sábado, 24 de octubre de 2015

A ALEGRÍA DO ALZHEIMER


O alzheimer é un tema escabroso. E se aínda por encima digo que é unha alegría, algúns ata me poden saltar á xugular. Imaxino que o sufrimento será segundo a evolución da enfermidade. O sufrimento dos familiares. Porque o enfermo penso que non sofre. Simplemente vai perdendo os recordos. O que pasa é que nós sempre nos pomos na situación de “pobriño, xa non se acorda de certas cousas ou de nada”. Iso non é sufrir; para o enfermo xa non existen. O enfermo de alzheimer vive ó día. Se non se acorda dos fillos é porque, para el, xa non existen tales fillos; simplemente unha persoa que lle está facendo cousas, e punto. Quen realmente sofre é o familiar, o que o coida. Ou non. É certo que un enfermo de alzheimer ata moito. Pero, polo demais… nunca me rira tanto co meu pai. Nin el nunca se rira tanto; principalmente cando o deitaba, que era cando máis o tiña que axudar e tiña que distraelo como puidese. Ás veces custaba botarlle unha man porque os dous escachabamos coa risa. Ó enfermo de alzheimer compároo cos fillos: que causan dores de cabeza, pero por un sorriso seu… O pai ataba, pero aquelas gargalladas da noite. E importáballe un carallo quen fose eu. El vivía aquel momento. Ó non ter recordos, para el xa non existía nada do pasado. Unha persoa sofre moralmente cando lembra algo malo. El non lembraba xa nada e vivía a súa vida, a daquel instante; na que lle doería un oído, o un golpiño, ou unha picada, como a calquera mortal; pero tamén na que se ría, e cantaba, e falaba só e te quería aínda que, para el, xa non foses fillo, simplemente alguén que o coidaba. Non me houbese importado telo así sempre; nunca o vira tan feliz, con tanta alegría!

Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

Venres, 23 de outubro de 2015

viernes, 23 de octubre de 2015

FORMAS DE DESAFOGAR



 
               A bailadora Sara Baras pregúntase moitas veces cómo se desafoga a xente cando non baila. Ui se eu lle contara! Moitos fano con alcohol. Pero xa se sabe que as penas saben nadar. Eu adoito facelo escribindo. Non obstante, onde máis e mellor me desafoguei foi no monte. Lembro aquelas tardes nas que tiña que estudar e cando non me saía un cadro de Velázquez ou uns versos de calquera poeta, zas, hostia que te criou! Ás xestas, ás silvas, ós codesos, ás carqueixas, ás herbas altas. O desafogo era tal que, algunhas veces, ata a vara non aguantaba. Entre golpe e golpe acababa escachando. Hai tantas formas de desafogar! Todas as noitiñas ó entrar en Baños de Molgas, procedente dos montes de Pinouzos ou do Medo, facíao “a grito pelao” coas cancións de Camilo Sesto ou Víctor Manuel. Sempre me gustou irme moi tarde coas vacas para a casa, quizais por presumir un chisco, pero... Pero había que vencer ó medo: canción vai e canción vén, berros cara ó ceo e golpes ás silveiras dos valados. Emporiso, o que sempre se adoita usar máis para desafogar son as blasfemias. Algún cuspimos a rabia, a impotencia, o cabreo, a mala uva a través dos xuramentos, antigamente, pecados. Si, bailando tamén é unha boa forma de desafogar, pero zouparlle ás xestas e cagándose en... queda un coma Deus.

               Café Paladium da Valenzá. Xoves, 22 de outubro de 2015

jueves, 22 de octubre de 2015

TODOS OS ANIMAIS SON... COMA O HOME



 
               Antigamente tratábase mal ós animais porque eran simplemente animais. E hoxe, cando os tratamos mal, é porque nos fan dano. Hai uns días, indo para a aldea, cruzóusenos un esquío por diante do coche. A muller asustoume, claro. Sempre me asusta. Porque ten unha forma moi rara de chamarme a atención cando conduzo: que berra, que lanza un grito deses agudos que penetran no cerebro. Despois das risas e do susto, confesou a fermosura dos esquíos... “se non fora polo mal que fan”, en referencia a que acaban coas noces que temos na viña. E falando diso, falouse da persecución á que sometiamos a eses animais que tanto mal nos fan. “Pero se o peor animal que hai somos nós, que matamos a esgalla”, soltei de súpeto e con dobre intención: a de matar persoas. E rematei a conversa con outra broma: “mira, ata o xabaril é bo; fíxate como ten as cunetas, nin as desbrozadoras da Deputación as deixan tan limpas de broza”. É que xusto naquel momento tamén pasabamos por un traxecto no que, tanto dun lado coma do outro, a cunetas estaban todas fozadas polo porco bravo. Con broma ou sen broma, creo que todos os animais teñen o seu cometido nesta terra. Coma o home.

               Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.
               Mércores, 21 de outubro de 2015

sábado, 17 de octubre de 2015

BAIXO AS NUBES MANSAS


              Ás veces as nubes corren demasiado á présa. Hoxe están quietiñas, en calma. Unha palmeira inclínase sobre un terreo inclinado. Uns coches pasan moito máis rápidos que as nubes máis espelidas. Levántaseme, escámame a pel das mans. Debe ser polo tempo seco. Ou pola mala uva. Vai ti saber! Por esta vez non son calos. Porque desde a vendima non a manguei. Tranquilos, que logo empezará a poda. E cando empece esta, xa empeza todo, xa empeza unha campaña sen fin. E para máis aquel, cada vez estarei máis só. Porca miseria!
              Xa lle peguei unha volta ó Campus. Lendo. Creo que aínda teño tempo de lle pegar outra volta, ou polo menos media volta. Tamén lendo, claro. A ver se pensades que vou perder o tempo así como así.
              Vídeo musical pola cadea Os 40 Principais. Deus, como me gusta a música! Desde a clásica ata o heavy-metal, desde un simple tema ata toda unha banda sonora. O jazz é un caso á parte. O jazz é moito jazz. Agora é a publicidade a que invade a cadea televisiva. Estou mellor lendo. Vou ler.

              Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

              Venres, 16 de outubro de 2015

NON QUEREMOS AMANSAR A CONCIENCIA


Hoxe é luns. Escribín isto o venres. O venres foi o Día Mundial da Alimentación. Mañá, sábado, será o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. O xoves este xornal publicou a nova de que “8500 nenos morrerán hoxe no mundo por desnutrición”. Moviola:  o venres, Día Mundial da Alimentación; o sábado, dedicarase a erradicar a pobreza; o xoves, 8500 nenos mortos por desnutrición. Hoxe, luns, e a pesar dese Día Mundial e desa Erradicación, seguirán morrendo 8500 nenos (ou máis) cada día. Seguro! Se non quixemos ou non soubemos amansar a conciencia en todos estes anos, non o conseguiremos en tres días. O titular dos falecementos queda triste e amargo. Pero foi tan só o xoves. O venres e o sábado quere outra vez a conciencia saír a pacer por ser os días que son, pero son tan curtos os días que nin consigue saír da corte na que a temos aparcada. Así é que durante toda a fin de semana, a nosa conciencia envólvese entre as pallas e a calor do estrume xa nola adormeceu por completo. Ata o ano que vén. Ou ata que volva asomar outro titular semellante. Hoxe, luns xa, saímos da corte para intentar amolar ó inimigo en guerras delitivas, para intentar corromper as almas xenerosas e para deixar a cero as arcas do Estado. Os que pasan fame que se busquen a vida como fixemos os demais, non si? Pensemos nese bo vivir das ricas sociedades porque, se hai sorte, ata nos poden deixar unhas migalliñas. Ós nenos africanos chégalles con catro granciños de arroz e unha presada de terra seca. Xoves. Venres. Sábado. Luns. Quitamos a pexa e xa temos a conciencia tranquila.

Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

Venres, 16 de outubro de 2015

viernes, 16 de octubre de 2015

PASABA COMO UNHA SOMBRA POR MADRID


 
               Cada vez que escoito a palabra cultura, penso no Juan da Angelita. Cada vez que leo algo sobre a comparación do fútbol coa cultura, penso no Juan da Curva. Juan Carballo Martínez, o Juan da Angelita, non digo que fora un home culto. Juan Carballo Martínez, o Juan da Curva, digo que lle gustaba a cultura a rabiar. O fútbol non lle gustaba, pero aínda así asistía a algúns partidos… “polo ambiente”, me confesaba moitas veces; “eses puros, esas caras, eses xestos, eses berros, incluso eses insultos…”.

               Pero se o Juan da Angelita asoma nesta reportaxe é polo gran detalle que tiña cando viaxaba a Madrid desde o seu Baños de Molgas natal. Ía practicamente todas as pontes ou fins de semana longas que podía. Pero (aí o detalle), non llo dicía a ninguén; a ninguén dos veciños e amigos que vivisen en Madrid, que nos anos 80 eran bastantes. Non sei; o normal dunha persoa era predicar ós catro ventos que acababa de chegar á capital de España, o normal era visitar a todo coñecido habido e por haber. Mais, precisamente, o Juan da Curva quería evitar os típicos desexos: “pásate por aquí”, “vén comer con nós”, “pasa a tomar un café”, “lévalle este paquetiño á familia”, etcétera.

               Por que Juan Carballo Martínez quería pasar como unha sombra ou como unha nube polos madriles? Porque (aquí vén o detalle cultural) este amigo meu só se achegaba a Madrid para ver teatro, para asistir a algunha estrea cinematográfica, para visitar museos, para contemplar exposicións, xeralmente de pintura, e para presentarse a calquera outra actividade que puidese impregnar a unha persoa de certa cultura, de certo saber. Se visitaba a alguén, sabía que perdía unha mañá de exposicións ou unha tarde teatral e cinematográfica. Por iso non quería avisar a ninguén. Ou a case ninguén.

               Non é por gabanza, pero tiven a gran sorte de que cando era eu o que non ía de ponte ou de fin de semana longa a Baños de Molgas, chamábame para quedar. Por que a min si? El ben sabía que eu estaba só, nunha pensión de mala morte, e porque a min gustábame as mesmas artes culturais que lle gustaban a el. E aínda que non me gustara algo (por descoñecido), apuntábame ó seu bombardeo cultural porque sabía que con el nunca sairía escaldado. Eu sabía que ía beber da súa cultura, dos seus gustos, que eran exquisitos. Eu quería beber do seu saber.

               Quedabamos a xantar nun VIP da rúa Fuencarral e, alí, xa planeabamos os pasos a seguir, ese día e os seguintes. Ás veces xa me chamaba el desde Baños de Molgas para que fora sacando as entradas dalgunha obra teatral ou dalgunha estrea cinematográfica. Nunca se me esquecerá na vida as nove horas que nos tiramos nunha cola para ver a exposición de La Venus del espejo, de Velázquez, que chegara ó museo do Prado procedente da National Gallery de Londres.

               E falo en pasado, non polos acontecementos que ocorreron no pasado, senón porque el, o Juan da Angelita, xa hai anos que non está con nós, que non está comigo (culturalmente estará sempre). O bicho levouno moi novo, demasiado novo. É desas persoas das que si berro: “non hai dereito!”. Aínda lle quedaban moitas pontes para pasar como unha sombra por Madrid, para beber da cultura. Juan Carballo Martínez, o Juan da Angelita ou o Juan da Curva ou o rapaz que non lle dicía a ninguén que ía a Madrid para que o deixaran empaparse de cultura; un gran tipo.

jueves, 15 de octubre de 2015

A TENTACIÓN É TAN GRANDE!



 
               Non podo comigo. Non podo entrar nunha biblioteca. Cada vez que vou devolver un libro, zas, sempre caio na tentación. E non vale que me diga “hoxe non pillo, que aínda me quedan algúns para ler”. O pensamento, o desexo queda en auga de bacallau. Voume ó estante das novidades e... a tentación é tan grande! Teño unha lista de libros para ler que abarca catro folios xustos. Pois ben, aínda que no estante das novidades non se atope ningún dos da lista... a tentación é tan grande! E miro, e remiro ata que, claro!, normal!, sempre cae algún. Hoxe mesmo, estou lendo un de case 1200 páxinas, levo lidas só 200, o que significa que aínda me quedan 1000, o que volve significar que teño para uns días. Pero claro, fun entregar outro, e boteille a ollada ás novidades, e non había ningún dos da miña lista, e non acabei pillando un máis, senón que caeron dous. A tentación é tan grande! Oh my God!, que teñen os libros! Dáme igual que non os teña na lista... son libros! Ó mellor algún está ben, penso sempre. E caio coma un paxariño! Non podo comigo. Canto me gusta soñar esperto! Porque lendo, soño.

               Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.
Mércores, 14 de outubro de 2015