martes, 16 de febrero de 2016

FALAR SEN PERMISO DA CABEZA



               Eu sei que ás veces falo sen permiso da cabeza, pero é que me gusta falar. Sempre me gustou falar. Recoñezo que son un laretas. Cando digo que alguén lle dá á lingua de carallo, a miña muller axiña salta coa sentenza: “pois anda que ti”. E aínda que sei que ten razón, é algo que me mata, que mo bote en cara desa maneira. Ás veces xa non digo nada de que tal ou cal persoa fala polos cóbados, para non recibir a sentenza. E o caso é que ten razón. Pero, a maiores do dálle que dálle, é que falo sen permiso da cabeza. Principalmente cando falo en quente. Entón aí si que a cabeza non regula e cuspo burradas que non penso. Aínda que, nisto, vexo peor o escribir có falar. Ó escribir, aquí si que non atendo a razóns; como escriba tan axiña de ler unha nova que me amola, entón si que esbardallo a darlle cun sacho. Menos mal que hai xente concienciuda na redacción do xornal e moitos dos meus escritos, por sorte, durmirán no baúl do limbo. Ata lle terei que dar as grazas para evitarme desgustos coa súa publicación. Imaxino que, de tantos relatos que lles mando, ó final xa serei coma un fillo para eles ou como un adulto que xa empeza a chochear. Grazas, compañeiros. Pero aínda así, quero que saibades que ás veces falo sen permiso da cabeza.

               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Luns, 15 de febreiro de 2016

lunes, 15 de febrero de 2016

CANEABA Ó SEU AVÓ POLAS AIRAS



               Falar hoxe de David Ferreiro é fácil. Todo consiste en botar man do San Guguel para que lle pegues un repaso á súa vida nos últimos anos. Porque, hoxe, David Ferreiro Quiroga é bastante coñecido na provincia de Ourense e no mundo do fútbol (que este adoita ser universal). A súa ligazón a este deporte fai posible que o sigan a moreas. E aínda que ó principio era algo difícil seguir os seus pasos (por pertencer a varios equipos), agora parece que está asentado en Lugo, é dicir, máis que achegado ás nosas vidas. É como aquilo de “canto máis prima máis se arrima”. Pois el, canto máis cerca máis se lle quere, non si?
               Por querer xa se lle quería antes. Por veciño. Por ser fillo dun amigo. E polo motivo que sae nesta reportaxe: por bulebule, por pillabán, por fuxefuxe, por inquieto. Pero traste en plan cariñoso, en plan cativo. Non sei, pero a min, polo menos, sempre me gustou máis un neno inquieto que un paradiño. E de cativo había que ver a David. Perdón, o de ver quizais estea mal expresado; porque David era visto e non visto. Cando pensabas que estaba detrás de ti, zas, xa o tiñas que ir buscar á burga. (A burga era por antonomasia, e creo que aínda é, o lugar de encontro de todos os veciños de Baños de Molgas: cativos, mozos e adultos. O seu mazadoiro de pedra ten máis segredos que todos os petróglifos xuntos de toda a contorna). Cando pensabas que podías botar man del para facerlle tal ou cal pregunta, ale, xa o tiñas que ir buscar á Aira do Pombal, ou por detrás da ponte vella, ou á Aira de Arriba, ou xogando en calquera rúa ou praza.
               Cada vez que o nome de David se me vén á cabeza, aseguro que non penso nel como xogador de fútbol xa bastante coñecido, senón que o seu nome debuxa na miña mente a imaxe dos seus avós, principalmente do seu avó Inocencio que, logo, nas xuntanzas ou nos bares falaba e falaba do bulideiro do seu neto. Era visto e non visto. Recordo cando falei de Moncho Borrajo que dicía que era un cu inquieto; e agora teño que rectificar un chisco, pois Borrajo ó lado de David Ferreiro era un santiño, incluso un nugallán. David era e creo que aínda é nervio puro. Incluso os ollos e toda a cara o delataban: tiña unha cara de pillabán que te desarmaba ó momento. E, non obstante, hoxe, a timidez semella que impera no seu ser. Xa se sabe aquilo de que o tempo pasa e todo cambia. Incluso as persoas.
               David Ferreiro Quiroga naceu o 1 de abril de 1988 (vai para 28 anos) en Baños de Molgas e xa de pequeniño (era pequeniño de estatura) despuntaba co balón nos pés (normal; aquel nervio e aquela picardía tiñan que valer para algo). A proba é que axiña se deu a coñecer nas categorías inferiores do Pabellón Ourense. E como os observadores futbolísticos non son parvos pasou nun santiamén ó Club Deportivo Ourense. Foi a partir de aquí cando, un rapaciño, empezou a percorrer media España detrás dun balón. E foi a partir de aquí cando, un rapaciño, se volveu home porque, a convivencia, faite bulir a marchas forzadas. Por iso moitas veces penso que a vida de moitos futbolistas non é tan bonita como a pintan. O que máis e o que menos ten que pasar pola etapa da desconfianza, do descoñecemento, do afastamento dos seus. Aínda que tamén é certo que a causa disto, un faise home. A vida dá voltas coma un balón. David correu e aínda corre detrás dun balón polos equipos de Lorca, Zamora, Granada, Cádiz, Santander, Hércules e Lugo. De cativo driblaba, caneaba ó seu avó Inocencio por entre os palleiros e os canastros das airas de Baños de Molgas.

               Cafetaría O Pabellón de Ourense. Luns, 4 de xaneiro de 2016

Publicado en La Región o venres, 12-02-2016

domingo, 14 de febrero de 2016

NUNCA CHOVE A GUSTO DE TODOS


              Xa é noite. Todos os días danlle paso á noite. Todos. Uns antes e outros máis tarde. Depende da nubilidade. Máis ou menos. Todos os días funga o vento. Depende. De que depende? De se hai vento. Non todos os días hai vento. Certo. Uns días hai vendavais e outros, pssséee, unha brisiña de nada. Todos os días respiro para non afogar. Que remedio! Ai Deus!, mira que se afogo… Por se acaso, vou respirar seguido. Non vai ser que…
              Miro o móbil e quédalle pouco batería. Miro para a rúa e chove. Leva todo o día chovendo. E chovendo de raio. Case, case coma no partido Celta-Sevilla da volta da semifinal da Copa do Rei. E mira que nese partido choveu “de lo lindo”. A ver!, non sempre vai lucir o sol. Se hai sol porque hai sol. Se chove porque chove. Arre demo!, nunca chove a gusto de todos. Debería chover sempre cando eu estivese durmindo. Ou cuberto. Aínda que xa non teña a gabardina de Moncho Borrajo. “Neno, levas cubertoira?”, berrábame sempre a nai. Levo, oh, levo. Se non a levaba, mollábame. As vacas paridas tamén levaban unha coroza. Se se mollaban afectáballe ó ubre. Nós coidabamos ás vacas. Non, é que algúns igual pensan que as tratabamos a paus. Ui, a xente éche moi retorcida. De pensamento.

              Café Paseo de Ramoleox da Valenzá.

Venres, 12 de febreiro de 2016

viernes, 12 de febrero de 2016

O MUNDO NON É XUSTO


E agora que? Quen lle compensa eses anos perdidos? Un home holandés estivo 12 anos preso por un delito que non cometeu. Agora que? Emporiso, por outra banda, infinidade de políticos que deberían estar no cárcere, a maiores de que non están, aínda os blindan para que non vaian. O mundo non é xusto, me cago no mundo! Ou será a xustiza? Esta sempre presumiu de recta. Xa.
En Becerreá un mozo de 29 anos volveuse tolo e matou á súa muller, polo que chegamos xa á novena vítima por violencia de xénero no que vai de ano en toda España. O de volverse tolo é un dicir. Puido matarse primeiro el. Se non o fixo é porque lle regulaba de carallo a cabeza.
Como non se tomen medidas canto antes, Ourense leva unha marcha tal de atropelos que non tardará en quedar sen peóns, sen habitantes. Levamos unha racha que rompe todas as estatísticas imaxinables. Normal, pois tanto os peóns como os automobilistas nin puto caso. Aqueles cruzan por onde lles peta e estes imitan ó AVE. Que ninguén veña dicindo agora que a educación arre e a educación tumba; se xa nos educaron cando nos ensinaron as normas: por aquí non podes pasar e por aquí non podes correr. Que? Pois iso, nin caso.
Volveron os ríos a rebordar. Normal. Se chove a cachón e de continuo, todo borda. Pero, que demo!, estamos en Galicia. Se chove que chova. Xa escampará. No verán seguro que escampa.

Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

Venres, 12 de febreiro de 2016

CHÉGAME CON SER PALLEIRO


              Móbil. Anteollos. Coio. Pedra. Libro. Perna dereita que cabalga sobre a esquerda. Unha folla que cae sobre o parabrisas do coche. Quero ser folla de carballo para mirar a través do cristal! Canción no aire. Cantante bailando. Nubes que pasan. Voz ó lonxe. Cazadora colgada dunha cadeira que está arrimada a unha mesa. Tarde. Reloxo. Cinco e cuarto. Minuto arriba, minuto abaixo. Carpeta. Taller aberto. Corazón que latexa. Sorriso que se amosa. Quen morre tras unha bala de ETA? Perdón, retiro estas maiúsculas… polo seu significado. Non quero ser palla no palleiro. Chégame con ser palleiro no alto de calquera outeiro. Silencio. Berros entre as flores do toxo. Lóstrego ó ritmo dun acordeón que non toca. Nariz. Papel. Xemido. Queixa. Bágoas de impotencia política. Por quen choras? Pola liberdade de expresión? Inocente!, que es un inocente! Gato que rabuña. Lobo que oulea. Aaauuuu! Anteollos no nariz. Silencio na algarabía. Ruído na soidade dunha canción. Quen canta? Quen compón? Un coche frea. Unha pinga de auga que cae. Sobre o chan mollado. Chove sobre mollado. Chove sobre a vida que se seca. Hai vidas que por moito que se reguen… Hai que poñer punto final. Porque todo ten a súa fin. Ou non.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 11 de febreiro de 2016

jueves, 11 de febrero de 2016

MIRA QUE SON TITIRITEIRO!


              Titiriteiros. Que escándalo, meu Deus! Vaise acabar o mundo. Canta hipocrisía! E dis ti e digo eu; que pasaría se alguén soltase aquilo de “tiña que volver de novo o Franco! Iso non é terrorismo? Que va; como vai ser terrorismo! Ademais, iso non o di ninguén. Ninguén. Quen desexa que se afoguen os das pateras? Ninguén. É unha trola iso de que nos veñen sacar o bocado da boca. Quen desexa ver no cárcere ós corruptos? Ninguén (Por iso non están nel). Quen lle fai caso a este servidor? Ninguén. Mellor é. A ver se me van amolar por apoloxía a non sei que. Que animal es!; comparar ós corruptos cos terroristas. Por iso ninguén me fai caso; aínda que estes maten con balas e aqueles coa fame. Mira que son titiriteiro! Digo cada cousa. Nada, coma un monicreque; cunha ideas para aquí e uns dicires para alá. Xa sei; predícame cura, predícame frade. Titiriteiros. Pobriños. A culpa foi deles non sacar un bando para os hipócritas, para que souberan distinguir entre a ficción e a realidade. Ó cárcere todos os directores de cine que rodaron sobre Hitler, Franco, Mussolini, o holocausto, a Intifada e a todos os escritores que non respectaron a liberdade de expresión. Titiriteiros, que sodes todos uns titiriteiros. Que ninguén me faga caso. Iso.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 11 de febreiro de 2016

lunes, 8 de febrero de 2016

O DÚO QUE NOS ENSINA A RIR



               Todos ó nacer asomamos chorando, polo que ó longo da nosa vida necesitamos aprender a rir. Se non sabemos, hai un dúo que nos ensina. Menos mal que eu xa sabía rir, porque creo que son de risa fácil; pero se non soubese, seguro que escachaba igual vendo a Mofa e Befa, ou o que é o mesmo, a Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A palabra escachar incluso se queda curta; eu máis ben diría chorar. Porque non me importa confesar que o día 4 de decembro, cando os vin actuar, máis dunha vez chorei coa risa.
               Representaban a obra “Cociña Económica”, na que se recrea un estudio de televisión no que se está gravando un programa de cociña. Realizan pratos de cociña tradicional e internacional utilizando, faltaría máis, refugallos extraídos de colectores, xa que o lema do programa é “Todo se come. Nada se tira”. O presentador, Mofa, conta cun invitado especial, o tío Reveriano, quen preparará unha receita caribeña cos ingredientes que trae nunha bolsa de lixo.
               Non obstante, antes dese preparado especial da cociña tradicional, hai uns sketchs nos que foi onde realmente me partín de risa. Versaban en elaborar unhas receitas coas vogais do abecedario. Semella unha trapallada, verdade? Pois hai que ter bemoles para falar durante uns longos minutos dunha receita e da súa propia preparación usando tan só, por exemplo, a vogal “e”. En cada palabra que usaban non existía ningunha outra vogal. E, ollo ó dato!, tanto Evaristo como Víctor falaban á velocidade da luz. Sempre usando unha soa vogal! Si, pódese dicir que son actores e que teñen a memoria acostumada a recitar textos. Pero hai textos e textos. Os de Mofa e Befa semellaban moitas veces auténticas trabalinguas, e con tan só unha vogal!
               Nos sketchs das vogais “e” e “o” escachei coa risa. Pero foi ó cuspir receitas coa vogal “a” cando pensei que me partía e cando os ollos se me encheron de orballo. Non me sae da cabeza a palabra machaca!, machaca!, machaca!; e a imaxe de Víctor Mosqueira dálle que dálle á palma da súa man esquerda.
               Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira formaron o dúo Mofa e Befa no decembro de 1992, hai 23 anos, e desde aquela traballaron en multitude de espectáculos humorísticos, chegando incluso a rodar unha curtametraxe muda en 1995: “Mofa e Befa en Gran liquidación”, dirixidos por Jorge Coira. Ó mesmo tempo, tanto xuntos como por separado, compaxinan os seus espectáculos con outros proxectos televisivos, desde series galegas como “Mareas vivas” ata cruzar o Padornelo para participar en series de, principalmente, Antena 3.
Evaristo Calvo Valcárcel, coruñés nado en 1961, tamén cofundou varias compañías de teatro e participa en guións para a televisión. José Víctor Lorenzo Mosqueira, que naceu en Corme (Ponteceso) o 9 de abril de 1962, rodou así mesmo longametraxes co citado Jorge Coira, con Patricia Ferreira e co alemán Hannes Stöhr en “Galatasaray-Dépor”.
               Agora tan só queda esperar que, como Mofa e Befa, asomen de novo por algún escenario da contorna para ir correndiño a escachar ou chorar coa risa. Sóame de que van actuar no Barco o 4 de marzo e na Rúa o 27 do mesmo mes. Se queredes aprender a rir, non os perdades. Seguro que rides!

               Café O Chicote da Valenzá. Domingo, 13 de decembro de 2015

Publicado en La Región o venres, 05-02-2016