sábado, 23 de enero de 2016

ESES MOMENTOS DE SOÑAR ESPERTO


              O inverno digamos que non é a estación propicia para ler por fóra, paseando. Pero a tarde de hoxe hai que recoñecer que está espléndida e, claro, aproveitei. Logo de ler este xornal e tomar un café baixei para o paseo do río Barbañica e emprendín o percorrido pola zona dos Carrís. A temperatura era a apropiada para pasar con certa alegría as follas, as páxinas de “No ceo non hai cervexa”, do arxentino Carlos Salem. O libro non vai máis alá de entreter, pero pásame como con todos ou como coas películas: que sempre confías nunha frase ou nunha escena pola que digas que o día de hoxe xa mereceu a pena. Certo que nas películas é máis complicado; hainas que desde o primeiro momento sabes que nin dez boas escenas a salvarán da queima. Os libros son distintos; nunca sabes se na seguinte páxina atoparás algo que te faga soñar realmente. Ademais díxeno sempre: coa lectura debuxas ti os personaxes, as situacións, todo; mentres que as películas danche todo feito. E onde estean eses momentos de soñar esperto, que se quite todo o demais. Pois, ale, sigamos lendo nesta tarde espléndida.


              Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Xoves, 21 de xaneiro de 2016

FALAR MÁIS QUE UNHA TARABELA DOS PAXAROS


              Laura Cornada Loureiro fala máis que unha tarabela dos paxaros. Pero é boa rapaza. Sempre foi unha boa rapaza. Vivía coa nai, que lle estaba prostrada na cama desde había seis anos a causa dunha enfermidade dexenerativa. Por culpa disto tivo que deixar o seu traballo para coidar a nai, e optou por facerse costureira. Pouco a pouco os encargos chegábanlle á casa e nos ratos libres cosía e cosía. Había veciñas que desexaban de corazón levarlle as prendas a coser, pero ás veces tiñan medo o ir fisicamente porque, a pobre Laura, falaba máis que unha tarabela dos paxaros e optaban por mandar a algunha filla. Simplemente para evitar as parolas da Costureira. Agora era así como lle chamaban. A Laura Cornada Loureiro morréralle o pai cando ela tiña tan só dez anos. Case non se acordaba del. Vivía por e para a nai. E aínda que a nai desconectaba un pouco cada vez que Laura falaba con ela, no fondo tamén se compadecía da filla; pola situación pola que estaba présa a ela e polo defecto da parola: de sempre se decatara que a meniña dos seus ollos falaba máis que unha tarabela dos paxaros.


              Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 19 de xaneiro de 2016

viernes, 22 de enero de 2016

COMO DICÍA JULIO IGLESIAS…


Que listo era Julio Iglesias cando dicía “la vida sigue igual”. Xa naqueles tempos. A vida segue igual. Nos de agora. Seguen as conversas (é venres) para intentar formar Goberno. Algunhas declaracións pasáballes como estes días ós ríos: que se desbordaban. Mais agora mesmo semella que seguimos o ritmo da climatoloxía actual: que os ríos están volvendo ós seus auténticos leitos. Como as declaracións. E semella que se ve algo de luz ó final do túnel. A ver se é verdade. Se non habería que achegarse de novo ás urnas. É dicir, un fracaso. Aínda que, con tal de que perdan os actuais, non me importa subir a empinadísima costa para chegar ata a urna e depositar o meu voto unha e centos de veces, se fai falta. A ver se non fixera falta.
A vida segue igual. A corrupción non nos deixa. Nunca nos deixou. Normal. Témola xa tan asumida que a trama de Acuamed, si, é certo, subiu ós medios de comunicación, pero axiña é auga de bacallau. Que máis dá! Logo do que houbo! E non pasou nada. E sigo dicindo que isto é tan só o que sabemos. Non quero imaxinar o que haberá por aí acochado entre papeis e falsidades e sinaturas e promesas. Se aínda rebentara algo. Pero como non rebenta…; a algúns ata nin lles importa descubrir certos trapos sucios. Sábense tan poderosos, tan corruptos que unha chafallada máis non se nota. E por iso seguen máis e máis. Porque como dicía Julio Iglesias: “La vida sigue igual”. Para eles moito mellor que para nós.


Café Oren Express da Valenzá. Venres, 22 de xaneiro de 2016

martes, 19 de enero de 2016

PARA NON MORRER DE POBRES


              Saúde, diñeiro e amor. Así, por esa orde; díxose sempre. Pero eu, tamén desde sempre, alterei esa orde: diñeiro, saúde e amor. Que va, que va; se non hai saúde… Se non hai saúde con diñeiro aínda podes intentar curarte. Pero se non hai diñeiro… con que comes? E se non comes, fraqueas. E se fraqueas, caes. E se caes, xa non te levantas. Morres pobre de solemnidade. Ademais, o poder do diñeiro está sempre en voga. A corrupción cáusaa o diñeiro. O imperio da droga é polo diñeiro. O das armas é polos dólares e euros, que é diñeiro. Ata no tenis empeza o diñeiro a facer desfeitas. Un deporte que semella leal, cabaleiroso e resulta que andan as apostas furgando nos resultados dos partidos. Por non salvar seica nin se salva o Federer, que xa é dicir. E o noso Nadal, que? Si, tan só son especulacións, pero… cando o río soa, etc. Que a un pobre de solemnidade coma min lle ofreceran algún apaño, vale, ata podía estar ben visto (pobriño!). Pero que un tenista de elite, que xa gana o demo e máis, acepte amaños, malo! Non queda outra que confesar e asimilar que temos a alma corrupta e podre de poder. É o que hai.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 19 de xaneiro de 2016

viernes, 15 de enero de 2016

SOBRE ATROPELOS E TRENZAS ENGUEDELLADAS


Dous asuntos tan só. Primeiro asunto. Os atropelos nas rúas da cidade de Ourense. Logo de ruxerruxes e de reunións e demais voltas e reviravoltas, o concello acordou incrementar policías locais para a vixilancia dos condutores e multar ós peóns que cruzan por onde non deben. A ver; os policías locais vixiarán a velocidade por onde patrullen eles, pero e por onde non patrullen? Eu son partidario de pasos elevados que fagan choutar os coches. En todos os pasos de peóns. En todos. Moitos queixámonos disto porque escarallan os autos. Se pasamos devagariño non se derraman. Cruzo algúns todos os días e aseguro que tal como os collo non atropelo a ninguén. As multas ós peóns que cruzan mal? Nada de 80 ou 100 euros… de 500 para arriba! Díxose sempre: a base de golpes apréndese. Outros falan de educación. Que educación? Desde un primeiro momento xa sabemos que non podemos correr e que non podemos cruzar indebidamente. Que máis educación queremos?
Segundo asunto. As trenzas enguedelladas dun deputado de Podemos. A señora vicepresidenta (o de señora é un dicir) do Congreso dos Deputados, Celia Villalobos, do PP, pide que as trenzas de Alberto Rodríguez estean limpas porque igual colle piollos. Eu ben sei onde tiña que ter ela os piollos, pero non o digo porque teño máis educación ca ela (aínda que se entende, claro). Menos mal que Miguel Ardanuy contestoulle como lle tiña que contestar: que oxalá o seu partido estivera a metade de limpo que as súas rastas (porque este tamén as leva). Mellor comentario que o que eu dixen do de se entende. Vaiche boa! Nese partido si que hai merda e porcallada!

Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

Venres, 15 de xaneiro de 2016

A CHEA DO RÍO AVIA



 
               A verdade é que os asolagamentos dos ríos estes días pasados foron espectaculares. Nas redes sociais imperaban as fotos sobre cheas e fervenzas de auténtica impresión. Os medios de comunicación non quedaron atrás informando e ensinando eses ríos que anegaban terreos e incluso construcións. La Voz de Galicia quixo informar e ensinar tan ben a chea do río Avia que a fixo realmente espectacular, impresionante, incrible e, claro, imposible. Segundo o rotativo, ese río que pasa por Ribadavia desbordouse de tal maneira que chegou ó parque das Mestras e ó parque Ansuíña de Baños de Molgas. Incrible! Cando vin a foto da pasarela que vai da Pitediña ás Mestras e cando lin o pé da mesma, optei por pensar nun erro tipográfico. Pero cando se me deu por ler a crónica seguía o periodista informando sobre a imposible riada do Avia en Baños de Molgas. Non é a primeira vez que o digo: que ás veces, incluso moitas veces, escribimos de oídas. Non somos quen de pararnos un chisco e consultar nomes ou dicionarios ou atlas; co fácil que é hoxe tendo o San Guguel á man. Por certo, ó día seguinte non vin ningunha corrección de erratas nese xornal. Que máis dá! Outro por certo, por Baños de Molgas pasa o Arnoia, non o Avia.

               Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 14 de xaneiro de 2016

jueves, 14 de enero de 2016

COMO SEMPRE FOI




               Corre a nena pola cafetaría e o sol empeza a acochar por entre os edificios. O día axiña se deitará no recanto da memoria. Ten dereito a descansar. Foron moitas horas cos ollos abertos. Acouga a nena, pero axiña toma outra o seu relevo. Esta deslízase coas súas zapatillas que teñen unha rodiña no seu calcañar. Que cousas hai agora. Antigamente só había as chancas cun piso de madeira enorme e as zapatillas ou zapatos furados na planta dos pés, polos que te picabas e entraba a auga a esgalla. Ou todo ou nada. Piso de madeira e pés practicamente descalzos. Si, eran outros tempos. Algúns, como se volveran: naquela época pantalóns rotos e remendados por necesidade e agora pantalóns rotos e remendados porque si, porque apetece, porque dá a gana, porque seica é moda. Será. Pero lánzaste á memoria na busca dos recordos e non queda outra que exclamar que o tempo pasa e todo cambia. Unhas veces para ben e outras para mal. Como ten que ser. Como sempre foi. Queda, durante un instante, a cafetaría en silencio. Igual que o día. Este xa se deitou. Agora sairán os mouchos e as curuxas a bailar.

               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 12 de xaneiro de 2016