martes, 3 de mayo de 2016

OBXECTOS DE MUSEO


 
               Ás oito e pico da mañá tiven que baixar a persiana porque o sol reflectía con tanta forza sobre o cristal da ventá, que amolaba. Molestaba tanto que non me deixaba ver a pantalla do ordenador. E hoxe en día, sen ordenador, non facemos nada de nada, nin cruzándonos de brazos. Vimos na época dos ordenadores e dos móbiles. As eixadas e os sachos, nun chiscar de ollos, pasarán ó museo do pobo galego. Por certo, un consello: aqueles que aínda teñan estes aparellos de labranza, que os deixen colgados nas palleiras que, co tempo, serán auténticas reliquias. Así tamén polo menos se lle dá utilidade ás palleiras e alpendres... xa que cobran por eles.
Me cago no demo, estou pensando que ata o bolígrafo acabará sendo obxecto de museo. Hai que coidar os dedos, amigos, hai que coidalos. Se nos falta algún dedo para manexar os teclados dos móbiles e ordenadores, malo! Coas aixadas e os sachos manexabamos os riles e punto. Sempre acababan doendo, pero... nas Lagoas e nas Pedradarcas e nas Cortiñas e nas Costelas e nos Xeixales e nos Agros quedaba o estrés soterrado sobre sucos, ás veces mal feitos, pero sucos que, no día de mañá, daban o seu froito. O sol xa non reflicte sobre o cristal da xanela. Xa  non molesta. A traballar, lacazán!

               Maceda. Martes, 3 de maio de 2016

sábado, 30 de abril de 2016

CORRE, CORRE, QUE TE PILLO


            Corre, corre, que te pillo; díxolle a vacaloura á tartaruga cando ían as dúas pola carreira de Bouzas, na vila de Baños de Molgas. A tartaruga mirouna de mala maneira e case lle cospe nun ollo. Non obstante, fixo un pouco máis de forza nas patas e ata coa punta da cola conseguiu empurrar uns centímetros que case a lanzaron a medio corpo da vacaloura. Esta, desdeñosa, deixou asomar un sorriso e espetoulle outro corre, corre, que te pillo. Uuuii, que carallo!, rosmou o sapoconcho, ti andas a alporizarme.
E realizou o nunca visto: fixo que chocaba contra un coio que estaba no medio e medio da carreira.Ante o impacto envorcou con tanta mestría e precisión que caeu cara arriba por enriba da vacaloura. Oíuse algo así coma un pequeno estoupido. Corre, corre, que te pillo; foi agora o sapoconcho o que gargallou, mentres, nun alento, nun alustro a súa satisfacción, o seu orgullo e o seu sorriso empezaron a amosar signos de preocupación. Caeu na conta de que quedara coa barriga cara arriba! Manda carallo!, e agora como fago? Tanto orgullo, tanto celo entre dous contendentes, que un estaba morto e o outro... o outro a piques de morrer.


            Cafetaría Pabellón de Ourense. Venres, 29 de abril de 2016

viernes, 29 de abril de 2016

ANTES DE CRISTO E DESPOIS DE XESUCRISTO


            Acabouse o que se daba. É dicir, empeza de novo a farsa, a gran trapallada dunhas eleccións que se vían vir. Dunhas eleccións que desganan a calquera. O tempo seguro que o dirá. Non sei, pero dáme a sensación de que haberá unha gran abstención. Porque todo cansa. E logo do esperpento destes meses, aínda máis. Pero, tranquilos, a eles todo lles dá igual. Saben que ou uns ou outros, con abstención ou sen abstención subirán á palestra e farán e desfarán ó seu antollo... á conta dos pombos. E a vivir, que son dous días! Aquí e en Panamá.
            Século XXI. Non hai maneira. A xente segue a matarse como antes de Cristo e despois de Xesucristo. En Siria andan niso. Pechan os ollos, lanzan as bombas e que caian onde Alá queira. Que, xeralmente, mirade por onde, non adoitan caer en ministerios nin arsenais nin residencias políticas, van caer xustiño, xustiño nunha escola ou nun hospital; como aconteceu o outro día no hospital de Alepo. Ó mellor pensaban que alí se acochaban as armas ou as tropas inimigas. En todas as guerras sempre pagan os xustos polos pecadores. Ou sexa, empézanas os pecadores e morren os xustos. En todas. Como Deus e Alá mandan.
            E os grandes organismos da... paz? crúzanse de brazos. Non vaia ser que molestemos a tal ou cal potencia na súa venda de armas. As guerras, a maiores dos xustos e pecadores, tamén son para iso, para levar a cabo o gran negocio do armamento. Ale, veña, guerras a esgalla. Que importa o século! Que máis dá a cantidade de mortos! Que paguen os xustos!


            Cafetaría Pabellón de Ourense. Venres, 29 de abril de 2016

domingo, 24 de abril de 2016

A TARDE ESTIVO PERFECTA


            A tarde do domingo estaba propensa para saír. Saímos. A muller e máis eu. Os rapaces, ó principio, cando estabamos xantando, dixeron que si, pero cando lles dixen que se prepararan, xa estaban eles preparados coas súas maquiniñas, cos seus móbiles e, claro, xa torceron o fociño e puxeron escusas. É igual, á muller e á min non nos mete medo nada, e moito menos se a nosa visita é ver cataratas, fervenzas, algo así como a noso especialidade. Collemos o Pancracio e para Porqueira nos marchamos; autoestrada ata Xinzo de Limia e logo a 301 con dirección a Bande. En Porqueira atópase a Torre e a fervenza do río Fírbeda.

Fomos ver primeiro esta porque, xa digo, o noso son as caídas da auga, as caídas espectaculares. A do Fírbeda non lle desmerece a calquera outra. A proba é que xa é a segunda vez que imos. Bonita. Fermosa. Por entre uns penedos inmensos. Había que ir a ritmo lento, porque a muller non está para moitos trotes, pero xa dixen noutro relato que se comportara como unha campioa, como unha heroína. Ó seu paso goza igual da paisaxe e da espectacularidade da auga, incluso do son, do ruído que esboura por entre as carballeiras.
Desde a Torre ou o Castelo xa divisamos toda a inmensidade da Limia. A tarde estivo máis que perfecta.


            Finca Fierro. Domingo, 24 de abril de 2016

CONCIENCIA PARA O NOSO INTERESE



            A semana pasada puxen coma unhas nabizas ós medios de comunicación porque non se lle daba a debida importancia ó terremoto de Xapón, por atoparse este país no outro cabo do mundo, ou sexa, no quinto inferno. No momento de escribir ese recuncho aínda non acontecera o tamén terremoto de Ecuador. E a este si se lle deu a correspondente importancia polo que nos une con eles e, claro está, porque nin punto de comparación no número de vítimas. No de Xapón foron 41 e no de Ecuador xa van máis de 600. A lingua ata bastante e se morre algún paisano aínda máis. Como así aconteceu. Non obstante, seguín sen ver crespóns negros. Será porque son medio indios e tamén do outro quinto inferno. Ai, ai, ai; que só temos conciencia para o noso propio interese.
            A cuestión política segue igual ( o venres). É dicir, que non vai, que segue como o principio. Moita verborrea, moita leria e pouco empuxe. Non quedará outra que subir de novo a costa da Finca Fierro para votar de novo e, ó mellor, para máis do mesmo. Vai ti saber.
            A banca empeza a pregoar, a espallar a idea de que non tardará moito en cobrarnos comisións por todo e cada dous por tres. Bótanlle un tempo duns cinco anos e confesan que non será “nin fácil nin pacífico” (tomar tal medida). Fácil non sei, pero pacífico si. Todo consiste en sacar todos os aforros, sen cabreos, e metelos de novo baixo o colchón ou enterralos ben acubilladiños na horta. Será por terras ou por lugares para gardalos. Os que haxa que gardar porque, a verdade, a bolsa é pequena. Aínda así tiñan que compensarnos por llos ter nas súas caixas, que negocian con eles como lles dá a gana.

            Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

            Venres, 22 de abril de 2016

viernes, 22 de abril de 2016

COMO DON GRACILIANO NON HAI NINGUÉN



               Nas conversas dos bares, cando nos poñemos a falar da ciencia do saber, que todos sabemos que é moi ampla e variada, e cando alguén non sabe tal ou cal teoría ou cando non sabe, simplemente, contestar, algúns inchamos o peito e moi fachendosos soltamos a sentenza: “claro, non fuches á escola de don Graciliano”. Ou se por un casual se intúe que es un listiño, pois contéstase con algo moi semellante: “home!, de algo me valeu ir á escola de don Graciliano”. Como don Graciliano non hai ninguén. E que queredes que vos diga... pois case é certo. Desde a distancia no tempo, ou sexa, desde hai corenta anos, nunca oín falar mal del. E mirade que nos anos 60 as aulas non tiñan os alumnos actuais; eramos a tira deles e máis. Creo lembrar que algunha vez (escasa) botaba man da regra ou da variña (quen non zoscaba naqueles tempos?), pero sen ánimo de que escarmentaramos, máis ben de aviso.


               Hoxe en día case podo confesar que me lembro de don Graciliano por tan só dous detalles (aínda que ó contemplar a foto que tedes diante dos ollos, xa os recordos da súa figura asoman máis ou menos á miña memoria); digo que os dous detalles eran cando nos chamaba para entrar na escola e cando contou un, chamémoslle, chiste con tanta ensinanza que aínda hoxe se coñezo ese monumento sevillano é grazas a el. Porque resulta que un día, na clase, chamou a catro cativos, colleu unha cadeira e díxolle a cada un deles que a collesen polas patas (un en cada pata) e que a levantasen, que a izasen. Coa cadeira en alto espetou cun enorme sorriso nos beizos: “Ahí teneis: la Giralda de Sevilla; cuatro tontos y una silla”. Prometo que souben da Xiralda por ese chiste e non por estudala nos libros.

               O outro detalle que non se me esqueceu nunca foi o da forma de chamarnos para entrar na escola. Estiraba dous dedos de cada man e metía os catro na boca para asubiar por nós, con moi pequenos intervalos, porque naqueles tempos non te facías moito de rogar... por se acaso. Xa digo que era un bo home, pero a disciplina era outra.

               Don Graciliano. Nada máis que don Graciliano. Así o coñecín sempre. Pero o outro día, cando quedei co seu xenro para falar do meu mestre, foi cando realmente souben algo máis da súa vida: Graciliano Muñiz Beltrán, nado en La Velilla, Riello (León) e casado con dona Julia Cid González, de Xocín (Baños de Molgas), mestra tamén na escola da miña localidade. Ela era a mestra das nenas e el dos nenos, claro. O da ensinanza mixta... vaiche boa! Naqueles tempos!

               Mais onde realmente quedei pampo na conversa que mantiven co xenro foi cando este me confesou que don Graciliano tamén fora (houbera uns cantos) un mestre represaliado, porque seica nunha inspección que tivera dérase a coincidencia que naquel momento tiña o crucifixo gardado na caixa da mesa, ben porque o quixo limpar ou porque caera (os máis novos deberán saber que nas cabeceiras das aulas tiñan que estar ás vistas un crucifixo e o rostro do Xeneralísimo Franco) A quen se lle ocorre: acochar ó poder relixioso. Pecado mortal! Aínda que os que o coñecían ben sabían que a tal represalia debíase máis a que non comulgaba moi alá que digamos co réxime ditatorial. Aínda máis mortal! Mandárono para Couzadoiro, en Santa Marta de Ortigueira.

               Acábaseme o espazo con toda a pena do mundo, porque a vida e a obra de don Graciliano, do noso mestre, o mestre de toda a vida e de todas as materias dá para máis dunha reportaxe. Agora entendo por que saín tan agudiño: porque fun á escola de don Graciliano, que non che era un don ninguén. Non. Todo Baños de Molgas lle está agradecido. Seino ben.



               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá.

Mércores, 24 de febreiro de 2016

           

            Publicado en La Región o venres, 22-04-2016

martes, 19 de abril de 2016

A RADIO PÚBLICA QUE PAGAMOS TODOS


            Que asco de país! .Ata futbolisticamente dá asco!. Xornada 34 da Liga. Regresando de Vigo, e tan axiña como pasei o túnel de Folgoso ou da Cañiza, aí sobre as nove menos cuarto da noite, puxen Radio Nacional de España, Radio 1, para escoitar os partidos Espanyol-Celta e Betis-As Palmas.
Claro que un chisquiño antes xa lle comentara á muller de que máis seguro que non os estarían radiando. Cando llo comentei por algo foi. Porque sei que neste país, futbolisticamente falando, fóra do Real Madrid e do Barcelona, todos os demais equipos (si, incluído o Atlético de Madrid) son auga de bacallau para os medios. Pero vale, era un día laboral (martes), deses nos que hai xornada de liga polo medio e, claro, poida que non se acostume a realizar un “Taboleiro Deportivo” ou un “Radiogaceta dos Deportes”. Mais, mira ti por onde, xusto ó pouco, empezou o segundo programa citado e nel axiña comentaron que ó día seguinte habería, faltaría máis, edición especial de “Taboeiro Deportivo” desde as oito da tarde, que é cando empezan o resto dos partidos. E neste resto, hai que entender que a esa hora xoga o Barça e ás dez será o Madrid. De aí o especial, ou sexa, que abranguerá desde as oito ata as doce. Espanyol, Celta, Betis, As Palmas. Pobriños. Non sodes ninguén na radio pública que pagamos todos.


            Finca Fierro. Martes, 19 de abril de 2016