jueves, 9 de junio de 2016

A PROCESIÓN DOS SANTOS INOCENTES


            Quero ser a tella do tellado para contemplar desde as alturas a procesión dos santos inocentes, que marchan caladiños porque non saben que dicir. A inocencia asoma nas súas ás pintadas cunha cor verde que se volve vermella cando a bágoa dun xílgaro cae na pluma bendita do último inocente. Todos os anxos custodios se burlan dos santos inocentes porque pensan que estes son inocentes porque non saben ou non queren ser parvos. Hai almas retorcidas que nin tan sequera se endereitan entre dúas rectas ben curtas, ou entre as catro paredes dunha habitación cos seus ángulos rectos.
Quero ser santo inocente no son da campá do campanario da torre da igrexa de San Salvador de Baños de Molgas. Pero son anxo custodio na lápida que está máis ó sur do cemiterio parroquial. Alí teño que estar á espreita para que unha alma, calquera alma, non se desbande por entre as tumbas e os nichos das almas sen pena, ou dos corpos sen vida. Tres avemarías polo silencio dun berro e un nosopai polo berro dun sufrimento. Quero que me podreza a á esquerda para non asistir á procesión dos parvos de nacemento. Xa me chega ben que a inocencia, a miña inocencia toque a dó polos que se foron e nunca máis volverán. Quero ser pantrigo na mesa dun anxo custodio.


            Finca Fierro. Xoves, 9 de xuño de 2016

OS CARREIROS DA NOSTALXIA


            O jazz de Louis Armstrong entra coa suavidade dun suspiro no meu entendemento, mentres soño con ser a súa trompeta e o sorriso de Ella Fitzgerald. Sempre hai momentos nos que a música, a maiores de amansar ás feras, fai bailar os dedos sobre a mesa ou os pés sobre o cemento. Ó mesmo tempo o sentimento vai e vén por entre os carreiros da nostalxia.
Queda a ollada perdida na á dun soño e o latexo dun asubío pasa polas corredoiras da infancia. Ou da adolescencia. Non hai volta de folla; unha e outra vez os recordos retroceden para buscar aquelas airas cheas de palleiros e de medas, para buscar aqueles xogos que nunca tiñan fin e para buscar aqueles minutos no mazadoiro da burga. Canta memoria hai esculpida nese asento, nesa pedra! Cantas imaxes se debuxan no reflexo da auga quente! Segue Louis Armstrong coa súa voz rota dicíndome cousas que non entendo. É entón cando boto man de Ella Fitzgerald para que me arrole na suavidade do seu peito. Cada ritmo da saudade é coma un pase de baile no medio dunha folla en branco. Ou na punta dun lapis. Ó final son os carreiros da nostalxia os que te levan por unha vida labrega chea de novelas baratas que encheron todo un mundo de fantasías, de soños e de realidades que van moito máis alá de calquera ficción. Collo un carreiro calquera. E penso. E soño. E vivo.


            Finca Fierro. Mércores, 8 de xuño de 2016

martes, 7 de junio de 2016

CHORA A SEMENTE DUN VERSO


            Vexo o carreiro do Piual por entre os peitos dunha muller e sei que o verán xa está aquí. Escoito o ruxerruxe dun soño e penso que a noite é a mellor aliada da soidade. Penso nos biosbardos que nunca asoman por ningún lado. Por iso son biosbardos. A muller corre pola beirarrúa dunha inmensa cidade e o carreiro do Piual desaparece da imaxe de idilio dun pensamento que se afoga no tempo. Sempre haberá desexos que se sentan á sombra dun castiñeiro. Ou dun amieiro. Correo vento. Queda quieto o silencio. Ou o pasmón que sempre está a velas vir e que nunca lle aparece nada. Normal, os biosbardos nunca asoman por ningún lado. Nin por arriba, nin por abaixo. Ri o cativo, canta a rula, ornea o burro e chora a semente dun verso para brotar por todo o poema.
Quen se atreve a cantar na punta dun parasol? Quen mete o dedo na auga dunha conciencia? Certo, quen ten realmente conciencia? Somos o enxame de ideas retrógadas e egocéntricas. Nós, nós e soamente nós. Eu. Nós. Sempre é o mesmo. Ata o que pensa nos biosbardos cre que só el ten dereito a pensar nos biosbardos. Hai tempo que o carreiro do Piual se perdeu polas beirarrúas dunha cidade inmensa. Polo que queda o desexo orfo do pensamento. Quen vai? Quen vén? Quen asubía? Quen chouta? Quen empreña a nostalxia dun sentimento? A soidade nocturna. O silencio soñado.


            Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 5 de xuño de 2016

domingo, 5 de junio de 2016

NON ME CAE A CASA ENCIMA


            Cansadiño, suorento e coloradiño. De ler baixo o sol. Polo paseo do Barbañica. A paso lento, claro. E iso que aínda sigo medio con gripe. E iso que teño unha pequena dor a causa do lumbago. Certo, onte estiven peor disto e tiven que estar sempre de pé atando nas vides. Co lombo doéndome a mares. Pois aínda así, hoxe, tiven que saír ler baixo un sol de xustiza.
Porque, para un servidor, toda unha tarde dominical na casa afógame, angústiame. Nunca me gustou estar moito tempo encerrado nas casas. Sempre mo dicía miña nai: a ti non che cae a casa encima. Desta ó bar Juanito, desta á bar Gándara, desta ó bar Mari Trini, desta ó hotel Ansuíña, desta a ler pola Pitediña, desta a abrir a biblioteca, desta a cavar na Cortiña, desta a arar nas Pedradarcas, desta a rozar en Barricobos. Todo hai que dicilo; non eran só os bares. Agora, vou mercar ó Mercadona da Valenzá, levo a típica nota e cando chego á casa desexo que se me esquecera algo para volver saír. Incluso aínda que teña pouco tempo (porque xa imos comer, ou cear, ou facer algo), procuro saír a ler pola beirarrúa ou polo parque que temos xunto ós garaxes con tal de non estar na casa. Xa descansei un pouco, xa deixei de suar e xa volveu a cor morena ou queimada á miña cara. Marcho para a casa... con medo a que me caia encima.


            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Domingo, 5 de xuño de 2016

OS MÓBILES: MÁIS ALÁ DA COMUNICACIÓN


            Son partidario dos móbiles. Aínda que, para comunicarse, era moito mellor antes: se tiñas que falar con alguén ías alí, xunto a el e dicíaslle o que fose; e no camiño o máis seguro é que te atopases con máis veciños e tamén te comunicabas con eles. Agora o uso dos móbiles vai máis alá da comunicación. E para un servidor vai para peor. Por sorte, levo un tempo asistindo a obras de teatro que se representan na casa da cultura Manuel María da Valenzá. Por desgraza, levo ese mesmo tempo máis que cabreado porque toda a miña atención se desvía cara ás putas pantallas acendidas dos móbiles. A xente que presume de “culta” non lle ten ningún respecto á cultura. E non vale que avisen incluso por megafonía de que se apaguen os móbiles, que sempre aparecen as típicas persoas parvas do cu que pensan que se soben ó momento ó feisbuq a correspondente foto do evento quedan como a gloria bendita ante as súas amizades. Para publicar a foto lanzan as súas correspondentes mensaxes sobre as soberbias actuacións que están vendo, pero sen ver. Porque se non é o feisbuq é o guasap que ferve ante os ruxerruxes da babeca ou o paiolo de ocasión e as súas amizades.
Este venres pasado, por respecto a dous actores que traballaban na obra (coñecidos e amigos), non parei a obra para darlle na cara a unha estúpida que non deixou de gravar en practicamente toda a representación. E para a gravación, o móbil ou a cámara ou o aparello que fose desprendía unha luz que molestaba unha barbaridade. Sinceramente, vendo que non temos ningún respecto nin pola cultura nin pola convivencia, eu requisaba os móbiles todos. Ou impoñía multas de tres pares de narices. Segundo as pagamos por outras parvadas, por que non por molestar ó veciño ou a un colectivo. E que ninguén veña con que antes das multas, cómpre educación. Xa sabemos que non se poden usar os móbiles nas salas; dino incluso de palabra. Que máis educación queremos.


            Finca Fierro. Sábado, 4 de xuño de 2016

viernes, 3 de junio de 2016

SEMENTE DE COPLAS, FROITO DISCOFRÁFICO



            Teño que recoñecer que cando asistín á súa actuación na casa de cultura da Valenzá, non sabía nada do grupo Xestreu, e a pesar de que seica xa actuaron outra vez máis en Barbadás (claro que, un servidor, non pode asistir a todos os eventos que se levan a cabo nesta vila. Quen puidera!) e a pesar de que, segundo o San Guguel (do que agora sempre botamos man), tamén actuaron en Baños de Molgas. En Baños de Molgas! A miña vida!
            Si coñecía o nome de Xestreu, porque é un nome pintoresco, curioso e bonito, e porque o vira anunciado en carteis ou en novas que lanzaban os xornais, pero, repito, non sabía moi ben que facían. Pecado mortal, pois, para máis aquel, cando as vin asomar polo escenario, polo menos a dúas das súas compoñentes creo que as coñecía de vista. E si, eran e son da Valenzá. E si, sendo da Valenzá, non teño perdón por non saber nada delas.
            Coa primeira peza, “A trenza”, xa me deixaron un chisco pampo. Con ela xa souben que ía escoitar cantigas de raigame popular. Logo, durante toda a actuación, admireinas e readmireinas porque non só botaban man das tradicións máis achegadas, das pezas da nosa terra, senón que se abrían a outras rexións e incluso a todo o mundo. Por aí asomaron pezas do Magreb, de Portugal, dos Cárpatos ucraínos, de México, do Piamonte italiano e incluso da cultura cherokee. E, coidadiño, non eran pezas para presumir de internacionalidade, pois ás leguas notábase que estaban cantadas con tal sinxeleza e con tanto cariño que non quedaba outra que trasladarse, que soñar con esas melodías nas que debuxabas moi perfectamente as tradicións deses pobos homenaxeados. Quedei máis que alucinado cunha cantiga en sefardí titulada “Adío”, con arranxos do propio grupo.
            A actuación de Xestreu rematou, como non podía ser doutra maneira, con dúas pezas que case se poden considerar como os auténticos himnos das cantigas tradicionais galegas: “Camariñas” e “A rianxeira”.
            O grupo Xestreu seica comezou de casualidade: dúas compoñentes procedentes dunha agrupación de danzas tradicionais decidiron xuntarse de cando en vez para botar unhas coplas, tomando uns “chupitos” de Chartreuse (en galego Xestreu, de aí o nome). Case sen querer, a semente empezou a brotar, e aínda que uns talos secaron, uns compoñentes marcharon outros asomaron. Corría o ano 2001. Eran nove mulleres que, na actualidade, quedaron en cinco. Das nove orixinais quedan tres. Ás veces contan coa colaboración de José Antonio Varela co saxofón e de José Miguel Gómez na percusión.
            Sigo entoando o mea culpa da miña ignorancia ante este grupo. Non é moco de pavo actuar no Festival de Ortigueira en 2004, nin en Salamanca, nin en Pontevedra e Vigo, nin na TVG, nin en Portugal. Na provincia de Ourense, agora, dámonos por informados, por sabidos.
            Cinco mulleres a admirar porque teñen que compaxinar as súas vidas laborais e familiares coa música (todas con fillos, menos unha, que, pola contra, vive en Santiago e para os ensaios... xa imaxinades). Quen vive hoxe da música? É máis, quen vive hoxe da cultura? Todas elas auténticas heroínas que están a piques de parir, de sacar o seu primeiro froito discográfico. Ánimo, Xestreu, que a difusión da cultura, das tradicións, dos pobos, das vidas dos pobos hai que escribilas con letras de ouro e cantalas con voces de rulas e pombas
            Ana María Quintas, de Ourense, funcionaria, nai de dous fillos. Nina Liceras, de Vigo, empregada de banca, nai de xemelgos. Nila Isabel Caballero, de Ourense, mestra infantil e nai dun cativiño aínda. Celia Garrido, nada en Euskadi, mestra de primaria, nai de dous fillos. E Sabela Dacal, nacida en Francia, profesora de piano, sen fillos. Todas elas, heroínas de sentimentos devanceiros.

            Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 17 de abril de 2016

Publicado en La Región o venres, 03-06-2016

martes, 31 de mayo de 2016

PECHO OS OLLOS E...


            Pecho os ollos e véxome sulfatando na Costa da Gándara. Non pecho os ollos e miro o reloxo para ver as tres da tarde. Agora si, volvo pechar os ollos e noto que vai un sol de carallo. Pecho os ollos e síntome fatigado e baldado porque a tose segue no meu corpo desde hai días e as labaradas do inferno soben pola gorxa cada dous por tres. Pecho os ollos e noto o zunzún na cabeza e con eles cerrados sigo vendo como os meus pasos van a un bo ritmo porque hai medo a que non consiga acabar pola tarde. Pecho os ollos e debuxo a viña nun plano no que me saen as medidas de practicamente unha hectárea. Que non é cousa de rir.
Sulfatando por un lado e polo outro. Como dicía miña nai cando me queixaba ó cavar unha leira: “veña, isto logo vai... ir y venir, tornar y volver”. Pois o mesmo hoxe: ir e vir, tornar e volver. Pecho os ollos e vexo o tanque de 300 litros que non se acaba nunca. Pecho os ollos e noto xa a dor nas éngoas. Turro da mangueira, meneo a mangueira, o aire que quere facer das súas, que me molla os anteollos. Pero non me paro a quitalos. Nin tan sequera me paro para manipular no móbil, do que xa non oio a música. Pecho os ollos e vexo o cacho que me falta para que a alma se me vaia ós pés. É o conto de nunca acabar: ir por unha gabia, volver pola mesma gabia, coller outra gabia, dar outra volta pola mesma gabia. Pecho os ollos e vexo a metade da viña aínda sen sulfatar. Vai un sol de carallo.


                        Finca Fierro. Martes, 31 de maio de 2016