martes, 15 de marzo de 2016

POLO CAMIÑO DO FURAFOLLAS


 
               Algúns medios din que Galicia quere a gran coalición PP-PSOE-C´s. Eh, eh, eh; dálle atrás á vaca! Que digan a maioría de Galicia, vale, de acordo, pero xeneralizar por xeneralizar, iso si que non, eh. Que algúns temos a nosa honriña. Son galego. Non quero esa coalición. E punto.
               As minorías tamén temos dereito a opinar e a poñernos en contra das maiorías. Seguro que a base de machucar e machucar, como un mazo pilón, conseguiremos algo. Tamén a gran maioría non quere a autodeterminación, pero estou seguro que, co tempo, Galicia será libre. Todo é cuestión de... xa sabedes, como un furafollas, como un fedello, como unha mosca cojonera: que zumba e que dálle ata que te fai levantar da cama porque non te deixa durmir. A non ser que a mates. A non ser que nos exterminen. Si, xa sei que máis dun o desexa, pero...

               Pasiño a pasiño andaremos camiño. E por esta nosa terra é fácil, porque practicamente son todos camiños. Que si nos levarán a algunha parte. Máis tarde ou máis cedo ese camiño chegará á súa fin. Máis tarde ou máis cedo teremos a autodeterminación. Ó mellor ata chego a vela, a vivila. Oxalá! Andaremos camiño. En principio xa vou polo camiño do furafollas, da mosca cojonera.

               Café Bran de Ourense. Luns, 14 de marzo de 2016

domingo, 13 de marzo de 2016

É MELLOR NON SEGUIR


Un xornal deu a noticia desta maneira: que dous gatos salvaron a unha veciña de Laracha que se perdera (tiña 95 anos), grazas ó reflexo das luces dun tractor nos ollos dos micos. E digo eu agora:  e por que foi grazas ós gatos? Por que non foi grazas ó tractor que pasaba por alí? Se non pasase por alí, non habería reflexo. Tamén puido ser grazas á noite. Se non fose noite, o tractor máis seguro que non levase os faros acendidos, e aínda que os levase a luz non se reflectiría nos ollos dos gatos. Deixemos de divagar e demos grazas (sen nomear a ninguén) por atopala, e punto.
Os ex parlamentarios cobras das Cortes (ou sexa, de todos nós) uns 3.000 euros ó mes por estar no paro. Manda truco! A miña muller leva anos no paro e, nin a chaman nin cobra un carallo! Vedes, ata rima. O paro e o carallo. Malo! E non sigo porque se me altera o sangue. E podo barrenar.

A Xustiza investigará a filtración das mensaxes dos reis ó empresario López Madrid. Aí está!; investiga a filtración, pero non investiga as mensaxes, é dicir, non actúa contra as mensaxes. Porque estas si están aí. Ninguén as inventou. Son deles. E din o que din. E tampouco sigo, por se acaso.
O portavoz do PSOE no Congreso di que a alcaldesa de Bacelona, Ada Colau, é antimilitarista. Anda!; eu tamén son antimilitarista. Se todos foramos como tiñamos que ser, non tiña porque haber exércitos en ningún lugar do mundo e moito menos tiña que haber armas nun recinto pechado. Ou é que hai certos sectores que son intocables?, chámanse militar ou clero. Por poñer só dous exemplos. E poño punto final para non seguir, por se…

Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

Venres, 11 de marzo de 2016

viernes, 11 de marzo de 2016

ERAN MOITOS XABARÍS XUNTOS


 
               Tanto vai o xabaril á leira de millo que o acaba comendo. Normal. E detrás dun xabaril entrou outro xabaril, dous xabarís, unha ducia de xabarís.. Deixaron aquilo perdido. Normal. Eran moitos xabarís xuntos. Que esmagan. Que corren. Que se deitan. Que fozan. Que se envorcallan. Que bonitas son as crías dos xabarís! Normal. Son crías. Todas as crías de todos os animais son bonitas. Sempre foron. 

Tanto foron os xabarís á leira de centeo que a deixaron toda planiña. Normal. Eran moitos xabarís xuntos. O dono da leira, ó vela, botou algo máis que pestes. O dono da leira é Leocadio Casimiro Ridruejo, O Calatrava. Chámanlle O Calatrava porque é feo coma o demo. Perdón, coma un dos irmáns Calatrava. Pobriño este!; que culpa ten de ser feo. Agora, xa se ve, serve de escarnio para burlarse doutros veciños. A cría dun xabaril botou a correr pola leira de centeo do Calatrava e pasou a unha chea de patacas, que era de Adolfo Afonso Amorodo, O Triplo A. Enténdese, non? Que bonita é a cría de xabaril! E de calquera animal, todo hai que dicilo. Detrás da cría de xabaril foron os pais do xabaril, outras crías de xabaril e os pais destas últimas crías. Total que, nun airiño, na leira das patacas do Triplo A, estaban a ducia de xabarís. Todos os xabarís. Normal.

               Café O Chicote da Valenzá. Xoves, 10 de marzo de 2016

PASARON DOS SACHOS ÁS HABANERAS



               Hai que aproveitar que hai pouquiño estivo de aniversario. Quen? A Coral Ansuíña. 25 anos xa. Isto máis que mérito é unha auténtica heroicidade. Porque heroicidade é formar unha coral nunha vila labrega e gandeira, con xente xa coa súa idade e acostumada tan só a cantar na misa ou, por suposto, ó facer as típicas labores do fogar. Quen non cantou algunha vez varrendo ou facendo as camas ou pasando o pano do po? Pois iso, formouse e, logo de 25 anos, aínda segue! Ese é o mérito.
               O gran culpable de que, hoxe, a Coral Ansuíña se patee igrexas ou escenarios por toda a provincia, de que mesturara a xente nova con xente maior, a xente “da carretera” coa xente labrega e gandeira é Crisanto Fernández Seoane (que terá unha reportaxe á parte) coa axuda de dous ou tres veciños máis que polo ano 1990 dixeron que xa estaba ben de cantar tan só nos eidos, nas airas e varrendo debaixo das camas, que os tempos de berrar uns máis que outros nas misas (penso na miña nai) tiñan que pasar á historia. E pasaron. Non volvín oír á miña nai coa súa voz que, de neno, case me deixaba en vergoña, porque a xente volvíase e miraba para aquela muller delgada que alzaba a voz moi por enriba dos demais. O padre Crisanto sóubolla domear.

               Ensaiaban onde podían, xeralmente nas bibliotecas ou naqueles baixos nos que colleran uns 30 membros ou máis. Algúns destes deixaban as súas tarefas do campo, cambiábanse un chisco de roupa e, ale, fachendosos coma pavos reais polas rúas molguesas e coa carpetiña baixo o brazo e un ruxerruxe musical xa na mente para entrar quentes ó ensaio. Algúns membros serían vellos e labregos, pero con respecto ás ansias non lles ganaba ninguén.
               A 25 anos de todo isto aínda estou alucinado pola actitude deses veciños e pola temperanza de Crisanto. A ver, non é o mesmo coller hoxe a Coral con 25 anos ás súas costas que empezar desde cero como empezou Crisanto. Desde cero cun grupo que, a maioría, nin idea do que era unha partitura, ou un ton, ou un ritmo, ou un compás musical. Auténticos heroes. Que algúns xa non están (vai por ti, nai). Pasar do sacho ou da aixada á unha habanera ou a cantar coa popular María do Ceo non é cousa de rir.
               A Coral optou polo nome de Ansuíña polo significado e polo que representa para a vila de Baños de Molgas. Outra proba deste significado é que o propio Crisanto compuxo o himno oficial da Coral co nome, faltaría máis, de Ansuíña. Este grupo de xente presentouse oficialmente no mes de xullo de 1991 no salón de actos do colexio dos Milagres.

               Axiña empezaron a ir en serio e non contentos coas típicas actuacións fixas das novenas no santuario dos Milagres, da misa do San Salvador de Baños de Molgas (o día do Patrón) e do concerto de Nadal, pouco a pouco espallaron os lugares de actuación: desde os máis achegados (gran parte dos concellos da contorna) ata os máis afastados, como Baión, A Garda, Melide, Chantada, Porriño, Monforte, O Barco... Mais o cume, a cúspide das actuacións pensan que a levaron a cabo no auditorio Príncipe Felipe de Oviedo e na catedral desta mesma cidade, con motivo da Semana de Galicia en Asturias. Aí é nada! Con María do Ceo xa actuaron dúas veces.
               A Crisanto Fernández sucedérono Juan Manuel Iglesias durante catro anos e Juan Carlos Troitiña, que os dirixe desde 1998. Que non lles pareza mal a estes, pero sigo dicindo que o gran mérito é para Crisanto. Non é fácil sacar música duns trebellos de labranza. Non é fácil pasar de labregos a tenores e sopranos. Pero aí están.

               Café Oren Express da Valenzá. Luns, 8 de febreiro de 2016

Publicado en La Región o venres, 11-03-2016

jueves, 10 de marzo de 2016

MILES DE MILLÓNS DE ANOS





               Sigo alucinado coas novas que se producen sobre o espazo. Agora resulta que o sol pasará ó mundo dos recordos dentro de non sei cantos miles de millóns de anos. Polo menos, uns cinco mil. É dicir, á volta da esquina. Teño que coidarme. Quero chegar a ver o acontecemento. Quero ver se rebenta, se se extingue, se se acocha detrás de algo ou se acaba de arder por completo. Sinceramente, gustaríame velo. A ver se eu durara tanto. Desde mañá mesmo empezo a buscar un antídoto que me faga louzán, garboso, gallardo, garrido e eterno. E, tranquilos, seguro que non morrerei tampouco logo de que rebente o sol. Para eses miles de millóns de anos xa haberá algo que supla ó sol. Seguro! Ó mellor chega con almacenar unha ducia de lóstregos. Ó mellor sacamos luz dunha simple pinga de auga ou da puntiña dunha estrela; se é que esta aínda non morreu. As estrelas tamén morren. O sol (que é unha estrela), xa dixen que morrería. Tan só eu espero, confío e desexo ser eterno. Si, non sei se non esaxeraría algo. Son moitos miles de millóns de anos. Pero, vai ti saber; ó mellor dentro de 100 anos (non estaremos todos calvos, non) xa se curan todas as enfermidades. Todas incluída a da vellez. Esta é a que máis amola. Pero, eu, seguro que chego alá. A ver rebentar o sol.

               Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 9 de marzo de 2016

martes, 8 de marzo de 2016

NOITE E DÍA



 
               Noite no verso escrito dun poema sen alma. Día na pegada dun camiño que non leva a ningún lado. Que máis dá beber da nostalxia se ningún recordo emborracha! Aínda que hai recordos que te tomban, que te derruban. E soños que quedan en soños. Ouleo de lobo que se espalla por entre as carballeiras de calquera monte.
Pensamentos que acougan no niño da memoria. Verso na almofada dun soño. Canción para os contrabandistas do amor. Oxalá todas as reviravoltas dos camiños leven o escrito á consecución dun premio! Pero quen quere lucir unha gravata no escenario da melancolía? Noite na escuridade dunha páxina en branco. Día na pantalla sen película e no ronsel dunha estrela que non brilla. Noite e día. Día e noite. Só o tempo deixa pegadas azuis nun caderno cuadriculado. Silencio na exhalación dun suspiro. Ruído no latexo dun instante. Non todos os momentos teñen os seus silencios nin todas as accións os seus ruídos. Ninguén sabe o que vai pasar entre as rimas do poema. Cando todos sabemos que hai poemas que non teñen rima. Quizais a rula voe cara á poesía dun libro que está por escribir. Pénsase pola noite e escríbese polo día.

               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Luns, 7 de marzo de 2016