun pobre grilo que está a velas vir nunha trade de treboada. Calquera espírito maligno nunca foi un aliado de ninguén. O espírito maligno ten a cor branca aínda que a súa alma é negra. O espírito maligno acocha por debaixo das faldras das mulleres e, ás veces, aniña nas pelames dos homes. A pesar dos pesares, ninguén lle teme á felicidade rota. Quéirase que non, hai felicidades rotas e soños escachados por espíritos malignos que van e veñen por entre o barullo dun recordo. O espírito maligno upa un asubío ata a nube branca dun consolo. Quen puidera agatuñar ata o corno da lúa minguante! Somos catro monos os que soñamos coa reviravolta política dunha sociedade que aguanta paus a mares, ó torto e ó dereito. Ata que o espírito maligno diga basta! E todo rebente nunha loita sen cuartel, nun ruxerruxe duns cantos heroes que, os pobres, nada poderán facer ante o tornado dunha censura que non é necesario vela nin sentila para saber que está aí. Pobres heroes de películas falsas e de cómics mal escritos e peor debuxados. O espírito maligno fai estragos.